12 abril, 2018

Tempo de Pascua: 3ª semana


15 de abril: Domingo 3º de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 35-48

Meditación

Moitas das nosas palabras ao redor da resurrección e de Cristo resucitado soan a palabras baleiras, porque no fondo igual estamos baleiros dese encontro vivo, na fe, no espírito, con Cristo resucitado. Énchesenos a boca de grandes palabras. Repetimos o que oímos, o que lemos, o que pega ben, o que é doutrinalmente correcto. Se é así, convertémonos en testemuñas da nada.
Ser testemuñas de todo isto, dicíanos Xesús. Testemuñas non da nada, non da turbación, do desalento, do medo, como tantas veces transmitimos, senón da admiración, da paz, da ousadía. Non por nós mesmas, non pola nosa forza, senón polo vigor que Cristo resucitado acendeu nos nosos corazóns, na nosa vida toda.
Ser testemuñas da vida resucitada. E sómolo cando contemplamos e agradecemos a vida en nós, na natureza, nos animais, na xente. Sómolo cando axudamos a nacer experiencias de vida en persoas e circunstancias amargas, dolorosas. Sómolo cando en nós mesmas lle dámos paso a todo o que nos renova e mellora como persoas. Sómolo cando celebramos a vida en calquera das súas formas. Sómolo cando reservamos unha parte polo menos do noso (o noso afecto, o noso tempo, os nosos cartos, as nosas ansias…), para que tamén outras persoas poidan gozar coa vida. A maior gloria de Deus é o ser humano tendo e dando vida.


Oración

Que saiba descubrirte, Xesús,
ben vivo e resucitado!
Que o saiba facer
alí onde ti gustas amosarte!
Que saiba ollar a vida
en todas as súas manifestacións,
en todas as súas presenzas ou ausencias,
e adiviñar nelas o teu rostro resucitado!
Que saiba admirar, defender, celebrar, compartir vida,
para que ti resplandezas na miña existencia toda!
Que a vida trunfe en todo o mundo,
maiormente en quen máis precisa dela:
xente refuxiada, maltratada, violada, empobrecida…
Que saiba ser, Xesús,
boa testemuña da vida loitada, compartida e agradecida
da vida festexada!

Acción

Podemos reparar en que cousas concretas nós estamos sendo testemuñas de vida, e en que cousas non. Podemos celebrar o primeiro e mellorar o segundo.


16 de abril: luns da 3ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 22-29

Meditación

Durante esta semana leremos o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado “discurso do pan de vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder entendelo e levalo á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia, e non está nada mal iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e dos peixes, e querían beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles a que miren para o porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato, non pensan en máis nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou por devolver a dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como garantir o pan de cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a dignidade dunha persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa fame fonda que todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de recoñecementos, de afectos, fame de solidariedades, de compartir, fame de familia, de comunidade, fame de perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa demais xente, fame … de Deus. E para calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan multiplicado que había pouco calmara a súa fame era un sinal, un símbolo desoutro pan de Xesús, máis substancial, capaz de calmar as fames fondas do ser humano. Se ambas as fames camiñan xuntas nas nosas vidas, é ben que ambos os pans nolas calmen.

Oración

Que bo é ter fames, Xesús,
para buscar calmalas!
Que bo é ter pan, bo pan,
para poder matalas!
Que bo é sentir as fames alleas,
para poder remedialas!
Que bo é sentir as fames do mundo,
para poder alivialas!
Que bo é sentar xuntas á mesa,
para compartir fartadas!
Que bo é terte a ti, Xesús,
espertando desexos do todo e da nada,
ofertando farturas
a prezo de amor, de soños en alza,
a prezo de esperanza,
a prezo sen prezo,
que o pan é de graza!

Acción

Cales son as nosas fames? Que estamos comendo para fartalas? Que fames vemos ao noso redor? Que facemos para alivialas?


17 de abril: martes da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 30-35

Meditación

Sabemos moito de pan. Distinguimos un pan bo dun pan ruinceiro. Gústanos máis o de tal panadería ca non o de tal outra. O evanxeo de hoxe vai de pans e de panadeiros ou panadeiras.
Onte falabamos de fames, que as temos de moitos tipos: de comida, de acollida, de consideración, de afectos, de familia, de paz fonda, de sentido da vida, de alegría verdadeira, … Na sociedade hai diferentes panadeiros ofertando pans para satisfacer esas fames. Pans mellores ou peores. Xesús ofrécesenos como un pan bo, excelente, para matar esas fames, sen lle quitar méritos a outros pans posibles. O pan de Xesús é un clamor dentro de nós mesmos para que empecemos buscando a mantenza elemental, necesaria para todo ser humano. Ademais o pan de Xesús garántenos atender esoutras fames fondas que acompañan o ser humano, e que incluso se manifestan con moita claridade cando estamos coa barriga ben chea.
Xesús é un pan bo para a fame do mundo. Deus é o panadeiro que fixo ese pan e que nolo ofrece gratuitamente.

Oración

Grazas, meu Deus, polo teu pan.
Pan bo,
pan saboroso, esponxoso
pan farturento,
pan sobranceiro.
Pan de boa fariña,
de bo gran
dese que morre para dar froito.
Pan ben cocido,
ben pasado polas lapas quentes do servizo.
Pan gratuíto
en todas as mesas pobres.
Pan de familia,
de comunidade,
de irmandade.
Pan de Xesús,
pan de Deus,
pan noso.
Grazas, meu Deus polo pan.

Acción

Ao longo deste día podemos reparar nos distintos pans que desde diferentes lugares da nosa sociedade se nos ofrecen para calmar as nosas fames. Podémolos valorar e ver que teñen e que lles falta do pan de Xesús.


18 de abril: mércores da 3ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6,35-40

Meditación

Igual que o pan e os demais alimentos manteñen o corpo e o capacitan para unha chea de funcións e actividades, así tamén o pan de Xesús –Xesús como pan— sostén o noso espírito, o noso ser enteiro, para poder desenvolver unha vida digna, honrada, xusta, fraterna, solidaria. Xesús como pan fortalécenos para que poidamos coidar a nosa vida en todos os seus campos, para o presente e para a eternidade, e tamén para que nos impliquemos no coidado das persoas que nos rodean, para que todo o mundo teña vida, porque ese é o único e fundamental querer de Deus.
Cantas vidas hai desfeitas, maltratadas, ao noso redor, por abandono propio, por abusos alleos! Cantas vidas hai desamparadas polo mundo adiante. As fotos que nos chegan das xentes refuxiadas, retidas en campamentos desamparados nos fríos da invernía, sen ver cubertas as necesidades físicas básicas, sen ver un porvir por ningún lado! E iso es países de matriz cristiá, celebrando con moito bombo a Semana Santa! As escenas de tropas xudías maltratando e matando a multitude palestina que se manifesta protestando pola vida miserable que lles obrigan a vivir! E todo o mundo calamos!

Oración

Ti, Pai, non queres que ninguén se perda.
Ti, Fillo, non queres que ninguén se perda.
Ti, Pai, queres vida,
vida para todo o mundo, sen distincións.
Ti, Fillo, queres vida,
e non calquera vida: vida plena, redonda,
vida por fóra e por dentro,
vida ao fondo e ao alto,
vida no presente e no futuro,
vida para todas e todos,
vida por igual, vida comunal.
Iso é o que nos ofrecedes.
A iso nos invitades.
Para iso nos pedides colaboración.
Grazas. Aquí estou.
No que saiba e poida conta comigo.

Acción

Igual hoxe, da maneira máis apropiada que vexamos, podemos levar algo de vida a algunha persoa ou grupo. Igual podemos facer algo bo pola nosa propia vida, no corpo, no espírito. Iso é o que lle dá gloria a Deus.


19 de abril: xoves da 3ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 44-51

Meditación

Que preciosa e fonda é esta frase: “todos, todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di todos ou todas. Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo de min mesma, e de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me conecta con Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en todo ser humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co que el dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non temos escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas, ou na Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente, ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús entregou a súa vida!
Por iso Xesús é pan de vida para todo home ou muller. Por iso nel todos, todas atopamos vida. As nosas raíces están intimamente conectadas. O zume, a “savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre abundante polas nosas veas.

Oración

Veño, Xesús, onda ti
para aprender cousas do noso Deus.
Veño onda ti,
para vivir iso de telo como Pai ou Nai
que todo o sustenta,
que todo o ama,
que todo o coida.
Veño, Xesús, onda ti,
para escoitar e aprender,
para crer
ao xeito de Xesús.
Para fartarme do seu pan
e deixar que a vida me invada
e que reborde de min sen parar
cara ás persoas que me rodean.
Aprender, Xesús,
ir aprendendo,
pouco á pouco,
á medida da miña debilidade,
á medida da túa esplendidez.

Acción

Se todas as persoas son ensinadas por Deus, todas as persoas nos poden pasar algo de Deus. Como vivimos isto cada día no noso trato coa xente que nos rodea?


20 de abril: venres da 3ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 52-59

Meditación

Todos entendemos ben que quere dicir Xesús con iso de comer a súa carne e de beber o seu sangue. Non se trata de nos facer caníbales. A carne, o corpo, é a vida de Xesús, o seus falar, o seu actuar, as súas maneiras de estar coa xente, de tratar con Deus, o seu poñerse con decisión do lado de quen sofre e peca, de quen é marxinado por calquera razón. Comer a súa carne é compartir o seu estilo de vida. E beber o seu sangue é participar co alento, do nervio, da forza que movía todos os seus andares. Beber o seu sangue é participar do seu mesmo Espírito, para poder facer como el facía.
Cada punto do texto anterior préstase a que o leamos, o releamos con calma, e deixemos que vaia penetrando no noso interior, para que envolva todo o noso corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións, todo o noso ser de pés a cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo vida nas nosas vidas.

Oración

Permanecer en ti, Xesús,
permanecer no Pai/Nai,
como no noso lugar habitual
no que estar, pensar e actuar.

Vivir por ti, Xesús,
vivir polo Pai/Nai,
desde os mesmos alentos,
cos mesmos desexos.

Facer da nosa fe
algo de verdadeira calidade,
que nos sosteña realmente a vida,
que ofreza algo convincente.

Andar sempre en humildade,
en pobreza, en seguimento,
non por apoucamento,
senón desde o impulso solidario.

Acción

Podemos revisar como estamos vinculados con Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas nosas vidas? Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de forzas, de pensar no ben da xente que nos rodea?


21 de abril: sábado da 3ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 60-69

Meditación

Que lles pasou con Xesús a moita xente que ata daquela andaba con gusto tras del? Que é o que os botou para atrás e os levou a deixar de andar con Xesús? Puido ser iso de que Xesús se puxese como referencia fundamental á hora de querer andar polos camiños de Deus; esa contundencia coa que Xesús afirmaba que el era o pan necesario, imprescindible para ter vida, vida sa, vida consistente, vida feliz, vida aberta á eternidade.Que es ti para te considerares tan necesario, para crerte o camiño, a verdade e a vida? E máis probablemente aínda botounos para atrás a maneira que Xesús tiña de entender a súa misión: facerse servidor ata o punto de dar a vida, ata o punto de facerse coma un pan que é comido para que a xente, o pobo medre e engorde en vida.
E a nós que nos arreda de Xesús? Que é o que nos impide andar con el de verdade? Que é o que nos leva a ese seguimento apagado que tanto nos caracteriza ás persoas cristiás dos nosos tempos?

Oración

Xesús, onda quen habemos de ir?
Ti tes palabras de vida eterna.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Que o teu espírito
confirme os nosos convencementos,
madure as nosa decisión por ti,
nos faga fortes na hora da dificultade e da dúbida,
cando se trate de facernos pan contigo
para a vida do mundo.
Que non nos engaiolen as promesas fofas,
as felicidades baratas,
as solucións cómodas,
a insensibilidade, o pasar de todo,
a indiferenza.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.

Acción

Como andamos de fieis cos nosos compromisos alí onde os teñamos? Na comunidade cristiá, na parroquia, na asociación de veciños, no partido político? Como andamos de fieis no noso compromiso con Xesús, o Cristo? Onde están as nosas frouxidades, como as podemos ir superando?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.