27 abril, 2016

1 de maio: Domingo 6ª de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 14, 23-29

Comentario:

Seguimos de conversa con Xesús, Xesús resucitado, presente nas nosas vidas. Seguimos escoitando a súa explicación sobre as maneiras de ir vivindo día a día esa presenza. Queremos escoitalo sen deixar de lado nada do que somos e vivimos, nada do que é e está vivindo a sociedade da que formamos parte, os veciños e veciñas, os irmáns e irmás que fan connosco comunidade cristiá e/ou pobo. Temos diante ese reto anunciado por Rahner: a cristiá do presente e do futuro inmediato ou será mística ou non será cristiá/án. Queremos acceder a esa condición de místicas/os, guiados polo grande místico que foi o evanxelista Xoán e os homes e mulleres que formaron a súa escola de espiritualidade e de vida. Pero unha mística para andar pola casa, pola familia, pola historia; unha mística cos pés na terra, apegada ás persoas máis débiles, unha mística de ollos abertos. Coma a de Xesús.

No evanxeo de hoxe ofrécensenos tres retos para a nosa identidade cristiá no medio da vida. O primeiro deseña un proxecto de unidade radical entre Deus, Xesús, cada un, cada unha de nós, cada unha das nosas comunidades. Xesús, en Deus, quere establecerse en nós, quere facer vida connosco. Saímos do corazón amante de Deus e o éxito da nosa historia é recorrer o camiño que nos leva de novo a ese centro de amor e de vida. No noso recorrido levamos a Xesús por compañeiro e guía. E gardar a palabra de Xesús convértese en garantía de acerto, que posibilita que nos realicemos nese gozo da unidade. A palabra de Xesús maniféstasenos abertamente nos evanxeos; ten moito que ver co achegamento ás persoas máis débiles, deterioradas e marxinais. Xesús chega a dicir que a voz desas persoas, o seu clamor, o seu berro polo pan e a saúde, pola restauración completa e fonda das súas vidas, é o clamor mesmo de Xesús, de Deus. Quen está disposto a gardar esta palabra de Xesús? Quen acepta este reto? Quen está disposta a embarcarse nesta andaina mística cos pés na terra, facendo camiño coas persoas máis débiles das nosas comunidades cristiás, dos nosos pobos?

O segundo reto ten un fondo de seguridade, mesturado cun aquel de busca e de sorpresa. Xesús promete o Espírito Santo, é dicir, a luz de Deus para sabermos discernir as cousas, os acontecementos da nosa vida, as reviravoltas da historia colectiva, social. E mira que non hai cousas que discernir, por exemplo, en cada un dos moitos acontecementos que estamos vivindo: os desafiuzamentos, as preferentes, o estar no paro, ou o estar traballando mentres outros/as padecen o paro; a incerteza sobre o futuro de cada un/unha de nós, sobre o futuro dos nosos fillos e fillas; o tensión das persoas cristiás entre a desesperanza pasada e o alento novo que o Papa Francisco suscita, etc. O Espírito Santo dá luz para discernir e forza para botarnos a andar polos camiños recoñecidos como auténticos. Pero todo isto tamén quere dicir, que non todo está claro e seguro, por moito que leamos os evanxeos e nos apuntemos ao seguimento de Xesús. Quen ofrece a presenza do Espírito, pide ao mesmo tempo andar en busca, escudriñar o que nos pasa, escudriñar a historia, estar vixiantes, non durmirnos en ningunha seguridade. O Espírito Santo claro que si que é un don, un regalo do ceo, pero, ao tempo, é un don, un regalo, que se conquista coa busca apaixonada, coa pregaria humilde, coa dispoñibilidade libre. Este reto de Xesús tampouco non é nada pequeno. Sermos homes e mulleres de Espírito, levadas, traídos, curados, mobilizadas, polo Espírito. Iso foi Xesús. E iso é o que Xesús nos ofrece.

O terceiro reto fálanos de atinar coas fontes da paz que arreda de nós toda angustia, todo temor ou medo. Coma noutros momentos da historia, non máis, pero quizabes tampouco menos, somos unha sociedade tocada polas angustias, polos medos. Xesús ofrécenos a súa paz, para enchernos con ela, para fortalecernos con ela, para facernos persoas de loita e de esperanza con ela, para que a saibamos compartir con quen está ameazada polas sombras da angustia, do medo, do desespero. Xesús dinos que a súa paz é unha paz distinta da que pode ofrecer o mundo, distinta da que podemos ofrecer en por nós os homes e mulleres que nos quedamos con frecuencia na codia da vida e da historia, sen arriscarnos a entrar nos pisos interiores das persoas e das historias, da historia, para detectar carencias fondas e ofrecer camiños limpos de superación. Xesús dá a paz, non a vende, non a ofrece ao ofertante máis poderoso; dá a paz de balde a quen lle abra as portas da casa, do corazón, da vida. A paz de Xesús é alegría, conforto, pero non é un xoguete nas mans de persoas inconscientes. Quen aposta por esta paz de Xesús? Quen a quere?

Voume, volvo, estou convosco, pero é normal que me busquedes. Son claro coma a luz do sol que cada día nos aluma, pero é preciso que adiviñedes a miña presenza nos rostros entristecidos de quen sofre o peso da vida. Son paz, pero provoco conflitos. Son un apaixonado de Deus, pero devezo polo rostro de cada home ou muller que clama dignidade. O meu é o Espírito, pero non sei moverme sen gozar coa compaña de amigos e amigas. Estou no ceo, pero o meu ceo está na terra. Son só, único, pero na comunidade encontro o meu gozo maior, a miña orixe, o meu destino. Así son eu. Quen quere facer vida comigo?

Preces:

QUE O TEU ESPÍRITO, XESÚS, MOBILICE AS NOSAS VIDAS

  1. Para apaixonarnos por Deus e pola xente débil como ti o fixeches. Oremos.
  2. Para estar a carón de quen sofre coa nosa presenza, coa nosa palabra, co noso alento, cos nosos cartos, con todo o que faga falla. Oremos.
  3. Para ter e ofrecer paz incluso nos momentos tensos, dolorosos da vida. Oremos.
  4. Para ter capacidade de dar a cara, de entrar en conflito, se fai falla, para defender a vida nas persoas, na natureza. Oremos.
  5. Para ter alegría e compartila na familia, na parroquia, na Igrexa. Oremos.
  6. Para buscar sempre a verdade das cousas, da vida, en cada momento da nosa historia e da historia da nosa sociedade. Oremos.

Pregaria:

Grazas, Xesús!
Canto te admiro,
canto te quero!

Grazas por estar disposto a vir onda min, onda nós,
e a facer vida connosco, no Pai,
nunha experiencia de amor que cura e que libera.

Grazas por nos ofrecer a túa palabra,
os teus feitos, a túa vida toda,
coma camiño seguro que nos leve á unión verdadeira.

Grazas, Xesús, polo teu Espírito,
o Paráclito, o Valedor,
o Valedor do pobo,
o Valedor da xente débil sobre todo,
o meu Valedor, polo tanto,
xa que tanta é a debilidade presente na miña vida!

Grazas polo teu Espírito,
que nos abre os ollos,
que nos trae o teu recordo vivo,
que nos ensina para ir acertando co teu estilo
no medio do momento presente.

Grazas, Xesús, pola túa paz,
tan túa, tan propia, tan especial,
que nos custa entendela e acollela,
vivila, agradecela e compartila.

Grazas pola valentía que vén de ti,
para podermos vencer medos e angustias,
nas horas baixas, nas horas tenebrosas,
como as que estamos vivindo.

Grazas pola túa alegría
que queres compartir connosco.
Grazas porque queres facer noso todo o teu,
para que nós fagamos tamén teu todo o noso.

Grazas, Xesús,
canto te admiro,
canto te quero!


Signo:

  • Algún rostro de Xesús (algunha icona expresiva)
  • Símbolos de paz.
  • Algunha imaxe de luz e de esperanza.
  • Imaxes de valentía, de loita, de conflitividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.