16 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 33ª semana


18 de novembro: domingo 33 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 13, 24-32

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
--Naqueles días, pasada xa a gran angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de alumar, as estrelas caerán do ceo, os astros do ceo abalarán. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con grande poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren toda a xente escollida desde un extremo do mundo ata o outro extremo.
Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar; pois cando vexades que pasan estas cousas, sabede que el xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán. En canto ao día e máis a hora, ninguén o sabe, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; soamente o sabe o Pai.

Meditación

Si, nós pasaremos, igual que pasaron os nosos antepasados, os nosos pais, as nosas nais. Pasaremos nós, e pasará todo o que parece que ten unha consistencia total, a terra, e quen sabe se o cosmos todo tamén. Somos seres envoltos en total debilidade. Pero non é unha debilidade sen sentido. O mundo todo, e os seres humanos dentro del, estamos cruzados por un misterioso afán de desenvolvemento desde a dependencia mutua, desde a necesidade mutua, desde a complementariedade mutua, desde a chamada mutua, que lle dá graza e sentido ao mundo, que lle dá graza e sentido ás nosas vidas. Para as persoas que temos fe, ese misterio fondo de solidariedade, ten a súa fonte en Deus, desemboca en Deus, é Deus mesmo. A ese misterio fondo démoslle en chamar, acertadamente, amor, amor sen fin.
O evanxeo non nos quere meter medo. Nunca nos quere meter medo. Quérenos axudar a ser conscientes de que somos así: somos persoas fráxiles, pero sostidas por unha forza maior, que é o amor, que é Deus. Esa forza será a que nos recolla ao final das nosas vidas, igual que foi a que nos sostivo durante toda a nosa vida. Como di a xente do pobo con acerto, se así de caduca é a nosa vida, non paga a pena ningún tipo de maldade, de andarnos encirrando uns contra os outros. O que paga a pena é, xa desde agora, abrirnos a esa forza de Amor que nos agarda. E abrímonos ao amor cando amamos a Deus amando e servindo a xente que nos rodea.

Oración

Grazas, meu Deus, polo que somos,
criaturas túas, amadas e servidas por ti,
convocadas polo teu alento a unha compenetración total,
a unha irmandade total
para sosternos na nosa mesma fraxilidade.
Grazas polas nosas vidas
en casos cheas de satisfaccións,
en casos non tanto ou nada.
Perdón por romper tantas veces
con esa corrente de amor
que nos daría consistencia e dignidade.
Perdón por toda a xente excluída,
para quen a vida é unha amargura diaria.
Grazas polo que somos
e polo que esperamos ser en ti, meu Deus,
máis ala da morte,
máis alá das nosas faltas de humanidade,
máis alá, se cadra, das nosas vidas fracasadas.
Aínda, sempre nos quedas ti.

Acción

Hoxe celebramos a Xornada Mundial da xente empobrecida. Sería ben participar en calquera acción que se leve a cabo sobre disto no noso ambiente social ou eclesial. Incluso podemos promover algo na nosa mesma comunidade ou parroquia, para sensibilizarnos con esta xente empobrecida e ver de facer algo no seu servizo.


19 de novembro: luns da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 18, 35-43

Unha vez en que Xesús chegaba a Iericó, estaba un cego sentado á beira do camiño, pedindo. Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. Dixéronlle: “Está pasando Xesús de Nazaré.
El empezou a berrar:
--Xesús, fillo de David, compadécete de min!
As persoas que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase, pero el aínda berraba máis alto:
--Fillo de David, compadécete de min!
Xesús parou e mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
--¿Qué queres que che faga?
El respondeu:
--Señor, que volva ver.
Xesús díxolle:
--Recobra a vista, salvoute a túa fe.
E no instante recobrou a vista e foi detrás de Xesús loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, loaba tamén a Deus.

Meditación

Hai pouco, no domingo 30, ofrecéusenos este mesmo relato na versión do evanxelista Marcos. Hoxe é Lucas quen nolo conta. E Lucas ofrece algúns detalles particulares que podemos subliñar e aproveitar. O cego oe e rebumbio e pregunta que é aquilo. É importante este preguntar, este querer saber, que o podemos aplicar a moitas cousas da nosa vida: que pasa aquí, en min, na familia, na sociedade. Hai xente que lle informa: é que pasa Xesús de Nazaré; tamén é ben importante que as persoas que vivimos algo o de Xesús o saibamos anunciar, compartir con todas as persoas, maiormente con quen ande castigada pola vida. Lucas, moi amigo el de alegrías e loanzas, conclúe dicindo que o cego, xa coa vista recuperada, segue a Xesús loando a Deus, e que esa súa loanza contaxia a toda a xente que o rodea. Invítanos á ledicia, a celebrar as cousas boas que a vida nos vaia ofrecendo, a contaxiar optimismo, a recoñecer a Deus como fonte e dador de todo ben na vida. Todo o que saiba a doerse, a solidarizarse, a colaborar unhas persoas polo ben doutras, leva no seu cerne o sinal e a presenza de Deus.

Oración

Grazas pola túa misericordia, Xesús!
Grazas por doerte da xente con doenzas,
por facer teus os nosos mesmos sufrimentos.
Grazas por implicarte no mal alleo
e por poñer todo o teu empeño en superalo.
Grazas porque non es inxenuo
e entendes que o mal ten raíces fondas,
que van máis alá dunha desgraza inoportuna.
Grazas, Xesús, porque valéndolle a unha persoa
cuestionas un sistema relixioso indiferente.
Grazas porque apostas polas persoas vulnerables
e espertas nelas capacidades insospeitadas de recuperación.
Grazas porque ao teu redor
vólvense novas todas as cousas
e a ledicia e os ánimos enchen os nosos corazóns.

Acción

Podemos implicarnos como persoas cristiás en calquera acción solidaria a favor de xente enferma que haxa no noso entorno ou tamén polo mundo adiante (Medicus mundi, ou outras ONGs).


20 de novembro: martes da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 1-10

Un día chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores de impostos e moi rico, que intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque Xesús ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
--Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero, vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
--Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor.
--Señor, darei a metade de todo canto teño á xente empobrecida e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
--Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.

Meditación

Lucas é o único evanxelista que nos conta este relato de Zaqueo. E ben que llo podemos agradecer. Sucede a cousa dentro desa viaxe que Xesús está facendo de Galilea a Xerusalén para participar na pascua xudía, onde se ía ver as caras co núcleo duro do xudaísmo, co que Xesús mantiña fondas diferenzas. Acabaríano matando. O relato de hoxe pon en evidencia, precisamente, unha desas fondas diferenzas. No caso de Zaqueo, os ollos da relixión oficial non vían máis ca un delito por parte de Xesús, polo feito de intimar cunha persoa pecadora; pois os recadadores de impostos tiñan esa fama, por formar parte da administración romana e por abusar da xente. En cambio Xesús posibilita un proceso en Mateo, que o leva a refacer a súa vida. Había un algo en Mateo, unha inquietude, unha busca, que Xesús soubo adiviñar e acompañar, para buscar e salvar o que estaba perdido. Podémonos fixar nos pasos que vai dando Mateo: inquedanza, busca, subir á figueira, aceptar con gusto a proposta de Xesús, deixarse cuestionar por el, refacer a súa vida rotundamente… Podémonos fixar na actitude de Xesús: decatarse da presenza, adiviñar mundos interiores, saltar a lei facéndose invitar por el, compartir co pecador, festexar o encontro… Isto si que son cousas da nova evanxelización que tanto hoxe precisamos!

Oración

Buscarte, Xesús,
oír de ti e quererte ver.
Aínda sabendo que non son merecente
de mirarche á cara,
de poñer o meu corazón a carón do teu.
Buscarte, Xesús,
subindo a calquera figueira,
botando man de calquera medio
que me leve a verme contigo.
Buscarte, Xesús,
e gozar sabendo que ti gozas
entrando na miña casa, na miña vida,
alternando comigo,
abríndome o teu corazón
para que nel entre o meu corazón desasosegado.
Buscarte, Xesús,
deixarme tocar por ti,
renovar por ti,
volvendo os meus cartos á xente empobrecida
pola miña causa.
Buscarte, Xesús,
e festexar ese encontro
coas alegrías da xente amada e reconciliada.

Acción

Podemos pensar que somos Zaqueo, e buscar hoxe un momento de encontro con Xesús, como Zaqueo o fixo. Podemos pensar que en algo somos Xesús, e, cando se nos terce relacionarnos con algunha persoa que poida ter mala fama, facelo co espírito con que Xesús tratou a Mateo.


21 de novembro: mércores da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 11-28

Unha vez propúxolle Xesús á xente unha parábola, porque estaba preto de Xerusalén e a xente pensaba que o Reino de Deus ía aparecer de contado. Díxolles:
--Un home nobre marchou a un país distante para ser coroado rei e despois volver. Chamou por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas de ouro e encargoulles: “Negociade ata que volva”. Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras del unha embaixada dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
Cando volveu xa coroado rei, mando chamar polos criados aqueles, aos que lles dera as onzas de ouro, para saber canto gañara cada un. Presentouse o primeiro e dixo: “Señor, a túa onza produciu outras dez”. El contestoulle: “Ben, criado cumpridor; xa que fuches fiel en cousa pequena, gobernarás en dez cidades”. Chegou o segundo e dixo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”. Contestoulle tamén a este: “Ti tamén serás gobernador de cinco cidades”.
E chegou outro, dicindo: “Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e seituras o que non sementas”. El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño e seituro o que non semento. Pois logo ¿por qué non deixaches os meus cartos nun banco? Así ao chegar, eu podería recoller os intereses”. E díxolles aos presentes: “Quitádelle a onza e dádella ao que ten dez”. Eles replicaron: “Señor, ese xa ten dez onzas!” El seguiu: “Asegúrovos que a todo o que ten háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei traédeos aquí e degoládeos na miña presenza”.
E dito isto, botou a andar diante deles camiños de Xerusalén.

Meditación

Unha parábola forte, que mesmo bota para atrás. Quizabes froito do momento de tensión que Xesús viviu cando se achegaba a Xerusalén, onde había atopar unha forte oposición dos poderes xudeus. Unha parábola que nos axuda a situarnos no tempo presente, un tempo de construción na vida, na historia, dos soños de Deus, que Xesús puxo ao noso dispor; un tempo no que tamén contemplamos como moita xente rexeita a proposta de Xesús. Unha vez máis témolo que percibir así: o evanxeo non é para meter medo. En todo caso, axúdanos a decatarnos de que os soños de Deus para a humanidade pasan polas nosas mans fráxiles, trementes, pero capaces, grazas ao mesmo Deus, de ir facendo que a inxustiza se faga xustiza, que a indiferenza se faga solidariedade, que o abuso do débil se converta en fraternidade real. E non vale engruñarse, por medo, por desconfiar das nosas propias capacidades. Perdémonos nós e pérdense, se cadra, as persoas que do noso bo facer poidan depender. Ao final, con todo, o que nos agarda é sempre, sempre, un Deus de misericordia, que sabe compensar as nosas fraxilidades.

Oración

Se tes dez,
pon dez enriba da mesa da vida,
non te aforres inutilmente.
Se tes cinco,
pon cinco fiándote de ti mesmo,
fiándote do Deus que de ti terma.
Se tes un, ou medio, ou case nada,
que non te encollan os medos
nin a túa mesma insignificancia:
tamén ti es necesario
para os soños de Deus sobre este mundo.
Busca, traballa, pon esforzo,
remove ceo e terra con empeño,
e confía,
sobre todo confía:
nin un vasiño de auga dado con amor
quedará sen recompensa,
ao xeito inimaxinable de Deus.

Acción

¿Vémonos con algunha calidade persoal ou comunitaria que estamos agochando por calquera medo, por calquera outra razón? Xa sabemos a que nos invita o Evanxeo de hoxe.


22 de novembro: xoves da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 41-44

Daquela, cando Xesús se achegou a Xerusalén e viu a cidade, chorou sobre ela e dixo:
--Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante e apertarante por todas partes. Esnaquizarante contra o chan a ti e máis os teus fillos, non deixarán en ti pedra sobre pedra, por non recoñeceres a oportunidade de cando te visitaron.

Meditación

Este pedaciño de evanxeo recolle e xunta, moi posiblemente, por unha banda a vivencia dolorosa de Xesús chegando a Xerusalén e ventando o rexeite que alí había recibir por parte das autoridades relixiosas, e pola outra o sucedido máis de trinta anos despois, cando a cidade foi asediada e derruída polo exército romano. Non sabemos o que lle houbese pasado ao pobo xudeu cos romanos, se houbesen acollido a proposta fondamente pacificadora de Xesús. Sabemos, desde logo, que as persoas serían outras, que a sociedade funcionaría doutra maneira, que a xente máis débil estaría sempre no centro, que a relixión empregaríase para integrar a xente e envolvela en trazos de dignidade. O evanxeo invítanos hoxe a que non ignoremos nin desaproveitemos o paso de Deus, de Xesús, polas nosas vidas. Pois segue vindo, segue pasando, séguenos ofertando paz verdadeira, segue empuxando cara a unha convivencia fondamente fraterna, co que isto significa no diario vivir en aldeas e cidades. Que mágoa, se tamén nós pasamos de Xesús, pasamos de Deus!

Oración

Ensínanos a chorar, Xesús!
Chorar por nós mesmos,
polas nosa mesma indiferenza ante ti,
ante as túas propostas renovadoras.
Chorar pola nosa Igrexa,
polas nosas comunidades cristiás,
tan frouxas e arredadas dos teus soños.
Chorar polo pobo,
pola xente máis empobrecida do pobo,
que descoñece amparos e acompañamentos,
que tanto sabe de duras frustracións.
Ensínanos a chorar, Xesús,
con bágoas que amolezan os propios corazóns,
e lles abran as portas
cara a unha convivencia inocente, solidaria
no teu nome,
no nome do teu Deus,
do noso Deus.

Acción

Os medios de comunicación asómannos diariamente a moitas situacións inhumanas, incluso na mesma Igrexa. ¿Cómo reaccionamos? ¿Dóennos esas cousas? ¿Lévannos a implicarnos ou soamente a criticar o que outra xente fai mal?


23 de novembro: venres da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 45-48

Cando Xesús chegou a Xerusalén, entrou no templo e empezou a botar fóra os tendeiros, dicíndolles:
--Está escrito: “A miña casa ha ser casa de oración”; pero vós convertéstela en “cova de bandidos”.
Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e máis os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el, pero non vían como facelo, porque todo o pobo estaba moi atento ao que dicía.

Meditación

O templo, calquera templo, tanto o de Xerusalén daqueles tempos, coma os nosos de hoxe, deberían ser espazos onde a xente crente –e non crente— se sentise obsequiada mediante palabras, silencios, signos, co regalo dun Deus próximo, amante, gratuíto, que nos comprende e nos quere acompañar na vida de cada día. Xesús indignouse porque as cousas non eran así; armou aquel espavento e dixo aquelas palabras que explicaban o seu feito. A casa do encontro estábase convertendo na casa do non encontro, por mor dos intereses dun clero que facía do templo o niño do seu poder. Xesús atendía o pobo, que atopaba nel o que non atopaba nos responsables do templo. Os xerifaltes deciden acabar con el. ¿Onde nos situamos nós? ¿De aprendices de Xesús, dese Xesús que non condescende coas trampas nas que pode caer a relixión? ¿De aprendices dese Deus simple e total, que se nos amosa nos signos e ritos relixiosos, pero que tamén pode ser traizoado e ridiculaizado por eles? ¿De aprendices deses xefes relixiosos que atopan na relixión un lugar de poder e de dominio sobre o corpo e a alma da xente, e defenden ese poder con calquera tipo de medidas? ¿De aprendices de quen oe as cousas que se lle poñen diante, recapacita e reordena a súa vida?

Oración

O meu corazón, o meu corpo,
a miña mente, todo o meu ser,
son o teu templo, meu Deus.
E podo facer del
unha casa de pregaria,
de encontros apaixonados,
transformadores,
un simplemente unha casa de negocio,
onde falar contigo
de méritos e esixencias,
de premios e castigos,
de min, por min, para min.
E o que viva no meu ser
vivireino tamén nos innumerables templos da vida
que son cada persoa que me atope.
Por iso, Xesús,
colle a xostra
e bota do meu corazón
a todos os tendeiros.

Acción

¿Observamos na nosa parroquia, ou en calquera templo ao que acudamos, algunha práctica relixiosa que non nos parece apropiada, porque nos soa tamén a negocio? ¿Poderiamos facer algo por axudar a corrixir iso, por exemplo, falando coas persoas responsables ou mandándolles algún escrito coa nosa opinión razoada?


24 de novembro: sábado da 33ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 20, 27-40

Un día achegáronse a Xesús algúns saduceos, que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
--Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois unha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo, e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e morreron todos sen deixar fillos. Ao cabo morreu tamén a muller. Pois ben, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús contestoulle:
--Neste mundo os homes e máis as mulleres casan entre si, pero as persoas que sexan dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos non casarán, nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos ou fillas de Deus por naceren na resurrección. E que resucitan os mortos ben o deixou indicado Moisés no episodio da silveira, cando chamou ao Señor “o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para el toda a xente está viva.
E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
--Ben falado, mestre.
E xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.

Meditación

Do que será a vida no máis alá non podemos imaxinar case nada. Por moito que se nos anuncien glorias ou condenas pintadas de mil maneiras, o certo é que é ben pouco o que podemos afirmar; e son cousas máis de crer que de asegurar. Iso si, o que aseguramos pola fe son poucas cousas, pero ben cheas de esperanza.
As persoas cristiás cremos que despois da morte todo o mundo resucita nas mans dun Deus de vida, amante da vida; cremos tamén que, á luz clarificadora dun Deus amor, a nosa existencia eterna refarase na unión, na compenetración total; e cremos tamén que carecerá de sentido todo criterio posesivo, sexa cal sexa, incluíndo, xaora, o de pretender que a muller sexa a “miña” muller. O amor en anacos particulares, que igual nos serve para unha vida tamén en anacos como é a presente, non vale para o eterno en Deus, onde todo será de todos e todas, para gloria do Deus da vida total.

Oración

Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos anuncias.
Deus de vida,
potente para creala,
para dala,
para compartila,
para aumentala.
Deus de vida,
potente tamén para coidar a vida,
para sandala,
para restituíla,
para fortalecela.
Deus de vida
neste tempo fráxil que nos envolve
e no tempo sen tempo que nos agarda.
Deus de vida
que en vida é sempre gratuíto.
¿Quen podería pagar, merecer, reivindicar
o don marabilloso da vida?
Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos aseguras.

Acción

Podemos e debemos apostar pola vida contra a morte. En moitas ocasións diariamente apostamos pola vida. Podemos facelo hoxe dunha maneira expresa sobre todo con persoas ou grupos sociais que leven, ou levemos, enriba algún sinal de morte ou apagamento. ¿En que podemos facer consistir esa aposta?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.