TEMPO DE NADAL
Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor.
O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.
O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.
Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.
O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.
25 de decembro: nacemento do Señor Xesús
Evanxeo: Lc 2, 1-14 (Misa da noite). Xn 1,1-28 (Misa do día)
Lc 2, 1-14
Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo fíxose no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todo o mundo se foi empadroar, cadaquén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde a aldea de Nazaré en Galilea ata á aldea de David, chamada Belén, na Xudea, por ser Xosé da cada e da familia de David, para empadroarse con María, a súa prometida, que estaba embarazada.
Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto e deu á luz o seu fillo primoxénito; envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto, vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor, e quedaron cheos de medo. Pero o anxo díxolles:
—Non teñades medo, que vos veño traer a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: Hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un neno envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.
E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:
—Gloria a Deus no ceo e na terra paz para a xente que goza do seu amor.
Xn 1, 1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron --aqueles homes e mulleres que cren no seu nome-- deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
Estes dous pedaciños de Evanxeo falan do mesmo, do nacemento, da presenza entre nós de Xesús de Nazaré, sobre o que descansou todo o humildísimo poder de Deus para o ben de toda a humanidade, de cada persoa que a imos compoñendo xeración tras xeración. Os dous relatos compleméntanse moi ben. O de Lucas pon en evidencia a normalidade, a naturalidade dese nacemento no seo dunha familia pobre dunha aldea pobre. A pobreza distingue este nacemento: xente de camiño, sen medios, que na pousada non atopan refuxio; a muller que pare nun cortello e que recibe os agarimos de pastores, profesión tamén pobre e daquela non moi ben considerada. Ninguén diría que así sería como había de se facer Deus presente neste mundo. Pero así foi. E a cousa, que é boa nova de alegría, fai que a terra e o ceo se xunten en loanzas. E a gloria de Deus convértese nunha corrente de paz para os homes e mulleres que máis a ansían e gozan na terra. A proximidade, a tenrura, os chuchos envólveno todo, como en calquera nacemento humano. Así son as cousas de Deus. Podemos achegarnos a ese cortelliño real ou imaxinario e en silencio procurar captar os rastros de Deus entre nós, no pasado e tamén na hora presente.
O evanxeo de Xoán vai ao mesmo pero desde outra sensibilidade. Quen o compuxo era unha persoa moi sisuda, amiga de querer penetrar e compartir o misterio de Deus que nos envolve. A Deus nunca ninguén o viu nin o pode ver, pero na vida e na palabra de Xesús podemos ver trazos do seu ser e do que o seu ser nos pode aportar: camiños de vida, camiños de luz, e a posibilidade de pouco a pouco irnos metendo no seu mesmo seo, no seu mesmo fogar, ata facernos un con el. Deus misteriosamente ao alcance da nosa man, do noso ser tan pequerrecho e limitado. E, aínda así, un Deus non sempre recoñecido e aceptado. Tamén aquí o Nadal invítanos a deixarnos agraciar polo que pode ser o maior regalo da nosa existencia: Deus mesmo.
Oración
Quero ser pobre no corpo, nas cousas materiais, Xesús,
para entrar contigo no mundo da pobreza
no que ti naciches
e grazas ao cal te fixeches divinamente sensible,
divinamente libre,
divinamente irmán, con preferencia, da xente máis empobrecida.
Quero ser pobre no espírito, Xesús,
para abrirme a todo rastro de vida e de luz,
que en Deus ten a súa fonte.
Quero ser pobre,
para ser irmán,
para facer da irmandade real
o camiño de encontro contigo
no Nadal de cada día.
Quero ser pobre,
pero cústame selo.
Contigo ao meu carón poderei selo,
porque para Deus non hai imposibles.
Acción
Participa nalgunha movida solidaria das que con frecuencia se organizan ao redor do Nadal. Non te quedes na movida dun día, dunhas datas. Fai da solidariedade un estilo de vivir e de relacionarte.
26 de decembro: festa de santo Estevo o primeiro mártir
Evanxeo: Mt 10, 17-22
Naquela hora díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Tende coidado coa xente, porque vos han entregar aos tribunais e golpearanvos nas sinagogas, e pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagás.
E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo que ides dicir e por como dicilo, porque naquela hora Deus vos suxerirá o que tedes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte, pais a fillos, fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, ese salvarase.
Meditación
Chama ben a atención que, despois da paz, do gozo, da tenrura do Nadal, deseguida nos poñamos a celebrar a memoria de santo Estevo, considerado o primeiro mártir, a primeira persoa que foi matada por manterse fiel ao seu seguimento de Xesús, o neno aquel que nacera en Belén. A paz que se anunciara no seu nacemento non quita do medio as dificultades da vida, que nalgúns casos chegan á mesma morte. Non as quita do medio, pero a paz do Nadal dános sentido e forza para afrontalas dun xeito positivo, con serenidade. Sabernos en Deus e a Deus en nós --iso celebramos no Nadal-- permítenos encaralo todo desde a humilde valentía que o mesmo Xesús tantas veces amosou.
Oración
Nas horas de dor,
a túa paz, Señor.
Nas horas de conflito,
saberte ben ao meu ladiño.
Nas horas dos desprezos,
o teu maternal aprecio.
Nas horas de abatemento,
o gozo do teu seguimento.
Acción
Evitas en ocasións dicirte persoa cristiá por medo a desprezos ou ridiculizacións? Fagamos a proposta de non calar os nosos convencementos cristiáns, con humildade, sen chulerías, cando sexa do caso.
Dia 27 de decembro: festa de san Xoán Apóstolo e Evanxelista
Evanxeo: Xn 20, 2-8
O primeiro día da semana María Magdalena botou a correr ata onde estaban Simón Pedro e o outro discípulo a quen Xesús amaba e díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.
Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, entrou no sepulcro e viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo que chegara primeiro; viu e creu.
Meditación
Co Nadal, que estamos celebrando estes días, abriuse a vida de Xesús, unha vida de busca, de apego fondo a Deus e ao pobo nun mesmo e firme amor solidario. Unha vida que, a forza de fidelidades, acabaría en cruz, en morte violenta por plantarlle cara, no nome de Deus, a tanta hipocrisía social e relixiosa. Pero a vida de Xesús cativou a moita xente no pasado e no presente. Entre eles Pedro e Xoán, o discípulo amado polo Señor, a quen hoxe recordamos.
Nós tamén nos sentimos atríd@s por esta corrente de vida e de ilusión que brotou do nacemento, da vida e da morte de Xesús, da súa paixón amante por nós, pola xente máis diminuída, por todo o mundo. E corremos coa Magdalena, Pedro e Xoán cara ao sepulcro, á espera de poder ver e percibir, á nosa maneira, os sinais desa presenza viva de Deus nas nosas vidas. Todo é cuestión de amores. E parece que o apóstolo Xoán era experto nisto. Disto viviu e disto falou no Evanxeo e cartas que levan o seu nome.
Oración
Paixón para moverme, Xesús,
pernas para correr,
ollos para verte,
fe para crer,
corazón para amarte,
decisión para seguirte,
verbas para contarte,
comunidade para celebrarte,
gozo para acompañarte
e pobres cos que avalar tantos soños,
para que a miña vida non se perda en fantasías.
Que así sexa, Xesús.
Acción
Fai hoxe unha ruta andando, e mesmo correndo, ata o lugar onde podas verte con algunha persoa empobrecida. Míraa, comparte con ela, agasállaa como queiras, e fai dese encontro o encontro con Cristo resucitado.
28 de decembro: festa dos Santos Inocentes
Evanxeo: Mt 2, 13-18
Cando os sabios se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai pola noite e marchou para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, e así cumpriuse o que dixera o Señor por medio do profeta:
—De Exipto chamei o meu fillo.
Daquela Herodes, ao decatarse de que os sabios se burlaran del, aborreceuse moito, e, botando contas polo que os sabios lle dixeran, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo que vivían en Belén e na súa bisbarra. E así cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
Oíuse un berro en Ramah,
choros e lamentos por todas partes;
é Raquel que chora polos seus filliños,
e non se quere consolar porque xa non existen.
Meditación
O Evanxeo de hoxe converte a familia de Xesús e ao mesmo Xesús nunha familia de prófugos, que foxe buscando refuxio nun país onde poder conservar a vida. Tocoulle pasar polas que hoxe están pasando moitas familias máis ben do Sur, que veñen a Europa na procura de seguranza, de medios de vida. Non está mal que pensemos que esa xente refuxiada de hoxe son coma unha representación, un sacramento vivo da presenza de Xesús no medio de nós. Os inocentes que hoxe veneramos sono eses nenos e nenas, homes e mulleres, que, a causa dos abusos e animaladas dos señores da guerra e de cantos os seguen, padecen inocentemente e con inocencia petan ás nosas portas.
Non ten xeito celebrar o Nadal con moita panxoliña, moitas luces e adornos, moita boa mesa, se non nos solidarizamos coa inocencia, e con quen con inocencia pasa penalidades. A festa dos santos Inocentes non vai de inocentadas, senón de inocencia, vivida e defendida ante quen queira burlarse dela. A festa dos santos Inocentes vai incluso de martirio, por apegarse a Xesús e á súa causa.
Oración
Que a inocencia me namore, Xesús,
e me leve a vivir sen malicia.
Que me namore o teu corpo fráxil,
e todas as fraxilidades que poboan esta terra.
Que o meu corazón, a miña casa se volva fogar
para quen precise teito, leito, pan
e dignidade.
Que a miña voz se sume convencida
a quen te vive, canta, sofre e loita na inocencia.
Acción
Grazas a Deus, grazas á boa humanidade, hai moita xente que se está agrupando para dar acollida e atencións á xente refuxiada ou inmigrante ou derreada por calquera razón. Igual poderían integrarte nalgunha asociación que ande nesas cousas, para andar así polos camiños de Xesús.
Dia 29 de decembro: sábado da oitava de Nadal
Evanxeo: Lc 2, 22-35
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes deixar que o teu servo morra en paz, porque xa os meus ollos viron o teu salvador, o que ti preparaches para todos os pobos: luz de revelación para todas as xentes e gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Meditación
Xosé e María aparecen facendo o que por lei e costume todos facían cando tiñan un picariño. Algo ordinario que os responsables do templo vían unha e mil veces ao ano. Pero o vello Simeón, home xusto e bo, familiarizado co Espírito, co que tiña intimidades fondas, intúe, ve, anuncia o que os outros asistentes non podían nin ver nin proclamar. As cousas de Deus son así, onte e hoxe: están aí, envoltas nas miudezas e normalidades da vida, á espera de que alguén, familiarizado co Espírito, as descubra, goce con elas e as comparta para bendición da demais xente. As cousas de Deus sempre son cousas de liberación, aínda que o camiño sexa complexo e arrastre sufrimentos.
Oración
Quero ser coma o vello Simeón.
Quero saber agardar coma o vello Simeón.
Quero ter complicidades co Espírito, coma o vello Simeón.
Quero ollar a vida miúda cos ollos fondos do vello Simeón.
Quero albiscar o paso de Deus polos sucesos coma o vello Simeón.
Quero loar o Deus solícito coma o vello Simeón.
Quero bendicir a xente toda coma o vello Simeón.
Quero aceptar as penalidades coma o vello Simeón.
Quero..., meu Deus, .... quero ...
Só o teu Espírito é quen de cumprir os meus quereres.
Señor, polo teu amor...
Acción
Seguro que coñeces algún velliño ou velliña sabia nas cousas da vida, nas cousas do Espírito. Visítaa. Escóitaa. Móstralle o teu agradecemento e admiración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.