14 outubro, 2018

Compartindo inquedanzas


Queridas compañeiras e compañeiros, amigas e amigos:

Logo vai facer un ano que asumín o traballo de ofrecer uns materiais ao redor do evanxeo de cada día. En concreto tratouse de ofrecer o texto do evanxeo, unha meditación ou comentario, unha pregaria e algunha suxestión cara á acción derivada dese mesmo evanxeo. Fun facendo ese traballo o mellor que souben e puiden. Alegroume ver que puido axudar algo a que algunhas persoas se vinculasen máis á persoa e á boa nova de Xesús. Houbo algunha xente que así mo transmitiu. Deus sexa bendito!

Logo se vai acabar o ciclo B e pasaremos ao ciclo C; isto para os domingos. Para o diario sabedes que hai dous ciclos para a primeira lectura, pero o evanxeo repítese ano tras ano.

Pois ben, pensando xa en empezar co ciclo C no comezo do Advento, gustaríame que, con toda liberdade, me dixésedes que vos pareceu este traballo, se vos valeu de algo, se se pode mellorar, e en que, que seguro que si, se cabería introducir algún outro tipo de material que eu non contemplase, se é moi longo, moi curto... Todo o que se vos veña á cabeza; despois xa veríamos, claro, que é o que se podería facer ou non, o que eu mesmo podería facer ou non.

Para facer esta avaliación do ata agora feito, podiamos ir peza por peza:
- Evanxeo, sobre todo con ese intento de buscar unha versión inclusiva de xénero.
- Na meditación que case sempre colleu máis o aire de pequeno comentario.
- Na oración, que recoñezo que era algo que saía máis de min e para min, e que igual sería ben facela pensando máis na xente, non sei.
- Na acción, onde é difícil suxerir cousas moi concretas, porque iso ten que ser cousa de cada quen; limiteime a abrir algún campo onde se podería facer algo en relación co Evanxeo.

Agradeceríavos que me mandásedes as vosas suxestións con tempo abondo para poder aproveitalas para o plan do traballo que empezará co Advento. (nota ao pé)

Tamén vos quero dicir que, aparte dos tres libros xa publicados en SEPT con materiais para os domingos e festas dos tres ciclos litúrxicos, teño unha “colección” nova dos tres ciclos, tamén con materiais diversos, que se foron publicando no blog da Escola de Espiritualidade. Eu téñoos completos e podería mandarvos este ano o correspondente ao ciclo C, que é o que toca. Pero igual sería multiplicar palabras. De calquera xeito, se alguén o quere ter, que mo diga e mándollo por correo electrónico.

Graciñas por adiantado. Que entre todas e todos sexamos capaces de ir facendo boa sementeira evanxélica nesta nosa Terra, e en calquera parte do mundo onde as tarefas nos leven. Apertas agarimosas.

Manuel Regal Ledo

NOTA: Aquelas suxestións ou observacións que querades aportar podedes facelo no apartado Publicar un comentario e que aparece ao pé desta publicación. Grazas


2 comentarios:

  1. Ola Manolo, persoalmente, teño o teu traballo presente a diario, xa que un benquerido irmán na fe envíamo xusto antes de erguer e da cama. Así que me serve para ter presente a Deus desde primeira hora do día. Un millón de grazas polo teu esforzo... Xa sei que, ás veces, parece que camiña os sós, pero non desista, é só que camiña os xuntos gozando do silencio interior. Unha aperta na fe...

    ResponderEliminar
  2. Bos días, Manolo. Intentoo por segunda vez a ver se queda publicado. Moitas grazas polo teu traballo. A min "aliméntame" cada día, e sei que, a través del, hai iniciativas xeitosas. Por exemplo, o meu compañeiro salesiano Segundo, o manda día por día por wuassapp a un grupo grande de xente...Por certo, Lucía a presi de Irimia di que teríamos que facer o "rezandovoy" galego con estes teus materiais...Así que se podes, segue adiante que moito cho agradecemos. Creo que están ben medidos os espazos e ritmos...Apertas. Xabi.

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.