30 de decembro: domingo dentro da Oitava de Nadal. Festa da Sagrada Familia
Evanxeo: Lc 2, 41-52
Polas festas da Pascua o pai e a nai de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían para a casa, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na caravana de xente, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre parentes e xente coñecida. Pero, como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, os seus pais quedaron impresionados, e díxolle súa nai:
—Meu fillo, ¿cómo te portaches así connosco? Mira que teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.
El respondeu:
—E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa do meu Pai?
Pero nin o seu pai nin a súa nai entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e máis da xente.
Xesús baixa a Xerusalén coa súa familia nun ambiente popular, festivo. De volta, os pais marchan e el queda; atópano no templo, debatendo cos doutores da lei, con moita intelixencia. Ante a rifa dos pais, a contesta reveladora de Xesús: “Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?”. Detrás, no fondo, da identidade normal de Xesús, o fillo de María e de Xosé, o evanxelista coméntanos outro tipo de identidade, máis fonda, máis substancial, que non anula a primeira, senón que lle descobre as súas raíces e fundamentos últimos. Tamén nós, no fondo do noso ser fillos/as de tal ou cal pai, de tal ou cal nai, temos un fondo enraizamento en Deus, ata nos poder chamar con toda a razón, con Xesús, fillos/fillas de Deus. É algo que nos axuda a entendernos a nós mesmos/as, e a entender tamén a calquera veciño/ña, a calquera persoa.
A Igrexa fixo desta xornada, vinculada ao que se vivía na casa familiar de Nazaré, a festa da Sagrada Familia. Invítanos a experimentar nas nosas familias algo semellante ao supostamente vivido na familia de Nazaré: forte vinculación con Deus de todos os membros da familia; forte vinculación afectiva entre as diversas persoas que compoñen a unidade familiar; orixinalidade de cada persoa; respecto por esa orixinalidade; aprendizaxe no calar, sopesar, meditar sobre do que o Espírito vai obrando nos outros/as; implicación e esforzo común para o crecemento; aprendizaxe para a vida, para a solidariedade, para o imprescindible labor comunitario. Sería ben que nas nosas comunidades revisásemos se estamos apostando por unhas familias deste tipo.
Oración
Grazas pola miña familia,
polo que nela todos, todas recibimos,
e polo que nela xenerosamente ofrecemos.
Grazas polas veces que nos escoitamos,
nos acollemos nas nosas diferenzas,
nos apoiamos nas nosas dificultades,
nos perdoamos nos nosos erros.
Grazas por sentirnos chamados
a unha familia maior,
onde todos, todas nos sintamos irmás ou irmáns,
máis aló da carne e do sangue,
ata onde o Espírito nos queira levar.
Grazas, Deus noso,
por faceres familia connosco
nun fogar universal
onde ninguén nunca sexa estraño.
Acción
Sería ben que hoxe celebrásemos algo a nosa realidade familiar. Aparte dun brinde na mesa, recoñecernos e agradecernos aquela graza especial que cada persoa da familia ofrece ao conxunto da mesma.
31 de decembro: día 7º da Oitava do Nadal
Evanxeo: Xn 1,1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron --aqueles homes e mulleres que cren no seu nome-- deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.
Oración
(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).
A uva da alegría, ai que graciosa!
A uva da unión, moi rica cousa!
A uva do respecto, ben candorosa!
A uva do perdón, marabillosa!
A uva do agradecemento, que saborosa!
A uva da comunicación, cousa fermosa!
A uva da paciencia, humilde rosa!
A uva da corrección, dura e gustosa!
A uva da escoita, que ceos amosa!
A uva dos alentos, tan xenerosa!
A uva das apertas, sempre famosa!
A uva da oración, doce, preciosa!
Acción
Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Cómo nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Qué papel lle damos a Deus na nosa vida?
1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María nai de Deus
Evanxeo: Lc 2,16-21
Uns pastores foron ás carreiras e atoparon a María e máis a Xosé e a criatura deitada na manxadoira. Cando o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, e a xente que os escoitaba quedaba pasmada do que os pastores dicían. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores volveron glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Meditación
Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera, un presebe, o neno deitado. Ao seu carón Xosé e María, os pais do pequeno vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura. Pastores que chegan: xente de mala fama, os pobres, por mor do seu traballo considerado algo indecente. Xa temos a Xesús rodeado dos seus! María asume o papel de mestra, ensinándonos a gardar todo aquilo non na cabeza, senón no corazón, que é onde mellor asentan as cousas, onde fan máis efecto. As cousas eran fermosas, alegres, invitaban ao canto e ao baile: Deus metido a tope no medio da xente coa vontade de sempre: facerse para todos e todas un humilde e valente servidor de vida.
Cando cumpren co neno o rito da circuncisión, póñenlle o nome de Xesús, que quere dicir “o que salva”, o salvador. A salvación de Xesús non foi unha cousa máxica. Foi unha salvación traballada, sufrida, entrando nos problemas da xente, nos problemas do pobo, facéndoos seus, alumeándoos coa súa fonda solidariedade, radicada en Deus. Xesús farase así o gran servidor da paz no nome do Deus da paz. E así nos quere a nós, os seus seguidores, homes e mulleres de paz nun mundo sempre amigo de estar enredados en liortas e guerras.
Oración
Para empezar o ano
que nos non falte a fe
na túa presenza sólida ao noso lado, Señor,
que por algo es o Enmanuel,
o Deus connosco en todo momento.
Para empezar o ano
que non nos falte a esperanza
de que as cousas poden cambiar,
podémolas cambiar,
porque nos fixeches vigorosos/as
e a forza do teu Espírito vai sempre connosco.
Para empezar o ano
que non nos falte o amor,
lúcido, intelixente,
humilde, servidor,
para rodear con amor responsable
a quen de amor e servizos ande necesitado.
Acción
Entre nós felicitámonos e desexámonos un ano bo. Igual é bo día o primeiro do ano para marcarnos algún obxectivo de ben moi concreto, para o ano que empeza sexa realmente bo para nós e para quen nos rodea.
Día 2 de xaneiro: mércores da 2ª semana despois do Nadal
Evanxeo: Xn 1,19-28
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—Ti quen es?
El declarou claramente:
—Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
—Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
—Non son.
—Es o profeta?
Respondeu:
—Non.
Daquela dixéronlle:
—E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?
El díxolles:
—Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.
Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Meditación
Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?
Oración
Xesús,
tampouco eu non son merecente
nin de che desatar o amalló das túas sandalias,
pero aquí estou,
desexando acompañarte neste ano que entra.
No que poida, valla e saiba, conta comigo.
Acción
Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?
3 de xaneiro: xoves da 2ª semana despois do Nadal
Evanxeo: Xn 1, 29-34
Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min". Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.
E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.
Meditación
Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o "Año de Deus".
Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!
Oración
Grazas a ti, Xoán Bautista,
por ter compartido connosco
as excelencias de Xesús.
Grazas a todos os homes e mulleres
a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.
Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,
e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.
Acción
Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.
4 de xaneiro: venres da 2ª semana despois de Nadal
Evanxeo: Xn 1, 35-42
Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir "mestre"), onde paras?
El díxolles:
—Vinde e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).
Meditación
Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.
Oración
Vinde e veredes,
pasade e entrade,
sentade e acougade,
falemos como amigas e amigos,
como irmás e irmáns, se queredes,
compartamos as nosas sombras e as nosas luces,
levantemos a ollada
cara ao mundo da xente máis fráxil,
falémonos,
escoitémonos,
calemos despois
deixando que o Espírito una
tanta dor e tanto gozo,
tanta desilusión e tanta esperanza.
No teu nome, Xesús.
Acción
Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de xaneiro: sábado da 2ª semana despois do Nadal
Evanxeo: Xn 1, 43-51
Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
—Sígueme.
Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
—Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
Contestou Natanael:
—E de Nazaré pode saír algo bo?
Filipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Chama a atención neste relato de hoxe iso de "atopar". Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.
Oración
Sígueme,
sígueme, disme ti, Xesús.
E aínda me prometes:
do teu corazón tan pobriño
da túa casa tan sinxela,
da túa parroquia tan pequena
pode saír algo moi bo,
que te alentará a ti
e alentará tamén as persoas e cousas
coas que te movas na vida.
E eu calo ante ti, Xesús.
Aínda que me pesa a miña vida,
fíome de ti
e dispóñome a seguirte.
sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
Acción
Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.