15 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 11ª semana


17 de xuño: Domingo 11 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 26-34

Meditación

Con frecuencia, cando falamos de cousas de Deus, de Xesús, da Igrexa, da vida cristiá, insistimos en facer tal, en facer cal, ter que cumprir, ter que implicarnos dentro da comunidade cristiá, na vida social etc. Aínda que logo non fagamos moito, o noso empuxe máis fundamental é de que hai que facer, hai que facer. A primeira parte do Evanxeo de hoxe é un contrapunto a todo isto: hai que durmir, descansar, esperar, confiar, estar tranquilos. O Reino de Deus non é noso, é de Deus. Certo que hai que preparar a terra, ter boa semente e sementala, para que a planta do Reino de Deus poida medrar e frutificar. Pero é imprescindible tamén saber pararse, calar, escoitar, acoller, contemplar, agardar, fiarse …
Se non é así estaremos incapacitadas para descubrir a presenza do Reino de Deus no medio de nós, nas preciosas cousas miúdas da vida: aquel home esquizofrénico alterado que altera toda a convivencia familiar, aquela muller maior que fai marabillosas miudezas para que o grupo cristián siga vivo, aquela parella de homosexuais febles que demanda comprensión, o milagre daquel home que empezou sendo un mocete preguiceiro e algo louco e que agora asentou e coa súa muller terma con ben da familia, ... Se non é así non teremos tempos para xuntarnos e falar, e explicarnos entre nós a vida, para entender e admirar, porque a vida, toda a vida na súa misteriosa e fecunda sinxeleza é a gran parábola do Reino de Deus.

Oración

Xesús, canto desexas que acougue,
que abra os oídos do corazón
para adiviñar contigo
a presenza viva de Deus
transformando o mundo!
Xesús, canto me invitas
a estar tranquila e confiada,
a esperar sen desesperar
ante os ritmos lentos das persoas, da historia!
Xesús, como che gusta
amosarnos a semente pequeniña
que prende e medra
nas vidas pequeniñas
da xente pequeniña
que fala de ti por ausencias ou por presenzas!
Xesús, canto me pides
que me pare, que atenda, que escoite,
para poder ollar a fermosura das cousas, da xente,
a miña mesma fermosura,
como semente do gran cambio que está por vir
e que necesita agarimos
para a madureza e os froitos!
Xesús, quero facerche caso.

Acción

¿Vivimos algo atoleirados? ¿Andamos enredados en moitas cousas e pasamos de máis por riba delas? ¿Recibimos tanta información polas diferentes redes, que as cousas pasan por riba de nós sen deixar pegadas en nós? E ¿se nos paramos e poñemos algo de serenidade no medio de tanta cousa e nos permitimos darnos 15, 30 minutos cada día simplemente para calar, escoitar, escoitarnos, escoitar a quen ande ao noso redor, escoitar a vida?


18 de xuño: luns da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5,38-42

Meditación

Frecuentemente fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron, para que aprenda.
O de “ollo por ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras, nos fira no máis fondo da vida e nos impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.

Oración

Canto custa, Xesús,
non devolver mal por mal,
insulto por insulto,
desprezo por desprezo,
pasas de min por paso de ti,
ata vivir multiplicando distancias e paredes,
co corazón engurrado,
coa alma no máis fondo ferida!
E ves ti, Xesús,
e rétasnos ao que parece imposible,
e proposnos un remedio simple, eficaz,
ousado, valente,
e ofrécestenos como exemplo e camiño,
e dásnos o bo Espírito para poder facelo.
E eu dígoche:
grazas, Xesús,
fíome de ti,
desde xa vou cambiar de chip na miña vida,
velarei polas miñas emocións, polas miñas respostas,
tentarei imitarte.
Dáme a túa man para camiñar xuntas.

Acción

¿Estamos nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?


19 de xuño: martes da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 43-48

Meditación

Por tendencia natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten, podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir, saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.
Xesús invítanos a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor, que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas, por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.

Oración

Como aprendiz do amor,
así me achego hoxe ante ti, Xesús,
e, contigo, ante o Deus do amor,
o Deus do bo amor,
o Deus de todo amor,
o Deus do amor máis completo.
Que lonxe estou de amar ben,
esquecéndome de min,
buscando sempre a compracencia da persoa amada!
Que lonxe estou de amar sen distincións,
superando parentescos familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!
Que lonxe estou do pequeno amor cotián,
feito de pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!
Que lonxe estou do amor laico, secular,
que se exerce desde a militancia social, política, ecolóxica!
Como aprendiz do amor,
así ante ti hoxe, Xesús,
para que me aprendas,
para aprender.
Grazas!

Acción

Seguro que nos é doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor. ¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha persoa concreta?


20 de xuño: mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo. Mt 6,1-6.16-18

Meditación

Urxente e ben necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor. Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.
A invitación de Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.

Oración

Ai, meu Deus,
canto me pesa o que pensen e digan de min!
Canto condiciona iso as miñas accións e omisións,
as miñas palabras e os meus silencios!
Canto busco torpemente, infantilmente,
loas, aprecios, aloumiños!
Canto me custa ser libre, desapegada,
facer as cousas simplemente desde min,
simplemente desde o amor,
desde o servizo, cando cousas de servizo sexan!
Quen me poderá curar deste cancro destrutor,
desta metástase que o quere invadir todo?
Cólleme da man,
méteme onda ti,
no segredo, no baleiro, no esquecemento,
para aprender a gustar o gozo simple dos amores libres.
Ai, meu Deus, meu Deus!

Acción

Podemos mirar que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo, algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.


21 de xuño: xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 6, 7-15

Meditación

Moitas veces a nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo, e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!
Xesús invítanos ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus, a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña que necesita dos nosos apoios.

Oración

Noso Pai maternal,
que nos queres sen medida
que te sentes honrado véndonos felices en irmandade:
sexa respectado, querido e agradecido o teu nome!
Que levemos adiante o teu proxecto fraternal
sobre a xente, a natureza, o mundo, o cosmos todo.
Que o teu querer, asentado en nós como matriz de vida,
se desenvolva en nós ata a súa plenitude,
nos grandes proxectos, nos pequenos feitos de cada día.

Que a ninguén lle falte o pan de cada día,
o pan, a casa, a saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…
sen que ningunha persoa ou pobo quede excluído.
Que saibamos ser humildes para recibir perdóns,
os da xente e os teus,
e ser valentes para saber ofrecelo
e non enredarnos nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.
Que as forzas do mal que aniñan no noso mesmo corazón
non nos poidan, por moito que se vistan de cores vistosas.
E que, ben apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,
que ameaza as nosas vidas e a casa común
con proxectos dominadores, imperialistas, deshumanizados,
que buscan triunfar á conta da saúde corporal e espiritual da xente.

Acción

¿Cómo oramos, cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos? Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración, para mellorala.


22 de xuño: venres da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo. Mt 6, 19-23

Meditación

Un pedaciño de Evanxeo para lelo con calma, e con calma deixar que nos entre ben dentro, porque el mesmo fai referencia a dimensións profundas da nosa existencia, e tamén dos nosos comportamentos normais de cada hora. Que importante é ter unha ollada sa, limpa, libre de prexuízos, de malicias, de egoísmos, de segundas intencións, reconciliada coa propia persoa e coas demais persoas! Que distinto se ve todo, cando a nosa ollada é sa e limpa abondo, está pacificada abondo, para se converter en canle de afectos e solidariedades que poden máis do que calquera outra diferenza! Esta luz da ollada é un dos máis grandes dons que Deus nos pode dar, el que é todo luz, todo esplendor, todo transparencia.
Se ollamos con esa ollada sa, purificada, libre, seguro que atinaremos con tesouros sólidos para a nosa vida; buscaremos loxicamente ter o necesario e suficiente para vivir con dignidade, pero o noso corazón estará aberto para andar en grupo, en comunidade, as rutas todas da solidariedade. O máximo pracer que salta ata a vida eterna.

Oración

¿Onde está o meu tesouro, meu Deus,
onde está con el o meu corazón?
¿Onde está o meu corazón, meu Deus,
onde está con el a miña vida toda?
¿Onde está a miña vida toda, meu Deus,
onde está con ela o meu apego a ti?
¿Onde está o meu apego a ti, meu Deus,
onde está a miña consideración co próximo?
¿Onde está a miña consideración co próximo, meu Deus,
onde está con el o meu servizo á xente insignificante?
¿Onde está o meu servizo á xente insignificante, meu Deus,
onde está con el a miña acollida á xente refuxiada?
¿Onde está o miña acollida á xente refuxiada, meu Deus,
onde está iso de ser e sentirme irmán universal?
¿Onde está iso de ser e sentirme irmá universal, meu Deus,
onde está, logo, o meu tesouro, o meu corazón?

Acción

¿De que forma poderiamos sandar e limpar algo a nosa ollada? Igual podiamos empezar por non pensar nin actuar coas persoas desde clixés que delas nos temos feito: É de dereitas, é de esquerdas, é homosexual, é independentista, é españolista, é …


23 de xuño: sábado da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 6, 24-34

Meditación

Xesús non nos fala de non ocuparnos do pan, da mantenza, do vestido, da saúde, da vivenda, da educación. Xesús dinos que non nos angustiemos. A palabra angustia ou o verbo angustiarse aparece ata cinco veces no texto. Unha persoa angústiase cando entende que non é capaz de acadar o que pretende, e pensa que para a súa situación non hai valedor ou valedora posible. Xesús preséntanos e ofrécenos a Deus como alguén en que confiar, alguén que coñece o que precisamos, alguén implicado no noso esforzo, alguén que nos garante ese fondo de confianza que nos permite traballar con serenidade e eficacia; alguén tamén que abre a nosa perspectiva: a mellor maneira de acadar todo iso que consideramos básico para unha existencia digna é preocuparnos polo común, facer da nosa loita individual un proceso comunitario, do que ninguén quede arredado. Iso que el chama “reino ou reinado de Deus”. Non é o “sálvese quen poida” que tantas veces nos domina; senón o “salvémonos en fraternidade”. E niso andar no día a día, porque a cada día certamente lle chega a súa carga de esforzo e preocupación.

Oración

No meu hoxe, estás ti, meu Deus,
no meu onte estás ti tamén,
e no meu mañá estás ti.
Como rocha firme,
como fundamento certeiro,
como aval absoluto.
Cando as cousas nos van ben, meu Deus,
e cando as cousas nos van mal,
e os días amencen mouros
e os horizontes mingúan entre preocupacións.
Na vida e na morte estás ti, meu Deus,
na graza e na desgraza,
no pranto e na risas.
Estás ti especialmente
con quen loita e sofre
por non ter o pan de cada día,
roupa coa que vestirse,
casa onde gardarse,
traballo co que sustentarse,
amores nos que ampararse, …
Estás ti
acompañando pesares e fracasos,
alentando esforzos,
retirando angustias, sempre innecesarias,
espertando solidariedades,
alentando esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

É doado que descubramos nas nosas vidas algo que nos está levando á angustia, de forma persoal, ou familiar, ou asociativo, a calquera nivel. Podiamos coller esa anaco de angustia e ollala cos ollos de Xesús, a ver.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.