UN NENO NACEU NA ALDEA
Naceu un neno na aldea,
ai, que contento!,
é unha festa ver nacer
nenas e nenos.
Belén de Begonte |
dinlle María,
fiel a Deus e fiel á xente,
día tras día.
Labrego é o seu pai,
dinlle Xosé,
honrado cal non hai outro,
home de fe.
E cando naceu o neno,
naceu a luz,
naceu a paz, a alegría,
naceu Xesús.
Pois tal nome lle puxeran
os seus papás,
contaxiando cos seus soños
a aquel rapaz.
Soños de vida e futuro
en toda a aldea,
honor para a veciñanza,
xente pequena.
E fixeron moita festa,
canta alegría!
Un neno máis na parroquia,
Deus bendicía.
O Deus grande e poderoso,
aquí agochado
entre as lindezas miúdas
duns namorados.
Deus gusta de camiñar
ao pé da xente,
botando nos corazóns
boa semente.
Para que a terra e o pobo
así produzan
pan e esperanzas arreo
e o pobre luza.
E cantaron e bailaron
todo aquel día,
e comeron e beberon
con regalía.
Non era, non, para menos
o sucedido,
nacera un neno no pobo
do Deus bendito.
Un neno que había ser,
pasado o tempo,
home curtido e fiel,
do pobo alento.
Amoroso cos máis débiles,
duro cos fortes,
amosando os dons de Deus,
a mellor sorte.
Ai, se na aldea nacesen
nenas e nenos,
para soster a esperanza
que vai a menos!
Ai, se as casas se enchesen
da vida nova,
que ao abrigo de Deus
nace e xermola!
Manuel Regal Ledo
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.