16 febreiro, 2016

21 de febreiro: Domingo 2º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 9,28b-36

Comentario:

Estamos ante un relato un chisco complexo. Complexo polas posibles orixes históricas do mesmo e complexo tamén pola ampla e rica simboloxía coa que o recargaron os evanxelistas á hora de nolo transmitir. Ademais cada evanxelista pon o seu particular acento, sempre querendo responder ás necesidades concretas que vivía a comunidade a quen se dirixía. Isto dános tamén certa liberdade: nós tamén podemos lelo e interpretalo tendo en conta as necesidades das nosas comunidades no momento presente.

Invitamos a ler este relato como narración feita por alguén sobre un encontro habido nun lugar apartado entre varias persoas que queren xuntarse para falar, conversar sobre o sentido da súa vida, das súas opcións, compartir os seus conflitos, os seus medos, as súas ilusións,... todo nun clima de oración, de encontro do Deus ao que buscan ser fieis en todo momento. Moitos, moitas de nós, temos participado en encontros similares, e posiblemente neles teñamos vivido experiencias que nos axuden a comprender o gran momento vivido por Xesús e os seus discípulos Pedro, Xoán e Santiago.

Segundo Lucas, soben ao monte para orar. E Xesús vive unha fonda experiencia de Deus, que ten que ver coa certeza do éxito que conseguirían seguindo optando polo estilo de vida e de acción que estaban levando a cabo. Foi coma un flash de gloria, de triunfo, persoal, pero tamén do proxecto comunitario, social, asentado en Deus, no que Xesús cos seus amigos e amigas se sentía totalmente embarcado. Foi coma unha confirmación, recibida de parte de Deus: ten sentido o que fago, haberá conflitos, haberá que loitar e sufrir, pero paga a pena, o rexurdimento final xustifica a loita de cada día. En épocas de crise como a presente, soñar, seguir apostando contra corrente por comunidades cristiás de irmáns e irmás, por unha sociedade civil vinculada con sólidas redes de solidariedade e de corresponsabilidade, seguir na loita día a día, a pesar do peso enorme das persoas e institucións que persisten en construír un mundo roto, escindido, todo isto ten pleno sentido. Oxalá todos, todas, nos sintamos con Xesús, coma Xesús, solidamente confirmadas nesta aposta, nesta tarefa!

O liderado de Xesús salta á vista. O aspecto do rostro e o resplandor das roupas non son senón un breve símbolo da forza excepcional daquel home de aldea, que, empuxado pola forza irresistible de Deus, abría camiños novos para a humanidade desde a sólida vinculación con Deus (que viamos o domingo pasado coas tentacións), e desde un apego insubornable á xente máis débil. Ninguén daquela e pouca xente hoxe cre que con estas condicións se poidan abrir camiños novos para os nosos pobos e parroquias. As persoas e comunidades cristiás, en principio, seriamos as que si mantivésemos viva esta proposta de Xesús nos días de hoxe. Estámolo facendo? Como o poderiamos facer mellor?

Xesús desborda as propostas do Antigo Testamento (Moisés e elías), que sen embargo foron tamén as que o foron facendo a el tal como era. Era un fillo da súa tradición relixiosa máis auténtica, vinculado con claridade ao mundo da profecía. Un reto tamén para calquera cristián, cristiá, para calquera Igrexa: non quedarse estancada no recibido, facelo revivir, refrescalo, para facelo capaz de responder ás demandas de cada momento, de cada época. Como refrescar o Evanxeo para telo ben vivo dentro de nós, para ofrecelo vivo como contribución nosa á nosa sociedade nestas épocas turbas? Podiamos empezar por poñer a orella e o corazón á escoita de Xesús, cada día, e de poñer tamén orella e corazón á escoita apaixonada, tenra, implicada, da realidade vivida por nós mesmas, coas persoas concretas, coa sociedade concreta da que formamos parte. Este empeño de escoitar coa orella e co corazón quedoulles claro aos discípulos de Xesús, despois daquel encontro do que saíran tan impresionados: Como baixado do ceo, entendían aquela convicción: “Este é o meu fillo, o elixido, escoitádeo”.

Ten o seu aquel ver a traxectoria dos discípulos naquel encontro do monte. Coma noutras ocasións, máis que orar, estaban dando cabezadas. Coma noutras ocasións, non entenden nada do de Xesús, e Pedro, sempre moi disposto, sae, como dicimos nós, cunha pata de banco: facer tres tendas no monte, lonxe da xente, da vida, da conflitividade, da graza da existencia, dos lugares de Deus. Ben observa o evanxelista que “non sabía o que dicía”. Menos mal que, máis ou menos confusamente, algo do de Deus lles chegou, aínda que fose na sombra dunha nube, e puideron decatarse de que non se trataba de levantar tendas, senón de andar camiños con Xesús. Iso de facer tendas lonxe da vida, porque a vida ten a súa dureza e conflitividade, é unha tentación forte de todo crente, de toda Igrexa. Unha tentación á que atender tamén nesta coresma. Baixar do monte, para ir onda a xente; saír das igrexas, para atoparse co pobo. Da man de Xesús. Humildemente. Fielmente. Gozosamente.

Preces:

ESTE É O MEU FILLO, O ELIXIDO, ESCOITÁDEO
  1. Que saibamos seguirte, Xesús, nos teus tempos intensos de oración. Oremos.
  2. Que saibamos seguirte, Xesús, participando en grupos que queiran experimentar a presenza viva de Deus e que queiran tamén estar ao lado de quen máis precisa de apoio e defensa. Oremos.
  3. Que saibamos seguirte, Xesús, mesturándonos coa xente, compartindo os medos e esperanzas, a súa loita das persoas sen traballo. Oremos.
  4. Que saibamos seguirte, Xesús, baixando contigo alí onde se defende o pan e a vivenda dos desafiuzados. Oremos.
  5. Que saibamos seguirte, Xesús, nos teus soños, na túa confianza firme de que hai alternativa para as persoas e as sociedades mordidas por prácticas capitalistas deshumanizadoras. Oremos.


Pregaria:

Xesús, mestre, amigo, irmán,
invítasnos a subir contigo ao monte;
seremos nós capaces de acompañarte,
para compartir contigo tempos e sentimentos,
para deixarnos tocar e conmover por Deus
tal como a ti che gustaba facelo?

Xesús, guía seguro na busca de Deus,
que condensas e coroas o mellorciño
do que homes e mulleres anteriores a ti
buscaron e atoparon;
seremos nós capaces de deixarnos levar por ti,
e de experimentar contigo
a luz e a forza do Deus no que ti crías?

Xesús, home do pobo, servidor do pobo,
invítasnos a baixar contigo do monte;
seremos nós capaces de acompañarte,
de renunciar á pasividade, á comodidade,
mesturándonos co pobo,
coas penas, loitas e esperanzas do pobo,
no nome do Deus sentido e experimentado?

Xesús, fillo benquerido de Deus,
que en Deus pousabas o teu cansazo cada noite,
e atopabas enerxía nova cada mañá;
seremos nós capaces de escoitarte e de seguirte,
día a día, momento a momento
nas pequenas e grandes decisións que compoñen a nosa existencia?

Xesús, contigo, sempre contigo,
na oración de cada día,
na comunidade cristiá,
nas asociacións, na loita sindical honesta,
na participación política limpa,
nas protestas populares coherentes,
na fidelidade ao exacto traballo diario,
na defensa das familias desafiuzadas,
na aposta por un mundo novo,
na consolidación dunha banca diferente, ética,
na defensa do traballo e da vida na aldea,
na consideración co duro e amargo Terceiro Mundo,...

Xesús, contigo nos soños de cada noite,
contigo nos pasos miúdos para facelos realidade.
Ti nunca nos fallarás, sabémolo ben;
fallarémosche nós?

Signo:
  • Tres tendas de campaña.
  • Un flash luminoso.
  • Un pobo ao pé dun monte.
  • Unha masa de xente indo e vindo.
  • Unha icona de Xesús.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.