18 decembro, 2018

2º Encontro 2018 / 2019



Oramos co corpo, cos signos, coas palabras, co silencio, in puritate cordis.

1.- De pé. Sen papel ningún. Acollámonos a nós mesm@s. Acollamos á xente que nos rodea dándonos as mans. Saibámonos acollidos por Deus.

Posiblemente nos apeteza cantar algo:

TÉNDEME A TÚA MAN,
QUE A MIÑA ESTÁ PRESTA
TEÑO LUME NO FOGAR.

TÉNDEME A TÚA MAN,
QUE A MIÑA ESTÁ PRESTA
NON ME FAGAS ESPERAR.

2.- Sentamos e lemos: Mt 11,25-26

Nunha ocasión orou Xesús desta maneira:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor o ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.

3.- Salmo 113: (versión á luz do Evanxeo)

ALELUIA, ALELUIA, GLORIA A DEUS, ALELUIA, GLORIA A DEUS,
ALELUIA, GLORIA A DEUS

Loade, servidoras, servidores do Señor,
loade o nome do Señor.

Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.
Desde o nacente ao poñente
loado sexa o nome do Señor.

Marabilloso entre os pobos é o Señor,
a súa gloria enche o universo.
Quen coma o Señor, noso Deus,
que sostén a nosa vida
e que se afana para coidar
do ceo e máis da terra?

El ergue do po a xente vulnerable,
levanta do esterco a xente empobrecida,
para lle dar asento cos máis nobres,
coas persoas máis nobres do seu pobo.
El pon á fronte da casa á estéril,
como nai ditosa de fillas e fillos.

4.- Facémonos eco de calquera palabra do evanxeo ou do salmo que nos conmovese máis.
Prolongamos o Evanxeo e o Salmo bendicindo a Deus polas situación nas que vexamos que a xente pequena, empobrecida, vulnerable, está sendo ennobrecida na súa dignidade, nos seus dereitos, na súa valoración.
Lembramos situacións nas que vexamos que aínda a xente vulnerable, empobrecida, pobre, non está sendo recoñecida como a Deus lle gusta.

5.- Volvemos ao momento primeiro: erguémonos, dámonos as mans, sentimos a calor do irmán/irmá, a calor de Deus. Rezamos o Noso Pai:
Noso Pai/Nai, en quen vivimos e existimos, santificado….

6.- Dámonos un bico de paz.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.