2 de setembro: domingo 22 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 7, 1-8.14-15.21-23
Unha vez reuníronse con Xesús un grupo de fariseos e algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron que algunhas das persoas que andaban canda Xesús comían con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; son xente tamén moi apegada a outras tradicións, como lavaren vasos, xerras e bandexas.) Por iso os fariseos e máis os escribas preguntáronlle a Xesús:
--¿Por que as persoas que andan canda ti non se portan conforme á tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
Xesús contestoulles:
--¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
“Este pobo hónrame cos labios, pero o seu corazón está lonxe de min. Danme un culto inútil, porque a doutrina que ensinan non son máis que costumes humanos!” Rexeitades os mandatos de Deus e agarrádesvos ás tradicións humanas. E convocou a xente para dicirlles:
--Escoitade e entendede todos. Nada que entre de fóra pode facer impura a unha persoa; o que sae de dentro da persoa iso si que a fai impura. Porque de dentro, do corazón do ser humano, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, as fraudes, os desenfreos, as envexas, as difamacións, a soberbia, as frivolidades. Todos estes males saen de dentro e manchan o ser humano.
Meditación
Non se trata dun problema de hixiene. O Evanxeo non di que estea mal lavar as mans antes de comer, ser persoas aseadas en todo, ter limpos os utensilios e espazos que a diario utilizamos. O problema era que todos eses detalles convertéranse nun sistema de pureza e de impureza legal, que excluía a xente da comunidade e do mesmo Deus. Había unha cantidade enorme de pequenos detalles de pureza e de impureza que facían a vida imposible e amarga; e ademais acababan converténdose na medida da bondade, da santidade dunha persoa, da santidade de Deus! O superficial tiña máis valor ante Deus, ante a comunidade, que as cousas realmente importantes que o Evanxeo enumera. E Xesús rebelouse contra ese sistema excluínte.
¿Temos nós hoxe ese problema nas nosas comunidades, na nosa sociedade? Exactamente non. Pero hai cousas nas que nos parecemos moito. Vainos moito a aparencia, a imaxe, o superficial. Coidámonos moito da nosa estética persoal, do noso vestir, do noso peiteado, da finura do noso corpo, da imaxe que damos ou deixamos de dar; vivimos moito cara a fóra, pero pouco cara a dentro. E o que fai realmente fermosa a unha persoa non é a súa presenza exterior (aínda que está ben andar decentes), senón a calidade humana que brota duns valores e dun estilo de vida honrado, coherente, solidario, coidadoso, tenro con todo o mundo, con todo. Pensamos que iso é o que nos fai verdadeiramente felices, porque nos fai verdadeiramente humanos en Deus.
Oración
Contigo, Xesús, onda Deus,
animada polo bo Espírito,
quero aprender a mirar cara a dentro de min.
Faime ilusión coñecerme,
para poder coñecer tamén a demais xente.
Ansío saber discernir
o ben e o mal no meu interior,
para ollar con ollada limpa todo o que me rodea.
Quixera ser persoa honesta na palabra e nos feitos,
para contribuír á mellora do meu entorno.
Gustaríame atinar con todo o que me fai persoa ben humana,
para ser contigo, Xesús, humildemente fiel a Deus.
Neste mundo tantas veces superficial, zarapalleiro e vaidoso,
canto desexo ir ao esencial, ao consistente, ao eterno,
ir sen máis ao Amor e ao Servizo.
Contigo, Xesús, onda Deus,
animada polo bo Espírito.
Acción
Podemos reparar nas cousas que na nosa vida facemos deixándonos mover pola aparencia, pola imaxe, polo que dirán. Podemos aprender a movernos algo máis desde a verdade do noso interior. Para iso podemos estar cinco minutos en silencio ollando para o noso interior.
3 de setembro: luns da 22ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 16-30
E pasou que chegou Xesús a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía: “O Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida. Mandoume para lle anunciar a liberación ás persoas cativas, e ás cegas, a vista; para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Os ollos de toda a xente da sinagoga fixáronse nel. E empezou a lles dicir:
--Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
--Pero ¿non é este o fillo de Xosé?
El díxolles:
--Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; fai no teu pobo todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm.
Pero el continuou:
--Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; pero a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitas persoas con lepra había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, pero a ningunha delas curou, fóra de Naamán, o sirio.
Oíndo estas cousas, toda a xente que estaba na sinagoga se enfureceu; así que erguéronse, botárono fóra da aldea e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o guindaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Meditación
Resulta curioso este paso do asentimento e da admiración ao rexeite e ao odio que se deu nos veciños e veciñas de Xesús contra a súa persoa e contra a súa proposta de melloría radical para toda a xente en situación desamparada. Sóannos moi ben as propostas de igualdade, de respecto dos dereitos de todo o mundo, de consideración especial polas persoas máis vulnerables, pero deseguida se empezan a remover non sei que cousas no noso interior, e acabamos fuxindo desas propostas coma do lume. Por que?
Pode ser que non lle deamos credibilidade á persoa que nolas fai. Sempre as cousas foron así, sempre a xente empobrecida tivo que serrar por baixo, e ¿quen te cres ti para facer que as cousas cambien? “¿Non é este o fillo de Xosé?”, dicían os paisanos de Xesús. Pero pode ser tamén que propostas como as de Xesús –ás que ás veces se parecen algo as dalgúns nos nosos políticos— nos acaben collendo máis do que nos gustaría. Non é algo que vén de repente do ceo, por moito que sexa cousa de Deus. Vén de Deus, pero implícanos a toda a cidadanía, e empuxa a todo o mundo a entrar en cousas de respectar, de compartir, de tolerar, de facer máis común o que cremos absolutamente noso etc. E iso moitas veces non nos vai. Vémolo, por exemplo, co caso da xente refuxiada. Vémolo tamén coa xente delincuente que nos gustaría ver podrecer no cárcere. Vémolo no que nos custa poñer de primeira na atención social a toda a xente máis machucada pola vida.
Oración
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e do teu Espírito para poder vivilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e do aguante necesario para ilos realizando día a día!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da sagacidade e prudencia que os fan posibles!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da compaña cálida de quen cre neles!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da capacidade de sufrimento que permite cumprilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da ledicia polos pequenos progresos feitos!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
quero contaxiarme de ti!
Acción
Podemos mirar se co que falamos e facemos estamos apostando algo por algún dos soños de Xesús. Damos grazas por iso e animámonos a seguir por aí.
4 de setembro: martes da 22ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 31-37
Nunha ocasión baixou Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados ensinaba á xente. Todo o mundo estaba sorprendido do seu ensino, porque falaba con autoridade. Había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
--¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
Xesús ordenoulle:
--¡Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou por terra o home no medio da xente e saíu del sen lle facer mal. Toda a xente quedou abraiada e falaban entre si dicindo:
--¿Que terá a súa palabra? Dálle ordes con autoridade e poder aos espíritos malos e eles fanlle caso.
E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.
Meditación
Unha persoa endemoñada érao calquera home ou muller rota a base de carencias, de fames, de fallas de saúde física e psíquica, de rupturas afectivas, de desarraigo social, de exclusión relixiosa. Un paquete realmente destrutor. Quitemos a palabra “demo”, se queremos, pero caiamos na conta de que seguimos sendo moitos os homes e mulleres que temos rupturas fondas na nosa existencia.
Xesús ten para nós palabras con autoridade, palabras firmes, palabras que chegan ao fondo da alma, palabras alentadoras, palabras que devolven a esperanza e as ganas de poñernos ao labor de cambiar a nosa vida e de ir gozando con ese cambio. Palabras, en definitiva, capaces de refacernos por dentro e mesmo por fóra. Palabras capaces de desenvolver procesos en nós que nos leven ao gusto de vivir e de convivir. E todo isto sen quitarlle importancia aos moitos recursos para a saúde integral de que dispoñemos nas nosas sociedades modernas.
Oración
Xesús,
ti estás ao noso dispor,
sempre.
Atento ás nosas inquedanzas e angustias,
disposto a botar unha man,
e que man!
Disposto a botar lonxe de nós
os nosos particulares demos
que nos rompen por dentro e por fóra.
Tes forza e poder abondo
para refacer vidas,
para recompoñer convivencias,
para restaurar ilusións persoais e colectivas.
Pero, ¿fiarémonos de ti?
¿Poñerémonos ao teu dispor,
como ti te pos ao noso?
Acción
¿Observamos na nosa vida persoal ou social, na comunidade cristiá, no pobo, algunha realidade negativa que poderiamos considerar como un demo para nós? ¿Poderiamos enfrontarnos a esa realidade negativa apoiándonos na autoridade, na forza de Xesús? Probemos, a ver.
5 de setembro: mércores da 22ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 38-44
Un día, saíu Xesús da sinagoga e entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta e pedíronlle por ela. El, achegándose a ela, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. Deseguida ergueuse ela e púxose a servilos.
Á tardiña, quen tiña xente enferma de calquera doenza levouna onda el, e el, impoñendo as mans sobre cada home ou muller enferma, devolvíalles a saúde. De moitas desas persoas saían os demos berrando e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el increpábaos e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Ao abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno e, chegando onde el estaba, trataba de retelo para que non os deixase. Mais el díxolles:
--Cómpre que tamén anuncie o reino de Deus noutras vilas, que para isto fun enviado.
E predicaba polas sinagogas de Xudea.
Meditación
Por onde andaba Xesús contaxiábase a saúde do corpo, do espírito, do ánimo. Xesús sempre atento ao benestar das persoas. Falando, si, que para anunciar a boa nova de Deus viñera; pero realizando en feitos de atención o que as palabras dicían. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se tamén nós nos sentimos persoas atendidas, curadas, vigorizadas por el. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se nos vemos persoas coidadoras, que espallamos saúde e alentos. Cando é así, por aí anda o “Fillo de Deus”, por aí andamos nós tamén como fillas e fillos de Deus.
Por onde andaba Xesús, andaba tamén o seu apego ao silencio, o seu gusto por arredarse da xente, para compartir con Deus vida e acción. Nel estaba o motor de todo o seu quefacer diario. Nel estaba o alento que empuxaba a ser firme e persistente na tarefa que traía entre mans. Todo moi sinxelo. Todo moi fondo e contundente. Todo ao noso dispor.
Oración
Gústame a túa maneira de ser, Xesús.
Asómbrame, pero gústame.
Descolócame, pero gústame.
Déixame en evidencia, pero gústame.
Vén, cólleme da man,
lévame contigo
aos tempos de silencio co noso Pai maternal,
ao encontro coidador coa xente vulnerable,
á participación social, comunitaria, política.
Lévame contigo
polos camiños do amor e do servizo
no meu medio sinxelo, aldeán, popular,
onde ti queiras,
como ti queiras.
Que eu non che falle,
como ti non me fallas a min.
Grazas, Xesús.
Acción
¿Na nosa vida estamos ao tanto dalgunha persoa vulnerable? ¿Estámola atendendo, acompañando no que poidamos, con respecto? Se non o estamos facendo, ¿poderiamos facelo con alguén que precise axuda, compaña?
6 de setembro: xoves da 22ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 5, 1-11
Nunha ocasión, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor para escoitar a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban as redes. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se arredase un pouco da terra e dende a barca, sentado, ensinaba a xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
--Voga lago a dentro e larga o aparello para pescar.
Respondeulle Pedro:
--Mestre, pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botouse aos pés a Xesús, dicindo:
--Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron aleutos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeu, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
--Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.
Daquela, varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Meditación
Na Igrexa, nas comunidades cristiás das parroquias, agora mesmo estamos bastante coa convicción de Pedro: “pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe”. Esforzos inútiles. Fracaso na transmisión da vivencia relixiosa cristiá. Na sociedade a moita xente pásalle tamén o mesmo: sensación de que moitas cousas van mal, pero os esforzos acaban adoito en fracaso. Dígase situación de abandono do mundo rural; dígase situación laboral, dígase progresivo control do mundo dos cartos sobre a realidade social, política, sobre o presente e o futuro das nosas vidas.
O “milagre” de Xesús, ou o que fose, non debe levarnos a esperar que as cousas se amañen con milagres. Cómpre empezar por ver se o que facemos no civil e no relixioso para mellorar as cousas está ben pensado, ben programado, ben abastecido de recursos materiais e espirituais, ben avaliado etc. E ao tempo ver tamén se lle damos espazo na nosa vida, no noso espírito ao dinamismo de Xesús, á súa paixón pola xente. Ver se no silencio deixamos que o Espírito de Deus nos sande, nos baleire, nos capacite para o oficio de compartir coa demais xente a bondade de Deus que nos foi dada.
Oración
Grazas, Xesús,
pola xente toda que, coma ti, non cansa,
ou non se deixa levar pola canseira.
Grazas polas persoas
que terman da esperanza propia e allea
coa súa diaria faena por mellorar as vidas.
Grazas polos mil milagres
que a diario saen das mans de xente descoñecida
afeita aos coidados e á tenrura en todo.
Grazas por quen se detén,
observa e analiza,
programa e cumpre,
cala e reza,
para facer posible no mundo
o gozo da irmandade pola que ti segues soñando.
Acción
Observemos se ao noso redor hai persoas desas que persisten no seu afán por facer máis humano o mundo, máis servidora a Igrexa. Agradezámosllo. E de paso podemos mirar se nalgún intento bo nos deixamos levar polo desalento e abandonamos.
7 de setembro: venres da 22ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 5, 33-39
Unha vez os letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
--Os discípulos de Xoán xaxúan a miúdo e rezan, como tamén os dos fariseos, pero os teus, a comer e a beber.
Xesús contestoulles:
--¿E logo ides facer xaxuar a xente convidada á voda mentres con ela está o esposo? Xa chegará o día no que lle leven o esposo; daquela si que esa xente xaxuará.
Tamén lles propuxo esta parábola:
--Ninguén recorta unha peza dun vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque rompería o novo e o remendo tampouco lle iría ben ao vestido vello. E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o viño e estragaríanse os pelellos. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos. E ninguén que proba o viño vello, quero o novo, pois dirá: é mellor o vello.
Meditación
Xesús era o vestido novo, o viño novo. ¿En que consistía esa novidade? Entre outras cousas, en que, en Xesús, o encontro con Deus non é tanto froito dun esforzo humano, ascético (por exemplo, xaxuar máis ou menos), coma un regalo do mesmo Deus que se nos ofrece gratis; tamén consiste esa novidade de Xesús en que o seu mundo relixioso non é un mundo tristeiro, angustioso, temeroso, senón un mundo confiado, esperanzado, alegre. Tamén consiste esa novidade de Xesús en que a experiencia de Deus se realiza sobre todo no trato de respecto, valoración e apoio que teñamos coa xente vulnerable, máis que nos rituais relixiosos, que nos poden dar unha aparencia de seguridade por ter cumprido.
Non é doado entrar nesa novidade de Xesús. Á xente do seu tempo, aínda á máis relixiosa, custoulle entendelo. Seguro que tamén a nós nos custa entendelo, e cando nos achegamos a el, ás súas propostas, con palabras ou sen palabras máis dunha vez dicimos: é mellor o vello, o de sempre, o que nos sae das nosas rutinas.
Oración
Canto me custa, Xesús,
ser persoa viva e fresca na túa novidade!
Canto me custa fuxir
do empeño por posuír a Deus,
ou da desesperanza por non poder posuílo!
Canto me custa, Xesús,
estar aberta a todo o que vén de ti,
polo camiño que sexa!
Canto me custa admitir
que o de Deus me desborda
e que ante el serei unha eterna discípula!
Canto me custa apegarme humildemente
aos camiños abertos por ti, Xesús,
que olen sempre a fondas e simples solidariedades!
Canto me custa beber o teu viño novo
na festiva comunidade que celebra os teus amores!
Acción
Cando hoxe falamos de xaxún, facémolo máis ben pensando en xaxúns solidarios: privarnos de algo, para poder compartilo. Ese xaxún estaría moi na onda de Xesús. Podemos probar a facelo algún día. Privarnos dalgunha comida ou bebida, dalgún partido de fútbol, da compra dalgunha prenda que igual non nos fai moita falla, etc.
8 de setembro: festa da Natividade de Santa María
Evanxeo: Mt 1, 1-16. 18-23 (Breve: Mt 1,18-23)
Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac, Isaac xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.
David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns en tempos da deportación a Babilonia.
Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
--Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
“Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Enmanuel
(que quere dicir “Deus connosco)”.
Meditación
A historia é lenta e solidaria. Cómpren séculos e séculos, cómpre xente e xente para que a humanidade avance, progrese. Cumpriu tamén o exercicio relixioso de moitas persoas, de moitas xeracións, ben empuxado e amparado silandeiramente polo Espírito de Deus, para que a cousa chegase a María e Xosé, para que a cousa chegase a Xesús; para que se dese o estoupido de luz e de vida que en Xesús de Nazaré se deu para proveito de todas as persoas que agora o gozamos. Ver as cousas así –e así pensamos que hai que velas— lévanos a ser persoas fondamente agradecidas, fondamente humildes; todo o que somos e temos debémosllo en boa medida a persoas e xeracións anteriores a nós.
María estivo aí no seu momento, cumprindo o seu papel, deixándose moldear en todo polo Espírito de Deus, facilitando a nacenza e a crianza humana e relixiosa dun neno que chegaría a ser o que foi grazas tamén á contribución de millóns de criaturas. Foi así fillo do Espírito dunha maneira moito máis humana e fonda –e por isto tamén divina-- do que vulgarmente pensamos. ¿Saberemos estar cada un, cada unha de nós, no noso lugar, non lle fallando á demanda do Espírito, para que nada do ben de Deus morra en nós, para que o seu proxecto de irmandade total atope en nós humilde e fiel colaboración?
Oración
Bendita ti, María,
no teu nacemento, na túa natividade.
Cando naciches ti,
naceu a criatura máis guapa do mundo.
Nove meses concibida por Ana,
coma unha de tantas,
froito dos amores de Ana con Xoaquín.
Nove meses alentada polo Espírito de Deus
que te facía filla de Deus,
como o somos cantas persoas vimos a este mundo.
Bendita ti, María,
tan humana, tan humilde,
tan entrañablemente querida por Deus,
como polo demais o somos todas as súas criaturas.
En ti achegábase a este mundo
a luz, a paz, o consolo de Deus ,
que no teu fillo Xesús tería rostro humano.
Bendita ti, María,
na túa natividade
todos, todas nos sentimos benditas e agraciadas.
Acción
Son moitos os pobos de Galicia que no día de hoxe honran a Santa María. Podemos participar nalgunha desas celebracións, honrando a María, agradecéndoa, comprometéndonos a andar tamén polos seus camiños de humilde fidelidade a Deus.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.