Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22
Comentario:
Lucas enmarca a relación de Xoán Bautista con Xesús dicindo que o pobo estaba esperando un Mesías, e empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán. É importante reparar nesta situación de partida: se o pobo esperaba un Mesías, era porque as cousas estaban mal para o conxunto do pobo, para os máis débiles do pobo, que eran a maioría. Esperaban un Mesías, alguén de fóra que, desde Deus, no nome de Deus, viñese amañar as cousas. Igual se nos ocorre pensar o bo que sería que as cousas fosen realmente así, e que desde arriba ou desde abaixo, desde a esquerda ou desde a dereita nos viñese alguén que maxicamente nos amañase as cousas, cousas que tamén nós temos ben desamañadas, ben o sabemos. Pero non é así. O mesianismo de Xesús non ten nada que ver con isto. A súa práctica foi ben outra: apoiarse na forza do Espírito, para poñerse a traballar lentamente, humildemente pola dignificación persoal e social, profunda en todo caso, de cada home, de cada muller e, polo tanto, tamén do conxunto da sociedade. Igual temos que converter as nosas esperas mesiánicas, e evanxelizalas tamén, acomodalas ao estilo de Xesús.
Concentración ante o Concello de Arzúa. CC BY-SA Praza Pública |
Xoán declárase servidor do novo, deses soños de Deus para o conxunto do pobo, do pobo máis débil sobre todo; ou, o que é o mesmo, servidor dos soños do pobo alentados, vigorizados diariamente polo Espírito Santo de Deus, que actúa a través dos compoñentes humildes das nosas loitas de cada día: oracións, afectos, estudos, debates, xuntanzas, plans de acción, actuacións, participación cidadá, militancia política, revisións, etc. Estamos invitados todos, todas, a formar parte do grupo dos servidores/ras que farán posible que pouco a pouco o novo de Deus se faga realidade no medio de nós, nos nosos pobos. Podemos moito máis do que nos parece.
Pero tamén é certo que temos un líder marabilloso: Xesús de Nazaré. Xoán Bautista tamén o entendeu e anunciou así. Xoán, o xusto, o amigo do pobo asoballado, invitaba á conversión, a recoñecer o propio pecado e a cambiar, e xa non era pouco. Pero o lume que queima o vello e posibilita o novo, o Espírito que empuxa e vigoriza, o alento que ofrece e crea vida, a fermosura do novo estaba en Xesús. Xoán anunciouno. Ou, o que é o mesmo, anunciouno Lucas a través de Xoán. E anunciouno despois de escoitar falar, de coller as palabras e a admiración das persoas que acompañaron a Xesús e puideron comprobar a forza da súa personalidade, o apegadísimo que estaba sempre a Deus, a enorme paixón que sempre tiña, no nome de Deus, polo pobo pobre, débil, rebaixado, empequenecido. Canto Xesús nos fai falla para os tempos de hoxe! Canto estamos chamados cada un, cada unha de nós, a deixarnos arrastrar por el, a deixalo ser a el mesmo nas nosas vidas cristiás!
Lucas, que xa nos comentara nos relatos da infancia que Xesús ía medrando en corpo e espírito, que xa ía marcando o seu propio camiño con orixinalidade, continúanos falando agora de como se foi fraguando este Xesús, líder noso. Rompe coa familia, vai cabo do grupo de Xoán, apuntase a el coma un discípulo máis, bautízase incluso como persoa necesitada de conversión fiel a Deus e ao pobo. Un recorrido de crecemento persoal, crente, que ben poderíamos imitar.
Fervenza en Barbadás (Ourense) |
E cóntanos logo Lucas algo que se cadra Xesús algunha vez puido comentar cos seus seguidores e seguidoras, ou que se cadra deduciron os primeiros cristiáns e cristiás, coma unha explicación á potencia de vida e de ben que saía a diario da boca, das mans, dos feitos de Xesús. Unha experiencia relixiosa desas que se chaman fundamentais, que marcan a unha persoa de por vida: orando, sente Xesús como que o ceo se lle abre, que o bo e valente Espírito de Deus o invade, que o amor de Deus o envolve polos catro cantos do seu ser; séntese fillo amado, benquerido, e ese sentimento vivido a fondo foi abondo nel para poñer a andar toda a traxectoria da súa vida. Nunca se desapegaría dese sentimento fondo. Dese sentimento fondo sacou a diario toda a enerxía para a súa tarefa: facerse valedor da xente máis débil e marxinal, para que a humanidade puidese ser unha real e limpa fraternidade. Por que os cristiáns/ás somos tan frouxos/as? Somos cristiáns/ás a partir dunha experiencia fonda de ser persoas amadas tolamente por Deus, ou sómolo de oficio, de papel, de tradición, de palabra? Como podemos humildemente achegarnos ao lume de Deus, como o fixo Xesús, para que nos quente os corazóns e nos mobilice as mans e os pés para a acción? O bautismo e a tarefa de Xesús, o noso bautismo e a nosa tarefa tamén. E canto precisa a nosa sociedade en crise de vidas cristiás sólidas, convencidas, vivas, repletas de Espírito e de lume!
Preces:
PORQUE SOMOS FILLOS/AS BENQUERIDOS/AS DE DEUS!
- Desexamos, Pai-Nai, sentirnos fondamente amados/as por ti, e facer dese amor o alento e motor da nosa vida. Oremos.
- Desexamos tamén non lle facer trampa a ese amor, para que o estendamos con verdade nun amor fiel ás persoas máis débiles de entre nós. Oremos.
- Que nos tempos de hoxe, tan necesitados de persoas apaixonadas pola fraternidade, os seguidores de Xesús saibamos ofrecer o dinamismo de vida que Xesús ten e nos ofrece. Oremos.
- Que saibamos cambiar as cousas para que a xente nova sobre todo teña traballo e se poida embarcar en metas dignas para si e para o conxunto da sociedade. Oremos.
- Polas familias que están sendo botadas dos seus fogares por non poderen pagar as débedas, para que saibamos solucionar as cousas e non deixarnos envolver polas forzas escuras do capital e das finanzas. Oremos.
- Para que a nosa crise nos faga abrir os ollos para decatarnos da crise permanente en que viven moitos pobos do mundo, sobre todo de África, e fagamos máis xustiza. Oremos.
Pregaria:
Sentirme amado/a, meu Deus,
fondamente amado/a,
coma Xesús.
Sentir a túa presenza,
cálida, vigorosa,
coma Xesús.
Sentirte coma un pai, coma unha nai
na miña historia,
coma Xesús.
Sentir cada mañá, gratis,
o alento, o consolo do teu Espírito,
coma Xesús.
Sentirme mozo/a vizoso/a
para a tarefa da irmandade,
coma Xesús.
Sentirme atraído/a, conmovido/a pola xente,
polas súas dores e alegrías,
coma Xesús.
Sentirme creativo/a, rompedor/ra,
humilde, valente,
coma Xesús.
Sentirme do meu pobo,
agradecido/a, coidador/ra,
coma Xesús.
Sentirme fraterno/a,
solidario/a, universal,
coma Xesús.
Sentirme teu,
totalmente teu,
coma Xesús.
Sentirme en camiño, en busca,
poñendo os medios para todo iso,
coma Xesús.
Signo:
- Auga, remansada ou en fervenza.
- Lume, en lapa pequena, en fogueira grande.
- Movementos sociais, indignados, pancartas “outra economía é posible”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.