03 agosto, 2018

Tempo Ordinario: 18ª semana


5 de agosto: domingo 18 do Tempo Ordinario.

Evanxeo: Xn 6, 24-35

Meditación

Podemos ir tras de Xesús, da Virxe e dos seus santos e santas polo simple proveito persoal: teño unha enfermidade, teño un posto de traballo pendente, teño un problema de amores, levo unha tempada cun malestar interior que mesmo me quita o sono etc., e cumpro algunha práctica relixiosa esperando atopar remedio para eses problemas. E, se entendo que fun atendido nesa necesidade, daquela acrecento as miñas prácticas relixiosas esperando seguir sendo atendido noutras máis. Hai algo de ben en todo isto, pero hai tamén moito de interese, que dana a calidade da nosa vida crente. ¿Qué diriamos dunha persoa que fomentase a amizade connosco só agardando que lle resolvésemos os seus problemas?
Xesús, onte coma hoxe, invítanos a vivir con máis fondura a nosa vida relixiosa, a nosa práctica. E fálanos de “traballar non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna”; é dicir, non contentándonos coa satisfacción dalgunha necesidade concreta, senón dándolle a Xesús entrada fonda nas nosas vidas, para que nos faga xente viva, cunha vitalidade completa, xente ben mantida tamén no espírito, con enerxías para afrontar con paz e esperanza todo o que a vida nos traia, gozos ou penalidades, que de todo haberá. Iso é realizar as obras de Deus, iso é crer nel. Da amizade con Xesús podemos agardar un pan potente, saboroso, que dá farturas, pan capaz de matar as fames fondas que os seres humanos levamos connosco, e de calmar as sedes agudas que tamén forman parte da nosa condición humana.
Debemos atendernos nas nosas necesidades básicas, loxicamente, a nós e a todo o mundo. Pero sería empequenecernos, si só con iso pretendemos facer sólida a nosa vida. Unha boa experiencia relixiosa cristiá ábrenos a dimensións máis profundas da nosa persoa, das nosas relacións sociais. Xesús quere estar ao noso lado en todo iso.

Oración

“Señor, dános sempre dese pan”.
Que saibamos acompañar o pan de cada día
--que tamén nos aprendiches a desexar e buscar--,
con estoutro pan farturento
que mata fames fondas
e calma sedes agudas.
Que alonguemos a man cara a un e cara ao outro
a lo menos coa mesma intensidade e paixón.
Que non receemos en abrirche as portas, Xesús,
que poñamos a vida ao teu dispor en todo,
fiándonos de ti,
fiándonos das túas propostas de vida.
Que saibamos arrimarnos a quen te cre e procura
non por pura comenencia,
senón co desexo de poñer toda a nosa vida en danza,
polos camiños da paz e da xustiza que ti andaches,
polos camiños do servizo que con tanta paixón abrazaches.
Fártanos así co teu pan, Xesús,
nesta vida, que será en Deus vida eterna.

Acción

¿Qué é o que mobiliza as nosas vidas? ¿Dámoslle nelas tempos e espazos a manternos espiritualmente coa lectura, coa oración/meditación, co silencio, coa conversa sobre cuestións vitais, coa participación no común, á comunidade civil ou relixiosa, coa participación política? ¿Poderiamos mellorar nisto?


6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor

Evanxeo: Mc 9, 2-10

Meditación

Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.
Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.

Oración

Que ben estamos aquí!
Gozando da túa presenza, Xesús,
véndote humildemente glorioso,
sabéndote amado a fondo por Deus,
adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos aquí!
Sentíndonos enrolados contigo,
admirando a túa valentía,
agradecendo a túa consideración connosco!
Que ben estamos aquí!
fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos collidas da man por ti,
para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos aquí!
Pero hai que saír á rúa,
seguir tecendo solidariedades,
a gusto ou a desgusto de quen manda,
ata a irmandade total!
Que ben estamos aquí, Xesús!

Acción

¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Qué facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?


7 de agosto: martes da 18ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 22-36

Meditación

A Xesús compracíalle estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse, quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.
E logo os medos de todas as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.

Oración

Ti estás, Xesús, ti estás,
aínda que eu non che faga caso;
aínda que eu non me pare contigo,
para falarche dos meus gozos, das miñas sombras,
dos meus medos.
Que refinado é o medo, Xesús,
que refinado e como me roe por dentro!
Aparento comer o mundo,
e moitas veces así o fago coa palabra sempre fácil,
pero que axiña recúo
cando lle hai que dar cara ás cousas,
careándome comigo mesmo
e coas persoas que están detrás delas!
Cómpreme fe, Xesús,
fe en min, na xente,
na comunidade, no pobo,
fe en Deus, fe en ti.
“¿Por qué dubidas?”
Ai, Señor,
que onda ti se fortaleza a miña fe!

Acción

¿Temos experiencia de deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de retomar algunha desas situacións?


8 de agosto: mércores da 18ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 15, 21-28

Meditación

É ben curioso este pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle –iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
Unha invitación sen dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo, pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.

Oración

Viva a diferenza, Xesús,
viva a diferenza,
no nome do Pai-Nai común,
que a todos e todas nos crea por amor,
e a todas e todos nos ofrece o seu Espírito,
sen distinción!
Viva a diferenza, Xesús,
que nos fai xente máis fermosa,
máis complementaria,
máis capaces de responder
ás múltiples demandas do noso ser, do noso existir!
Vivan a diferenza, Xesús,
sustentada nun fondo común
sospeitado, buscado, crido, amado,
que nos solda e irmanda,
que nos permite vernos, a pesar de todo,
como irmáns e irmás en todo,
e en todo vivir como tales”.
Viva a diferenza, Xesús,
no nome do Espírito que todo o sustenta!

Acción

É moi posible que teñamos algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo relixioso, xeitos de ser… ¿Cómo actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de afrontar iso?


9 de agosto: xoves da 18ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa

Evanxeo: Mt 25, 1-13

Meditación

Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.
Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:
“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”
Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.

Oración

Quixera ter
o corpo, a alma sempre en vilo
cara a ti, meu Deus,
coma Edith Stein.
Quixera abrir
todo o meu ser, sen reserva algunha,
á túa presenza viva,
ao teu envolvente amor,
coma Edith Stein.
Quixera dobregarme
ante todo gozo e dor
con intelixencia e paixón
coma Edith Stein.
Quixera andar
co rostro erguido, co corazón aceso
ante a dor, ante a morte inxusta
coma Edith Stein.
Quixera encher
os enormes ocos da miña existencia
cun montón de nomes fráxiles,
co teu propio nome, meu Deus,
coma Edith Stein.
Pero son o que son, meu Deus,
son o que son
ante ti.

Acción

Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.


10 de agosto: Venres da 18ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Lourenzo

Evanxeo: Xn 12, 24-26

Meditación

¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.
Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.

Oración

Xesús,
contigo, con Lourenzo,
quero ser gran de trigo,
caído en terra, desfeito,
para dar froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender esa exquisita lección de vida
que fala de esquecerse,
de poñerse en segunda fila,
de facerse servidora de quen de min precise,
e así, misteriosamente,
ir enchendo a miña vida
de nomes e de vidas,
que dan a felicidade.
Cada día,
no pequeno e no grande,
contigo, Xesús, con Lourenzo,
servidor, servidora.

Acción

É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.


11 de agosto: sábado da 18ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 17, 14-20

Comentario

Con demos ou sen demos polo medio, o certo é que nos tempos de Xesús había moita xente ferida, descolocada, empobrecida de mil xeitos, desfeita no corpo e na alma, rota. Nos nosos tempos tamén temos abundantes roturas persoais e sociais; levámolas connosco, vémolas no noso entorno, e non son, por desgraza, nada pouca cousa, ben o sabemos.
Xesús era home de trato fondo con Deus, home cunha suma humildade e fortaleza, home totalmente crido na forza do Espírito de Deus; home de fe a tope en Deus e nas capacidades de calquera ser humano para erguerse e rexenerarse. E por iso era capaz de transmitir espírito, alento, esperanza, vida. Curaba a xente a fondo. A nós fállanos a fe en Deus, no que Deus é capaz de facer en nós, no que nós somos capaces de facer sostid@s por Deus. E por iso renunciamos a moitos soños persoais e sociais. Adaptámonos ao “non hai remedio”, “isto non hai quen o cambie”, “sempre che foi así”. por iso vivimos en desalento e contaxiamos desalentos. Xesús non era así.

Oración

“Xeración incrédula e perversa!
¿Ata cando vos terei que aturar?”

Estás farto tamén de min, Xesús!
Non me estraña!
Anos e anos ao teu carón,
oíndo e lendo as túas palabras,
procurando envolverme na túa vida,
participando en mil celebracións relixiosas,
na compaña de milleiros de boas testemuñas, …
e aquí estou,
tantas veces tan a fondo
espido de fe, de amor e de esperanza.
encollido nos meus propios límites, …
refugando apegos e solidariedades fortes,
que leven respiro á xente.
Perdón, Xesús,
polo meu propio apagamento,
polo apagamento da Igrexa da que formo parte,
polo apagamento da sociedade,
que tantas veces intentamos construír,
alle@s ás Fontes da Vida
Perdón.

Acción

¿Somos persoas que nos deixamos envolver en desalentos ante algunha dificultade persoal, ante algunha tarefa comunitaria, social que temos por diante? ¿Pode haber algunha á que con ganas, con fe, con bo espírito, lle poidamos dar cara para superala? ¿Podémolo probar?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.