24 xaneiro, 2018

Tempo Ordinario: 4ª semana


28 de xaneiro: 4º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 21-28

Meditación

Xesús estivo no medio de nós levantando sempre o ánimo da xente. A ensinanza de Xesús non eran "rollos" doutrinais; era palabra viva, que chegaba á vida, aos problemas da xente; sintonizaba con eles e daba forzas para afrontalos. Vivimos e compartimos así a ensinanza de Xesús?
Malos espíritos témolos todos, o que non quere dicir que anden por aí, ao redor de nós, demiños con cornos e rabo. Todo o que nos desalenta, o que nos anula, o que nos despreza, o que nos rouba a dignidade, o que nos desune, é un mal espírito; podémoslle dar entrada na nosa vida ou non. Non é doado combater eses malos espíritos. Xesús dános forza para facelo. Xesús dános o recurso da comunidade cristiá para facelo. Xesús dános a compaña de persoas crentes no humano e no divino para facelo.

Oración

Quero aprender, Xesús, de ti
a berrarlle aos malos espíritos,
eses que afogan a vida da xente,
a miña tamén,
e nos rouban o gozo de vivir.
Quero ter poder coma ti, Xesús,
para dicirlles con poder:
cala e vaite de aquí,
espírito de chulería,
espírito de desunión,
espírito dos desprezos,
espírito dos abusos,
espírito dos desalentos,
espírito dos enchufes,
espírito da murmuración,
espírito da corrupción.
E así, sen chulerías, Xesús,
con toda a humildade do mundo,
poder participar do teu poder,
e alegrar a miña vida e a vida da comunidade.

Acción

Pensa nalgún mal espírito que che estea amargando a vida; fai algo por combatelo. Pensa nalgún mal espírito que estea amargando a vida da comunidade cristiá, ou do conxunto da parroquia, do pobo, que podes facer para axudar a combatelo?


29 de xaneiro: luns da 4ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 5, 1-20

Meditación

Un relato fabuloso que posiblemente non debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase realmente. Era frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade ou por tolemia, vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores dos pobos. A esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que o seu mal era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se achegaba a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.
Xesús entra en contacto cunha desas persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala con ela, escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa dos seus males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque estaba cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado polo benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso víase ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula do relato e carece de importancia no mesmo.

Oración

Grazas, Xesús,
por seres tan considerado sempre
coa xente máis marxinal dos pobos.
Grazas, Xesús,
polo teu poder de ben
que poñías sempre ao servizo da xente débil.
Grazas, Xesús,
porque tamén me atendes a min
nas miñas fraxilidades.
Grazas, Xesús,
porque nos amosas claramente o camiño
para seguirte na nosa vida veciñal.

Acción

Seguro que coñeces a algunha persoa que na túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes achegarte algo a esa persoa e transmitirlle aprecio, atención?


30 de xaneiro: martes da 4ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 5, 21-43

Meditación

Daquela, moito máis aínda ca hoxe, había enfermidades e enfermidades que amargaban a vida da xente. Pero tamén nós con frecuencia nos vemos enfrontados con enfermidades tremendas, que rompen vidas e familias. O primeiro que facemos e ir cabo dos médicos, canto mellores, mellor, para atopar remedio. E queremos que o Servizo Galego de saúde funcione ben. E facemos ben. A medicina é unha presenza preciosa do Reinado de Deus no medio da xente. Meternos nela é dalgunha maneira coma meternos no mesmo Deus.
Pero hai algo máis. Os homes e mulleres somos corpo e espírito, un termando do outro, un axudando ao outro. Un espírito san, positivo, esperanzado, confiado, sereno, crente, ten moito máis poder de axudar a un corpo debilitado. A fe pode axudarnos moito niso. Porque, sas ou enfermas, sabémonos fondamente acollidas por Deus. Porque sans ou enfermos, cremos que a vida non acaba para nós na debilidade do noso corpo.
Oración
Na saúde e na enfermidade,
confío en ti, meu Deus.
Na esperanza e no desespero,
confío en ti meu Deus.
Na dor e no alivio,
confío en ti meu Deus.
Na vida e na morte,
confío en ti, meu Deus.
Acción
Loita para defender unha boa sanidade pública, non permites que a deterioren de ningunha maneira. Revisa como vives ti as enfermidades que vaias tendo; vívelas como persoa crente ou como se non o foses? En que o notas?


31 de xaneiro: mércores da 4ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6,1-6

Meditación

De onde lle viña a Xesús a súa enorme capacidade de facer o ben, de rehabilitar as persoas, de poñelas en paz fonda consigo mesmas e co Deus, Pai ou Nai de todo o mundo? De onde lle viña a súa humildade suma, e a súa valentía sen medida para enfrontarse ao mal e a quen o facía? De onde lle viña esa sabedoría sen límites que lle permitía chegar ao corazón da xente, iluminalo coa súa luz, fortalecelo para emprender camiños novos? De onde lle viña tanta paz, tanto perdón, tanta resistencia, tanta rebeldía?
Iso é o que non entendían os seus veciños e veciñas. Coñecíano ben, a el e a súa familia toda. Todos eran xente ben humilde e normal. Non entendían que eran cousas do Espírito de Deus, que non anda chuleando de títulos nin de fidalguías. Por sorte ese Espírito non se merca con cartos. Recíbeo gratis quen baleira o seu corazón e fai sitio para acollelo.

Oración

Que saiba ser humilde, Xesús,
para escoitarte,
e acoller o que me queiras dicir,
sexa cal sexa o medio humilde
que ti empregues para falarme.
Quen nunca desprece o que é pobre e pequeno,
ao revés,
que entenda de corazón
que é entre o pobre e o pequeno
onde mellor poderei atoparte e tratarte.
Que así sexa, Xesús, que así sexa.

Acción

Pensa se algunha vez desprezas en algo a vida e o saber dos teus veciños ou veciñas por seren xente normaliña. Deixa de facelo.


1 de febreiro: xoves da 4ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6,7-13

Meditación

O normal é que, se as cousas de Xesús nos enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido, pois que as compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos ben. E, se Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o que nos falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!
Non é doado actuar gratuitamente, actuar desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na sociedade funciona desde o interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá buscando carto, poder, prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén esperando carto, poder e prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a que se cren moitísimas desigualdades entre a xente, a que os máis débiles queden sempre por debaixo.
O de Xesús é realmente revolucionario. Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para a xente, e facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos invitada a todos e todas nós tamén.

Oración

Que a miña actividade, Xesús,
estea sempre limpa de interesadas intencións.
Que aprenda contigo, Xesús,
a falar de balde,
a actuar de balde,
sen cobrar nunca nada
nin en cartos,
nin en influencias interesadas,
nin en poder,
nin en afectos que someten.
Desinteresada, pobre é libre coma ti, Xesús,
algo polo menos, por favor!

Acción

Es totalmente desinteresado na túa colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco. Cambia o que teñas que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo os mellores servizos.


2 de febreiro: venres da 4ª semana do Tempo Ordinario, festa da Presentación do Señor

Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2, 22-32)

Meditación

Chaman a atención o velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á espera do vento novo do Espírito.
Os nosos tempos son tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.

Oración

Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
que a luz que de ti naceu
ilumine as nosas vidas.

Que o mundo rural atope
en Xesús alento e vía
para afrontar os problemas
que o premen con teimosía.

Ai, Virxe da Candeloria,
que medren o amor e a vida,
cando os paxaros namoran
e a primavera convida.

Que coidemos a esperanza,
cunha fe sinxela e viva,
envolvéndonos na unión,
no servizo, na alegría.

Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
nas túas mans confiamos
as nosas noites e días.

Acción

Podes acender hoxe unha veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos mutuamente.


3 de febreiro: sábado da 4ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 30-34

Meditación

Unha persoa, unha comunidade cristiá medra cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e compromisos persoais e comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén medramos cando miramos polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo para o descanso, para o xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén medramos cando, por riba de todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as decisións é a presenza do pobo que anda decaído, esmorecido, como abandonado da mans de Deus. Xesús, ao que se ve, era un experto en todo isto, en tanta humanidade. Que sorte tiveron con el os seus seguidores e seguidoras, e que sorte temos nós tamén de telo así ao noso lado!

Oración (polo san Brais)

San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
das gorxas curadas,
da boa palabra.

Do falar humilde,
das palabras sabias,
do falar con xenio,
das palabras mainas.

San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
da fala galega,
abondo tripada.

O santo da fala,
das gorxas curadas,
das palabras doces,
das palabras bravas.

San Brais, santo amigo,
das verbas caladas,
das palabras cheas,
das verbas preñadas.

O santo da fala,
das gorxas curadas,
dos cantos de fadas,
das linguas ceibadas.

San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
do pano ao pescozo,
das roscas que agradan.

Acción

Pénsao, que tempo dedicas ao ocio, ao descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a rir? Xesús quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.