18 xuño, 2018

Breve crónica do Encontro en Sobrado dos Monxes




DE NOVO SOBRADO, DE NOVO A VIDA

Encontro da Escola de Espiritualidade en Sobrado dos Monxes, 8-10 xuño 2018


Venres, 8

E, dun lado e doutro, fómonos achegando a Sobrado dos Monxes. Sabiamos os camiños, sabiamos do sitio, coñeciamos o que nos agardaba. Así que os ánimos eran fortes. O día anubrado, mesmo con pingadas de cando en vez. Non importa. Nós moi ben dispostas. Mari Carme, que xa chegara a Sobrado pola mañá, para garantir servizos, estábanos agardando repartindo bicos, chaves e alentos. E fómonos acomodando nas respectivas celas monásticas, que sabían a gloria. Tempo para saudarnos, darnos bicos e apertas, espelirnos polos claustros ou arredores e dispoñernos para o rezo das Vésperas cos nosos irmáns, os monxes de Sobrado. Alí estivemos compartindo con eles a esperanza fresca que traiamos ao lombo. Algo de mágoa nos dá que, tal como teñen organizada a súa pregaria, non haxa espazos para expresar en oración pública o que traemos cando nos achegamos a Sobrado.

Vésperas, logo, máis saúdos e apertas, e case deseguida baixada ao refectorio monástico para calmar fames e sedes. Que rica esa comidiña sinxela, sa, cociñada e servida por mans amorosas, esas que, conforme di a mesma régoa de San Bieito, teiman por ver sempre no hóspede o mesmo Cristo que os visita! Ceamos mesturando bocado e conversa. Como ten que ser. Distribuímos tamén os servizos de recollida e lavado. Como ten que ser. E fómonos retirando. Deseguida viñan as Completas, o rezo que pecha a xornada monástica. E alí estabamos introducíndonos na pregaria dos monxes, encomendando nas mans de Deus o noso día e o noso descanso nocturno, recibindo da man do prior da comunidade aquela auguiña de bendición, que sabía a bico de Deus sobre os nosos corpos e ánimos algo cansos.

Pero aínda tiñamos unha pequena reunión para vérmonos xuntas, uns e outras, para sentírmonos acollidas por quen organizaba todo isto desde a Escola de Espiritualidade, para ver e expresar como estaban os nosos ánimos para as xornadas e tarefas que tiñamos por diante. Pilar Wirtz e María Cancelo ocupáronse disto e facilitáronos a comunicación. E xa o descanso nocturno. Ata mañá, se Deus quere. Que quere, porque para Deus sempre hai mañá.

Sábado, 9

Erguémonos, alguén para participar nos exercicios caseiros que Elvira sempre nos ofrece. Alguén para acompañar os monxes no rezo de Laudes e na celebración eucarística. Alguén para ir directamente ao almorzo, sen pararse en máis nada. Sorprendentemente a mañá era espléndida, o ceo despexado e o sol anunciando boas novas todo arredor. Despois da ximnasia matutina, fomos en andaina contemplativa ata a lagoa dos monxes, a un quilómetro de distancia. Que gusto a frescura da mañá aloumiñándonos por dentro e por fóra! Alí na lagoa xa había tempo que agardaban por nós as augas quedas, os nenúfares que xa asomaban as súas flores ledas e as ras que estaban en pleno concerto matutino, emulando os monxes no seu intento de loanza a Deus e á vida. As herbas, caladas; as árbores, quedas. Non vimos parrulos. Pero estaban. Un pracer ir, un pracer volver.

E volta ao refectorio. Que cousa esta, tan obrigada e tan preciosa, de ter que comer, de ter que xuntarse para comer, de ter que introducir no noso corpo anacos de natureza para sentirnos debedoras, para entendernos como parte dun todo, para vivir en constante agradecemento, para ter espazos nos que estar xuntas/os, a fartarnos de presenzas igual que nos fartamos de viandas.

E xa dispostos para empezar o traballo. Eran as 10 de mañá. Manolo Regal encargouse de animar media hora de oración, unha oración que gustou de chamar “oración de silencio interior integrador”. Cada un, cada unha de nós fixemos de veliña nese mundo de luz co que a diario queremos obsequiar a Deus e á xente que vive connosco. O salmo 121, coa súa imaxe do gardián que garda sempre as nosas vidas, valeu para crear un ambiente confiado co que vivir as nosas entradas e saídas, as nosas idas e voltas.

Deseguida o prior da comunidade, o irmán Carlos, deunos a benvida e puxo á nosa disposición a casa e todo o que a casa é e ofrece, que non é pouco. Agradecémosllo. O mosteiro estivo moi activamente no nacemento da Escola de Espiritualidade e, polo tanto, séguennos recibindo sempre como algo tamén deles, co que se congratulan.

E presentáronsenos Rosana Hernández e Luís Araguren, que polo noite chegaran de Madrid para acompañarnos no noso encontro. Rosana Hermández, muller crente, que, aínda que nova e de aspecto fráxil, ten un longo recorrido solidario por Sudamérica e por España. Anda agora investindo a súa vida e o seu saber no acompañamento a persoas que teñen limitadas as súas capacidades intelectuais. Ademais é experta na teoría e método U, do que precisamente nos viña a falar e, queréndoo nós, tamén namorar. Luís Aranguren viña sobre todo como compaña, pero tamén nos había regalar coa súa presenza afable e co seu saber sociolóxico e teolóxico.

Empezamos o traballo. Que é a teoría ou método U? Quen queira informarse ben, pode mercar e ler o libro de Otto Sharmer titulado “Teoría U”. Otto Sharmer buscou, estudou para elaborar esta teoría como unha estratexia para abordar situacións de cambio e de derrubamento, e aplicándoo sobre todo ao funcionamento empresarial. Pero pódese aplicar a calquera outra realidade. A nosa perspectiva era máis ben de tipo eclesial, grupal a diferentes niveis dentro das nosas vidas de persoas crentes.

Non nos vemos con capacidade para falar con precisión do método U. Velaquí unhas ideas soltas, para recordar algo que nos compraceu polos contidos e pola maneira de os compartir que tiña Rosana. É unha metodoloxía para acompañar unha viaxe, un proceso, unha praxe; unha viaxe tanto persoal como colectiva en conexión coa fonte máis fonda de nós mesmos: unha viaxe polo baleiro para poder recibir de novo. Vivimos en tempos de derrubamento, de incertezas, de soñar futuros diferentes, e para acceder a ese futuro que soñamos nos diferentes niveis persoais e comunitarios, é imprescindible facer un recorrido desde o soltar, baleirar, para poder crear. Non se fai esta viaxe sen interiorización, ata o fondo de nós mesmos e da realidade social. Nada se transforma se non entramos a fondo en nós mesmas. Viaxe do egosistema ao ecosistema. Importancia do lugar interior desde o que actuamos: o punto cego, que tan pouco atendemos. Cambiar o ego polo centro. Espiritualidade centrada noutro maior que me sustenta. A importancia do propósito vital: escoitar o que a vida me pide, conectar o meu desexo co desexo da vida, da fonte, da luz, e percibir cal é o paso seguinte a dar. O novo nunca pode vir da ortodoxia.

Este proceso da U entregóusenos nun esquema sinxelo, cos diferentes pasos a dar nese recorrido, e tamén coas actitudes coas que lle poder sacar todo o seu rendemento. Un material, repetimos, que nos pareceu moi suxestivo, que conectaba con outras perspectivas que na nosa vida temos vivido, e que nos alentaba a buscar camiños venturosos en momentos de incerteza como os que a tantos niveis vivimos hoxe. Unha presentación rica, moi densa, que demanda, para quen así o queira, dedicar tempo e enerxías para coñecer es método e deixarse axudar por el.

O día foi intenso. Rosana soubo combinar momentos de escoita con outros de participación persoal ou grupal. Pero, aínda así, o día foi intenso. Estabamos cansos ao seu remate. Pola tarde deu en chover, torbóns de auga que impedían botar un pé fóra. Acordámonos da cantiga de Treixadura: “Se chove, deixar chover; se orballa, deixa orballar; por máis que chova e vente (meu Deus), de ti non me hei de apartar.” Ben vedes que a paréntese é un engadido para nós.

E chegamos ao remate do día. De novo a cea compartida. De novo uns minutos de lecer. De novo as Completas cos monxes, completadas coa Salve e máis coa auguiña santa para descansar en paz. Pero unha vez máis para o noso descanso aínda lle faltaba unha hora ben cumprida escoitando unha exposición que nos ofreceu Luís Aranguren sobre a cultura patriarcal, na que estamos inmersos desde tempos inmemoriais e que se manifesta sobranceiramente no machismo; mais non só no machismo se deixa ver; hai moitas formas de vida e de relacións na familia, no ensino, na xestión de empresas, etc., nas que vivimos en clave patriarcal a tope, unha clave con trazos nada positivos. Forma parte desta cultura de poder, de dominio, de confrontación, de rivalidade que configura as nosas sociedades. Grazas de corazón, Luís.

Menos mal que Deus, aínda que intentemos incluílo de mil maneiras tamén nesta cultura patriarcal, non responde para nada a iso, tal como nolo amosou Xesús coa súa palabra e práctica de vida; e por iso nos agardaba na cela para acompañar os nosos soños como o faría a mellor mamá do mundo, e de forma máis cumprida aínda. Así que logo, descansamos no colo da nosa mamá Deus.

Domingo, 10

Repetimos o comezo da xornada do día anterior. A mañá estaba máis fresca. Ameazaba chuvia, pero permitiunos practicar taichi caseiro e achegarnos de novo ata a lagoa. A falla de luz apagaba a resonancia da lagoa, o croag das ras amigas, e o esplendor dos nenúfares; todo devecía polo sol. Nós tamén. Volvemos ao comedor para o almorzo fraterno. Descanso. Amañar as habitacións, que hai que deixar as cousas limpas e ben dispostas para quen noutro día habite onde nós o fixemos. Quen será? Que quede para el ou ela a nosa bendición.

Xuntámonos de novo ás 10, neste caso para, con oración, reflexión, silencio, palabras e algún signo, prepararnos para a Eucarística que celebrariamos cos monxes ás 11 da mañá. Na mesiña central unha planta, flores, a Biblia, un exemplar da Régoa de San Bieito e unhas humildes floriñas nuns pratos titulados como silencio, humildade e obediencia. Manolo Regal encargouse de animar este momento; invitounos a rezar co salmo 95, unha invitación á loanza completada por un aviso a escoitarmos a voz de Deus. Logo lemos o texto evanxélico da Misa: Mc 3,20-35, que comentamos entre todas. Xesús tido por tolo polos seus familiares; Xesús “o máis forte que chegou” a quen os letrados alcumaban de Belcebú; Xesús incomprendido porque a xente non facía silencio ante el, non era humilde ante el, non estaba en dispoñibilidade ante el, que era a voz viva de Deus. A Régoa de San Bieito, nos seus capítulos 5 (obediencia), 6 (silencio), e 7 (humildade), sinala os fundamentos da experiencia espiritual monástica (un verdadeiro “U” en épocas de derrube do Imperio Romano). Por iso rematamos esta preparación pasándonos en silencio os tres pratos, dos que podiamos coller as floriñas humildes, campestres, do silencio, da humildade e da obediencia ou dispoñibilidade. E así nos fomos xa para a Eucaristía.

Presidiu a Eucaristía dominical Andrés Torres Queiruga, que nos animou a un esperanzado seguimento de Xesús, aínda que en todos os lugares percibamos síntomas de certa frouxidade e decaemento da vitalidade espiritual.

De novo un breve tempo de descanso, e para as 12,30 estabamos de novo no salón dispostas/os a poñer punto final a esta convivencia. Unha muller practicante de Zen (perdón, non lembro o nome) ofreceuse para unha brevísima práctica de Zen, case simplemente como sentar, como colocar o corpo, para practicar 5 minutos de silencio. Grazas de corazón. Que fermoso é sentirnos próximos, complementarios, todas, todos parte dun único Deus, dun único todo, raíz, fonte, vida, amor, ou como lle queiramos chamar, que de mil maneiras está chamando por nós, e a quen de mil maneiras tamén lle podemos amosar o noso recoñecemento e agradecemento.

E logo fomos falando todas as que quixemos sobre o que para cada un, cada unha de nós significara o encontro que estabamos acabando. Os sentimentos de pracer e agradecemento multiplicáronse. Quen isto escribe non puido estar ata o derradeiro momento, pero no que oíu, expresou e intuíu ese era o ambiente.

Ata o ano que vén, logo. Ata o noso próximo encontro aló polo outono. Desta volta fomos 40 as persoas asistentes. Menos do que outros anos. Menos, seguro, das que seremos para o ano que vén. Apertas e alentos e bo verán. Cálido, como ten que ser, e moi solidario.

Manuel Regal Ledo



1 comentario:

  1. Graciñas, Manuel pela tua exposição, que permite recordarmos os momentos de convívio e de escuta de Rosana, profundas propostas de caminhos, oferecidas com delicadeza...

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.