05 xaneiro, 2016

6 de xaneiro: Epifanía do Señor.


Evanxeo: Mt 2, 1-12

Comentario:

O relato da visita e adoración dos Magos é exclusivo do evanxelista Mateu. Coma outros relatos dos evanxeos da infancia en Mateu e Lucas, non debe ser lido cunha mentalidade historicista, senón teolóxica e espiritual.

Dos Magos non se di que fosen reis, xente de poder, senón Magos, xente do saber, xente da ciencia, xente da sabedoría, xente da sabedoría da vida, para a vida. O primeiro que chama a atención é a disposición dos tales Magos a se poñer en camiño. Son sabios con sabedoría de vida, pero buscan, saen da súa terra, póñense en camiño, seguen os reclamos dunha estrela, é dicir, buscan non empuxados por ningunha seguridade, senón atraídos por indicios incertos, inseguros, misteriosos, que os levan a camiñar. Saen, camiñan, preguntan... 
Que actitude vital máis preciosa, sobre todo para os que, con máis ou menos satisfacción ou mesmo arrogancia, nos podemos sentir tentados de vernos xa na posesión da verdade por iso de que temos oído falar de Xesús, somos cristiáns, estamos dentro da Igrexa! Buscar, petar, pedir, que dirá o mesmo Xesús en momentos adultos da súa vida. Uns crentes que buscan, que son constantes, solícitos, fieis e honrados na busca. Unhas comunidades que buscan tamén dese xeito. E que dirixen os seus pasos buscadores cara á vida, cara ás situacións que se dan na vida, cara ás complexidades que no momento presente azoutan as nosas vidas, a vida da xente máis débil socialmente. Preguntando, preguntándose, comprometendo a palabra, a vida. Non estaría aquí unha das claves dunha presenza cristiá viva, dunha nova evanxelización? Unha das claves da esperanza, mesmo da alegría vital?

Fronte aos Magos, a actitude nada buscadora, ao revés soberbia, dominadora do rei Herodes, que nin busca a verdade, aínda que dela recibe referencias importantes, nin gusta de que outros a busquen, a atopen, a gocen. El, co seu poder, era a verdade suficiente para el e para o pobo. O rei Herodes poderíase chamar hoxe o rei Mercado, o rei Finanzas, o rei Política submisa; pero, ollo!, tamén podería levar o nome de cada un de nós e das nosas comunidades, temerosos todos da pequena presenza da sabedoría da dignidade.

Fronte aos Magos, os eruditos xudeus que saben, pero non van, non se moven. A súa ciencia non lles conmove os corazóns, non lles mobiliza os pés. Canto podemos ter da actitude pecha, belixerante de Herodes e da actitude fría dos teólogos oficiais, en cada un dos nosos corazóns, dentro das nosas comunidades cristiás. Podemos ser persoas que saibamos ou creamos saber de todo, do divino e do humano, pero cunha ciencia paralizada, paralizante. O relato invítanos a revisar e corrixir posturas, que non levarán a nada, máis que a perder a oportunidade de atoparnos cara a cara, corazón a corazón, vida a vida, con Xesús, con Deus, e coas súas oportunidades de potenciación para as nosas vidas.

Os Magos, os homes de ciencia, de sabedoría para a vida, atópanse cun neno no colo da súa nai. Atópanse coa normalidade da vida, coa fraxilidade, coa tenrura, coa muller e o seu don, co amor matrimonial e o seu don, e, cos ollos fondos e buscadores que Deus lles deu, descobren a sabedoría da pobreza, a sabedoría do pequeno, a sabedoría do débil, a sabedoría do servidor, a sabedoría do dado á comunidade, a sabedoría da gratuidade. Descobren esa sabedoría de vida e inclínanse ante ela; abren os seus tesouros, como símbolo do corazón que abriran antes. Entregan do que teñen, coma símbolo da entrega gozosa das súas vidas ás formas da sabedoría do pobre servidor que tiñan diante. Canto podemos hoxe, ante as pobrezas que xera a crise, desenvolver esa sabedoría da fraxilidade, da solidariedade, do cambio desde o débil!

E, como remate da súa peregrinación espiritual, vital, os Magos volven tomando distancias máis sólidas coa persoa e co talante de quen desde o poder pretende ensinar a ler e a construír a vida. A alegría cerra e enche esa experiencia vital. O neno débil, servidor, é o tesouro agachado que atoparon en Belén, e que encheu as súas vidas de alegría, de entusiasmo. E todo isto ofrécesenos para ser vivido e experimentado por nós non nos soliloquios do noso corazón, que tamén, senón fundamentalmente na crúa realidade da vida, da nosa e da dos concidadáns/ás que nos rodean, porque crúa era tamén a experiencia daquel neno e daquela familia desafiuzada, rexeitada polos servizos sociais do seu tempo, que non había, e que ollaba para o futuro coas inseguridades todas pousadas nas mans do Deus que todo os sostén.

Preces:

OFRECÉMOSCHE, NENO, OS NOSOS REGALOS
  1. Ofrecémosche o esforzo de buscarte son sinceridade, para bater contigo, para chegar a ter trato de amizade contigo no medio das persoas máis débiles. Oremos.
  2. Ofrecémosche a nosa axuda, axudando as persoas e familias que o están pasando mal nesta hora. Oremos.
  3. Ofrecémosche o noso agradecemento por ti, Xesús, e por toda a xente de ben que nos sostén na vida, na alegría, na loita. Oremos.
  4. Ofrecémosche os soños e esperanzas de todos os nenos e nenas do mundo, especialmente os daqueles que dispoñen de poucos recursos para soñar a vida con dignidade. Oremos.
  5. Ofrecémosche a nosa vontade de colaborar para que a comunidade cristiá, a parroquia, da que formamos parte se enganche máis a ti, e te anuncie con verdade mediante un estilo de vida semellante ao teu. Oremos.

Pregaria:

Que aprenda de ti, meu Deus,
a graza de regalar,
a graza de ofrecer cousas,
a graza de darme no dar.

Que aprenda ti, meu Deus,
a andar cos ollos abertos
para ver a quen precise
dalgún dos meus cumprimentos.

Que aprenda de ti, meu Deus,
a saber e a vivir
que hai ledicia maior
en dar ca en recibir.

Que aprenda de ti, meu Deus,
o malo que é amontoar,
mentres haxa quen non teña
nin o máis elemental.

Que aprenda de ti, meu Deus,
todo e desmedido amor,
a facerme pouco a pouco
do teu don fiel seguidor.

Que aprenda de ti, meu Deus,
a dar sen que iso comporte
quitarlle vigor ao débil
para que o seu soñe e loite.

Que aprende de ti, meu Deus,
a dar con limpeza plena
e que a man esquerda ignore
o que regala a dereita.

Que aprenda de ti, meu Deus,
que a miña vida é un regalo,
para acoller, compartir,
agradecer e coidalo.

Signo:
  • O camiño de quen anda en busca.
  • O neno, ou nenos e nenas, signo da debilidade na que hai grande sabedoría.
  • Regalos que evoquen que a nosa vida é un regalo, e que en regalar hai moito ben.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.