17 de
marzo: segundo domingo de Coresma
Evanxeo: Lc 9, 28b-36
Nunha ocasión colleu Xesús a
Pedro, a Xoán e máis a Santiago e subíu ao monte a orar. Mentres estaba orando,
cambiou o aspecto do seu rostro e os seus vestidos viraron brancos e
resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e
máis Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do camiño de Xesús que
remataría en Xerusalén. Pedro e os seus
compañeiros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria
e os dous homes que o acompañaban. Cando estes se arredaban, díxolle Pedro a
Xesús:
—Mestre,
que ben que esteamos nós aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para
Moisés e outra para Elías.
Non sabía o que dicía. Aínda
estaba falando, cando chegou unha nube que os cubriu coa súa sombra; eles
asustáronse ao entraren nela. Entón unha voz dixo dende a nube:
—Este
é o meu Fillo, o elixido: escoitádeo.
Cando a voz acabou, Xesús
apareceu só. Eles gardaron silencio e naqueles días non lle dixeron a ninguén
nada do que viran.
Meditación
Invitamos a ler este relato como
narración feita por alguén sobre un encontro habido nun lugar apartado entre
varias persoas que queren xuntarse para falar, conversar sobre o sentido da súa
vida, das súas opcións, compartir os seus conflitos, os seus medos, as súas
ilusións,... todo nun clima de oración, de encontro do Deus ao que buscan ser
fieis en todo momento. Moitos, moitas de nós, temos participado en encontros
similares, e posiblemente neles teñamos vivido experiencias que nos axuden a
comprender o gran momento vivido por Xesús e os seus discípulos Pedro, Xoán e
Santiago.
Segundo Lucas, soben ao monte
para orar. E Xesús vive unha fonda experiencia de Deus, que ten que ver coa
certeza do éxito que conseguirían seguindo no estilo de vida e de acción que
estaban levando a cabo. Foi coma un flash de gloria, de triunfo, persoal, pero
tamén do proxecto comunitario, social, asentado en Deus, no que Xesús cos seus
amigos e amigas se sentía totalmente
embarcado. Foi coma unha confirmación, recibida de parte de Deus: ten sentido o
que fago, haberá conflitos, haberá que loitar e sufrir, pero paga a pena, o
rexurdimento final xustifica a loita de cada día. En épocas de crise como a
presente, soñar, seguir apostando contra corrente por comunidades cristiás de
irmáns e irmás, por unha sociedade civil vinculada con sólidas redes de
solidariedade e de corresponsabilidade, seguir na loita día a día, a pesar do
peso enorme das persoas e institucións que persisten en construír un mundo
roto, escindido, todo isto ten pleno sentido. Oxalá todos, todas, nos sintamos
con Xesús, coma Xesús, solidamente confirmadas nesta aposta, nesta tarefa!
Oración
Xesús, contigo,
sempre contigo,
na oración de
cada día,
no silencio, na
contemplación do monte,
na baixada do
monte cara á complexidade da vida,
na comunidade
cristiá,
nas asociacións,
na loita sindical honesta,
na participación
política limpa,
nas protestas
populares coherentes,
na fidelidade ao
exacto traballo diario,
na defensa das
familias desafiuzadas,
na aposta por un
mundo novo,
na consolidación
dunha banca diferente, ética,
na defensa do
traballo e da vida na aldea,
na consideración
co duro e amargo Terceiro Mundo,...
Xesús, contigo,
sempre contigo,
o fillo querido,
o elixido,
o noso guieiro
na fe
e na forma de
coidala e de vivila.
Acción
A coresma é un bo tempo para
xuntarnos en grupo unha mañá, unha tarde, un día enteiro, para estar entre nós
con Deus, con Xesús, co seu proxecto de vida, co seu evanxeo.
18 de
marzo: luns da 2ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 6, 36-38
Díxolles Xesús aos seus
discípulos:
—Sede
compasivos como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non seredes xulgados;
non condenedes e non seredes condenados; perdoade e seredes perdoados. Dade e
darásevos a vós; verteranvos unha boa medida, acugulada, rebordante, apertada;
pois coa medida que midades hanvos medir a vós.
Meditación
A Coresma é un tempo que nos pode
valer, entre outras cousas, para recompoñer as nosas relacións interpersoais,
nas que tantas veces nos xogamos a nosa paz, o noso benestar, a nosa ledicia de
cada día; novas relacións persoais que inevitablemente modificarán tamén o
funcionamento social. Con este fin, ben paga a pena que neste tempo coresmal
reparemos nesas catro propostas de Xesús, simples e fondas --como todo o de
Xesús--, que tanta aplicación teñen na nosa vida cotiá: non xulgar as persoas,
sabendo que detrás de cada persoa --de cada un de nós tamén-- hai un mundo de
circunstancias que ignoramos; non condenar, porque o oficio de alguén que se
considera irmán ou irmá nunca é pechar portas e oportunidades; perdoar, que
supón crer no cambio das persoas, que supón unha vontade de lles botar unha man
para axudar a ese cambio; e dar, dar sempre, vencendo esa manía egoísta que
todos levamos dentro de nós, que tende teimosamente a querer recibir, amorear:
bens materiais, recoñecementos, afectos, servizos etc. É aplicar simplemente
aquilo que tanto nos gusta e valoramos: tratar como nos gustaría ser tratados.
Oración
Gustaríame ser, Xesús, un pouquiño
coma ti:
no canto de xulgar, comprender,
acompañar;
no canto de condenar, perdoar,
alentar cambios,
no canto de recibir ata encherme,
dar ata baleirarme,
con abundancia, sen medida, ata o
extremo.
Como Deus me trata, Xesús,
(sempre comprendendo, acompañando,
perdoando, alentando...),
así me gustaría tratar eu tamén a
quen a min se achegue.
Que saiba ser fiel ao teu Espírito,
Xesús,
que en min clama por esta forma de
ser.
Acción
Tendo en conta o que Xesús nos di
no Evanxeo de hoxe, podemos revisar como nos desenvolvemos coa xente que
conviven connosco, coa xente que tratamos na vida. Seguro que todas, todos, atoparemos moito no
que cambiar. Non se fai unha sociedade nova sen cambio persoal, sen cambios nas
relacións entre as persoas.
19 de
marzo: Solemnidade de San Xosé
Evanxeo 1, 16.18-21.24a
Xacobe xerou a Xosé, esposo de
María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
O nacemento de Xesús Cristo foi
así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos
apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home
xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña
pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé,
fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o
que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti
poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Acordou Xosé do seu soño, fixo
tal como lle mandara o anxo do Señor.
Meditación
A figura de Xosé é unha figura
entrañable. Home silencioso e silenciado. Compartiu con María a
paternidade/maternidade de Xesús; colaborou na educación de Xesús coma cidadán
e coma persoa crente; transmitiulle ao seu fillo as habilidades na carpintería
e traballos similares; horas e horas de acompañamento, de conversas sobre do
divino e do humano, acollendo seguramente expectativas e ilusións do seu Fillo
e ofrecéndolle as súas. Quen puidese traer ao presente o mundo marabilloso e/ou
complexo que puido existir entre ambos. Pero todo quedou no silencio. Home, ao
que parece, dado a calar e remoer as cousas; home dado a pensalas e repensalas
ao abrigo de Deus; as citas co anxo non deixan de ser unha evocación literaria
das súas citas co mesmo Deus en tempos de pregaria silenciosa, confiada
–parece--, pero tamén ás veces cun aquel de amargura, que a fe máis fonda non
era quen de varrer da propia experiencia. E, envolvéndoo todo, como principio e
fin das vacilacións, dos silencios, das ansiedade, envolvéndoo todo a decisión
firme de facer sempre o que lle mandara o anxo do Señor, é dicir, o mesmo Deus.
Oración
Espléndido Xosé
na túa condición
de home de aldea
buscando vida
con María
ao amparo de
Deus,
intentando
adiviñar a súa vontade
a través das
circunstancias da vida,
que ás veces
parecían revirarse!
Espléndido Xosé
na túa busca do
querer de Deus,
na túa
obediencia silenciosa e fecunda,
na túa
disposición absoluta
a facer o que o
Espírito che indicaba facer!
Lévanos da man
ao encontro da
vontade Deus,
coa humilde
disposición
de quen cre e
colabora
silenciosamente.
Acción
¿Que facemos cando na vida
familiar ou comunitaria xorden dificultades, ou cando non sabemos ben que é o
que Deus quere de nós ante algunha circunstancia concreta? ¿Dámoslle tempo ao
silencio, a pensar, a dispoñernos a seguir o que o Espírito nos vaia amosando?
¿Buscamos sos ou na compaña doutras persoas os camiños do Espírito de Deus,
para podelos seguir?
20 de
marzo: mércores da 2ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 20, 17-28
Unha vez, segundo ían subindo a
Xerusalén, chamou Xesús a un lado aos doce polo camiño e díxolles:
—Vede
que subimos a Xerusalén e o Fillo do Home vai ser entregado aos sumos
sacerdotes e máis aos letrados; condenarano a morte e entregarano aos pagáns
para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen, pero ao terceiro día
resucitará.
Entón achegóuselle a nai dos
fillos do Zebedeo cos seus fillos prostrándose para pedirlle algo. El
preguntoulles:
—Que
queres?
Respondeulle:
—Manda
que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outra á túa esquerda no
teu Reino.
Respondeulle Xesús:
—Non
sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O
meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non
depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o ten preparado.
Ao escoitaren isto, os outros
dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
—Xa
sabedes que os xefes dos pobos tiranízanos e os poderosos asobállanos. Pero
entre vós non pode ser así, nin moito menos. Quen queira ser importante, que
sirva aos demais, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servidor;
porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a
súa vida en rescate por todos.
Meditación
Día a día, evanxeo a evanxeo,
Xesús vainos ofertando campos e perspectivas aos que aplicar a nosa vontade de
cambio. Que torpes eran aqueles discípulos, seguidores de Xesús! Xesús fálalles
de como por ser unha persoa totalmente dedicada a Deus, totalmente dedicada á
xente máis desamparada, ía encontrar incomprensión, persecución e morte, e os
discípulos pensan en postos de honra. Xesús fálalles de baleirarse de si mesmo,
baleirarse de toda clase de poder, e os discípulos soñan con medrar en poder.
Dúas maneiras de entender a vida totalmente distintas.
Igual nos estraña que os
discípulos, despois de pasar uns dous anos con Xesús, non desen comprendido o
seu proxecto de vida persoal e comunitaria, a súa maneira de entender a vida e
de se desenvolver nela. Pero, se o pensamos ben, non nos parecemos tamén nós
aos discípulos? E iso que levamos, como Igrexa, non dous anos, senón dous
séculos lendo os evanxeos, meditando neles.
Se Xesús veu para servir, non
para ser servido, as persoas, as comunidades cristiás que queremos ser
discípulos e discípulas súas sería ben que fósemos aprendendo algo polo menos
iso de servir e non ser servidas, iso de ir dando algo da vida para que o pobo medre.
E se alguén entre nós quere chulearse de ser o primeiro, xa sabe o consello de
Xesús: fágase o máis grande servidor dos demais.
Oración
Que ao teu lado,
Xesús,
aprenda o gozo
maior
de servir antes
ca ser servido,
de ansiar os
últimos postos antes que os primeiros,
de dar algo do
meu para que a comunidade medre,
pois tamén a
comunidade me obsequia
con innumerables
achegas,
sen as que eu
non sería nada na vida.
Que ao teu lado,
Xesús,
aprenda ese
xeito teu de vivir contracorrente,
e faga del o
motor da miña vida.
Que ao teu lado,
Xesús,
saiba vivir con
asento e mesmo alegría
os momentos
dolorosos e conflitivos
que me
sobreveñan por ser algo coma ti.
Acción
Podemos mirar en que cousas
estamos sendo xente servidora como Xesús, e agradecer esa cousa boa que forma
parte da nosa vida. Podemos pensar tamén en como dar algún paso máis cara
abaixo na vida, cara aos lugares de máis servizo.
21 de
marzo: xoves da 2ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 16, 19-31
Unha vez dixo Xesús:
—Había
un home rico que vestía roupa de púrpura
e liño fino, e que celebraba todos os
días espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro,
todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa
do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que morreu o pobre e
levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono. Estando
no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, ergueu os ollos e viu a Abraham e
máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten
pena de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a
miña lingua, porque me atormenta o lume." Pero Abraham contestoulle:
"Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu
males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nós e vós hai un
grandísimo abismo, de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin
desde aí se pode vir onda nós". Entón el insistiu: "Suplícoche, pai
Abraham, que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles
fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abraham
respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os profetas, que lles fagan caso a
eles".
El volveu insistir: "Pero
non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto, vai onda eles, seguro que
se converterán". Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e máis aos
profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado."
Meditación
Este conto ou parábola de Xesús
ten un realismo impresionante. Nela con facilidade nos podemos ver retratados a
maioría de todos e todas nós. ¿Quen nos representará mellor a nós, o pobre
Lázaro ou o ricachón sen nome que pasaba do pobre, aínda que diante dos seus
ollos o tiña cada mañá cando saía da súa casa?
Nos tempos de hoxe segue habendo
diferenzas inxustas, aínda que os mecanismos cos que se desenvolven entre nós
sexan diferentes. Nos tempos de hoxe tamén hai países e persoas moi
empobrecidas, moi marxinais, que non teñen pan que levar á boca, casa onde
gardarse, traballos cos que gañar a vida, menciñas para curarse, escolas onde
formarse, cariños cos que medrar agarimados. Son xentes e países que claman
xustiza. En España mesmo disque estamos saíndo da crise, pero as diferenzas
entre as persoas e familias van moito a máis. Que facemos nós? Quedámonos de
brazos cruzados? Que estamos dispostos a facer para que todo o mundo poida
vivir dignamente co necesario? A que estamos dispostos a renunciar para que
isto poida pasar?
Xesús conta esta parábola non
para meternos medo sobre o máis alá, senón para urxirnos a facer do máis acá,
deste mundo, unha terra de irmáns e irmás, e non de xente insolidaria e
aproveitada. Vivir ignorando a miseria da xente é algo tremendamente inhumano
que acaba desfacendo tamén a vida de quen así vive.
Oración
Oxalá a xente
empobrecida me quite o sono, e algúns cartos.
Oxalá a
diferenza entre o Norte rico e o Sur pobre me revolva as entrañas.
Oxalá os nenos e
nenas mal nutridas me inciten á compaixón.
Oxalá quen vive
en soidades e orfandades me atope como amiga e compañeira.
Oxalá que
calquera inxustiza se volva en min un clamor pola xustiza.
No teu nome,
Xesús.
No nome de Deus.
No nome da xente
pobre de Deus.
Acción
Persoal ou comunitariamente
podemos buscarlle remedio a algunha pobreza que se estea dando ao redor noso.
Seguro que desde aí se nos abrirán os ollos para ver mellor as grandes
inxustizas que nos rodean e arrimaremos máis o lombo para ilas reducindo.
22 de
marzo: venres da 2ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 21, 33-43.45-46
Díxolles Xesús aos Sumos
Sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—Escoitade
esta parábola:
Dunha vez había un propietario
que plantou unha viña, rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un
caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima,
mandou os seus criados onda os viñateiros para cobrar as rendas. Pero os
viñateiros agardáronos e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outros
apedrárono. De novo mandou outros criados en maior número, pero tratáronos do
mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu
propio fillo, dicindo para si: “Ao meu fillo hano respectar.” Pero os
viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro, veña, matémolo e
a herdanza será nosa” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.
Ben, e cando veña o señor da
viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
—A
eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros
viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
—Seica
non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que
desbotaron os canteiros
é agora o
esquinal;
esa pedra
colocouna o Señor,
qué regalía para
nós”?
Por
iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que
produza bos froitos.
Oíndo as súas parábolas, os Sumos
Sacerdotes e máis os fariseos decatáronse de que ían por eles. Quixérono
prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.
Meditación
Os bens da terra —esa viña
plantada polo propietario da parábola—son para que todo o mundo participemos
deles e con eles cubramos as nosas necesidades. Tanto as necesidades materiais
como os espirituais. Pero, onte coma hoxe, hai xente que pretende facerse dono
exclusivo deses bens. A manía de acumular, que estraga a harmonía da irmandade.
A manía de dispoñer todo, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito; manía
que mata a orixinalidade de cada persoa.
Cando Xesús lles pon isto diante
a aqueles que no seu tempo tal facían, en vez de o escoitaren e modificar os
seus comportamentos, aínda se pechan máis na súa actitude e nos seus feitos, e
mesmo pretenden matar a voz que os denunciaba. E aqueles tales, curiosamente,
eran os xefes relixiosos do pobo, que pretendían así facer como se eles fosen
máis ca Deus.
Aínda que é unha parábola especialmente
dirixida ás persoas que teñen autoridade na Igrexa e no pobo, vale para todo o
mundo. A todos nos gusta acaparar, a todos nos gusta facernos pequenos deuses,
pequenos amos e señores, a todos nos doe cando alguén nos chama a atención, e
con frecuencia queremos matar a voz de quen estas cousas nos pon diante.
Oración
Quero ser humilde, Xesús,
para aceptar a crítica,
cando alguén me poña algo diante.
Para aceptala e agradecela.
Porque soamente así,
aproveitándonos do servizo da
corrección
que mutuamente nos podemos prestar,
soamente así
medraremos como persoas e como
crentes.
Quero ser humilde, Xesús,
só ti mes podes axudar a selo a
fondo.
Confío en ti.
Acción
Xesús poñíalles cousas diante aos
seus líderes relixiosos. As veces nós queixámonos dos comportamentos dos nosos
curas na súa función de curas. Se temos algunhas queixas deles, non sería
mellor dicírllelo á cara con vontade de
axudalos a eles e ao conxunto da comunidade? E moito mellor ca andar murmurando
por detrás. Miremos a ver.
23 de
marzo: sábado da 2ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 15, 1-3.11-32
Tamén os recadadores de impostos
e os pecadores se achegaban a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e
letrados murmuraban:
—Este
acolle os pecadores e come con eles.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
—Un
home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da
herdanza que me corresponde”. El repartiulles os seus bens. Días despois este
fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa
fortuna vivindo coma un perdido.
Despois de o gastar todo, houbo
unha grande fame naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón, acudiu a un natural do
país e entrou a servir; e mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a
ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén
llas daba.
Recapacitando, pensou: “Hai que
ver, cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame! Si,
vou volver á casa de meu pai e voulle dicir: “Papá, pequei contra o ceo e
contra ti; xa non son digno de que me trates como un fillo, trátame como un
xornaleiro”.
Levantouse e volveu onda seu pai.
Aínda estaba lonxe cando este albiscouno e saíu emocionado a recibilo;
abrazouno e bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o
ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo.”
Pero o pai díxolles aos seus
criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man
e calzado nos pés. Preparade un becerro cebado para comelo e facer unha gran
festa. Porque este fillo meu estaba morte e volve á vida, estaba perdido e
atopámolo.” E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis
vello estaba na leira e cando viña para a casa oíu a música e máis o baile.
Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche
que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o becerro cebado por recuperalo san
e salvo.” Entón alporizouse moito e non quería entrar.
Pero o pai saíu e intentouno
convencer. El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca
en nada, e nunca un cabrito me deches para pasalo ben cos meus amigos, e agora
resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala
vida, e matas o becerro cebado.”
O pai contestoulle: “Meu fillo ,
ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa
cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morte e volve á vida, estaba
perdido e atopámolo?”
Meditación
Pode resultar ben proveitoso
entrar na alma de cada un dos personaxes principais desta parábola: o pai, o
fillo menor e o fillo maior. No pai, que para Xesús representaría a Deus mesmo,
destaca o seu respecto pola liberdade do fillo menor; destaca tamén nel o amor
convertido en ansiedade coa que agardaba a volta do seu fillo, que lle permite
velo ao lonxe deseguida, e a abrazalo e enchelo de bicos cando o ten cabo si;
destaca nel a falta de reproches, e a festa que organiza, na que non falta
detalle ningún, celebrando o proceso libre dun fillo que volve á casa. Deus é así
con todos e todas nós. Así o viviu Xesús e así nolo transmite. Que Deus tan
marabilloso temos!
No fillo menor destaca a súa
busca persoal, a súa capacidade de ruptura co cómodo vivir, as súas ganas de
aventura, aínda que logo desen en cousa negativa para el. Destaca que soubese
recoñecer o seu error, o seu fracaso, aínda que quen o move a iso é a situación
desgraciada na que se atopa; non bota as culpas a ninguén. Destaca o seu
arrepentimento; recoñece non ser digno daquel pai que tan respectuosamente o tratara. Posiblemente todos, todas nós nos
poidamos sentir identificadas co fillo menor. No pecado, máis ou menos, seguro.
Oxalá que no demais tamén.
No fillo maior destaca a súa
rectitude, o ter estado sempre ao pé do canón, sen se permitir o máis mínimo abandono.
Pero esa rectitude tan firme endurecéralle o corazón, e non era capaz de
comprender o error dos outros. E polo tanto tampouco era capaz de comprender o
corazón do pai, a súa ledicia, a súa festa. Estando tan apegado a el, sempre,
sen embargo non fora quen de meterse no mundo do pai, no seu amor, na súa ansia
polo fillo que faltaba. Cantas veces na vida facemos de fillo maior,
endurecendo o corazón, non admitindo a fraxilidade dos demais, resolvéndoo todo
con condenas, encabuxándonos se a quen fai mal se lle acolle e se lle dan novas
oportunidades!
Oración
Perdón, meu Deus,
por andar ao tolo
coa herdanza de ben que pousaches no
meu corazón;
por empregar a miña liberdade
non para ser libre,
senón para escravizarme con mil
cousas,
para empobrecerme de mil maneiras.
Perdón, meu Deus,
por non ter sabido nin imaxinado
a inmensidade da túa ansia por min,
por máis que en ti está o meu asento
desde o meu nacemento.
Perdón, meu Deus,
porque aínda así,
cando os demais permiten que o mal
os envolva,
teño olladas severas,
palabras despectivas,
aires de condenación.
Perdón, meu Deus, perdón,
cando entrarei no teu corazón!
Acción
Igual non nos ven mal que neste
tempo de Coresma nos paremos a ver en que cousas estamos estragando a nosa vida
e a vida da xente que nos rodea, a xente da parroquia; con que cousas
contribuímos a que nesta nosa sociedade siga habendo tanta desigualdade, tanto
abuso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.