05 setembro, 2018

Tempo Ordinario: 23ª semana


9 de setembro: Domingo 23 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 7, 31-37

Unha vez, deixando Xesús Tiro, pasou por Sidón cara ao mar de Galilea, atravesando a Decápolis. Presentáronlle un xordo que case non falaba e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús separouno da xente, meteulle os dedos nos oídos e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
--Effetá (ou sexa “ábrete”).
E no instante abríronselle os oídos e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, dicía:
--Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

Meditación

De novo Xesús enredado con xente marxinal, neste caso un xordo moi torpe falando. Parece que o mundo marxinal era o mundo de Xesús, ben porque el andase á procura desa xente por fonda afección humana e divina, ben porque esa xente, segundo ía sabendo del, entendía que en Xesús sempre atoparía algún amparo. Tal como hoxe o Papa Francisco nos pide, Xesús era un home de andar polas periferias, que non quere dicir andar polas feiras, como alguén entendía (aínda que tamén), senón andar por aqueles espazos humanos arredados do benestar, da abundancia de recursos e de medios, que sería o centro.
Un xordo e case mudo era unha persoa desconectada socialmente, marxinada, que vivía a súa situación coma un castigo de Deus, e así llo recordaba a mentalidade relixiosa do momento. Xesús rompe con todo iso. Nin tal persoa sofre un castigo de Deus, nin debía estar socialmente discriminada; se pode curarse, mellor que mellor; se non puidese, a conciencia relixiosa de Xesús, a súa práctica humanitaria é tan forte, que é capaz de integrar a esa persoa, enferma e todo, suscitando o respecto e atención da comunidade, e garantíndolle a máis grande predilección de Deus. Xesús abriunos o camiño para unha práctica cristiá curadora, integradora nos tempos de hoxe.

Oración

´”Effetá”, “ábrete”!
Que se me abran os oídos, meu Deus,
os oídos do corpo e do corazón,
para escoitar e percibir
todo o humano que pasa ao meu lado,
todo o divino que no humano ti me mostras.
Que se me abran os oídos, meu Deus,
para escoitar os millóns de voces suplicantes,
pedindo ás nosas portas e fronteiras
amparo, recursos, integración.
Que se me solte a lingua, meu Deus,
para pronunciar palabras doces
de respecto, afecto e acollida
con quen sintoniza comigo e con quen non.
Que se me solte a lingua, meu Deus,
para defender, berrar e protestar
cando sexa preciso,
cando mo reclame a xente empobrecida que suplica.
Que se me solte a lingua e o corazón, meu Deus,
para honrar o teu Cristo, o noso mestre,
que todo o facía tan ben
en beneficio sempre da xente máis vulnerable.

Acción

É posible que coñezamos persoas ou grupos humanos moi vulnerables. Como persoas soltas, como comunidade cristiá, ¿poderíamos facer algo, algo máis, por axudalas, por integralas no pobo, na comunidade cristiá?


10 de setembro: luns da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 6-11

Un sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:
--Érguete e ponte no medio.
El ergueuse e púxose no medio. Entón Xesús díxolles:
--Fágovos unha pregunta: ¿Qué está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que se perda?
E, ollando a todas as persoas que o rodeaban, díxolle ao home:
--Estende a túa man.
El fíxoo e a man quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.

Meditación

Claro que Xesús podería dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?
É curiosa a actitude pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente. Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así, cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar, como persoas e como comunidade cristiá.

Oración

A xente,
a xente é o que importa,
por riba de todo,
por riba de calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa descoñecida que se cruza contigo,
esa traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu mesmo.
Non hai relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión que máis honre a Deus,
e máis nos complete como persoas
que tratar a xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.
(Dínolo Xesús como irmán maior e mestre.)

Acción

Nós pasamos bastante das leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é do caso.


11 de setembro: martes da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 12-19

Unha vez Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou a xente que o acompañaba e escolleu doce, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán; Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Despois baixou con eles e detívose nunha chaeira cun bo grupo de persoas que o acompañaban e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. As persoas atormentadas por espíritos inmundos quedaban curadas e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

Xesús entendeu que debía compartir con outras persoas a tarefa do anuncio da boa nova de Deus, consistente en alentar coa palabra e cos feitos de curación, de reinserción social e relixiosa, cara a unha vida fraterna. Escolleu un grupo de homes, ao que sabemos que tamén se uniu un bo grupo de mulleres. Da nada, de seren uns homes e mulleres normais, fixo persoas implicadas a fondo. Curiosamente Xesús pasou a noite anterior orando a Deus, como para que a súa chamada puidese ter forza abonda de atracción e de encantamento.
Na Igrexa de hoxe sentimos unha aguda necesidade da implicación da xente normal, o laicado, nas variadas tarefas da comunidade cristiá. Os clérigos din que custa moito que o laicado se implique. Pode ser. Pero ¿pasan eles noites en oración para atraer e implicar a homes e mulleres do común? ¿Enchen de afecto e paixón a súa palabra para mobilizarnos? E, se non o fan, ¿temos que agardar a que sexan os clérigos os que nos mobilicen? ¿Xesús mesmo non é quen de tocarnos o corazón, espelirnos e converternos en persoas asentadas nel para o ben propio e o alleo?

Oración

“Foi orar ao monte
e pasou a noite orando a Deus”.
¿Como orarías, Xesús?
¿Cómo lle falarías ao teu Deus querido?
¿Cómo abrirías ante el o teu corazón?
¿Cómo poñerías nas súas mans
os mesmos soños que el espertara en ti?
¿Cómo deixarías que todo o teu ser
se enchoupase de Deus e do seu Espírito?
Tíñalo moi claro, Xesús:
rezábaslle ao teu Pai no segredo,
confiado en que quen ve o segredo te había recompensar;
rezábaslle ao teu Pai con poucas palabras,
porque sabe o Pai o que precisamos antes de llo pedir.
O teu orar, Xesús,
sería simplemente estar e amar,
estar e confiar,
estar e ofrecerse.
Así, Xesús, ensínasnos a orar.
Grazas, Xesús.

Acción

Podemos reparar en que lugar ocupa a oración na nosa vida cristiá. E tamén en como oramos. ¿Por comenencia, intentando convencer a Deus, con moitas palabras, ou con confianza, no silencio amoroso, con dispoñibilidade? Podemos reparar tamén en que implicación temos nas variadas tarefas da comunidade cristiá parroquial? Seguro que poderemos mellorar en calquera dos dous campos.


12 de setembro: mércores da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 20-26

Nunha ocasión, Xesús coa ollada posta na xente que o acompañaba, dixo:
--Ditosa a xente pobre,
porque voso é o reino de Deus.
Ditosas as persoas que agora pasades fame,
porque Deus vos ha fartar.
Ditosas as que agora chorades,
porque riredes.
Ditosas todas e todos vós, cando a xente vos aborreza,
vos expulse e vos aldraxe,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home;
alegrádevos nese día brincando de gozo,
porque a vosa recompensa no ceo será grande,
pois o mesmo fixeron os vosos ascendentes cos profetas.
Pero, aí de vós, a xente rica,
porque xa acadastes a vosa recompensa!
Ai de vós, as persoas que agora estades fartas,
xa pasaredes fame!
Ai de vós, as que agora rides,
xa choraredes e xa laiaredes!
Ai, cando todo o mundo fale ben de vós,
O mesmo fixeron os vosos ascendentes cos falsos profetas!

Meditación

Estamos ante as benaventuranzas do evanxelista Lucas. Soamente pon catro benaventuranzas ou felicidades (pobreza, fame, choros e rexeite social), completadas polas súas correspondentes “malaventuranzas” (riqueza, fartura, risas e aceptación social). Custa aceptar esta proposta de Xesús. Non é doado entendela. Ben sabemos que a proposta de Xesús non é reducirnos a ser un grupo humano empobrecido, famento, triste e rexeitado. Todo ao contrario. Xesús con estas palabras ponse do lado da xente que tal cousas padece, implicándose nun proceso de cambio que leve a unhas vidas dignas para todo o mundo. Deus está do lado desa xente, Xesús tamén o está e invítanos á confianza activa se somos desa xente, e á implicación se non o somos, pero nos doemos da súa situación.
A “malaventuranza” ou desgraza da xente rica, farta, riseira e ben vista socialmente débese, parece, á súa indiferenza cara ao grupo anterior, e posiblemente a seren en parte causantes da súa situación. Xesús soñaba sempre un soño de irmandade, no que non collía a abundancia dunhas persoas montada sobre a carencia doutras. Algo que segue pasando, e moito, na sociedade actual.

Oración

Queremos entenderte, Xesús,
porque nos fiamos de ti,
da limpeza e fondura das túas palabras,
da coherencia absoluta dos teus comportamentos.
Queremos entender as túas benaventuranzas
e apegarnos a elas de todo corazón.
Queremos entender tamén as túas “malaventuranzas”
e fuxir delas coma do demo.
Fuxir da riqueza, da fartura, da risa insolidaria,
por moito que teñan o aplauso social.
Arrimarnos solidariamente á pobreza, á fame, ás bágoas,
por moito que socialmente sexa mal visto.
E, se as sufrimos,
loitar, confiar, esperar,
porque o teu Deus está do noso lado.
Coma ti, Xesús,
sempre coma ti.

Acción

¿Cómo nos situamos na vida ante a riqueza e a pobreza, ante a fame e a fartura, ante as risas e as bágoas? ¿Qué sentimentos nos dominan? ¿En que accións nos implicamos? ¿Estamos ante todo isto co espírito de Xesús?


13 de setembro: xoves da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 27-38

Unha vez díxolle Xesús á xente que o acompañaba:
--A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben ás persoas que vos odian, bendicide ás que vos maldín e rogade polas que vos calumnian; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.
Se amades a quen vos ama, ¿qué facedes de máis? As persoas pecadoras tamén aman a quen os ama. E se lle facedes ben a quen vos fai ben, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras fan outro tanto. E se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras tamén se emprestan entre elas para cobraren despois outro tanto. Vós non, vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillas e fillos do Altísimo, pois el é bo coa xente mala e desagradecida. Dádevos á compaixón, como o voso Pai se dá a compaixón.
Non xulguedes e non vos xulgarán; non condenedes e non vos condenarán; perdoade e hanvos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, acugulada, rebordada, apertada, pois coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

Meditación

Estamos ante o Evanxeo do mesmo Evanxeo, ante o corazón do Evanxeo, o máis fondo, radical e revolucionario que Xesús de Nazaré nos transmitiu e nos transmite. Aprendeuno de Deus. Se Deus é dado á misericordia, nós tamén podemos selo, debemos selo. Se Deus ama, serve, atende, dóese aínda de calquera home ou muller que non parece ter merecementos para iso, nós tamén podemos e debemos facelo. Se Deus é gratuíto, non é violento, non responde á nosa posible ruindade con castigos, con maldicións, con abandono, ao revés, nós tamén podemos tratar así as persoas que igual nos fan mal de calquera maneira que sexa.
Non é doado, pero é máis fondamente humano que se pode dar. Non é doado, pero é o único que pode acabar coa forza do mal, quitarlle o seu enorme poder de destrución, que se multiplica cando ao mal lle contestamos con mal. Non é doado, pero só así conseguiremos cambiar os aires violentos que xeración tras xeración rompen as persoas e arrasan os pobos. No pasado e no presente. Ten habido xente que se fiou deste novo aire de Xesús; algunhas persoas cristiás coma Luter King ou o irmán Carlos de Foucauld e moita máis xente; outras non cristiás coma Gandhi e xentes do pacifismo activo que houbo e hai no mundo.

Oración

Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en toda a xente que ama os seus inimigos,
bendí a quen a maldí,
e roga polos que a calumnian.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que non responden á violencia con violencia,
que se exceden no ben con quen lles fai mal.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que aman a quen non as ama,
que fan o ben a quen non llelo fai
e dan do seu sen esperar ser recompensadas por iso.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en quen actúa doéndose da xente mala e desagradecida,
como tamén a ti che gusta facer.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
na xente que non anda pola vida xulgando nin condenando,
senón perdoando
e tratando o próximo como por el lle gustaría ser tratada.

Acción

Posiblemente todas, todos esteamos vivindo na nosa vida situacións tensas con algunhas persoas ou grupos sociais, nas que nos custe responder con amor a quen non nos quere, facerlle ben a quen pensamos que nos está facendo algún mal, reaccionar pacificamente ante provocacións violentas, de palabra e cos feitos. Igual temos entrado xa na lóxica da violencia, do xulgar, do condenar, contra a que Xesús nos pon en garda. ¿Qué podemos facer para ir practicando o estilo de Xesús? ¿Podiamos propoñernos dar algún paso ao respecto?


14 de setembro: venres da 23º semana do Tempo Ordinario. Festa da Santa Cruz

Evanxeo: Xn 3, 13-17

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
--Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.

Meditación

As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.
É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.
Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?

Oración

Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Sinal de empeño no amor,
proba do gran Servidor.
Quen nela por nós morreu
ante o abuso non cedeu.
Sufriu, berrou e rezou:
cheo de amor se entregou.
A cruz, rebelde paixón
que reborda o corazón.
Fervente facho de gloria
que enche de luz a historia.
No desespero, esperanza
de quen baila amarga danza.
Camiño recio do pobo
que en Deus soña tempos novos.
A cruz dos grandes momentos,
a cruz dos pequenos tempos.
Por min tanta dor e amor,
tamén polo mundo enteiro,
na cruz do noso Señor.
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.

Acción

Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?


15 de setembro: sábado da 23ª semana do Tempo Ordinario. Memoria da Virxe das Dores.

Evanxeo: Xn 19, 25-27

Naquela hora, ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onda ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
--Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
--Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.

Meditación

María, a nai, ao pé da cruz, encaixando o momento da derrota dos soños do seu fillo. Pero alí, ao pé da cruz. Envolvendo ese momento coa tenrura da nai, coa dor da nai, coa esperanza da nai, que nunca dá por acabadas as posibilidades dun fillo, a capacidade de sobrepoñerse ás maiores adversidades. Ao pé da cruz, desbordada polos acontecementos, que poñían a proba unha vez máis a súa firme fe, coa que iniciara aquel recorrido de nai todo cheo de graza e de misterio.
María aprende en carne propia o que Xesús aprendía tan dolorosamente na súa: a resistencia do mal, do poder, ante calquera proposta que poida poñer en cuestión o seu dominio, o seu control, o seu sometemento dos corpos e dos espíritos da xente, a súa liberdade, a súa verdade. Mai e fillo unidos na mesma ilusión, na mesma amargura, na mesma fe, na mesma cruz, na mesma esperanza. E o fillo querendo que nos introduzamos nesa sociedade histórica e mística a un tempo. Que nos metamos neses espazos de silencio que encaixa o mal e o sitúa nas zonas de esperanza, para que o mal non teña a última palabra.
Cada persoa temos as nosas particulares batallas e cruces. En cada momento o conxunto da Igrexa ten tamén os seus; nesta hora concretada no ataque vergoñento ao Papa Francisco que pretende sanear a Igrexa desde o Evanxeo de Xesús.

Oración

Santa María das Dores,
nai de Xesús e nai nosa,
lévanos da túa man
polos camiños da historia.
Contigo queremos ser
de Xesús fieis seguidoras,
mulleres e homes de fe,
na cruz da presente hora.
A cruz de males e abusos
que desde dentro ou de fóra
revolven o corazón,
e estragan a vida toda.
A cruz de tantas mulleres
vivindo ou morrendo á sombra
de mans e de relacións
amargas, abusadoras.
Nas cruces da nosa vida
por nai te temos, xaora,
consolo, forza e alento
de quen sofre, de quen loita.
Con Xesús do berce á cruz,
en paciencia vigorosa,
día a día, en noite ou luz,
fidelidade amorosa.

Acción

Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.