06 febreiro, 2014

9 de febreiro: Domingo 5 do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 5, 13-16

Comentario:

O evanxeo de hoxe responde a unha preocupación que tiña a comunidade cristiá á que se dirixía o evanxelista Mateu; preocupación que tamén é normal que teñamos nós, os homes e mulleres que compoñemos as comunidades cristiás dos tempos de hoxe. A cuestión é esta: como estar, como situarnos, como vivir, como axudar, como influír para ben, no medio das parroquias, das vilas, das cidades onde vivimos? E, por suposto, detrás de esta pregunta, hai un convencemento, no que nos está insistindo con frecuencia e frescura o Papa Francisco: a comunidade cristiá non é para si mesma, non é ben que estea pechada en si mesma, mirando continuamente para o seu embigo, para a súa organización, para os seus debates internos; a súa razón de existir é estar metida entre a xente, metida no mundo para contribuír á súa mellora co mellor que a comunidade cristiá pode dar. Temos nós esa conciencia de debernos a quen nos rodea? Preguntámonos se a xente que nos rodea é significativa para nós, nos cuestiona a nosa forma de ser persoas cristiás?


Mateu falaba para unha comunidade humilde, pequena, metida no medio dunha sociedade moi diversa, con deuses e deusas por todos os lados, con maneiras moi variadas de entender e de vivir a vida, aínda que todas estivesen dentro do marco do imperio de Roma, que asfixiaba a xente máis débil, e controlaba con severidade calquera intento de romper co seu dominio esmagador. Algo semellante ao que nos pasa a nós, que tamén estamos metidos nunha sociedade cada vez máis plural, e que estamos dentro dun imperio do carto e das finanzas, que fai canto pode, e é moito, para que non xurdan alternativas de vida que non se baseen nos cartos e no dominio que deles pode derivarse.

Mateu recórdalles a esas comunidades cristiás, recórdanos a nós, as palabras de Xesús, que fala empregando dúas comparanzas sinxelas, algo que cada día podía estar vendo e practicando a xente que o escoitaba. Ponlles a comparanza do sal e da luz. As persoas cristiás, as comunidades cristiás estamos chamadas a ser sal e luz no medio dos nosos veciños e veciñas, no medio dos nosos pobos. Que significa isto? Para entendelo non temos máis que ver qué servizos nos prestan cada día esas dúas cousas: o sal e a luz. O sal dá sabor ás comidas, impide o deterioro dos alimentos, fai que se conserve a valía das cousas; o sal tamén é para nós símbolo de graza, de "salero", de humor, de alegría. Pois iso estaría ben que fose unha persoa cristiá, unha comunidade cristiá no medio do seu pobo: aportarlle gusto, sabor á vida, nutríndoa do mellorciño que pode ter, que é o agarimo, a atención polo máis débil, que é a esperanza de que as cousas poden e deben cambiar cando as circunstancias nos apertan; que é axudar a crear espazos de respecto, de acollida, de compartir, cheos de calor, de coidados, que animan a vivir e a loitar. Ser sal, contribuír a que non se deteriore o mellorciño que cada un, cada unha de nós levamos dentro; que non se deteriore o noso espazo natural, o noso medio ambiente, que non se deteriore a nosa convivencia parroquial ou cidadá; que non se deteriore o noso corpo, o noso espírito, máis aló do que é normal que isto suceda. E tamén, e isto é moi importante, aportar graza, humor, alegría, cousas propias de quen se sente querido/a, de quen confía porque ten en quen confiar a tope, de quen se sabe membro dun grupo de irmáns/ás, que están dispostas a dálo todo por min, se fai falla. Somos sal no medio dos nosos veciños ou veciñas?

A luz é o que é: aluma, aclara, axuda a entender as cousas, a vida, as relacións; axuda a entendernos a nós mesmos; axuda a entender e valorar o que pasa no mundo, superando esas palabras enganosas coas que moitas veces algúns políticos nos queren pechar os ollos; a luz nosa, que debera ser a mesma de Xesús, axúdanos a ver e entender ben as cousas da fe cristiá, dándolle toda a importancia ao que lla hai que dar, que é ao servizo á xente máis precisada de apoios, e sentindo a Deus como hai que sentilo, é dicir, coma un Pai/Nai doído e amante, que por amor nos quere acompañar cara ao mellor, cara ao máis xusto, cara ao máis humano, cara ao máis fraterno, cara ao máis libre. Somos nós así, algo polo menos, reflexo na sociedade desta luz primeira que nos vén de Xesús?

O evanxeo de hoxe ten un aquel de aviso, de queixa, de reprimenda: se o sal non salga, para que se quere? Se a luz se agacha debaixo dunha mesa, que xeito ten iso? Somos sal e somos luz, é certo, pero tamén o é que moitas veces deixamos de salgar e deixamos de alumar, e as persoas cristiás, e as comunidades cristiás estamos coma se non estivésemos, a nosa presenza na sociedade non se nota, o chisquiño de sal e de luz que podiamos poñer en xogo gardámolo no peto, e a xente xa pensa de nós que aínda que desaparecésemos non se perdería nada de interese para a sociedade. Que pena! Por que serán as cousas así? Quizabes porque o sal, a forza de salgar, vaise debilitando, vai desaparecendo, e témoslle medo a empobrecernos nós dándonos en servizo aos demais? Quizabes porque a luz, a forza de alumar, tamén se vai achicando, e pensamos ser menos se nos facemos máis comunitarios, como comunitario era Xesús? O certo é que unha persoa cristiá, unha comunidade cristiá, medra, fortalécese, canto máis e mellor serve. Estas son cousas que dan moito que pensar e revisar. Pensemos e revisemos.

Na Eucaristía, onda Xesús, na súa palabra no seu Corpo e Sangue, cargamos as nosas pilas, o noso sal, a nosa luz, para ser con gozo entre a xente sal que salga e luz que alumea.


Preces:

VOS SODES O SAL DA TERRA, VOS SODES A LUZ DO MUNDO
  • Acollemos, Xesús, a encomenda que nos fas, e queremos comprometer a nosa palabra, a nosa vida, en levar alento e desafogo ás persoas que andan apertadas no medio de nós. Oremos.
  • Dámosche grazas por ternos invitado a participar na túa tarefa, que, coa axuda do teu Espírito, non te defraudemos a ti, nin defraudemos á sociedade que espera tanto de nós. Oremos.
  • Estamos orgullosos/as, Xesús, de que contes connosco, que saibamos sumarnos a todas aquelas iniciativas de vida, de economía alternativa que se van dando entre nós, como, por exemplo, é o da cooperativa de crédito sen ánimo de lucro Fiare. Oremos.
  • Fainos ilusión, Xesús, a misión que nos encomendas de poñer un chisco de luz e de alegría dentro da familia, entre os veciños e veciñas; que saibamos facelo con moita humildade, sen ningunha chulería. Oremos.
  • Xesús, que saibamos transmitir algo de ti coas nosas palabras, cos nosos feitos, pois soamente ti es o verdadeiro sal, a verdadeira luz de todas as nosas vidas. Oremos.



Pregaria:

Bendito sexas ti, meu Deus, bendito sexas!

Bendito sexas ti en todo canto eu faga,
no meu traballo, no meu folgar,
no meu silencio, na miña palabra.

Bendito, cando vou fóra da casa,
nos encontros cos veciños e veciñas,
nas horas de gozo ou nas amargas.

Bendito, nos días de xuntanza,
cando unimos amores e proxectos
na busca dun mañá con esperanza.

Bendito, nos tempos de pregaria,
na escoita solícita, obediente,
da túa voz que aquí e alí me fala.

Bendito, na protesta, na algarada,
na rabia irreverente que sentimos
cando o abuso dos que abusan farta.

Bendito, na actividade social honrada
cando soñamos co pobo a cada hora
e ao pobo servimos sen agardar paga.

Bendito, na vida familiar coa xente amada,
cando xuntos comemos, falamos e soñamos,
ou lle dámos tempo ao sono e ao amor na cama.

Bendito, cando o corpo enferma ou cansa,
e é hora de confiar humildemente
no vigor, no calor da túa compaña.

Que sexa a miña vida sal e lapa,
que non agache en min a túa luz, a túa graza,
que todo canto eu pense, diga ou faga
sexa humilde razón da túa loanza.


Signo:
  • Os mesmos suxeridos polo evanxeo: sal e luz: unha cunca con sal e unha vela ou lámpada.
  • O rostro dunha persoa ollando un pobo, unha multitude, como quen pensa a forma de estar vivamente no medio dese pobo ou multitude.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.