Evanxeo: Mc 5, 21-43
Comentario:
Volvemos a unha lectura máis ou menos continuada do evanxeo de Marcos, para con el ir acompañando as nosas vidas no que teñan de ordinario e no que teñan de algo excepcional. De entrada, resulta marabilloso contemplar a este Xesús que cruza mares –lagos— e anda camiños envolto sempre entre a xente; foi, sen dúbida, unha opción “pastoral” del, era o seu estilo, ben distinto, por exemplo, do de Xoán Bautista, que optara por retirarse cos seus a lugares apartados, onde a xente, si quería, podería acudir. Xesús positivamente buscou estar coa xente, mesturado con ela, rozándose con ela, como queda ben de manifesto no evanxeo de hoxe. Esa era a maneira de que a alegría e os problemas da xente fosen tamén o seu pan de cada día; así, responder a esa alegría e a eses problemas, coa súa fonda forza de vida e de liberdade, converteuse tamén na súa principal tarefa diaria. Agora que tanto falamos e oímos falar de “nova evanxelización”, non estaría de máis volver a esta estratexia evanxelizadora de Xesús, de andar os camiños cada día coa xente do pobo.