01 decembro, 2018



TEMPO DE ADVENTO

Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.

Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.

Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.

O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.


2 de novembro: domingo 1º de Advento

Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36

Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.

Meditación

Empezamos o tempo do Advento, tempo da chegada, tempo do Deus que chega e das cousas de Deus que chegan. Un tempo para decatarnos de que Deus e as súas cousas de vida están chegando sempre; elas están aí ofrecéndose permanentemente, en cada caso, iso si, envoltas nas circunstancias persoais, comunitarias, sociais, que van variando segundo tempos e lugares. Non é tanto un tempo de clamar: Ven, Señor Xesús!, senón tempo de abrir os ollos, o corazón, a casa, a vida, a comunidade, a un Señor Xesús que está chegando –el nunca falta á cita--, que sempre se nos está ofrecendo.
Para moita xente os nosos tempos son tempos moi duros, que nos empuxan ao pesimismo. O Evanxeo, no medio de todo isto, dinos con claridade: “poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación”. Invítanos, logo, a unha actitude positiva, invítanos ao camiño, á loita, á dignidade, á esperanza, á indignación, á protesta, á humildade, á confianza: porque chega o día da vosa liberación. Hai saída? Hai saída! Por onde? Crendo na solidariedade, rebentando coa solidariedade efectiva moitas formas caducas de facer política, de facer convivencia cidadá; deixando que a solidariedade nas nosas mans e no noso corazón vaia inventando formas novas de vernos, de tratarnos, de atendernos, de servirnos.

Pregaria

Meu Deus,
como poderei sentirte, vivirte, como o que es:
un fogo vivo nun fogar quente,
que dá paz e alento para a vida, para a convivencia?
Un sunami de amor,
que contaxia e arrastra todo o que encontra,
con maneiras construtivas?
Un punto de enerxía, un corazón pleno
que dinamiza toda a miña vida?

Sentirte así, vivirte así, meu Deus,
quen puidese!
Na miña pobreza e debilidade, a túa acollida.
No meu pecado, a túa aperta.
No meu desalento, o teu consolo.
No meu cansazo, o teu vigor.

Sentirte así en min, en todos e todas,
coma o que es:
reclamo dos soños,
servidor dos soños,
alentador dos soños,
construtor dos soños.
Sempre.

Acción

Co Advento empezamos o tempo de preparación para o Nadal. Podiamos facer un pequeno programa persoal ou grupal, que nos valla para ir superando o que nos rouba paz e forza e llela rouba tamén á xente do pobo.


3 de decembro: luns da 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 8, 5-11

Ao entrar Xesús en Cafarnaúm achegóuselle un oficial do exército romano que lle suplicou dicindo:
—Señor, o meu criado está tolleito na cama e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
O oficial contestoulle:
—Señor, non son merecente de que entres na miña casa; con que digas unha palabra o meu criado curará. Porque eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo ao meu mando; e dígolle a este: vai, e vai; a aquel: ven, e vén; e ao meu criado: fai sito, e faino.
A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles á xente que o seguía:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moita xente virá de oriente e de occidente para sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob no Reino dos Ceos.

Meditación

Todo empeza cando o oficial romano se achega a Xesús. Moitas cousas boas nos poden suceder a nós se nos achegamos a Xesús fiándonos del. A Xesús chamoulle a atención a grande fe daquel oficial. Realmente era de admirar. Quen nos dera ter unha fe así de sinxela, así de forte! A fe do oficial romano parécese moito á fe de moita xente do campo que vai a un santuario, por exemplo, levando nas mans e no corazón a carga dunha enfermidade, dunha desgraza. Xesús non critica esa fe. Admíraa, acóllea, responde solidarizándose co oficial aquel e cos seus problemas, como fai con toda a xente que se achegue a el no medio dos traballos da vida. Gústalle acompañarnos e transmitirnos a súa enerxía.
O oficial romano non era xudeu, pero é igual. A mesa de Xesús, a mesa de Deus, a mesa da vida está sempre preparada para quen teña fame, pete e queira entrar. Deus non anda con requisitos.

Oración

Quen me dese, Xesús, crer en ti a fondo, cunha fe sinxela, forte, limpa, para gozarme, fortalecerme e curarme diariamente coa túa compaña! Creo en ti, Xesús. Con toda a xente humilde da Igrexa ou doutras relixións creo en ti.

Acción

Se podes, establece algún contacto con algunha persoa estranxeira, inmigrante, que viva entre nós, aínda que soamente sexa cun saúdo. Lembra a Xesús co oficial romano. Acóllea, como Deus tamén a acolle.


4 de decembro: martes da 1ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 10, 21-24

Naquel momento Xesús, cheo do gozo do Espírito Santo exclamou:
—Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles ocultaches estas cousas á xente sabia e entendida e llas mostraches á xente humilde. Si, bendito, meu Pai, porque así o quixeches.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, e ninguén coñece o Pai a non ser o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelarllo.
E volvéndose á parte aos discípulos, díxolles:
—Benia os ollos que ven o que vós vedes! Porque é ben certo que moitos profetas e reis quixeron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.

Meditación

Que son esas cousas que Deus amosa á xente humilde e llelas oculta á xente entendida? Pois cousas como o gozo de vivir, o asombro pola graza que hai na natureza, nos animais, na xente; o gusto pola inocencia, a satisfacción que dá falar con verdade e sen malicia; a alegría da boa convivencia veciñal, vivindo coma irmáns ou irmás; a paz fonda que nos dá saber que Deus sempre nos quere, e vivir momento a momento baixo o empuxe dese convencemento; ter ánimos para axudar e servir a quen nos rodea; gozar xuntándonos para as penas e as alegrías, tamén para a defensa do noso; saber ser moi humildes e moi valentes a un tempo.
Quen é a xente humilde que goza con todo isto? Podémolo ser todos, todas nós, se non deixamos que o galo se nos suba ao poxigo, se reparamos na nosa fraxilidade e lle abrimos as portas ao Espírito bo de Deus. Deus tolea por meternos no seu mundo de ben e de felicidade.

Oración

Grazas, Pai, che dicimos con Xesús, por seres tan espléndido, por non preferires o poder e as aparencias, como tantas veces nos pasa a nós. Grazas, Pai, porque che vai o humilde, porque as portas da túa casa están sempre abertas para nós, porque nos ofreces a túa compaña e os teus regalos.

Acción

Ao longo do día de hoxe vai vendo en que circunstancias Deus foi compartindo contigo algunha desas cousas que a el tanto lle gustan. Agradécello. Comparte con algunha persoa amiga ese teu agradecemento.


5 de decembro: mércores da 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 15, 29-37

Unha vez chegou Xesús onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. E veu cabo del un mundo de xente, traendo consigo persoas coxas, eivadas, xordas e afectadas por outros males. Púñanas aos pés de Xesús e el curábaas a todas. De xeito que a xente ficaba pasmada vendo como as persoas mudas falaban, as eivadas quedaban curadas, as coxas andaban e as cegas vían. E glorificaban o Deus de Israel.
Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
—Dáme mágoa esta xente, pois hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non a quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
Dixéronlle os discípulos:
—E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar a tanta xente?
Pero el preguntoulles:
—E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
—Sete e máis algúns peixes.
Mandou Xesús que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos e mais os peixes, deu grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, e os discípulos dábanllos á xente. Comeu a xente a se fartar e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.

Meditación

O querer de Deus é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade, satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si. Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un teito, a alegría de vivir.

Oración

Noso Pai que estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus cidados, que colaboremos contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e esperanza.

Acción

Hai moitas maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podes visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estás facendo xa, pensa na posibilidade de integrarte nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato, Partido Político, desde o que che parece que se traballa ben polo pan de todo o mundo.


6 de decembro: xoves da 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 7, 21.24-27

En certa ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Non entrará no reino dos Ceos quen me diga: “Señor, Señor!” , senón quen faga a vontade do meu Pai celestial.
Así pois, quen escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma a persoa asisada que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa, pero non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
Mais quen escoita as miñas palabras e non as leva á práctica pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa e derrubouna, e a desfeita foi terrible.

Meditación

As vidas, as persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras, comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como persoas e como comunidade.
Tanto as persoas como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentado fainos capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo. Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de Deus é o mellor sostén da nosa vida.

Oración

Son persoa fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío en ti.

Acción

En que me vexo unha persoa fráxil? En que vexo que a miña comunidade é unha comunidade tamén fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, penso nalgunha tarefa que a poida curar. Por exemplo, se non comparto as miñas penas con ninguén, empezo a facelo. Ou se critico a xente da comunidade por tras, dispóñome a dicir as cousas á cara con respecto e agarimo.


7 de decembro: venres da 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 9, 27-31

Unha vez ían seguindo a Xesús dous cegos que berraban:
—Fillo de David, compadécete de nós.
Cando Xesús entrou na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
—¿E vós credes que eu podo facer isto?
Responderon:
—Cremos.
Entón tocoulles os ollos e díxolles:
—Fágase conforme a vosa fe.
E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:
—Mirade que non o saiba ninguén!
Pero, axiña que se foron, falaron de Xesús por toda aquela zona.

Meditación

A humanidade, cada un de nós, homes e mulleres que a formamos, podemos vernos reflectidas neses dous cegos que andaban tras de Xesús, á procura da súa iluminación, da súa clarificación, da súa curación. Podemos andar pola vida pletóricos, créndonos sabedores de todo, incluso de todo aquilo que ten que ver coas fontes do noso ser, da nosa persoa, e das cousas sas e fondas que nos permiten vivir con verdadeira humanidade, abertos, abertas ao misterio da vida, ao misterio da nosa convivencia solidaria. É difícil vivir e aproveitar o Advento se nos situamos nesta clave de sobreabundancia. O Evanxeo invítanos a descubrir ese lado frouxo que está tan presente na nosa vida persoal e social. Canto nos cómpre ver a fondo como persoas, para atinar co noso desenvolvemento persoal na vida! Cantos nós cómpre ver como sociedade, para darlle a volta a tantas cousas ao revés que están amolando a vida de tantas persoas, de tantos pobos! Na nosa fe cristiá entendemos que Xesús nos pode iluminar a fondo. Por iso nos achegamos a el. Por iso nos dispoñemos a abrirlle as portas da vida.

Oración

Eu ante ti, Xesús de Nazaré, ante o Deus que ti nos ofreces, son tamén persoa cega, que precisa a túa iluminación. Sei, creo que o teu pracer é tocar os meus ollos para que se abran á luz, para que se abran á condición de filla, á condición de irmá. Que eu non impida, Xesús, o que ti queres facer en min. E falarei de ti con orgullo e humildade.

Acción

A luz énos dada, pero tamén hai que buscala. Para Xesús andar no medio da xente empobrecida, compartir as súas vidas e penalidades, e tamén as súas alegrías, é unha preciosa e misteriosa maneira de acceder á luz, á verdade da vida. Podemos facer algo que nos permita entrar no mundo da xente empobrecida.


8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?
O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias.
Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus.
O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir.
O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos.

Oración

Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus.
Que non me venzan os medos, os límites que teño.
Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito.
Que me deixe levar por el ata onde el queira.
Aquí estou, meu Deus, conta comigo.

Acción

É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.