Evanxeo: Lc 4, 1-13
Naquel tempo, Xesús, cheo de
Espírito Santo, volveu do Xordán e o Espírito levouno ao deserto. Ficou alí
corenta días e tentouno o Satán. Durante todos aqueles días non probou bocado,
e ao final sentiu fame. E díxolle o Satán:
—Se
es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
Respondeulle Xesús:
—Está
escrito: “O ser humano vive de algo máis ca de pan.”
Despois levouno a un outeiro e
mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
—Dareiche
todo este poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a
quen quero. Se me adoras, todo será teu.
Pero Xesús respondeulle:
—Escrito
está: “Adoraras o Señor, o teu Deus, e só a el darás culto.”
Levouno logo a Xerusalén e púxoo
no cumio do templo e díxolle:
—Se
es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: “Mandará os seus
anxos para que te garden.” E tamén:
“Levarate nas súas mans, para que non se manquen os teus pés nas pedras.”
Xesús respondeulle:
—Está
mandado: “Non tentaras o Señor, o teu Deus.”
E rematadas as tentacións, o
Satán deixouno ata o tempo axeitado.
Meditación
Con frecuencia se fai unha
lectura moralista deste relato das tentacións. Sería coma unha alerta radical
ante as tentacións tan humanas e universais do ter e acumular (as pedras
convertidas en pans), do poder (todo o poder e gloria que promete o Satán), e
da fama (botarse do alto do templo en baixo). Certamente esas tentacións son
universais no tempo e no espazo. Non hai persoa que se vexa libre delas e dos
seus efectos desastrosos. Comprobámolo no día a día, ollando para o noso propio
corazón e comportamentos e ollando tamén para os comportamentos e corazóns das
persoas que nos rodean. Comprobámolo tamén ollando para as institucións
relixiosas e sociais, políticas, das que formamos parte. Non se explican moitos
problemas da Igrexa desde o afán de fama e poder polo que nos deixamos levar
moitos membros da mesma? Non se explica a crise económica, social, de valores,
desde a ansia tola por acumular e controlar que teñen institucións económicas,
cos seus responsables á fronte, que rexen o mundo enteiro? Pode resultarnos ben
positivo, polo tanto, como persoas e como comunidade cristiá, confrontarnos con
estes elementos: cartos, poder e fama, que tan doadamente se converten en
tentación que nos arrastra e condiciona a nosa vida, os nosos comportamentos.
De todas as maneiras, o relato
das tentacións de Xesús apunta tamén, pensamos, a un nivel máis fondo e
substancial aínda, e respondería a esta pregunta: que papel xoga Deus na miña
vida? Que tipo de relación vital quero establecer con el? Onde me sitúo ante
Deus, e onde sitúo a Deus ante min á hora de comprender e de desenvolver a miña
existencia concreta? Deus non nos dá solucións fáciles, pero crea vínculos
profundos, relacións persoais cálidas (1ª tentación). A “abnegación” do propio
ser, da que falará Xesús –ao que se ve, por plena experiencia--, máis ca
apuntar a renunciar a cousas máis ou menos importantes da nosa vida, apunta a
renunciar a ser un o centro dun mesmo, a orixe dun mesmo, a referencia última
dun mesmo. Basicamente vivirnos habitando ao abeiro do Altísimo, morando á
sombra do Omnipotente, como di o salmo 90, 1, que hoxe rezamos na celebración.
Baixo aparencia de dependencia, realizariámonos na maior liberdade (2ª
tentación). O Deus que sustenta a nosa existencia, que establece connosco
relacións cálidas, íntimas, quérenos libres e responsables, non substitúe a
nosa preguiza, a nosa irreflexión, a nosa covardía, as nosas toleadas. (3ª
tentación).
Oración
Señor, Señor,
que non nos
poida nunca a tentación.
A tentación da
desesperanza
nestas horas
escuras para tantas persoas
que amencen cada
día entre angustias e sombras.
A tentación da violencia,
cando vemos
tanta inxustiza roldándonos a vida
e facéndonola
triste e achicada.
A tentación da
pasividade,
crendo pechos
todos os camiños,
e que non paga a
pena loitar contra xigantes.
A tentación da
tristura,
que ameaza as
nosas vidas
para sumilas no
colmo do asoballo.
A tentación da
soidade, do enchufe,
cedendo ao canto
da serea insolidaria
que invita á
desunión e ás solucións por libre.
A tentación do
abandono de Deus,
perdendo a súa
paz e a súa forza,
a súa incitación
profunda ao novo e revolucionario.
A tentación do
abuso de Deus,
converténdoo nun
moneco fácil nas nosas mans,
negociante
servidor das nosas comenencias.
A tentación do
moito falar e escribir,
fuxindo dos
silencios densos
e da fidelidade
vital ao que dicimos.
Señor, Señor,
que non nos
poida nunca a tentación.
Acción
¿Podemos poñerlle nome á
tentación máis grave que estamos sufrindo contra nós mesmos/as e contra o Deus
que nos habita? Se a identificamos, poderemos defendernos mellor dela.
11 de
marzo: luns da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 25, 31-46
Unha vez díxolles Xesús ás
persoas que o acompañaban de cerca:
—Cando
veña o Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu
trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións, e separará a unhas
persoas doutras, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as
ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ás persoas
que están á súa dereita:
—Vinde,
benditas do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós dende a
creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e
acolléstesme, estiven espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, estiven na cadea e viñéstesme
ver.
Entón preguntaranlle aquelas
persoas xustas:
—Señor,
¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber?
¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te
vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
O rei contestaralles:
—Asegúrovos
que canto fixestes cun destes irmáns ou irmás miñas máis pequenas, fixéstelo
comigo.
E diralles logo ás persoas da súa
esquerda:
—Arredade
de min, malditas; ide para o lume eterno preparado para o Satán e os seus
anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer, tiven sede e non me destes
de beber, fun forasteiro e non me acollestes, estiven espido e non me
vestistes, enfermo e na cadea e no me visitastes.
Eles replicaranlle:
—Señor,
¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e
non che acudimos?
El responderalles:
—Asegúrovos
que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo
facer a min.
Daquela estas persoas irán ao
castigo eterno, e as xustas para a vida eterna.
Meditación
Ata os tempos de Xesús, na
tradición relixiosa da Biblia a xente empobrecida era xa un importante reto
ético, moral: non se podía servir ben a Deus sen tela ben en conta, porque xa
Deus amosaba un fondo interese polas súas vidas fráxiles. Xesús dá un paso
máis; a xente empobrecida convértese nunha representación viva do mesmo Xesús,
do mesmo Deus. De maneira que recoñecer a xente empobrecida, servila, venerala,
poñela no centro do propio corazón e da propia vida era tanto coma poñer ao
mesmo Xesús, ao mesmo Deus. Atender a xente empobrecida non é unha obriga
moral, á que haxa que responder mellor ou peor; é unha condición imprescindible
da nosa profesión de fe cristiá, que podía dicir así: Creo en Deus, Pai/Nai
creador de vida, xerador de fraternidade, que nos amosou o seu rostro humano
máis logrado na persoa de Xesús de Nazaré, e que na xente empobrecida nos
ofreceu un sacramento ou imaxe de si mesmo, ao que lle debemos devoción,
adoración e entrega servidora; o Espírito de Xesús capacítanos para así o
facer.
Oración
Xesús, sinto que
me preguntas:
“¿Cantas persoas
pobres hai na túa axenda?
¿Cantas horas do
día pasas con algunha delas?
¿Cantas delas
che rouban o sono?
¿Con cantas
delas tes lazos de fonda amizade,
e compartes o
teu pan, a túa palabra, o teu diñeiro, a túa casa?
¿A cantas delas
inclúes na túa pregaria diaria
como imaxe viva
do Deus que veneramos?
Pensa e saca
conclusións.
Pensa e dime se
realmente me queres,
se realmente
cres en min.
Falamos.”
Acción
Estamos na Coresma. Como práctica
coresmal podiamos marcarnos a tarefa de achegarnos a algunhas persoas
empobrecidas, e deixarnos conmover por elas.
12 de
marzo: martes da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 6, 7-15
Nunha ocasión díxolles Xesús ás
persoas que o acompañaban:
—Cando
vos poñades a rezar, non sexades lareteiros coma os xentís, que pensan que Deus
os vai escoitar polo moito falar. Non sexades coma esa xente, porque o voso Pai
ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
Noso Pai que
estás no ceo:
santificado sexa
o teu nome;
veña o teu Reino,
fágase a túa
vontade
aquí na terra
coma no ceo.
Dános hoxe o
noso pan de cada día.
E perdoa as
nosas ofensas
como nós
perdoamos a quen nos ofende.
E non nos deixes
caer na tentación,
mais líbramos do
Malo.
Porque
se lle perdoamos ás demais persoas as súas ofensas, tamén o voso Pai do ceo vos
perdoará a vós; pero, se non perdoades a demais xente, tampouco o voso Pai do
ceo vos perdoará a vós.
Meditación
Rezar en si mesmo é algo doado.
Cómpre ter presente algunhas cousas, como, por exemplo, que non vale de nada o
moito barullarlle a Deus. A confianza en Deus é máis importante que as moitas
palabras, porque el coñécenos a fondo coas nosas carencias e necesidades. Así,
estou ante el simplemente, e máis que dicirlle a el o que ten ou non ten que
facer comigo, fíome del e déixolle as mans libres, para que o seu Espírito me
vaia levando por onde el e máis eu vaiamos vendo que é bo camiñar. Non importa
a miña gloria, senón a de Deus. Non importa a miña vontade, senón a de Deus na
miña. Si que importa o pan de cada día para todo ser humano; e importa moito
tamén a nosa disposición ao perdón da demais xente, porque sen perdóns, dados e
recibidos, este mundo é un inferno. E non somos nós os que medimos o perdón de
Deus, como puidera parecer que afirma o evanxeo; ao revés, é o perdón de Deus o
que mide e urxe o noso perdón. Para que o mal non nos acabe aburando e
desfacendo.
Oración
Meu Deus,
a miña vida nas
túas mans.
A vida da miña
familia nas túas mans.
A miña saúde ou
enfermidade nas túas mans.
A miña
participación cidadá nas túas mans.
O meu presente e
o meu futuro nas túas mans.
A miña terra e o
meu ceo nas túas mans.
Sabendo tamén
que as túas mans
son as nosas mans,
que ti precisas
de min
para todo o que
en min queiras facer.
Xuntas, logo,
intimamente unidas.
Grazas.
Acción
Igual algunha persoa nos faltou e
gardamos rancor contra ela e estamos lonxe de a perdoar. Igual lle temos feito
algún mal a algunha persoa, coa palabra ou cos feitos, e non somos valentes
para lle ir pedir perdón. En calquera caso, sería ben que désemos un paso
adiante na práctica do perdón dado e recibido.
13 de
marzo: mércores da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 11, 29-32
Unha vez a xente xuntouse ao
redor de Xesús e el púxose a dicirlle:
—Esta
é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal
ca o de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os habitantes de Nínive, así o
será tamén o Fillo do Home para esta xeración. A raíña do Sur enfrontarase no
xuízo con esa xente e fará que a condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo
para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. Os
habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a
condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e
aquí está quen é máis ca Xonás.
Meditación
Quéixase Xesús de que moita da
xente que o escoita non lle fai caso. Estáselles ofrecendo a oportunidade dun
coñecemento de Deus limpo e dunha práctica relixiosa fondamente ao servizo do
benestar persoal e social da xente, e non queren saber nada de Xesús. O falar e
o actuar de Xesús non lles vale; desexan ver grandes cousas, grandes sinais,
grandes probas; non lles chega a proba dunha palabra cálida, dunha solicitude
exquisita pola xente máis fráxil, dun Deus achegado, forte e humilde, que se
pon ao noso alcance, para establecer connosco unha relación intensa e
transformadora.
¿Facémoslle nós hoxe caso a
Xesús, ás cousas que Xesús comparte connosco? ¿Facémoslle caso ás palabras de
renovación, que desde persoas crentes ou non crentes chegan aos nosos oídos,
para mellorar a nosa vida cristiá, a nosa vida social, a nosa maneira de estar
neste mundo?
Oración
Xesús,
sabio para a
vida
moito máis ca
Salomón;
apaixonado de
Deus e da xente
moito máis ca
Xonás;
solidario coa
nosa fraxilidade
moito máis do
que podemos imaxinar;
forte, tenro,
humilde, persistente, valente, crítico
moito máis do
que lle gusta ás veces aos nosos soños relixiosos
….
Xesús,
apúntome á túa
escola,
para que me
aprendas a vivir ben.
Acción
¿Estamos pelexándonos contra
algunha necesidade de cambio en nós, na nosa vida, que de calquera maneira
estamos sentindo dentro de nós? ¿E se recoñecemos sen medos a necesidade dese
cambio e nos dispoñemos a realizalo? Posiblemente nos irá mellor.
14 de
marzo: xoves da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 7, 7-12
Nunha ocasión díxolles Xesús ás
persoas que o acompañaban de cerca:
—Pedide
e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos; pois quen pide
recibe; quen busca atopa; e a quen peta abriráselle. ¿Ou hai alguén entre vós
que, se a súa crianza lle pide pan, lle dá unha pedra?, ¿ou se lle pide pescado lle dá unha cobra?
Pois se vós que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, ¡canto máis
voso Pai do ceo dará cousas boas a quen lle pida! Así que tratade a xente en
todo conforme queredes que vos traten a vós, porque nisto consiste a Lei e máis
os Profetas.
Meditación
O tempo da Coresma é un tempo
para sermos persoas abertas. Abertas, porque, pechadas en nós mesmas, non
batemos máis que coa nosa fraxilidade, con soños irreais e soberbios de
perfección, coa amargura e a desilusión de quen se cre incapaz de mellorar.
Pedir, buscar, petar son maneiras de saír de nós mesmas e de nos abrir ao que a
vida, a xente nos pode ofrecer. Abríndonos á vida nas súas múltiples
oportunidades, abríndonos á xente no moito que nos poden aportar e demandar,
dispoñémonos xa para abrirnos tamén a Deus. Conforme somos coa vida, coa xente,
así somos con Deus. Se andamos no medio da xente pola vida con aires de
autosuficiencia, o máis normal é que tamén ante Deus nos situemos da mesma
maneira, por moito que ao mellor o disimulemos con pensamentos e pregarias
piadosas. Se estamos pechadas en nós, sóbranos todo, sóbranos Deus. Só
contaremos coa demais xente, só contaremos con Deus na medida en que satisfagan
os nosos propios criterios, o noso propio mundo, o noso propio ego. Que triste
vivir así!
Oración
Coas portas
abertas, meu Deus,
así quero estar
ante ti,
ante quen me
rodea,
ante a vida.
Coas portas sempre
abertas,
para que todo
entre e todo saia
nun exercicio
humilde de comuñón,
de
solidariedade,
de
agradecemento,
de alegría
comunitaria.
Coas portas
abertas, meu Deus,
para que nada do
teu
quede á espera
na soleira do meu ser;
para que nada do
meu
quede agochado
nos pregues do meu egoísmo.
Acción
¿Rezamos algo? ¿Como rezamos?
¿Oramos con confianza en Deus? ¿Abrímoslle de verdade o noso corazón, a nosa
vida, crendo que el nos dará sempre cousas boas? ¿Podemos mellorar en algo a
nosa maneira de orar?
15 de
marzo: venres da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 5, 20-26
Nunha ocasión díxolles Xesús ás
persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos
que se non sodes mellores ca os letrados e fariseos, non entraredes no reino
dos ceos. Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás, e
quen mate será procesado.” Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu
irmán ou irmá será procesado; quen o insulte será reo ante o Sanedrín, e quen o
aldraxe será reo do lume do inferno.
Así que, se ao presentares a túa
ofrenda no altar, te acordas daquela de que o teu irmán ten queixas contra ti,
pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar e vaite reconciliar primeiro co teu
irmán; e logo volve a presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto antes con
que preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o
xuíz ao garda e te metan na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que
deas pegado o derradeiro céntimo.
Meditación
Que sinxelas, preciosas e claras,
que fondas estas palabras de Xesús! O que mide a autenticidade da nosa fe, da
nosa práctica relixiosa é a consideración que temos coa xente de cerca ou de
lonxe que forma parte da nosa vida. E esa consideración co próximo pode tomar
diferentes formas, pero unha delas, e moi importante, é a de facer as paces con
esoutras persoas cando vemos que en algo lles temos faltado, coa palabra, cos
feitos ou co esquecemento. Non vale con dicir: eu non mato. Cando lle negamos o
saúdo a unha persoa, cando a excluímos de nós insultándoa, ríndonos das súas
debilidades, cacarexando os seus defectos no medio de bromas sen xeito,
ignorando en cambio os seus méritos e calidades, estámola matando, estámoslle
roubando o pracer de vivir. E isto é máis importante ante Deus que calquera
forma de relixión.
Oración
Respectar,
coidar, mimar,
non insultar,
non denigrar,
non murmurar,
non humillar,
dar a man,
acompañar.
Acoller,
comprender,
adiviñar medos,
escoitar, calar,
axudar a falar.
Reverenciar.
Perdoar,
pedir perdóns,
darse apertas,
chorar.
Irmandarse,
gozar.
E logo rezar.
Ou, se cadra,
todo isto xa foi
rezar.
Acción
Podemos
revisar como tratamos a xente da casa, da parroquia, da comunidade, do pobo.
Seguro que, á luz de Xesús poderemos mellorar en algo.
16 de
marzo: sábado da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 5, 43-48
Díxolles Xesús á xente que o
acompañaba:
—Tedes
oído que se vos dixo: “Amarás o teu próximo” e aborrecerás o teu inimigo. Pero
eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polas persoas que vos perseguen.
Así seredes fillos e fillas de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol
sobre a xente mala e a boa, e chover sobre a xente xusta e a inxusta. Porque,
se amades a xente que vos ama, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os
recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns ou irmás, ¿que
facedes de especial? ¿Non fan outro tanto as persoas que non teñen fe? Daquela
amade dunha forma completa como dunha forma completa ama Deus.
Meditación
De novo estamos ante un pedaciño
do Evanxeo que podiamos considerar o Evanxeo do Evanxeo, é dicir, o corazón
mesmo do Evanxeo. Poñernos ante este texto permítenos comprobar se andamos
metid@s realmente nas cousas de Xesús ou non. E isto a dous niveis. O primeiro
e máis importante é ver se sentimos a Deus queréndonos sempre,
correspondámoslle nós ou non; se o sentimos queréndolle á xente, correspóndalle
a xente ou non. Soamente este convencemento na cabeza e no corazón vainos
permitir quererlle á xente, pórtese como se porte connosco. E este é xa o
segundo nivel: ¿quen somos nós para negarlle aprecio, atención, coidados, amor
a unha persoa, cando temos experimentado que Deus nos quere a pesar de todas as
nosas falcatruadas, que seguramente serán moitas?
Oración
Complet@s no
amor,
coma ti, meu
Deus,
da man de Xesús.
Superando
medidas e razóns
humanas.
Deixándonos
levar
cara á cerna do
Evanxeo,
que é a cerna de
Deus,
que é a nosa
cerna máis auténtica,
libre e creadora
Acción
Seguro que non nos será difícil
comprobar que en moitas circunstancias nos custa tratar a xente ao estilo de
Xesús, de Deus. Esa mesma comprobación pode animarnos a dar pasos na liña que
Xesús nos propón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.