23 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 34ª semana


25 de novembro: domingo 34 do Tempo Ordinario
Solemnidade de Xesús Cristo rei do universo.

Evanxeo: Xn 18, 33b-37

Cando Xesús estaba sendo xulgado por Pilato, entrou este outra vez no pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
--¿Es ti o rei dos xudeus?
Xesús respondeu:
--¿Dis iso pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou:
--¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min, ¿qué fixeches?
Xesús contestoulle:
--O meu reino non é deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
--¿Logo ti es rei?
Xesús respondeu:
--Tal como o estás dicindo, eu son rei; para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade escoita a miña voz.

Meditación

Para ser máis fieis ao espírito de Xesús, esta festa, no canto de chamarse festa de Xesús Cristo rei do universo, debería chamarse festa de Xesús Cristo servidor do universo, pois foi el mesmo quen nos deixo dito, coa forza da palabra e dos feitos, que non viñera para ser servido, senón para servir. E, cando Xesús lle di a Pilato que o seu reino non é deste mundo, está dicindo xustamente isto, que non se move en base á forza, aos exércitos, á violencia, ao dominio, ao aproveitarse da xente, senón xustamente en base ao contrario de todo iso. O soño de Xesús é un soño democrático e moito máis ca democrático, é un soño de irmandade; é el quen nos di: a ninguén chamades mestre, nin pai, nin dirixente; chamádevos simplemente irmáns, irmás, e vivide coma tales. As comunidades cristiás estamos invitadas por Xesús a ser grupos humanos que, empuxados polo seu mesmo espírito, a ser testemuñas desta enorme novidade de Xesús.
A realeza de Xesús é servizo, e o servizo de Xesús é, entre outras cousas, ser entre nós testemuñas da verdade. E o verdadeiro para o ser humano é esta condición fraterna, interdependente, complementaria, agradecida, servidora, que camiña cara á unión, cara á comuñón total en Deus. Este era o soño de Xesús; para este soño viviu, por este soño morreu e neste soño persiste unha vez resucitado no seo de Deus. No soño de Xesús está cada unha das persoas, grupos sociais e pobos que están vivindo con amargura, que non perciben a irmandade por ningún lado, que ansían un cambio radical cara a algo que soe a irmandade.
Acabamos o ano litúrxico e sentímonos embarcadas neste Xesús total, que nos quere metidas neste seu soño, gozando del xa na medida do que poidamos, facéndonos persoas servidoras dese soño no día a día das nosas vidas, ata que o poidamos ver realizado en plenitude para todo o mundo no seo de Deus tamén.

Oración

Bendito sexas, Xesús, o servidor,
amigo, mestre e forte irmán maior!
Bendito sexas nos ditos e nos feitos
que á xente débil encheron de proveitos!
Bendito sexas nas túas camiñadas,
na busca sempre da xente máis tirada!
Bendito por ser, Xesús, humilde e recio,
duro cos grandes e brando cos pequenos!
Bendito sexas, por ser apaixonado
do Deus da vida, que é na vida honrado!
Bendito sexas na túa cruz e morte
que nos abriron glorioso horizonte!
Bendito sexas, Xesús, na túa gloria!
Que sexa a túa tamén a nosa historia!

Acción

Para achegarnos algo hoxe a este Xesús gran servidor, pensando nel podemos hoxe facer algún servizo especial na casa, na comunidade cristiá, na sociedade; participar en algo, ofrecernos para algo. Así podemos ir experimentando a bendición e o poder de Xesús servidor.


26 de novembro: luns da 34ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 21, 1-4

Nunha ocasión Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón dixo:
--Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.

Meditación

Este evanxeo, tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día.

Oración

Grazas, meu Deus,
por todas as cousas pequenas
que a xente máis pequena é capaz de facer,
buscando vida para a familia,
para a comunidade, para o pobo.
Grazas porque grazas a ti
aprendemos a valorar o pequeno
e a facer do pequeno
a forza que move o mundo.
Grazas polo gran pequeno
que foi Xesús,
que tanto nos abriu os ollos
para descubrirmos no pequeno
o camiño que leva
á maior verdade,
á maior paz,
á maior revolución.
Grazas, meu Deus!

Acción

Podémonos esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas.


27 de novembro: martes da 34ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 21, 5-11

Nunha ocasión comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
--Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
Eles preguntáronlle:
--Mestre, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?
El díxolles:
--Andade con coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome, dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
Entón díxolles:
--Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo.

Meditación

A historia, a vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes. Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas, edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus.

Oración

Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a temer,
pero non a ti,
que es todo solicitude servidora!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a coidarnos,
pero non de ti,
que tes oficio de coidador universal!
Que bo que nos aprendas, meu Deus,
a velar por nós,
a coidarnos a nós,
para que nunca o afán de riqueza
nos peche no egoísmo sen solidariedade,
para que nunca a ansia de dominio
nos leve a desfacer o mundo,
esta casa común que nos deches!
Que bo que esteas ao noso lado, meu Deus,
educándonos para a vida grande e feliz!
Aquí estou meu, Deus,
quero aprender de ti.

Acción

Unha maneira de coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de cerca axudaranos a ser xente máis solidaria.


28 de novembro: mércores da 34ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 21, 12-19

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el:
--Botaranse sobre vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas.

Meditación

Non era doado soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia, non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo!

Oración

Perdón, meu Deus,
por ter renunciado tantas veces a dar testemuño de ti.
Perdón por velar coidadosamente
de non pasar por ningún conflito
pola mor túa,
pola mor do teu nome, da túa causa.
Perdón polos nosos medos,
pola nosa covardía,
por carecer de palabra e sabedoría
coa que facer valer ante o mundo
a nosa condición de seguidores/as túas.
Perdón por non nos fiar de ti,
e das túas seguridades.
Perdón pola nosa cativa perseveranza,
que non garante nada bo
nin para a gloria do teu nome
nin para a consistencia das nosas vidas.
Que o teu perdón nos refaga, meu Deus,
que o teu perdón nos renove!

Acción

É moi posible que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos volva dar o caso.


29 de novembro: xoves da 34ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 21, 20-28

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
--Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. Entón as persoas que estean en Xudea, que fuxan para os montes; as que estean en Xerusalén, que se afasten, e as que estean no campo, que non entren nela; porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande calamidade no país e un terrible xuízo para este pobo. Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que aos pagáns lles chegue o seu momento.
Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.

Meditación

As comunidades cristiás que coñeceron a destrución de Xerusalén por parte do exército do imperio romano fixeron deste feito unha lectura tremenda: foi o castigo, o escarmento que Deus lles deu por non ter acollido a Xesús. E parece que invitan a que sigamos facendo esa lectura tremenda das desgrazas e desventuras que nos poden pasar no mundo. Pero Deus non é un Deus de castigos e escarmentos. Deus é sempre un Deus de perdón, de acompañamento, de alentos para axudarnos a encarar os males que nos poden chegar; Deus é un Deus preventivo tamén, un Deus que, coma calquera nai ou pai bo, e moito máis aínda, nos advirte de que hai camiños de abuso, de egoísmo, de soberbia, de andar ao vaiche boa, de abandono moral, que nunca levan a nada bo. Pero máis aló de todo iso, el sempre estará acollendo, ofrecendo o que sabe ofrecer: vida, liberación.

Oración

Non sei, meu Deus, non sei,
pero eu imaxinaríate triste por como vai o mundo.
Andamos rotos,
pobos do norte e pobos do sur
uns a cabalo dos outros,
e entremedias
regueiros de bágoas e de sangue.
Non é para aledarse, verdade?
Un pano de tristura nos envolve,
por moito que multipliquemos xantares e romarías.
Un aquel de desesperanza nos nubra o corazón,
a pesar de tanta palabra pomposa.
Que mal o estamos facendo, meu Deus,
que mal o estamos facendo!
E ti, incansable no teu:
poñédevos de pé,
erguede ben a cabeza,
chega o día da gran liberación!

Acción

¿Cómo entendemos normalmente as desgrazas que nos poden pasar a nós ou a calquera persoa ou pobo? ¿Cómo as poderiamos entender á luz de Xesús, do Deus de Xesús?


30 de novembro: Festa do apóstolo Santo André

Evanxeo: Mt 4, 18-22

Un día, camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes no mar. Díxolles Xesús:
--Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.

Meditación

Foron Pedro e André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé, Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E decidinos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos, ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André no día de hoxe.

Oración

Deixárono todo
e seguíronte, Xesús.
Quen nos dera
vivir esa atracción túa tan fonda
sobre as nosas vidas!
Quen nos dera
que o corazón se nos desapegase algo
do meu, do noso,
e se abrise coma o teu
a soños solidarios!
Quen nos dera ser
libres de nós,
do noso, de todo,
para andar contigo aventuras fraternas!
O revolucionario camiño
cara á gran felicidade!
Cando acabaremos de crerte, Xesús,
cando?

Acción

Se sabemos algunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e como a vive.


1 de decembro: sábado da 34ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 21, 34-36

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
--Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.

Meditación

Este texto, coma outros que estivemos lendo estes días pasados, é para contemplar á sombra dese convencemento fondo que sempre nos debe acompañar: Deus non é para meter medo, o evanxeo de Xesús non é nunca unha escola de xente medrosa. Ao contrario, Deus, o evanxeo de Xesús son sempre para axudarnos a quitar de enriba de nós os medos que paralizan; son para espelirnos cara á vida, cara á audacia, cara á esperanza. Si, é certo, unha vida atoleirada sexa coa bebida, co xogo, con calquera comportamento dependente non nos trae nada bo; unha preocupación obsesiva polas cousas da vida tamén nos pode bloquear a existencia, e nos pode levar a non gozar do que cada día a vida mesma nos vai dando. Claro que podemos errar na vida; claro que é bo que esteamos alerta para non rebaixar o potencial de vida que levamos dentro de nós por graza de Deus; claro que é bo coidarnos a nós e coidar este mundo. Pero nunca desde o medo, sempre desde a seguridade de que Deus anda sempre ao noso lado como compañeiro que nos coñece ben e que nunca nos vai fallar.

Oración

Creo en ti, meu Deus,
confío en ti,
espero en ti.
Síntote ao meu lado
en todos os momentos da miña existencia,
nas duras e nas maduras.
Grazas por nunca me fallares,
grazas pola túa compaña fiel,
grazas polas túas correccións e aloumiños,
grazas polo inmenso agarimo que me tés,
que nunca, nunca,
poderei sopesar abondo.
Amo a vida,
pero, por iso mesmo, tárdame verte cara a cara.
Amo e gozo este precioso mundo que nos deches,
esta terra galega que tanto me namora,
pero, por iso mesmo,
tárdame achegarme a fonte de tanto ben
e beber nela
ata a fartura total.
Grazas!

Acción

¿Hai algunha cousa que nos estea obsesionando, que nos estea envolvendo en medos e desesperanzas? Podemos identificala, para poder vivila á luz de Xesús.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.