Evanxeo: Xn 11, 1-45
Comentario:
Antes de nada, empecemos reparando na humanidade de Xesús que se deixa ver neste relato evanxélico: había un home, Lázaro, a quen Xesús quería moito; tamén lles quería moito ás súas irmás, Marta e María; ía visitalos, comía con eles tres, conversaba con elas; cando soubo da morte de Lázaro sentiuno moito, saloucaba, chorou por el, ... Un Xesús normalmente humano, que vivía e sentía as cousas da vida como nós as podemos sentir, e seguro que con moita máis fondura. Este é Xesús, o noso Xesús, o teu Xesús, o meu Xesús, que, na fe, quere establecer con todos e cada un, cada unha, de nós unha relación íntima, unha relación de amigo, para desde aí abrirnos o seu corazón e compartir connosco toda a vida que levaba dentro de si, que era moita. Nunca valoraremos abondo os feitos de trato e consideración coa xente, de convivencia cálida cos veciños e veciñas, con amigos e amigas. Neses intercambios normais da vida de cada día está fluíndo entre nós a graza e a bendición de Deus.
A vida é o máis fermoso que temos a xente, é o que máis apreciamos todos/as, agás algunhas persoas moi rotas que chegan a desexarse a morte e ás veces a buscala pola propia man. Todos, todas, desexamos vivir e vivir ben, e este desexo fondo que hai en nós responde a esa sede de vida que Deus colocou nas nosas raíces. Agora ben, hai vidas e vidas. "Iso si que é vida", dicimos ás veces; pero tamén dicimos: "vaia vida máis pobre". Porque é certo, pode haber vidas desgraciadas, vidas baleiras, vidas amargas, vidas tristes, vidas que non son vida, vidas mortas, vidas estragadas polo mal e pola maldade. Seguro que non nos custa atopar arredor noso persoas nestas circunstancias. Igual algún, algunha de nós mesmas pode estar nesta circunstancia. E esas vidas ás veces son así polo abandono das propias persoas, pero moitas veces sono tamén e principalmente porque esas persoas sen vida son maltratadas pola xente que as rodeamos ou incluso polos poderes públicos que deberían estar ao servizo delas. Non está pasando moito diso nos tempos que vivimos? Xesús está a favor da vida, con ganas sempre de poñer vida naquelas vidas, naquelas persoas e casas onde a vida escasea. Somos algo coma Xesús na comunidade cristiá da que formamos parte?
Pero tamén hai vidas dignas, vidas abundantes, vidas felices, vidas auténticas, vidas redondas, vidas cheas de ben e de bondade, vidas con semente manifesta de eternidade, vidas que paga a pena vivilas. Igual a nosa entra neste grupo de vidas. Oxalá! É posible que coñezamos persoas que levan unha vida así, e felicitámolas por iso e sentímonos empuxados por elas a poder conseguir outro tanto: poder vivir unha vida sa, no corpo e no espírito, unha vida recoñecida, digna, ben integrada socialmente, alegre. Canto lle gusta isto a Deus, que é a fonte de toda vida! Canto lle gusta a Xesús, que veu para que teñamos vida abundante! Canto lle gusta ao Espírito, que permanentemente está alentando camiños de vida! Quen se achega a unha comunidade cristiá, quen forma parte dela, sería normal que se sentise sempre axudado/a a ter esa vida abundante que Xesús soñaba para a xente que o rodeaba. O espazo cristián sería ben que foxe un espazo de moita vida.
E que é o que fai que unha vida sexa auténtica, abundante, feliz ou non? Os cartos poden axudar a algunhas cousas imprescindibles para unha vida digna, e está ben que os busquemos para esa finalidade; pero a vida auténtica non a producen os cartos, e ben nos cadra tamén, senón soamente as persoas ricas poderían aspirar a iso. O Evanxeo de hoxe anúncianos que Xesús é a fonte dunha vida auténtica, forte, máis forte do que a mesma morte. E a vida Xesús viviuna rodeada de humildade, de valentía, de apoio á xente marxinal, de servizo, de alegría, de resistencia, de honradez total, de fidelidade total a Deus Pai, de empeño total tamén pola xente, pola comunidade, polo pobo; e así tivo vida, ten vida e faise para nós vida e resurrección. Quen cre neste Xesús, quen lle abre as portas, terá vida a proba de bomba, a proba de morte. Nesta vida primeiro, vida eterna cando chegue a hora.
No encontro da Eucaristía podemos gozar, compartir, con Lázaro, Marta e María, a compaña de Xesús, a súa palabra viva, os camiños para ter vida e a esperanza de tela e tela en abundancia, agora e eternamente.
Preces:
EU SON A RESURRECCIÓN E A VIDA
- Señor Xesús, que, algo coma ti, saibamos alternar e solidarizarnos coa xente que sofre ao noso carón, e acompañala no seu sufrimento e esperanzas cando poidamos. Oremos.
- Señor Xesús, que nos deixemos acompañar por ti, coma un amigo íntimo, nas horas de angustia e sufrimento, para poder gozar do teu consolo e alento de vida. Oremos.
- Señor Xesús, que, algo coma ti, colaboremos con todo o que leve valoración, esperanza, alegría, dignidade, vida á xente do noso barrio, pobo e parroquia. Oremos.
- Señor Xesús, que nos saibamos abrir aos gozos e problemas do mundo, que teñamos, algo coma ti, unha olla da aberta e un corazón sen medida. Oremos.
- Señor Xesús, que todas as comunidades cristiás, toda a Igrexa, sexamos canles fieis polos que a túa vida chegue á xente, sen trampas nin atrancos. Oremos.
Pregaria:
Que gozo verte, Xesús,
unido en amizade con veciñas e veciños,
indo ás casas,
comendo, falando,
compartindo ledicias e pesares!
Que podo facer eu?
Que consolo dá verte chorar,
porque che doe o sufrimento alleo,
e amas a amigas e amigos,
e buscas o mellor para as súas vidas.
Que podo facer eu?
Amabas a vida, Xesús,
amábala e servíala,
poñéndote sempre do lado da xente que máis sufría,
que máis esperaba cambios e melloras,
e comprometías con ela a túa existencia.
Que podo facer eu?
Soñabas con persoas novas,
soñabas cun pobo novo,
soñabas cunhas relacións novas entre a xente,
marcadas polo respecto e a comprensión,
pola tenrura e a misericordia,
polo alento mutuo para o cambio e a mellora.
Que podo facer eu?
Tiñas unha paixón entrañable pola xente,
por toda a xente,
a todas e todos lles sabias abrir novos camiños
de máis e mellor fidelidade a Deus,
de máis e mellor humanidade.
Que podo facer eu?
Eras un pozo de vida,
aberto a quen a ti se quixese achegar,
ríos inmensos de vida saían cada día das túas mans,
da túa palabra, do teu corazón,
Que podo facer eu?
Eras vida e resurrección
ante as situacións máis cegas,
ante vidas máis rotas,
ante as esperanzas máis fracasadas,
ante os corpos máis maltratados,
ante as persoas máis abusadas.
Que podo facer eu?
Signo:
- Unhas cerdeiras floridas.
- Nenos e nenas rindo.
- Xente maior unida, alegre.
- Un inmigrante subsahariano celebrando a entrada en España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.