23 novembro, 2018

Obradoiro de Espiritualidade 2


PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE

Textos bíblicos:

Mc 1, 21-29: A autoridade coa que Xesús falaba e actuaba causaba admiración.
Mc 8, 27-38: E vós, ¿quen dicides que son eu? Cómo o mesmo Xesús se explica a si mesmo.
Xn 1, 1-18: Prólogo do Evanxeo de Xoán, que amosa xa unha comprensión de Xesús moi madurada desde a reflexión e a vida dalgunhas comunidades cristiás.

Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida.
  1. En situacións de crise e transformación da Igrexa sempre se insistiu na necesidade de “volver a Xesús”. ¿Qué significa vitalmente para ti “volver a Xesús”?
  2. Sinala algún aspecto do proxecto e do comportamento crente de Xesús, que neste momento che resulta especialmente atraínte ou especialmente difícil de asumir.
  3. Os primeiros grupos cristiáns foron descubrindo e foron experimentando en comunidade quen era Xesús, que significaba para as súas vidas e para o conxunto da realidade social. ¿Cómo lle estás dando saída a esta necesidade de avanzar no descubrimento de Xesús en comunidade? ¿Sentes necesidade de dar algúns pasos por aí? ¿Qué pasos poderías dar?

Tempo de oración
  • Busca e crea un espazo, un momento, un tempo axeitado (15-20´)
  • Toma conciencia de que Deus está en ti, de que ti estás en Deus.
  • Le algún dos textos sinalados arriba ou Mt 6, 5-14 sobre a oración.
  • Vaite concentrando naquel xesto, naquela palabra de Xesús, que máis che chegou. Somérxete nela, deixa que te colla enteiramente. Cala, adora, ofrécete a fondo, para poder vivir logo algo coma Xesús.
  • Acaba dándolle grazas a Deus pola súa atención neste tempo. Anímate a pasar o día empuxada polo alento de Xesús acollido na oración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.