12 de agosto: domingo 19 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Xn 6, 41-51
Nunha ocasión os xudeus murmuraban contra Xesús porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”, e dicían:
--¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non coñecemos o seu pai e máis a súa nai? ¿Cómo di, logo: “Eu baixei do ceo”?
Xesús respondeulles:
--Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “Todo o mundo será discípulo de Deus”. Calquera que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.
Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.
Meditación
O evanxeo fálanos de resistencias que tivo a xente contemporánea de Xesús para crer nel. Víano tan normal, de Nazaret, fillo de María e de Xosé, que non entendían que nel puidese haber unha presenza forte de Deus ofrecéndose a todo o mundo. Nos nosos tempos tamén temos resistencias para admitir que el, coa súa palabra, coa súa vida toda, poida ser un camiño, unha referencia, unha mantenza forte para as nosas vidas, o pan de vida para as nosas vidas, como repite o evanxeo de hoxe. Esas resistencias téñenas as persoas que non son cristiás, cousa que pode ser normal, pero tamén as temos moitas veces persoas que fomos bautizadas como cristiás, pero que logo nos fomos apartando dun estilo de vida cristiá, e na práctica nos desentendemos de Xesús. Resistímonos, murmuramos, arredámonos de Xesús.
Pero Xesús séguesenos ofrecendo a toda a xente, crente e non crente, cristiá e non cristiá, coma un regalo do mesmo Deus, como alguén tan próximo a Deus que del nos fala con verdade, porque o vive con autenticidade. Xesús séguesenos ofrecendo como un pan que sostén a vida, como un alimento que nos nutre, que nos constrúe, que nos permite medrar como persoas sólidas, solidarias; que nos fai comunidade, que nos abre á veciñanza, ao común, ao mundo en todo. Xesús séguesenos ofrecendo como vida consistente, eterna. Sen quitarlle o seu mérito a outras ofertas crentes e non crentes que outra xente poida facer. E aceptando con humildade que desde a mesma igrexa, co noso apego ao poder ou cos nosos comportamentos zarapalleiros, podemos estar iscando a xente de Xesús.
Oración
Grazas, Xesús, porque non te impós,
ofréceste con toda a normalidade do mundo:
habitante da humilde Nazaret,
fillo de María e de Xosé,
aquel rapaz espelido
que vimos medrar no corpo e no espírito,
que era benquerido na aldea, pero nada máis.
Para entenderte é preciso ollarte
cos ollos mansos e vivos do Espírito:
e adiviñar detrás das túas palabras
a maxia humilde do novo e do sorprendente;
detrás dos teus feitos
a normal revolución nunca soñada;
detrás da túa persoa sempre próxima e implicada
o rostro mesmo do noso humildísimo Deus.
Es bo coma o pan,
faste pan de mantenza sólida
para nós, xente en camiño, con fames;
es mesa común, sempre aberta, sen balos nin barreiras,
sen exclusións de ningún tipo;
es soño de presente e de futuro
para humanidades rotas,
como as representadas pola masa refuxiada que tanto nos descoloca.
Es regalo de Deus,
un grande regalo do Deus humano, solícito,
que nos olla e trata sempre coma un pai materno.
Grazas,
por ternos metido contigo
en tan preciosa aventura.
Acción
Xesús compartía a súa fe, as ilusións máis fondas da súa vida. Facíao coas palabras e cos feitos. ¿Compartimos nós tamén algunha vez a nosa fe, as ilusións cristiás fondas que nos moven na vida? ¿Poderiámolo facer algo máis nalgún espazo, nalgún momento de trato coa xente coa que convivimos?
13 de agosto: luns da 19º semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 17, 22-27
Nunha ocasión, andando por Galilea Xesús cos seus discípulos, díxolles Xesús:
--Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero ao terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
Cando chegaron a Cafarnaúm, achegáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
--¿O voso mestre non paga a contribución?
El respondeulles:
--Si que a paga.
E, cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
--¿Qué che parece, Simón? Os reis da terra, ¿a quen cobran as taxas e contribucións, aos fillos ou á xente allea?
Ao responder Pedro que á xente allea, Xesús concluíu:
--Polo tanto, os fillos están exentos. Sen embargo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, pilla o primeiro peixe que pique e ábrelle a boca; alí atoparás unha moeda. Cóllea e entrégaa por min e máis por ti.
Comentario
Con maneiras propias, en parte, dos evanxeos apócrifos, tan dados á fabulación, o evanxelista posiblemente aborda un problema co que se atoparon as primeiras comunidades cristiás que aínda non romperan coas prácticas relixiosas do xudaísmo: ¿deberían pagar ou non o tributo destinado ao coidado do templo? Por seren fillos de Deus e non xente allea, entendían que non tiñan por que pagar; pero pagarían por non montar un escándalo.
Nós hoxe, por sermos fillos e fillas de Deus, e nunca xente allea a el, por considerar a toda a cidadanía xente irmá, sexan ou non sexan crentes, entendemos que debemos pagar os distintos impostos que na nosa sociedade democratizada se estipulen, porque é unha maneira de facer algo de reparto de bens e de que a xente máis pobre poida gozar dos servizos básicos para unha vida digna. E indignámonos contra as formas de goberno que toleran que a xente máis poderosa evada pagar impostos, que se toleren paraísos fiscais, etc. Sentirnos fillos e fillas de Deus, sentirnos irmáns e irmás dálle unha forza a maiores a esa obriga democrática de socializar algo polo menos os nosos bens.
Oración
Así nos fala Xesús:
Deixemos, irmáns, irmás,
que o evanxeo se cole en todos os nosos comportamentos.
Sexamos responsables e xust@s
á hora de gañar o noso diñeiro.
Sexamos persoas honradas e solidarias
á hora de pagar os nosos impostos.
Non nos neguemos nin trampeemos,
paguemos,
e esixamos que todo o mundo pague,
máis, loxicamente, canto máis rico cada un sexa.
Está en xogo
a vida digna de moita xente,
Está en xogo
o cerne mesmo da nosa experiencia relixiosa,
pois tal como nos solidaricemos co irmán ou irmá pobre,
así de feito nos solidarizamos con Deus,
así o respectamos e servimos.
Acción
Podemos revisar como nos comportamos con iso de pagar impostos, de pagar ou non en negro, de darlle ou non importancia aos comportamentos cidadáns e de políticos que se corrompen evadindo impostos. ¿Somos legais en todo? ¿Loitamos por sistemas máis xustos de pagar impostos?
14 de agosto: martes da 19ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10.12-14
Nunha ocasión achegáronse a Xesús os homes e mulleres que o seguían, para lle preguntar:
--¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por unha criatura, púxoa no medio deles e dixo:
--Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma unhas criaturas, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criatura, será a máis importante no reino dos ceos. E quen acolla a unha criatura coma esta no meu nome, acólleme a min.
Coidadiño con desprezar a unha destas criaturas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ver, ¿qué vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderan. Do mesmo xeito a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningunha destas criaturas.
Meditación
Falando dos fundamentos dunha comunidade cristiá, Xesús proponnos cousas moi simples e fondas, aínda que igual nos poidan parecer cuestións menores, cousas de nenos e nenas. É si, son cousas de nenos e nenas, de criaturas, pero para Xesús aí xógase o máis importante do reino dos ceos, o máis importante do que Xesús veu anunciar e realizar, o máis importante dunha comunidade cristiá.
Ese era o gran soño de Xesús: facernos todos e todas coma unhas criaturas: non cridas, confiadas, sabedoras que estamos envolt@s en fraxilidade, que só en por nós non somos nada, que nos debemos á familia, á comunidade, e a quen é sostén da comunidade familiar, o Pai materno que mira por nós. E aprender de Deus maternal a coidar as criaturas, sexa cal sexa a razón pola que se sintan criaturas envoltas en fraxilidade; quen as desprece despreza ao mesmo Deus que sempre as ten de ollo. Coidar as criaturas débiles, descarreiradas, de dentro ou de fóra da comunidade, facer dese coidado a gran tarefa, a gran festa da comunidade, ese é o gran reto.
Oración
Xesús,
veño á túa escola
porque sei que es un mestre que aprendes moi ben,
gratis e con gusto.
Apréndeme, logo,
a cambiar e facerme coma unha criatura.
Apréndeme
a acoller a calquera criatura,
a calquera persoa envolta en fraxilidade,
sabendo que, acolléndoa a ela, acollo ao mesmo Deus.
Apréndeme
a coidar as túas criaturas.
Apréndeme
a respectalas e veneralas con devoción infinita.
Apréndeme
a buscalas dentro e fóra da comunidade,
sen aforrar nin tempos nin esforzos nin intelixencia.
Apréndeme
a facer festa ao redor das túas criaturas,
a facer comunidade poñéndoas sempre no centro de todo.
Acción
Ás veces debatemos sobre como está ou non está a nosa comunidade parroquial. Cando o facemos, ¿parámonos a ver que lugar ocupa a xente máis débil, máis marxinada, máis “perdida” da comunidade? ¿Colocamos a esa xente no centro do noso corazón, das nosas actividades, da nosa práctica relixiosa?
15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa María
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
--Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
--A miña alma proclama a grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.
Manifesta o poder do seu brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Hoxe celebramos a asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle agradecemos.
Aparece María visitando a súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban na mesma onda do Espírito. E xorde a ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non israelitas nunha mundial aperta fraterna!
María é o signo e mostra de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a vivilo e a gozalo.
Oración
Bendicímoste, María,
por seres muller de aldea,
entre dores e pobrezas!
Bendicímoste, María,
muller a Deus sempre aberta,
na túa graza e fraqueza!
Bendicímoste, María,
por acolleres o Espírito,
autor da túas belezas!
Bendicímoste, María,
por concibir e criar
o fillo por excelencia!
Bendicímoste, María,
pola cantiga de gloria
a Deus na xente pequena!
Bendicímoste, María,
pola caricia de Deus
honrando a túa beleza!
Bendicímoste, María,
Santa María do pobo,
orgullo da nosa Terra.
Bendicímoste, María,
por compartires connosco
tanta graza e tanta festa!
Acción
Seguro que teremos oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María. Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do lado do pequeno, como Deus mesmo fai.
16 de agosto: xoves da 19ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 21-19,1
Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:
--Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
--Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
--Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!
O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
--Paga o que me debes.
Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
--Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
--Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?
E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
Cando Xesús terminou estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.
Meditación
Levamos metido moi dentro un espírito xusticeiro: quen as fai débeas pagar e ben pagadas. Vémolo con frecuencia, cando nos enfrontamos con algunha persoa que fai algunha barbaridade. E aí nos quedamos normalmente. Sen pensar que somos grupo, que somos familia, que somos comunidade. O cal quere dicir que nos debemos uns a outros entre nós, homes e mulleres fráxiles case sempre. Debémonos para a culpa, porque é moi raro que unha persoa actúe con maldade, sen que esa maldade non dependa algo polo menos da influencia da comunidade. E debémonos tamén para o perdón, porque, se me sinto premida a perdoar o próximo, tamén o próximo se sente premido a perdoarme a min.
Non se trata de deixar de exercer a xustiza, senón de entender que, por riba da xustiza, acompañándoa coma un irmán maior, está o perdón, que é o que acaba poñendo as cousas definitivamente no seu sitio: no sitio da irmandade corresponsable, que sabe que o amor pecha máis e mellor as feridas do que a simple xustiza. Deus parece que é así, e a iso nos invita coa palabra e cos feitos de Xesús. Desde logo, non perdoar, sabéndonos perdoad@s, é o colmo da insolencia.
Oración
Bótolle unha ollada á miña vida,
ante ti, meu Deus, que todo o coñeces amorosamente,
e canto teño de que me arrepentir!
Como para non vivir
envolt@ en ansias de perdóns!
Como para non ter sempre a man
a graza do perdón a quen del precise!
Como para non entender as maiores animaladas
que calquera ser humano é capaz de facer!
Como para non andar pola vida con temor e tremor,
apegándome ao ben curador con toda humildade!
Como para non achegarme a ti, meu Deus,
fonte limpa de toda graza e misericordia!
Acción
¿Témoslle negado o perdón a algunha persoa nalgunha ocasión? ¿Poderíamos retomar o caso con esa persoa dunha maneira diferente? ¿Deixámonos levar polo espírito de condena contra algunha persoa ante casos que vemos na TV ou na prensa? ¿Poderiamos abrandar algo o noso corazón ao estilo de Deus?
17 de agosto: venres da 19ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 3-12
Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
--¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?
El respondeu:
--¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.
Preguntáronlle:
--¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?
Xesús respondeu:
--Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
Entón dixéronlle os discípulos:
--Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
El contestoulles:
--Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.
Meditación
A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.
Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?
O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!
Oración
Bendita a bendita sexualidade!
Bendito quen nos creou como seres sexuados!
Bendito o pracer do sexo!
Bendita a fecundidade do sexo!
Benditos os home e mulleres que o viven!
Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!
Bendito o sexo non absolutista, integrado!
Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!
Bendito o sexo fráxil, mendicante!
Bendito o sexo que leva a unións consistentes!
Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!
Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.
Bendito Deus, presente en nós
cando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!
Acción
¿Qué trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?
Na memoria de Alexandre Bóveda
Alexandre Bóveda Iglesias (1903-1936) foi un egrexio político galego pertencente ao Partido Galeguista. Foi tamén un crente convencido. Cando o levantamento militar do 1936, prendérono os militares, xulgárono de forma sumaria e condenárono a morte; nunca fixera mal ningún a ninguén; simplemente amaba e servía a Galicia con paixón e moita intelixencia, como parte da súa responsabilidade cívica e relixiosa. Preparouse para a morte moi devotamente. Foi fusilado no monte da Caeira (Poio), ás aforas de Pontevedra. Foi un verdadeiro mártir, exemplar na vida, exemplar na morte, ao que incomprensiblemente desde a institución eclesial nunca se lle prestou atención ningunha. Cada 17 de agosto penso que lle debemos a nosa admiración e agradecemento.
Na Caeira caeron os teus osos,
a túa carne nova, vizosa,
envolta en sangue de fraticidio.
Pero non caíches ti.
Na Caeira caeron todas as rabias
contra a túa vida inocente,
luminosa, interpelante.
Pero non caíches ti.
Na Caeira caeron os ruxidos das balas
intentando calar as túas verbas acesas,
os teus soños solidarios por Galicia.
Pero non caíches ti.
Na Caeira caeron os cómplices silencios clericais
negándoche a comuñón substancial
que no Corpo de Cristo antes che ofreceran.
Pero non caíches ti.
Na Caeira caeron os teus 36 anos
exemplares na vida, exemplares na morte,
no teu corpo pequeno e maxestoso, sublime,
na túa alma nobre e soñadora, popular.
Pero non caíches ti.
Eternamente ti,
irmán queridiño,
amiguiño da alma,
eternamente ti.
18 de agosto: sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 13-15
Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:
--Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.
E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
Meditación
O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.
Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…). Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.
Oración
Impoñerlles as mans:
acariñar as criaturas.
Impoñerlles as mans:
respectalas na súa identidade e diferenza.
Impoñerlles as mans:
protexelas na súa inocencia.
Impoñerlles as mans:
coidar o seu corpo e o seu espírito.
Impoñerlles as mans:
implicándonos no seu presente, no seu futuro.
Impoñerlles as mans:
transmitirlles o mellor que levamos dentro.
Impoñerlles as mans:
abríndoas ao comunitario.
Impoñerlles as mans:
lembrando nelas as nosas fraxilidades.
Impoñerlles as mans:
compartindo con elas a grande aperta de Deus..
Acción
¿Cómo nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Qué facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.