Na miña debilidade acóllome a ti.
Introdución
Somos moi fráxiles, somos po, míresenos por onde se nos mire. No fondo desa debilidade está Deus, facéndoa patente, acompañándoa, iluminándoa, abríndoa a unha plenitude inimaxinable. Todo deixándonos envolver pola bondade comprometida do noso Deus.
Signo: Unha cunca con cinza
1.- Salmo 90 (versión á luz do Evanxeo)
SEÑOR, TI FUCHES O NOSO AMPARO
DE XERACIÓN EN XERACIÓN
Señor, ti fuches o noso refuxio
ao longo das xeracións.
Antes que os montes xurdisen
e fosen formados aterra e o mundo,
desde sempre e por sempre ti es Deus.
Mil anos ante ti
son coma un onte que pasou,
coma unha vixilia na noite.
Ti falos pasar e son coma sono mañanceiro,
coma herba que agroma:
de mañá florece e verdea
e á tarde ségana e seca.
SEÑOR, TI FUCHES O NOSO AMPARO
DE XERACIÓN EN XERACIÓN
Sen o teu amor desfalecemos,
sen o teu coidado desmaiamos,
esmágannos as nosas culpas,
escurecen á luz da túa ollada.
Lonxe das túas mans, os nosos días esvaecen,
os nosos anos acaban coma un suspiro.
A nosa vida é de setenta anos,
de oitenta a das persoas máis fortes;
e os máis deles son de traballos e miserias.
esvaecen de présa e nós voamos.
Quen puidese valorar a forza do teu amor,
agradecer a desmesura da túa bondade!
SEÑOR, TI FUCHES O NOSO AMPARO
DE XERACIÓN EN XERACIÓN
Porque ti nos ensinas o valor dos nosos días,
nós aprendemos a vivir con sentido.
Por canto tempo, Señor, lonxe de ti?
Canto nos tarda a túa liberación!
Que chegue axiña a fartura da túa misericordia,
para que a nosa vida teña
felicidade e ledicia.
Que a túa alegría nos envolva e nos cure
de tanto traballo e aflición.
Que se vexa a túa obra nos teus servos
e a túa gloria nas túas fillas.
Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco
e que el asegure as accións das nosas mans.
SEÑOR, TI FUCHES O NOSO AMPARO
DE XERACIÓN EN XERACIÓN
2.- Facémonos eco do salmo (con brevidade)
3.- Imposición da cinza:
N...., RECOÑECE A TÚA FRAXILIDADE
ACÓLLETE AO AMPARO DE DEUS E DA COMUNIDADE.
4.- Ao acabar este momento, erguémonos, coas mans xuntas en alto, acollemos e sostemos con este xesto a debilidade das demais persoas; pensamos tamén en persoas débiles con calquera clase de debilidade que queiramos incorporar a esta oración.
COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS,
COMO CHE CANTAREI.
COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS,
TAN POUCA COUSA EU SON.
5.- Rematamos todo rezando o Noso Pai, Nai, en quen vivimos e existimos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.