07 abril, 2017

9 de abril: Domingo de Ramos (A)


Evanxeo: Procesión dos Ramos: Mt, 21,1-11
                    Misa: Mt 26, 14-27, 66

Comentario:

O que Xesús fixo na súa entrada "triunfal" en Xerusalén foi un xesto profético, ao estilo dos xestos proféticos dos antigos profetas; é dicir, algo que chame moito a atención da xente, que pete na súa conciencia e que a faga pensar. Xesús neste caso fai unha parodia, unha burla dos poderes imperiais, que adoitaban organizar este tipo de entradas triunfais (desfiles, tropas, inimigos encadeados, aplausos, loanzas...) para deixar en claro o seu poderío, a súa capacidade de oprimir e de impoñer silencio e pavor ás vítimas. Xesús pretende ridiculizar ese poder, que para el era o poder dos xefes dos pobos que tiranizan e asoballan (cf. Mt 20,25), e presenta a súa opción por outro tipo de relación social, non baseada no poder esmagador, inhumano, senón no respecto, na consideración coa xente máis débil, no servizo a ese tipo de persoas.

E para iso, no canto de cabalos engalanados, pide unha burra que cobre con mantos, un animal humilde, popular, vinculado ao traballo, á carga, ao servizo; no canto de tropas, hai uns grupos de homes, mulleres, nenos e nenas do campo que viñan tamén de peregrinación a Xerusalén; no canto de discursos laudatorios, hai os berros de persoas que anuncian ao que vén no nome do Señor; e, no canto de rengues de prisioneiros sobre os que montar o seu dominio, hai no ánimo de Xesús unha vontade firme de facerse servidor de todos e todas, ata a mesma morte. Ridiculiza un estilo de vida, e propón outro, avalado polo mesmo Deus. A Paixón, que pouco máis adiante, describirá o evanxelista, narra a confrontación entre estes dous modelos de vida. Que no domingo de Ramos reproduzamos na nosa celebración esta entrada de Xesús en Xerusalén non é só algo simpático, festivo, case de xogo, senón que nos provoca a tomar partido entre un modo e outro de ser persoa, de establecer relacións sociais, de construír as nosas comunidades e parroquias, os nosos pobos e cidades. Moito que aprender, desde logo, moito no que reflexionar e cambiar. A quen vitoreamos nós, a quen chufamos, a quen votamos, a quen seguimos? Tras de quen van os nosos corazóns, as nosas vidas?

Isto pódenos valer moito para entrar con bo pé cristián e con proveito na Semana Santa. Entrar da man de Xesús. Desde aí podemos ler hoxe a Paixón segundo san Mateu, un relato moi denso, con diferentes escenas, con diferentes personaxes, con diferentes fraxilidades humanas, con diferentes trazos de dura falta de humanidade, e ao tempo cunha fortísima figura de Xesús, persistente na súa vontade de fidelidade a Deus entendida como servizo total á xente máis débil e pecadora, con amargura, con dor, con sufrimento extremo; cousas todas que nos van levando cara ao acto central de todo o acontecido: o axustizamento, a morte matada, inxusta, de Xesús na cruz, ao xeito das persoas axustizadas por marxinais, por indesexables, por rebeldes, por opoñerse ao sistema de poder romano. Somos seguidores dun axustizado polo poderes políticos e relixiosos daqueles tempos! Nese home así axustizado, nese Xesús de Nazaré, está para nós que o veneramos o rostro e a chamada de Deus!

Así que logo, no relato da Paixón a fidelidade dolorosa e amante de Xesús vaise contrastando cos abandonos e trampas humanas que o van rodeando e empuxando cara ao desenlace final. A morte de Xesús non é algo querido nin por Deus nin polo mesmo Xesús; é aceptada, iso si, como punto final dun proceso de compromiso cun estilo de vida de servizo, que os poderes do momento viviron coma unha verdadeira ameaza. Aceptada e valorada. Esa morte, así vivida, abrirá camiños de vida, para Xesús e para quen se queira asociar a el.


Un bo exercicio de piedade cristiá pode ser ler durante estes días a Paixón de Xesús, un anaquiño cada día, deixándose cuestionar polo pecado das persoas que o foron abandonando ou empuxando á morte, e deixándonos coller pola entrega humildísima e chea de fortaleza de Xesús. E ler e meditar todo isto en clave actual. Moito do vivido por Xesús segue sucedendo agora. Segue en pé o conflito entre o servizo e o poder, entre quen aposta por unha cousa e pola outra. Segue en pé o poderío esmagador dos grandes deste mundo. Segue en pé o pecado e a maldade da xente, e, grazas a Deus, seguen en pé tamén moitas persoas que, coma Xesús poñen a súa vida a disposición da xente máis débil seguindo nisto o querer de Deus. E nós aí no medio, formando parte dese drama vital, sobre o que se constrúen os nosos días, o noso presente, o noso futuro. A carne da xente máis débil e desesperada é a carne, o corpo crucificado de Cristo, como repetidamente nos recorda o Papa Francisco.

Podemos implicarnos nunhas celebracións sinxelas, fondas, calmosas para esta Semana Santa. Así poderemos revivir nas nosas vidas, con Xesús, o que Xesús no seu momento viviu en favor de toda a humanidade.


Preces:

MORRO DE TRISTURA, QUEDADE AQUÍ E VIXIADE COMIGO
  1. Quedemos e vixiemos con Xesús, acompañándoo e deixándonos acompañar por el na fidelidade a Deus, na aposta por unha vida de servizo á xente máis desprezada polo conxunto da sociedade, pola relixión tamén. Unámonos de corazón a Xesús.
  2. Quedemos e vixiemos coa xente que sofre por non ter fogar, por non ter traballo, por non poder atenderse na súa saúde, por non ter que comer. Unámonos de corazón a Xesús.
  3. Quedemos e vixiemos coa xente inmigrante, a que está á espera de poder entrar no seu paraíso soñado, que é España, Europa, e a que xa está entre nós malvivindo de moitas maneiras. Unámonos de corazón a Xesús.
  4. Quedemos e vixiemos coas mulleres marxinadas, abusadas, maltratadas, matadas, apostando firme por un futuro mellor en igualdade e respecto absoluto. Unámonos de corazón a Xesús.
  5. Quedemos e vixiemos con aquelas persoas concretas que cada un, cada unha de nós vemos como especialmente vulneradas ou vulnerables, comprometendo con elas, algo polo menos, as nosas vidas. Unámonos de corazón a Xesús.


Pregaria:

Bendito o que vén
no nome do Señor!

Bendito quen se achega
cal manso servidor.
Bendito quen se move
tan só que polo amor.

Bendito quen alenta
o pobo loitador.
Bendito defende
as causas do menor.

Bendito quen camiña
cos pobres a carón.
Bendito quen critica
o grande abusador.

Bendito quen se opón
á discriminación.
Bendito quen abraza
calquera igualación.

Bendito quen avanza
con paz e con vigor.
Bendito aquel que abre
carreiros de ilusión.

Bendito quen se goza
con todo o que é unión.
Bendito quen fai pobo
sen medos, con ardor.

Bendito quen non busca
as chufas do arredor.
Bendito quen ignora
a voz do criticón.

Bendito quen non teme
pasar por perdedor.
Bendito quen en Deus
terá consolación.

Bendito o que vén
no nome do Señor.


Signo:
  • Unha escena da entrada de Xesús en Xerusalén.
  • Imaxe da burra, símbolo do contrapoder.
  • Imaxes de ramos e palmas (pero non luxosas).
  • A imaxe de Casaldáliga



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.