27 marzo, 2014

Celebración Penitencial de Coresma




TRES TEMPOS: oración / xaxún / esmola

Entrada: 
Breve explicación do que imos facer: acollernos ao perdón de Deus, porque o necesitamos para reparar as nosas vidas, para enganchalas máis a Xesús e ao seu estilo de vida, para alentarnos no momento presente, no que Deus, a comunidade cristiá, espera moito de nós. Facémolo en comunidade, porque somos comunidade, somos pobo, somos solidariedade, amor en activo, en práctica, en experiencia diaria. A celebración penitencial ímola facer seguindo os tres elementos que a tradición eclesial nos ofrece ao comezo da Coresma para renovar as nosas vidas: pregaria, xaxún, esmola, adaptándoas, iso si, ao contexto actual, para que realmente poidan axudarnos á conversión no momento presente.


Canto xeral de entrada:

Son pecador, quero arrepentirme,
son pecadora, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
espero en ti, Señor.


a.- Oración
(Sería ben que as persoas asistentes tivesen consigo un papel ou caderno e un boli.)

Canto

Quero estar ao teu lado, meu Deus.(3)

Lectura: Mt 6,5-15.

Ecos, resonancias, prolongacións
  • Rezar no segredo, non buscando a vana gloria; encontro íntimo e verdadeiro, limpo con Deus, co Pai, coa Nai, no calor do amor.
  • Rezar con poucas verbas, con desafogos do corazón, sen moitas palabras, desde a sinceridade, desde o convencemento de que Deus xa coñece as nosas dificultades e está sempre en disposición amante, positiva respecto a nós. Rezar na confianza, no amor, na entrega obediente. Oración coma forma de entrar nos sentimentos de Cristo, de Deus. Oración como comuñón fonda, total. “Tratar de amizade –dicía Teresa de Xesús--, estando moitas veces a soas con quen sabemos que nos ama”.
  • Rezar centrando a oración no Noso Pai, é dicir, na realización dos soños de Deus e da articulación dunhas relacións persoais, sociais, baseadas en persoas mantidas e mantedoras, perdoadas e perdoadoras, liberadas das trampas do mal, e empeñadas nesa mesma liberación.
  • Oración: busca de Deus na oración, na reflexión, no exercicio da solidariedade. 
  • Oración: relación, encontro con Deus, escoita e resposta, escoita na Palabra de Deus, escoita na vida, nos rostros das persoas que conviven con nosoutros/as, escoita nas vidas da xente pobre.
  • Oración: é algo ao que lle dou importancia e tempo na miña vida? Estou nunha dinámica de crecemento? Abandónome, non busco camiños que me permitan avanzar, estou resignado/a ante a dificultade? Onde me está chamando Deus con máis forza neste momento da miña vida? Fágolle caso a Deus, á xente, á vida? Sinto chamadas ás que non respondo? Quen vén sendo Deus para min, na realidade diaria da miña vida? Alguén que sinto ao meu lado, que me acompaña, que me comprende, que me alenta? Alguén que evito, por incómodo, por arriscado? Alguén a quen ignoro?


Que vou facer? Teño que facer algún cambio para mellorar nalgunha destas cousas.
(escribo a miña resposta no papeliño ou caderno; igual teño que retomar as cousas noutro momento, con máis vagar)

(No tempo do silencio, ou entre as posibles comunicacións das persoas asistentes, vaise repetindo a canción: Quero estar ao teu lado meu Deus.)

Pregaria en común (Salmo 16)

Ti gárdasme, Deus, en ti busco agarimo.
Eu dígolle ao Señor: “Ti es o meu dono,
so ti es o meu ben.”

Persoas hai que van cos deuses da terra,
que se apegan de todo á xente de poder.
Fan ídolos sen conta
e entréganse a eles cegamente.

Non quero compartir nada con eles
nin pronunciar cos meus labios os seus nomes.
Ti es, Señor, a miña herdade, a miña sorte,
ti es garante,Señor, do meu porvir.
Que preciosa a parecela que me deches!
Canto me gusta a miña herdade, meu Señor!

Bendigo o Señor que me aconsella,
e mesmo de noite me instrúe no meu íntimo.
Teño o Señor sempre ante min,
con el ao meu lado nunca caerei.

Por iso o meu corazón está contento,
reloucan as miñas entrañas
e o meu corpo descansa seguro.

Ti non abandonarás á morte a miña vida
nin deixarás que se perda quen ti amas.
Mostrarasme o camiño da vida,
enchereime de alegría na túa presenza,
de gozo eterno ao teu carón.


b.-Xaxún

(na mesa do altar colócase un pan e unha xerra de auga e vasos)

Canto

Que ben sei eu da fonte
que mana e corre,
anque é de noite.

Lectura:  Mt 6, 16-21

Ecos, resonancias, prolongacións:
  • Xaxuar: recortar consumos, na alimentación, nas comodidades, nos luxos, no innecesario e no necesario tamén.
  • Xaxuar: desde unha opción por unha vida moderada, digna no preciso, pero non máis. Xaxuar para non amorear tesouros estériles, que nos farán vivir na inseguridade e no medo de perdelos; para poñer o corazón, a vida, a salvo, en Deus, nos seus bens.
  • Xaxuar: para ser libres, para ser felices, para ser alegres.
  • Xaxuar: coa intención de compartir (Xesús falaranos deseguida da esmola), de que ninguén quede excluído da mesa do pan, da educación, da saúde, dos dereitos, da paz.
  • Xaxuar: recortar en cousas materiais, recortar en afán de dominio, de poder, para sermos pobres, abertas/os, xente de comunidade, de pobo; xente que entra no xogo marabilloso, creador, do dar e do recibir desde a humildade.
  • Xaxuar: para poder ser simplemente irmáns, irmás.
  • Xaxuar: con caras alegres, sen hipocrisías, co corazón san, libre, feliz; sen vender o propio sacrificio para conseguir nada, co perfume da ollada limpa, do corazón limpo; co perfume da alegría.
  • Xaxuar: con Xesús, no Espírito, no segredo do Pai/Nai, que encherá o teu xaxún co manto da paz e da liberdade máis fondas.


Déixome invitar por Deus á forma de xaxún que máis precise neste momento da miña vida.
Demostro aceptar esa invitación achegándome a comungar co que hoxe é para nós o signo do xaxún: un pouco pan, un groliño de auga.

(Mentres se comunga co pan e coa auga, podemos repetir a canción anterior, ou escoitar comunicacións que as persoas asistentes vaian facendo.

Pregaria en común: (Salmo 100)

(Un salmo que nos invita á alegría, á adoración, ao canto, á celebración, á bendición; un salmo conciso, preciso (en xaxún tamén, poderiamos dicir), que nos ofrece o fundamental de todo o salterio como motivo de loanza: o amor e a fidelidade de Deus, que nos sustenta como persoas e como comunidade, que nos acompaña cos xeitos e coidados dun bo pastor, que nos incita ao amor, á solidariedade fiel, constante).

Aclama o Señor, terra enteira,
servide o Señor con alegría,
achegádevos con cantigas á súa presenza.

Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que del somos,
o seu pobo, o seu rabaño.

Entrade polas súas portas con loanzas,
polos seus adros con cantigas.
Celebrádeo e bendicide o seu nome:

porque o Señor é bo,
o seu amor dura por sempre,
por xeracións a súa fidelidade.


c.- Esmola

( Na mesma mesa onde antes se puxo o pan e a auga do xaxún, ponse agora unha fardeliña baleira, a fardeliña da xente pobre).

Canto:

Mira, meu Deus,
aquí estou para quererte,
estas mans,
estas mans para servirte
en quen máis precise delas.

Lectura: Mt 6, 1-4.24

Ecos, resonancias, prolongacións:
  • Esmola: dar dos teus cartos, do teu tempo, das túas habilidades, dos teus soños, da túa participación social, das túas esperanzas, da túa fe, do teu amor, para que outras persoas teñan algo, medren. Pero empeza polos teus cartos.
  • Esmola: non para loarte a ti mesmo/a polo xeneroso que es, polo espléndida que es, senón coma algo normal, algo de ti ao que a persoa pobre ten dereito.
  • Esmola: dos cartos ou cousas que seguramente me sobran; tamén dos cartos e cousas que eu mesmo/a necesito.
  • Esmola: que non xustifique a falla do teu compromiso social, político, estrutural, para que as cousas cambien en beneficio da xente máis desamparada.
  • Esmola: para compartir carencias e penalidades doutra xente, para facerte realmente irmán, irmá, fillo e filla de Deus en verdade.
  • Esmola: para combater o espírito de indiferencia, para educarte na solidariedade, na compaixón, na indignación ante os abusos, para vincularte á causa da xente máis desfavorecida.
  • Esmola: para non caer na tentación de querer servir a Deus e ao diñeiro, para ser libre, para pertencer só a Deus e á xente máis fráxil e marxinal.
  • Esmola: limpa de vana gloria, da pretensión estúpida de buscar o aplauso social na túa atención á xente débil que amparas. Que nin sequera a túa dereita saiba o que fai a túa esquerda.
  • Esmola: no segredo de Deus, no silencio solidario de Deus, onde facer nosa, algo polo menos, a paixón de Deus que nos libera e pacifica a fondo.


En silencio do meu corazón escoito o que Deus me está a pedir no nome da xente máis marxinal. Como vou contestar? Negareime? Teño medo a ser xeneroso coa xente máis débil? Que podo dar, que podo ofrecer de min? Como podo facer miñas as carencias de tal ou cal persoa ou familia que coñezo ben? Como podo facerme cargo dos abusos que o mundo das finanzas está cometendo contra a xente máis fráxil?

(Tempo de silencio, de vez en cando cantamos a canción anterior. Podémonos achegar á “bolsa dos pobres” para entregar diñeiro, ou, se queremos, un papeliño no que escribamos o servizo ao que me comprometo. Sería bo que puxésemos en común aquilo que Deus os pide.)

Oración para acoller e agradecer o perdón de Deus:

Pai e Nai nosa,
ante ti recoñecémonos pecadores/as.
Moitas veces ignoramos o calor e a urxencia da túa presenza.
Moitas veces engordamos en cousas que nos destrúen,
negándonos á túa liberdade, á túa paz, á túa alegría.
Moitas veces ignoramos a túa presenza
nos rostros e nas vidas da xente abusada, marxinal,
e engrosamos a lista das persoas indiferentes.

Necesitamos o teu perdón curador:
abrímonos a el.
Necesitamos bañarnos na túa misericordia:
acollémola con humildade.
Necesitamos o teu vigor, o teu alento:
queremos deixarnos renovar e dinamizar por el.
Que en cada un de nos,
en cada unha de nós,
o teu amor, a túa verdade, chegue á súa plenitude.

Grazas, Pai/Nai nosa,
polo amor que nos tes,
pola fidelidade que nos ofreces,
a nós e a todos os homes e mulleres do mundo.

Grazas porque gratuitamente
nos sentimos perdoados/as e acompañados/as por ti.
Grazas porque nos sentimos empuxados/as
a andar os camiños do teu fillo Xesús,
escoitando a túa voz na confusión da hora presente,
para implicarnos en todo o que traia vida,
vida abundante, consistente, eterna,
a cada unha das persoas que poboan as nosas casas,
os nosos barrios e parroquias,
as nosas vilas e cidades.

Que pena non saber, non poder, non querer
gustar a túa bondade, a túa xustiza!
Que ilusión saber que nos ollas con paciencia
e saes apaixonado ao noso encontro!
Que alegría saberte ao noso lado, Deus noso!

Grazas de todo corazón!


Signo do perdón de Deus

Canción final:

Camiñando pola vida
co frescor dunha cantiga,
camiñando atoparemos o amor;
camiñando todos xuntos
nas ledicias e nas dores,
camiñando atoparemos o Señor.

Ai, Señor, que o pobo está moi canso
de tanto camiñar!
Ai, Señor, envía o teu alento,
el hanos de animar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.