05 abril, 2018

Tempo de Pascua: 2ª semana


8 de abril: Domingo 2º de Pascua

Evanxeo: Xn 20,19-31

Meditación

Lido este evanxeo, podémonos preguntar: como é unha comunidade que cre en Cristo resucitado? Como son os homes e mulleres que a compoñen? Pois é unha comunidade pacificada, cunha paz fonda, que fortalece para pasar por horas boas e malas. É unha comunidade que se sente empuxada por Xesús a continuar a súa tarefa: a súa maneira de sentir a Deus, a súa maneira de crear irmandade entre a xente. É unha comunidade que para tal misión conta co regalo do Espírito Santo que nos chega a través de Xesús. É unha comunidade capaz de vivir o perdón, dándoo e recibíndoo. É unha comunidade que convive coas dúbidas, coas inseguridades. É unha comunidade que se fortalece co contacto diario con Xesús. É unha comunidade que mete as mans nas feridas deste mundo, para descubrir nelas a presenza viva de Cristo clamando solidariedade. É a comunidade de quen cre con humildade, e en Xesús pon toda a súa confianza para pasar por este mundo, coma el, facendo o ben, practicando a xustiza.
É así a nosa comunidade? Somos así cada un, cada unha de nós? Traballamos por irnos achegando a esta forma de vida e de convivencia?

Oración

Meu Señor e meu Deus!
Admírote, agradézote,
sígote, uno a miña vida á túa,
e neste empeño gasto todo o meu tempo.
Ti es o meu amigo entrañable e mestre,
ti es quen me leva da man
para achegarme con verdade ás soleiras de Deus,
para achegarme con verdade tamén
ás soleiras da humanidade,
ao centro da familia, da comunidade, da sociedade;
e vivir aí en todo
como unha irmá, un irmán solícito,
nin máis nin menos;
no nome do amor inmenso, universal,
que ti nos descubriches e ofreciches
como o mellor regalo da vida.
Meu Señor e meu Deus!

Acción

Crer ou non crer non é cuestión de teorías e discusións. Axúdannos e axudamos a crer cando compartimos vida, cando narramos como vivimos a fe e como a fe nos axuda a vivir. Igual podemos compartir a nosa fe con algunha persoa que ande insegura, que dubide de Deus.


9 de abril: luns da 2ª semana de Pascua
Anunciación do Señor, solemnidade trasladada do 25 de marzo. Xornada pro vida.

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Meditación

No corazón da Pascua recordamos este ano a Anunciación do Señor, é dicir, o anuncio da súa chegada. Xuntamos, logo, o primeiro paso da existencia de Xesús no tempo co momento último co que se coroou toda a súa vida. O principio e o remate. De Deus como Fonte a Deus como Fogar. Todo unido por unha longa historia de fidelidades humildes, pero consistentes: a fidelidade de María e Xosé, aceptando unha maternidade e unha paternidade que compartiron co Espírito, coa Forza de Deus que todo o vai dispoñendo de maneira calada e efectiva; a fidelidade de Xesús, que en todo momento se deixou levar polo Espírito, en todo momento estivo á escoita obediente da voz do Pai/Nai en si, na vida, na xente, nos acontecementos; o Xesús fiel ata morte á consigna do Pai de se acaroar especialmente ao máis fráxil de canto existe; a fidelidade do mesmo Deus, empeñado en vincularse a fondo con toda a súa creación, e, dentro dela, co ser humano, os homes e mulleres todas, sen distinción de raza, sexo ou relixión, feitas á súa imaxe e semellanza.
Todo son fidelidades nesta historia humildemente marabillosa. Estará aí presente tamén a nosa particular fidelidade?

Oración

Estou envolt@ nunha morea de fidelidades, meu Deus,
divinas e humanas,
que me permiten ser o que son,
amar o que amo,
gozar o que gozo,
loitar o que loito,
vivir o que vivo:
desde a miña nai e o meu pai,
a terra fecunda,
o panadeiro que pasa,
a médica que atende,
o bus que se achega…
ata ti, meu Deus, que nunca fallas ás citas.
Tanta fidelidade desbórdame,
admírame, descolócame,
alégrame, aléntame,
fai que me pregunte:
e non poderei eu,
por máis que sexa débil como son,
sumar a miña persoal fidelidade a tantas fidelidades,
para facer deste mundo xa un anaco de ceo,
e do meu corazón un anaquiño sombrizo de Deus?

Acción

Podemos revisar os nosos compromisos, as nosas fidelidades. Igual nalgunha delas podemos dar un paso adiante, para sumarnos así á fidelidade de María e Xosé.


10 de abril: martes da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 5a.7b-15

Meditación

Paga a pena deternos nisto: Deus ama o mundo, a súa ansia maior é que todo o que é mundo, todo o que é creación, se desenvolva en plenitude: a natureza toda cos seus elementos inanimados, coas plantas, cos animais, cos seres humanos, todo xunto nunha completa comuñón, chea de respecto, de agradecemento mutuo, de coidado mutuo, de fondo sentido de complementariedade. Que a vida floreza en nós, seres humanos, en todo home ou muller, e en todo o noso entorno. Que a vida floreza especialmente naqueles espazos naturais, naqueles seres, naquelas persoas que están máis en risco de non poder ser, de non poder vivir en felicidade, cunha vida digna, satisfeita, a todos os xeitos.
Esa é a aposta fundamental de Deus con toda a súa creación, na que estamos incluídas cada unha, cada un de nós coa nosa particular historia, na nosa particular situación. Isto é o nacer de novo, que o Espírito alenta, que Xesús posibilita; na cruz abriunos o campo, amosounos o camiño, ofreceunos o método: amar e servir con fondo sentido de comunidade, e deunos a forza por sen con Deus creadores do noso destino.

Oración

Grazas, meu Deus,
por nos quereres tanto,
por nos capacitares para unha vida digna e abundante.
Grazas por Xesús,
que ti nos ofreces
para ollarmos nel
a maneira de sermos homes e mulleres
satisfeitas, en irmandade fonda e veraz.
Grazas polo Espírito que nos dás,
que vén de ti cara a nós
para soster o noso esforzo,
para aliviar as nosas canseiras,
para empuxar as nosas esperanzas,
para alegrar e consolidar as nosas vidas.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

Podemos empeñarnos en vivir este día ben contentos, sabéndonos tan queridas por Deus. Podémolo demostrar cantando, festexando algo. Tamén sendo máis solícitas en compartir o amor de Deus con outras persoas servíndoas con moita alegría no que máis necesidade teñan.


11 de abril: mércores do 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 16-21

Meditación

En Xesús Deus ofrécenos unha maneira de vivir curadora, liberadora. Ofrécenos o camiño de encontro co Deus Pai/Nai que nos sustenta en todo momento, que nos envolve en cada instante coa súa vontade amorosa e servidora. Ofrécenos luz para a vida, ensínanos a vernos a nós mesmas como persoas sempre queridas, sempre merecedoras de aprecio; ensínanos a ollar a xente que nos rodea da mesma maneira. Ofrécenos poder vivir como unha grande familia, na que, como pasa nas familias normais, a persoa máis débil é mellor atendida. Ofrécenos perdón para espertar cando desfalecemos e nos deixamos levar por olladas de dominio, de individualismo. Ofrécenos Espírito para resistir as forzas propias ou alleas que nos queren torcer este camiño de encontro e de unidade.
Non por dicir que cremos en Xesús xa está todo feito. Tampouco non podemos condenar a quen non cre en Xesús. Este Espírito de Deus do que falamos anda tamén no medio de xentes e pobos que non teñen fe en Xesús, pero que á hora da verdade actúan conforme a ese fondo de humanidade polo que Xesús apostou vivamente no nome de Deus. E iso é o importante.

Oración

Si, claro que si, meu Deus,
podo escoller as tebras no canto da luz,
a falsidade no canto da honradez,
o aproveitamento no canto do servizo,
a indiferenza no canto da solidariedade,
a corrupción no canto da transparencia,
as trampas no canto da xustiza,
o vicio no canto da moderación,
as dependencias no canto da liberdade,
a mentira no canto da verdade,
o odio no canto do amor,
e así, así,
que difícil resulta amañar a propia vida!
Só ti, meu Deus, es quen de me fortalecer.
A ti me encomendo.

Acción

Podemos mirar se nalgún campo da nosa vida nos permitimos andar en escuridade, é dicir, fóra do esplendor da Pascua. Algo poderemos facer para a luz de Cristo resucitado alumee e recupere esas escuridades.


12 de abril: xoves da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 31-36

Meditación

Deus non está fóra de nós, do mundo; Xesús non veu de fóra para facer o seu traballo e volverse para a súa casa do ceo. Ás veces non sabemos ben como explicar o misterio da vida sostida e alimentada polo Espírito de Deus. Pero ese é o noso misterio. Ese foi o misterio de Xesús: home en todo coma nós, pero, iso si, completamente fiel sempre ao Espírito de Deus, a Deus mesmo. Do que el foi aprendendo e vivindo é do que el nos fala; transmítenos a súa experiencia; compártea connosco. Todo ole en Xesús a fidelidade, a verdade, a desprendemento, a solidariedade, a amor. Podémonos fiar del. Hai nel un camiño certo de vida. Iso polo menos cremos as persoas que tivemos a sorte de o ir coñecendo e de introducirnos polo seu camiño de vida. Estamos chamadas a ser testemuñas diso, coa nosa vida sobre todo, tamén coa nosa palabra. Como fai Deus sempre, como fixo Xesús, propoñemos iso humildemente a quen queira aceptalo. Non xulgamos a ninguén, non condenamos a ninguén, non ameazamos a ninguén. Queremos a todo o mundo e gustaríanos que todo o mundo participase do ben que nós atopamos en Xesús, en Deus.

Oración

Grazas, meu Deus,
porque es fiel.
Grazas porque cada día, cada hora,
estás aí, ao pé da nosa vida,
sosténdoa, alumeándoa, fortalecéndoa.
Grazas porque es abundante nos teus dons:
dásnos o teu Espírito sen mérito nin medida.
Grazas por Xesús,
esa xoia de ser humano,
no que ti te nos amosas claramente,
no que nós intuímos a verdade da nosa existencia.
Grazas, meu Deus.
En que misterio de vida nos envolves,
con canta solicitude nos abrazas!

Acción

Se somos tratadas por Deus con tanto agarimo, sería ben que nós fosemos testemuñas del envolvendo en agarimo e coidado todas as cousas que facemos, todos os animais cos que vivimos, todas as persoas que nos rodean. Con amor e con xustiza.


13 de abril: venres da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: 6, 1-15

Meditación

Quen é o Xesús resucitado, que celebramos e agradecemos nestes días de Pascua? Onde descubrir a súa presenza viva no medio de nós? Non é un Cristo estraño que se refuxia en Deus, despois dunha tarefa xa cumprida. É un Cristo ao pé da xente, ao pé das dores da xente enferma ou sedenta. Un Cristo gustoso da soidade que pacifica e que libera, pero que por iso mesmo escoita axiña o reclamo da debilidade. É un Cristo que nos mobiliza ante as carencias, que nos esperta para a colaboración, para poñer o propio ao servizo do comunitario, con formas persoais ou con sistemas sociais, políticos. É o Cristo capaz de fartar fames fondas, máis alá da fame de pan de cada día, sen esquecer este. É o Cristo servidor, que non quere esquecer o seu papel de tal en ningún momento, por moito que a xente, onte e hoxe, nos guste convertelo en rei e señor.

Oración

Servidor,
só servidor,
sempre servidor,
Xesús,
na vida e na morte
e na mesma resurrección.
Coroado de gloria
como o gran servidor,
guía de servidores e servidoras,
mestre de servidores e servidoras.
Grazas, Xesús,
na túa escola de servizo
quero eu entrar.

Acción

Podemos intentar descubrir na nosa vida, na vida da xente que nos rodea, sinais dese Cristo vivo que nos acompaña. Descubrilo, agradecelo, aprender del.


Sábado da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 16-21

Meditación

Que fai Xesús resucitado no medio da comunidade, no medio dos homes e mulleres que cremos nel? Este relato, no que cómpre restarlle importancia ao seu estilo milagreiro, dános algo de resposta. Unha comunidade cristiá sen Xesús ben no medio vai á deriva. Que a noite sexa pecha, que o mar se pique, que o vento pete forte son maneiras de nomear os diferentes atrancos cos que as persoas, ou cada comunidade nos temos que enfrontar. Eses atrancos poden brotar do interior ou do exterior da comunidade ou das persoas. Que Xesús camiñe por riba das augas é unha maneira de dicir que cando lle dámos acollida na vida, na comunidade, as dificultades non desaparecen, pero vémonos capaces de abordalas, porque nos situamos ante elas ao estilo de Xesús: ben asentadas en Deus Pai/Nai, ben confiadas na forza do Espírito, ben fortalecidas pola mesma comunidade. É ben importante permitirnos que resoen con forza no noso corazón, na nosa vida esas potentes palabras de Xesús: Son eu, non teñades medo.

Oración

Son eu, non teñades medo.
Son eu,
estou aquí,
ao voso carón, no medio de vós:
non teñades medo.
Se queredes,
non hai cousa que vos poida arrincar
do lugar da paz,
do lugar da esperanza.
Nin as ameazas interiores,
que cada quen fabrica no seu intimo;
nin as agresións exteriores,
que desde a maldade, desde o poder
se conxuran contra vós.
A fe,
se é sinxela, fonda e transparente,
non vos fará intocable,
pero arredará de vós todos os medos e desalentos.

Acción

Pode ser de proveito que intentemos identificar os medos que nos encollen, como persoas ou como comunidade, sexan do tipo que sexan. Como os afronto desde a fe que temos en Xesús?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.