30 maio, 2018

Tempo Ordinario: 9ª semana


3 de xuño: solemnidade do Corpo e do Sangue de Cristo

Evanxeo: Mc 14, 12-16.22-26

Meditación

Tres xoves hai no ano que brillan máis ca o sol,
Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión.

Así di o refrán popular; aínda que agora tanto a Ascensión como o día de Corpus celébranse en domingo. A grandeza deste día xa se celebra na data do Xoves Santo, relacionando ben deste xeito a entrega do pan e do viño na última cea de Xesús coa súa vida de servizo ata a morte por todos nós, por toda a humanidade. Que sinxelo, fondo e provocador é o signo que Xesús fixo! Xesús era realmente xenial! Vivía as cousas con tanta implicación, con tanta fondura, que sempre atopaba a palabra apropiada, o xesto axeitado, o símbolo preciso para axudarnos a entender o que foi a súa vida no medio de nós; para deixarnos claro ata que punto se implicou na nosa existencia fráxil, sempre con vontade de servizo.
Así ese pouquiño pan, ese groliño de viño, símbolos de toda a súa existencia entregada por nós, convértense para nós nunha presenza viva do mesmo Xesús. Cando en comunidade, recordando todo o de Xesús, collemos o pan nas mans, cando comemos o pan e bebemos o viño facéndoos parte do noso corpo, da nosa existencia, cando deixamos que nos contaxien con toda a fondísima solidariedade que conteñen, daquela entramos nunha comuñón sen medida con toda a natureza, con todos os seres humanos, maiormente coa xente máis débil, e co mesmo Deus. Facémonos un, unha, en todo, con todo, con todos, con todas. É a gran comuñón.

Oración

Bendito sexa, Xesús, o teu santo corpo,
co que levaches tanta bendición a tanta xente.
Bendito sexa, Xesús, o teu santo sangue,
que vertiches por manterte en fidelidade a Deus e ao mundo.
Bendita sexa, Xesús, a santa Eucaristía,
que nos deixaches como sinal da túa presenza solidaria no medio de nós.
Bendita sexa, Xesús, a comunidade cristiá,
que te recorda con agradecemento e alegría.
Bendita sexa, Xesús, toda persoa.
que se deixa inundar pola túa presenza, pola túa forza de vida.
Bendita sexa, Xesús, toda a xente máis débil
na que tamén quixeches facerte especialmente presente.
Bendita sexa, Xesús, a muller abusada, o drogodependente, o encarcerado,
santos corpos teus, agardando a nosa adoración solidaria.

Acción

Non deixemos de participar hoxe na Eucaristía e de comungar o Corpo e o Sangue de Cristo. Non deixemos hoxe de compartir tempos, afectos e o que sexa con algunha persoa, ou grupo débil que haxa ao noso redor.


4 de xuño: luns da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 1-12

Meditación

A parábola é unha crítica de Xesús ao comportamento das autoridades relixiosas xudías daquel momento: tiñan encomendado o coidado material e espiritual do pobo, pero non eran donos absolutos do pobo, como para mangonear no pobo e aproveitarse del; eran simples servidores do benestar completo do pobo. Como non o facían así, Deus pousaba esa responsabilidade servidora na “pedra do esquinal”, que era Xesús de Nazaré.
As palabras de Xesús, a crítica de Xesús podémola entender como dirixida hoxe a todas as persoas que na Igrexa ou na sociedade civil teñen autoridade e mando: a súa misión é servir a comunidade, o pobo, non señorear a conta da comunidade ou do pobo. E servir para que o conxunto da comunidade ou do pobo estea ben atendido, que os bens materiais e espirituais se repartan con criterios de igualdade e xustiza, e todos, todas poidamos vivir en paz e harmonía. Cando non se fai así, as institucións relixiosas e civís perden sentido, e cousas novas, persoas novas virán, grupos novos virán –oxalá!-- que respecten o querer fondamente solidario de Deus.

Oración

Ti es, Xesús, a pedra firme do esquinal,
que dá consistencia ao edificio da nosa comunidade,
que nos dás consistencia a cada un, cada unha de nós,
que lle dás consistencia a quen a ti queira achegarse.
Estamos orgullosas de ti, Xesús.
estamos agradecidos de ti,
gozamos construíndonos sobre ti.
Grazas, Xesús, por estares aí, sempre aí.
Pero ti ensináchesnos
que máis ca xefes e súbditos,
somos irmás e irmáns;
máis ca ordenadores e ordenadas,
somos colaboradoras todos, todas do común,
sabendo que non hai máis mestre ca un,
máis pai ou nai ca unha:
Deus en todas e todos nós.
Sexa recoñecido e bendito por sempre.

Acción

Non é ben que permitamos que as nosas comunidades funcionen despoticamente, como tampouco o permitimos na sociedade civil. Se vemos algo así, advirtámolo con sensatez e axudemos a corrixilo.


5 de xuño: martes da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 13-17

Meditación

Aínda que eses tales herodianos se achegaban a Xesús con malas intencións, ¡que cousas máis fermosas afirman de Xesús! Que é sincero, que non anda con miramentos, que non se deixa levar polos respectos humanos, que ensina o verdadeiro camiño de Deus. ¡Que marabilloso é o noso Xesús na súa humildade servidora, na súa valentía liberadora! Non queda senón achegarnos a el canto máis poidamos mellor, sabendo que estamos en tan boas mans.
Onte coma hoxe as cousas da relixión poden estar mesturadas coa política, coa organización da vida social, cos dereitos e deberes sociais da xente. Cada un deses dous campos teñen a súa autonomía, pero que cada un deles tamén ten cousas que lle dicir e lle ensinar ao outro. A organización da vida social, que é o propio da política, é algo que lle importa moito a Deus, a Xesús, aos seus seguidores e seguidoras, porque nesa organización xógase moito o benestar da xente, o trato digno, a saúde, a educación, a sanidade. Campos distintos, si, pero chamados a entenderse a compenetrarse.

Oración

Lóote, Xesús, porque eras sincero,
limpo e transparente como a auga máis limpa dos nosos regatos.
Lóote, Xesús, porque non andabas con miramentos,
ao pan, pan e ao viño, viño, porque eras fondamente libre.
Lóote, Xesús, porque non te deixabas levar polos respectos humanos,
non te encollían os poderosos, non te calaban as súas críticas e ameazas.
Lóote, Xesús, porque ensinabas con verdade o camiño de Deus,
porque experimentabas a Deus fondamente inserido en ti, na xente, na vida.
Apréndeme, Xesús, a ser algo coma ti.
Xa sei que iso é o que sempre fas e queres, sen que cho pidamos,
pero apréndeme,
que eu sen ti non dou.

Acción

¿Qué idea temos das cousas da política? ¿Quen entrada lle damos á política na nosa vida crente? Normalmente temos mal concepto da política e fuximos dela. ¿É iso o que debemos facer como persoas cristiás?


6 de xuño: mércores da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 18-27

Meditación

Non somos fillos e fillas do po para volver ao po, como moitas veces se nos di e dicimos. Somos fillas e fillos do amor, para volver á fonte do amor que é Deus. Deus é amor. Non hai persoa que non leve algo de amor consigo, por débil, incoherente, interesado que este sexa. Por iso a proba de que Deus existe levámola nós en nós mesmas. Cando morremos, ese ser amoroso que somos e que levamos connosco atópase coa fonte de todo amor, que limpa o noso pequeno amor das súas sucidades e nos fai resplandecer en amor, como Deus resplandece. Cando te decatas do tempo perdido, de amores aos que non correspondiches, das oportunidades de medrar en amor contigo e cara aos demais que desaproveitaches, iso doe; iso sería o purgatorio. E todo isto é a resurrección. Isto é o que nos agarda como regalo xeneroso de Deus que é amor, e non sabe máis que facer cousas de amor. Como ben dicía Xesús, as discusións dos saduceos sobre da resurrección era un non entender nin as Escrituras nin o poder de Deus. E o mesmo lle pasa a moitas das nosas afirmacións e dúbidas sobre a resurrección en Deus.

Oración

Confíome a ti, Deus de vida,
na miña vida e na miña morte.
Confíome ao teu poder de amor
para pousar nel a miña vida fráxil, pecadora.
Confíome a ti, Deus de vida,
para soñar cun ceo novo, cunha terra nova,
para toda a xente do mundo,
maiormente para a que máis peor o pasou neste mundo.
Confíome a ti, Deus da vida,
amigo de tornar en vida as nosas torpes apostas pola morte.
Confíome nos teus brazos de nai,
para descansar eternamente no teu seo.

Acción

Podemos vivir en clave de morte ou en clave de resurrección, de vida. ¿Andamos enredados/as coma Deus en cousas de vida, para nós, para a demais xente? ¿En que o estamos facendo? ¿Podemos mellorar nisto?


7 de xuño: xoves da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Meditación

Na vida relixiosa enchémonos de doutrinas, de ritos, de mandatos… Por iso é ben que de vez en cando reparemos no que é fundamental e no que non o é tanto, para poñer a nosa paixón no que realmente está ben poñela. Sabémolo perfectamente, incluso de memoria; aquilo de “estes dez mandamentos encérranse en dous: amar a Deus sobre todas as cousas e o próximo como a nós mesmos”. O evanxeo de hoxe recórdanolo.
É ben reparar na formulación do credo israelita que repite Xesús; ver como vai enchendo o amor con todas as circunstancias posibles da propia persoa: corazón, alma, entendemento, forzas todas. É todo o ser na súa fondura, na súa anchura, nas súas facultades todas o que está, o que sería ben que estivese collido por Deus. En Xesús certamente estívoo, e por iso viviu tan a fondo o outro mandamento fundamental, o de amar a demais xente como a nós mesmas. Cando somos quen de xuntar a fondo estes dous mandamentos, estes dous amores, ata facelo un só, daquela a nosa vida cristiá vai por bo camiño, non estamos lonxe do Reino de Deus.

Oración

Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti me amas primeiro;
se me pides apaixonarme por ti e por todo o teu,
é porque ti te apaixonas por min e por todo o meu.
Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti puxeches en min a semente do amor
e a forza para facelo triunfar na miña vida.
Grazas, meu Deus,
porque se me pides amar a todo o meu próximo,
sen excepcións,
é porque tamén ti nos amas sen excepcións,
xa que nos queres fondamente comunitarias,
fondamente irmáns e irmás,
fondamente familia.
Grazas, meu Deus,
por incluírnos así a todos, a todas,
sen excepcións,
no teu soño de xustiza, de paz e de unidade.

Acción

¡Cantas veces discutimos con apaixonamento sobre tal ou cal aspecto das prácticas relixiosas! Pero ¡que poucas o facemos sobre ata que punto lle queremos a Deus, ata que punto lle queremos á xente! ¿Vémonos así? ¿Qué poderemos facer para cambiar algo as cousas?


8 de xuño: solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús

Evanxeo. Xn 19, 31-37

Meditación

No sentir común o corazón é o seo dos sentimentos, dos amores, do apaixonamento, das decisións máis vitais e comprometidas. O corazón é o seo da solicitude pola demais xente: ten moi bo corazón –dicimos--, cando falamos dunha persoa moi dada a doerse de quen anda en debilidade.
¡Como de grande, de marabilloso, de ardente, de solidario, de entregado foi o corazón de Xesús! El que sempre andou facendo o ben, que se implicaba coas persoas que atopaba fráxiles, que as acompañaba en procesos de curación, de esperanza, de inclusión social e relixiosa, que perdoaba, que se cabreaba e enfrontaba con quen diminuía a xente con calquera escusa. Ese Xesús, apaixonado e amante ata a fin, é o que morre na cruz en acto de solidariedade extrema. Ese corazón de Xesús, roto pola lanzada, real ou simbólica, é o que segue aberto ofertando amores e solidariedades, garantindo compañías e alentos para facer deste mundo unha casa común, unha familia irmandada. Ese corazón, esa vida toda, é a que hoxe se pon gratuitamente ao noso dispor.

Oración

Douche grazas, Xesús querido,
por seres onte e hoxe,
para todas e todos nós,
unha persoa de bo corazón,
de grande corazón,
de desfeito corazón.
Douche grazas,
porque fuches e segues sendo
solidario e comprometido connosco,
para compartir os nosos gozos.
para acompañarnos nas nosas soidades e desesperos;
para perdoarnos, acompañarnos, alentarnos.
Douche grazas
porque o teu non ir de indiferente,
ante nada, ante ninguén,
e menos ante a xente desamparada;
tampouco ante min:
coñécesme e implícaste comigo a fondo.
Douche grazas
porque es o rostro vivo de Deus,
ante nós,
na cruz do calvario,
e nas infinitas cruces que enchen este mundo.
Douche grazas, Xesús querido.

Acción

Podemos botar unha ollada sobre as nosas vidas. ¿Somos xente solidaria, ou pasamos indiferentes ante persoas que o están pasando mal? A nosa solidariedade e implicación mide en boa medida a verdade da nosa vida de crentes. ¿En que poderiamos avanzar?


9 de xuño: Inmaculado Corazón de María

Evanxeo: Lc 2, 41-51

Meditación

María soubo de dificultades e bágoas na crianza do seu fillo, de Xesús. Os evanxeos non nos ofrecen moitas noticias, pero son abondas para nos poder decatar de cómo María se sentiu desbordada polo que na casa tiñan: un neno, mozo e home adulto que se deixaba levar polo espírito de Deus en todo; que rompía coa familia cando o cría oportuno, que lles fixo pensar ás veces que mesmo perdera a cabeza. Así ata quedar tamén marabillada polo que dicía e facía aquel seu fillo, Xesús, que ao tempo o era tamén de Deus. Así ata o momento último da súa existencia cando o ven morrer cravado nunha cruz, coa morte propia da xente máis marxinal e desprezada. E María –supoñemos que tamén Xosé— gardaba todas estas cousas no seu corazón de nai, dándolles voltas, intentando comprendelas á luz do Espírito que tamén a ela a animaba. E así foi madurando como muller, como esposa, como nai, ata se converter nun referente para moitas nais, para moitas persoas crentes, á hora de contemplar e comprender a fondura de vida agochada e manifestada en Xesús e en si mesma.

Oración

Bendita, Santa María,
bendito o teu corazón
cheo de grandes ledicias.
Bendita no grande amor
co que, á par que Xosé,
coidaches o Salvador.
Bendita si, abofé:
nas horas mouras de angustia
soubeches manterte en pé.
A túa fe non foi murcha,
callou moi dentro de ti,
colmoute por estar núa.
Todo o pobo te bendí,
que grande o teu corazón!
mestra do non e do si.
Con humilde admiración,
por termos nai tan cumprida
por ser muller de tal tesón,
bendita, Santa María!

Acción

As traballos e sufrimentos de moitas das nosas nais cos seus fillos ou fillas pódennos lembrar un pouco os traballos e sufrimentos de María co seu fillo Xesús. Igual podemos achegarnos a algunha destas mulleres, falar algo con elas, acollelas, admiralas, agradecelas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.