Benquerido/a amigo/a:
Dirixímonos a ti no nome do grupo "Cremos no rural", que reúne e aglutina a diferentes persoas, laicos, laicas, cregos, comunidades relixiosas asentadas na rural, que temos un interese especial por manter o máis vivo posible nas parroquias ou comunidades cristiás do rural o evanxeo de Xesús de Nazaré con todas as súas implicacións e consecuencias.
O grupo "Cremos no rural" naceu no mes de setembro do ano 2015, coma unha fusión de obxectivos e formas de traballo de persoas vinculadas ao Movemento Rural Cristián (agrupación especializada da Acción Católica), ás Comunidades de Relixiosas que viven e traballan no rural, e en xeral a algunhas persoas pertencentes a parroquias rurais.
Temos unha idea ampla do que é o mundo rural; todas as aldeas e, en boa medida, a maior parte das vilas, sobre todo do interior de Galicia, son sinaladamente rurais. Sentimos un fondo aprecio polo mundo rural, no seu pasado e no seu presente; consideramos que podería seguir sendo un espazo de vida e de convivencia dignas para moitas familias, aínda que fose en número menor do que noutros tempos. E, na medida das nosas posibilidades, traballamos para que así sexa. Neste sentido, cremos no rural.
E tamén cremos no rural no sentido máis estritamente relixioso. Queremos ser persoas de fe cristiá vivida no medio das circunstancias que a diario compoñen o mundo rural. Sentimos admiración por Xesús de Nazaré, pola súa persoa, polas súas actitudes, polo estilo de vida que el tivo. Valoramos moitísimo o seu ofrecemento de paz, ledicia, ilusión e forza, o seu Espírito liberador; estamos convencidos de que todo isto acollido e vivido en comunidade, en Igrexa, é unha contribución importantísima para o presente e o futuro do mundo rural. E por iso apostamos por sermos así seguidores, seguidoras de Xesús de Nazaré no rural.
Gustaríanos contar contigo para esta dobre tarefa. Igual nós che podemos axudar en algo para o que xa ti traes entre mans; pero seguro que a axuda que ti nos podes aportar a nós e aos nosos obxectivos de traballo nos vai resultar enormemente proveitosa. Por iso nos diriximos a ti.
De momento ofrecemos dúas liñas de participación e traballo. A primeira consiste en facilitar material e método para iniciar pequenos grupos parroquiais e interparroquiais nos que ir levando a cabo os obxectivos pretendidos. Grupos de composición diversa en número, en periodicidade de reunión, en configuración do grupo. Grupos, en todo caso, onde o fraternal, o comunitario marca sempre o estilo, as formas de actuar. A parte de ofrecer método e material, podemos axudar colaborando na presentación e nos primeiros pasos de posibles grupos que se formen.
Asistentes ao encontro no mosteiro de Samos. EL PROGRESO (Foto: Porto) |
A segunda liña de traballo consiste en ofrecer un espazo de encontro e de debate; pensamos en catro encontros ao ano, os sábados pola mañá, onde ir abordando e debatendo aspectos da realidade rural e da mesma comunidade cristiá da parroquia que teñen que ver coa renovación e mellora da tarefa evanxelizadora no rural. Falar, debater, pero sempre coa vontade firme de levar as cousas a unha vertente práctica de actuación. De feito o método co que queremos traballar é o coñecido método de Revisión de Vida: Ver, xulgar (valorar), actuar. En principio tiñamos pensado cada curso estudar a fondo un dos temas: unha xuntanza para o Ver, outra para o Xulgar e unha terceira para o Actuar; e a cuarta para avaliar o traballo feito e programar o novo tema. No noso próximo encontro do 12 de marzo abordaremos os temas a tratar e a orde do seu tratamento.
De entrada, escollemos os sábados pola mañá para estes encontros, pensando na xente laica, aínda sabendo que aos curas lles pode resultar algo máis difícil a asistencia. De todo modos, tamén pensamos que, facendo unha programación anual destes encontros, e contando con que respondan ao noso interese evanxelizador, non será excesivamente complicado reservar catro sábados pola mañá ao ano para unha tarefa que, visto o camiño de frouxidade que van collendo as cousas, cada vez nos pode propoñer retos novos, complexos, que illadamente vai ser ben difícil poder afrontar.
E isto, logo, é o que che queriamos presentar. Parécenos que non chega con queixarse. Queremos facer as cousas ben e axudar a que outras persoas ou grupos tamén as fagan. Úrxenos a isto o respecto, admiración, agradecemento e esperanza que temos cara ao mundo rural; úrxenos a isto a chamada de Xesús que nos invita a sumarnos ao grupos dos traballadores e traballadoras dese presente e futuro fraterno, ao abeiro de Deus, que el gustaba de chamar o "Reinado de Deus".
Esperamos a túa resposta. Para calquera pregunta, dúbida, clarificación, podes dirixirte a Pilar Wirtz (pilarwirtzm@yahoo.com), a Gumersindo Campaña (gcferro42@gmail.com), a Adoración (doromataes@yahoo.es) e a Manolo Regal (manoloregalledo@gmail.com).
Segundo deixamos dito máis arriba, a primeira xuntanza do ano 2016 será o 12 de marzo, sábado. Terémola na casa de Exercicios de Santiago de Compostela, pero para sucesivas reunións poderemos escoller o lugar que nos resulte máis céntrico. Se dicides participar, avisa a calquera dos enderezos anteriores, para que poidas recibir todas as informacións oportunas.
Grazas pola túa atención. Que goces coa bendición de Terra e coa bendición de Deus.
XUNTANZA "CREMOS NO RURAL"
Casa de Exercicios de Santiago, 12 de marzo 2016.
Orde do día:
10.00h. Chegada e acollida.
10.30h. Oración.
11.00h. Situamos e encadramos o proceso e o plan de traballo do día. Aclaracións.
11.30h. Traballo en grupos para elaborar un listado de temas relacionados coa evanxelización no mundo rural, e para sinalar unha orde prioridade no traballo deses temas. (haberá unha proposta de temas, que se poderá completar, modificar, etc.)
12,15h. Descanso.
12,30h. Asemblea para compartir o traballado nos grupos.
Abordaremos tamén outros temas de interese para "Cremos no Rural":
- Programación do ano, Cursiño der verán,
- Celebración do San Cidre,
- Relación posible entre quen traballe co material da formación de grupos e quen participe nestas xuntanzas de ver/xulgar/actuar sobre a evanxelización no mundo rural.
- Establecer un equipo coordinador.
- Revista FERVENZA.
- Economía.
14.00h. Xantar.
NOTA: A diferenza do que faciamos sempre, non levaremos comida. Comeremos na casa de Exercicios por 12 euros, prezo no que vai incluído tamén o custe do uso das instalacións.
CON MOITA HUMILDADE E VALENTÍA PODEMOS FACER UN BO SERVIZO AO MUNDO RURAL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.