13 decembro, 2018

Tempo de Advento: 3ª semana


16 de decembro: domingo 3º de Advento

Evanxeo: Lc 3,10-18

(Cando Xoán Bautista percorría todo a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión), a xente preguntáballe:
—¿E logo, que temos que facer?
El respondíalles:
—Quen teña dúas túnicas, que comparta con quen non teña ningunha, e que fago o mesmo quen teña comida.
Foron tamén uns recadadores de impostos a se bautizar, e preguntáronlle:
—Mestre, ¿qué temos que facer?
El contestoulles:
—Non esixades máis do que vos teñen disposto.
Tamén uns soldados lle preguntaron:
—E nós, ¿qué temos que facer?
El contestoulles:
—Non vos aproveitedes de ninguén con denuncias falsas, e contentádevos coas vosas pagas.
Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todo o mundo:
—Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira, recoller na hucha o seu trigo e queimar a palla no lume que nunca amortece.
Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa nova á xente.

Meditación

Xoán entendeu a súa misión como un invitar á xente a que se dispuxese ben para poder recibir con proveito a visita de Deus. Estaría ben que neste tempo de Advento tamén nós lle preguntemos a Xoán, nos preguntemos como persoas e como comunidade qué podemos facer para facilitar a entrada de Deus nas nosas vidas, na vida da nosa comunidades, da nosa sociedade. Se preguntamos con humildade e con dispoñibilidade, seguro que atoparemos cousas de proveito para facer.
As respostas de Xoán á xente que lle preguntaba valían para o seu tempo, e valen tamén para o noso: non acumular, compartir; non abusar do cargo para encher os petos, ser honestos no desempeño da función pública que se teña; non aproveitar a situación de poder para abusar da xente.
Xoán tiña moi clara a súa función de servidor da presenza de Deus; non se buscaba a si mesmo, o seu era abrir camiños, facilitar entradas, encontros, axudar a que a xente experimentase por si mesma a presenza e a forza do mesmo Deus.
Nunha sociedade en crise, nunha Igrexa tamén en crise, é urxente achegarnos como discípulos/as con Xesús onda Xoán, con Xoán onda Xesús, para que a súa forza subversiva nos colla e nos faga capaces do novo para nós mesmos, para a nosa sociedade que tanto está precisando de verdadeiros revulsivos.

Oración

Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
son persoa indigna de ti,
pero coma el suspiro
polo lume do teu Espírito,
que me aclare o corazón,
que me renove as forzas,
que me aviveza para a solidariedade.

Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
espero e ansío a túa presenza,
que abra tempos novos na miña vida,
que me faga colaborador do novo
ao pé da xente máis humilde e soñadora.

Que o teu mesmo Espírito
fortaleza as miñas debilidades,
e me axude a chegar
alí onde eu só me asomo nos meus soños.

Acción

Podemos dedicar algún tempo a contestar esa pregunta: ¿qué podo facer eu para facilitar a presenza de Deus na miña vida e na familia e sociedade da que formo parte? ¿En algo son inxusto coa xente, aprovéitome dela? ¿En algo son persoa corrupta? Seguro que saíran cousas ben concretas e ben interesantes.


17 de decembro: luns da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 1, 1-17

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacobe. Xacobe serou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.
David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.
Despois da deportación a Babilonia, Ieconías, xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazas xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
Foron, logo, catorce as xeracións dende Abraham ata David, catorce tamén dende David ata a deportación de Babilonia, e catorce dende a deportación de Babilonia ata Cristo.

Meditación

Con esta cadea humana, certamente artificial, o evanxelista Mateo fálanos de Xesús como formando parte de dúas realidades: é humano, totalmente humano, tras del hai toda unha cadea ascendente que se remonta ao principio dos tempos; tal como nos pasa a calquera de nós. E ademais forma parte dunha longa tradición relixiosa, que paso a paso, con moitas fidelidades e infidelidades polo medio, foi avanzando e se fixo manifesta e lúcida no mesmo Xesús; tal como nos pasa tamén a calquera de nós, aínda que en nós, a lucidez non sexa tanta, e deixemos en escuridade o que para Xesús foi luz e transparencia plena. No material e no espiritual, na totalidade do noso ser, somos o froito de moita busca, de moito sacrificio, de moito gozo, de moito amor, que tanta xente, empezando polos nosos pais, nais, avós, avoas, foron poñendo ao noso servizo. No principio e no final deste recorrido histórico está Deus. Por iso o normal é que sexamos persoas moi, moi humildes, e moi, moi agradecidas.

Oración

Grazas, meu Deus,
por seres a fonte disto marabilloso
que somos;
por ser a forza que nos lanza
e o colo que nos acolle.
Grazas por todos os homes e mulleres,
que deron sangue e vida por nós.
Grazas por Xesús,
o máis humilde, o máis excelente.
Sempre así, meu Deus,
absolutamente humilde,
absolutamente agradecida.

Acción

Podemos repasar no que poidamos a lista dos nosos ascendentes, homes e mulleres que nos permitiron ser o que somos. Ver as súas fotos, recordar os seus feitos, adiviñar os seus soños e amores, dos que nós somos herdeiros/as. Agradecer as súas vidas.


18 de decembro: martes da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 1,18-24

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todos isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor e levou consigo a súa prometida.

Meditación

Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños...
Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros.

Oración

Grazas, meu Deus,
por teres acompañado a Xosé, a María,
e a tantos homes e mulleres ao longo da historia.
Grazas por seres un "Deus connosco",
alguén sempre achegado a nós,
sempre preocupado por nós,
sempre disposto a acompañarnos,
a abrir camiños,
a anunciar auroras,
a abrir esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida.


19 de decembro: mércores da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 5-25

Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Sabela. Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. Non tiñan fillos, por ser Sabela estéril e estaren os dous moi entrados en anos.
E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio cos da súa quenda diante de Deus, tocoulle entrar no Santuario do Señor para ofrecer o incenso de acordo co ritual, mentres a xente do pobo facía oración fóra. Nisto, aparecéuselle de pé un anxo ado Señor á dereita do altar do incenso. Ao velo, Zacarías turbouse todo e encheuse de temor. Mais o anxo díxolle:
—Non teñas medo, Zacarías, que foi escoitada a túa petición, e Sabela, a túa muller, vaiche dar un fillo e vaslle chamar Xoán. Será para ti gozo e alegría e moita xente se alegrará polo seu nacemento. Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. Converterá a moitos fillos e fillas de Israel ao Señor, o seu Deus. Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais e fillos, para ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.
Preguntoulle Zacarías ao anxo:
—E que probas diso me dás a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?
O anxo respondeu:
—Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus; el envioume para falar contigo e darche esta boa nova. E fíxate ben, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.
E, mentres, o pobo agardaba por Zacarías e estaba sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. Cando por fin saíu, non podía falar, e a xente comprendeu que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles señas, pero non falaba.
Cando rematou o tempo do seu servizo, foi para a súa casa. Días despois concibiu a súa muller Sabela, que durante cinco meses estivo escondida, dicindo para si:
—Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta miña vergonza pública.

Meditación

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo.
Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista.

Oración

Grazas, Pai noso, Nai nosa,
porque nos acompañas coa túa forza
nas horas de angustia e debilidade.
Grazas porque nunca nos deixas da túa man,
por moi mouras que se poñan as cousas.
Nesta hora de incerteza
para a xente que queremos vivir e crer na aldea,
que saibamos acoller o teu Espírito
e colaborar con el.

Acción

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no que Deus mesmo lle dá.


20 de decembro: xoves da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.
O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.

Oración

Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,
que a miña fe é cativa,
que dubido
á hora de darche entrada no meu corazón,
na miña vida toda.
Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,
para poderche dicir sempre “si”,
coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.

Acción

Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc. Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.


21 de decembro: venres da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Meditación

É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.
Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus --todo o que ula a coidados e solidariedades-- tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.

Oración

Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,
e bendito o froito do teu ventre, Xesús!
Bendita ti, Sabela acolledora,
por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!
Bendita a inmensidade de mulleres
que xeraron e pariron vida de mil maneiras!
Benditos todos nós,
invitados a facer que a vida floreza nas nosas mans
para ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!

Acción

Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.


22 de decembro: sábado da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 46-56

Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor,
e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,
porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí, desde agora
todas as xeracións me van felicitar,
porque o Poderoso fixo en min marabillas.
Santo é o seu nome!
A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.
Manifesta todo o seu poder,
desbaratando os plans dos soberbios.
Derruba os poderosos do seu trono,
e fai subir os humildes;
enche de ben os famentos,
e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servo,
lembrándose da súa misericordia,
conforme prometera aos nosos pais,
en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela (Sabela) tres meses, e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser pequeniña cousa diante de Deus, pero pequeniña cousa querida e agraciada. Pequeniña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.
María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.
María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.

Oración

Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,
asombrado pola humilde marabilla da túa forza
que non para de amosarse nos feitos miúdos
da xente miúda que confía cegamente en ti!
Quen me dese facerme música das túas fazañas,
cantora en todos os escenarios da vida
onde o máis pequeno e humilde é valorado
e o máis poderoso e soberbio, rebaixado!
Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,
e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!
Quen me dese, Deus, quen me dese!
Que ti me deas, que Santa María me dea!

Acción

Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.