Evanxeo: Mc 6,1-6
Comentario:
Este evanxeo sitúanos ante unha tarefa frecuente en Xesús, que era a de andar as aldeas de Galilea, contactando coa xente, acompañándoa nos encontros das sinagogas, aproveitando momentos e circunstancias para falar da novidade da aposta de Deus por renovar as persoas e a sociedade, e para curar a xente mediante a súa capacidade de conectar coa súa fe, é dicir, conectar con esa zona limpa, aberta da persoa que a capacita para o novo, para a esperanza, para o cambio, para a melloría corporal e espiritual, para a dignidade, para a vida.
O evanxeo de hoxe tamén nos mostra que, aínda así, as cousas non foron fáciles para Xesús. Entre a mesma xente do pobo houbo xente que o aceptou entusiasmada, polo menos nun primeiro momento, e houbo xente receosa, que desconfiaba da súa palabra, aínda que a vía chea de sabedoría, e que desconfiaba dos seus feitos de curación, aínda que comprobaba que moito ben lle traían ás persoas que os recibían. A falta de aceptación neste caso debíase ao feito de que Xesús era un deles, coñecido coma un veciño, membro dunha familia normal coa que eles alternaban día a día. Ante a postura desta xente Xesús non foi eficaz nin coa súa palabra sabia nin coa súa acción curadora.
A partir deste relato, como persoas e como comunidade cristiá, podémonos preguntar que acollida lle estamos dando nas nosas vidas a Xesús, ao novo de Xesús. Xesús era portador dunha sabedoría de vida, que non eran doutrinas, senón unha forma sabia de se situar coma persoa ante a vida, unha forma sabia de recompoñer as relacións comunitarias, as relacións sociais; o de Xesús non era doutrinas, nin sequera sobre Deus, pero si unha maneira sabia de colocar a Deus no centro das nosas vidas, e de facer que as nosas vidas se sintisen tocadas, alumeadas, vigorizadas por esta presenza nova de Deus. Poñémonos diariamente á escoita desta sabedoría de vida de Xesús? Como o facemos? A maneira que temos de o facer estanos valendo ou non? Deberiamos cambiar os métodos, as maneiras, para que o bo de Xesús non nos pase pola porta sen resultado ningún, como lle pasou aos veciños de Nazaré?
E o mesmo podiamos dicir da capacidade de curación de Xesús. Sentímonos fortes, sans, vigorosas, plenas de saúde no corpo e no espírito? Admitimos e recoñecemos as nosas carencias, ollámolas de fronte sen vergonza, sen medos, recorremos a Xesús con fe, con esperanza, abrimos os niveis máis fondos das nosas penas, das nosas alegrías, das nosas desilusións, das nosas esperanzas, para que a forza de Xesús poida contaxiarnos, revolvernos, curarnos, consolidarnos? Que papel xoga Xesús nas nosas vidas? Que papel lle concedemos xogar? O dunha referencia máis ou menos teórica, estética, e pouco máis? Ou o dunha referencia vital, con influencia viva no día a día da miña existencia?
A sabedoría de Xesús e a súa capacidade curadora pódennos vir directamente del, pois con el podemos tratar, intimar, na fe, no Espírito. Os momentos de lectura, de reflexión, de oración, de estancia e diálogo vivo con Xesús pódennos achegar a súa palabra sabia e a súa forza de vida. Pero sen esquecer que será moi normal que Deus, Xesús, o Espírito, empregue mediacións normais da vida para poñernos en contacto coa súa sabedoría de vida, coa súa forza de curación. E as mediacións son normalmente outras persoas, frecuentemente pobres, sen moitas aparencia, que coa súa palabra e o seu estilo de vida actualizan a orixinalidade de Xesús. Ollo!, coa idea posta en Xesús e nunha imaxe idealizada del, podemos ignorar, coma os de Nazaré, estas presenzas humildes del no medio de nós. Por iso o evanxeo de hoxe tamén nos invita a deixar de lado falsas seguridades, falsas ideas feitas sobre Xesús e o de Xesús, e a andar co corazón na man, alerta, en vilo, non sexa que Xesús, con toda a súa capacidade de vida e de renovación, nos pase pola porta e non nos decatemos, ou incluso lle pechemos aborrecidos as portas da nosa vida. Que todo pode pasar.
Preces:
QUE SAIBAMOS ACOLLERTE, XESÚS
- Nestes momentos de crise, cando se cuestionan tanto modelos de vida que tiñamos, que poidamos descubrir e seguir a túa sabedoría de vida, para acertar coas fontes do bo progreso, da paz e da alegría. Oremos.
- Que descubramos contigo, Xesús, o don da solidariedade; que pensemos na demais xente, que nos preguntemos honestamente como mellor servila e acompañala. Oremos.
- Que che saibamos abrir a nosa vida toda, para que poidas poñer nela toda a túa forza de curación e de renovación. Oremos.
- Que contigo, con moita humildade, saibamos cooperar en levar palabras sabias para a vida e en facer cousas de ánimo e curación para as persoas máis débiles da sociedade. Oremos.
- Para que descubramos o valor do pequeno, do humilde, do insignificante, sabendo que é aí, Xesús, onde nos queres amosar especialmente a túa presenza salvadora.
Pregaria:
Saberei abrirche a porta, Xesús?
A ti que a diario me visitas,
que a diario me acompañas,
que a diario te preocupas por min
e por todo o que me funde e me levanta.
Saberei abrirche a porta?
Saberei abrirche a porta, Xesús?
Cando ves envolto en roupas de pobreza,
enchendo o corpo débil da xente tamén débil,
nas palabras fráxiles de quen case non fala,
na ollada murcha de quen pena e desespera.
Saberei abrirche a porta?
Saberei abrirche a porta, Xesús?
Cando vés ledo e xubiloso,
contarme as fazañas miúdas
de quen te ama e te serve,
de quen te coida con mimos
na xente que de mimos anda escasa e precisada.
Saberei abrirche a porta?
Saberei abrirche a porta, Xesús?
Cada mañá, cada tarde, cada noite,
a porta da casa, do corazón, da vida,
a porta do meu mal, do meu pecado,
a porta dos meus soños e esperanzas.
Saberei abrirche a porta?
Saberei abrirche a porta, Xesús?
Sen medos, sen condicións,
sen ideas preconcibidas,
sen dar por feito o que es e o que me ofreces,
deixándote entrar e remexer a casa toda,
fiado en ti.
Saberei abrirche a porta?
Signo:
- Unha porta e alguén petando nela.
- Unha porta que se abre, unha porta que se pecha.
- Rostros empobrecidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.