24 de
marzo: domingo 3º de Coresma
Evanxeo: Lc 13, 1-9
Unha vez presentáronse onda Xesús
algunhas persoas para contarlle o caso aquel cando Pilato mesturara o sangue
duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. E Xesús respondeulles:
—¿Coidades
que eses galileos eran máis pecadores ca os demais, porque acabaron así? Non
tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual.
¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé
eran máis culpables ca os outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos
que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
—Un
home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non
llos atopou. Díxolle ao que coidaba a viña: “Xa hai tres anos que veño buscar
froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a
terra?” El respondeulles: “Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle
cavo un pouco ao redor e lle boto esterco; a ser se así dá froito; e, se non,
poderala cortar.”
Meditación
Os comentarios que Xesús fai aos
acontecementos desastrosos dos que se fala colléronse tradicionalmente nun
sentido que non consideramos nada positivo: se non te fas boa persoa, conta co
castigo de Deus, dunha forma ou doutra. Na mentalidade de moitos, de moitas de
nós metéusenos esta idea dun Deus castigador, e así interpretamos moitos dos
acontecementos que nos poden pasar na
vida: enfermidade, accidentes, perda dun traballo, morte, etc.
Outra cousa é que, se facemos o
mal, estragamos a nosa vida, iso si; e máis moitas veces contribuímos a
estragar tamén a vida doutras persoas. Sabémolo ben, a pouco que nos paremos a
pensar. Se non coidamos as nosas relacións de parella, podemos chegar a momentos
de tensión e de ruptura familiar; se non nos preocupamos suficientemente da boa
educación dos nosos fillos/as, podemos ver como despois andan desnortados na
vida; se non traballamos pola unidade e entendemento da parroquia, chegará o
día en que a convivencia veciñal deixará de ser esa forza de paz e de alento
que tanto necesitamos; se nos relacionamos coa persoas que teñen poder coma
quen anda pedindo favores e non esixindo dereitos, pode pasar que chegue un día
no que os que teñen o poder se afagan a enchufes e comenencias; se as persoas e
as institucións políticas e económicas se deixan levar polo afán de
enriquecemento rápido, sen ter en conta o ben e os dereitos da xente do pobo,
despois podemos chegar a situacións de crise social, económica, moral, como as
que estamos vivindo Pero isto é cousa
nosa, non cousa de Deus.
A parábola da figueira é
preciosa. ¿Que facer co mal, que facer coas persoas malas, coas comunidades
cristiás deterioradas, coas situacións sociais pecaminosas, inxustas, como as
que estamos vivindo nos nosos tempos, con tanta corrupción por todos os lados? ¿Que
facer con nós mesmos, que tampouco seremos o máis limpo e santo do mundo? ¿Despreocuparnos,
pasar de largo, falar, barullar, criticar, e que as cousas sigan así un ano
tras doutro? Non, certamente, non é ese o estilo de Xesús, e non debera ser o
das persoas que o seguimos. ¿Arrasar con todo, linchando persoas, institucións,
cortando a árbore polo pé, porque non dá bos froitos? Tampouco parece ese o
estilo de Xesús, a non ser que destruíndo unhas cousas, nos comprometamos
firmemente noutras mellores; a non ser que cortando unha figueira vella e
deteriorada, nos dispoñamos a plantar outra no seu canto. Xesús, coma Deus,
gusta de ser paciente, pero paciente activo, comprometido, disposto a facer
todo o que haxa que facer, para que as cousas cambien, para que a figueira dea
froitos, para que a vida de cada persoa, de cada comunidade estea chea de bos
froitos de honradez e de xustiza. E invítanos a que nos situemos ante a nosa
propia persoa e vida, ante as demais persoas, ante a sociedade dunha maneira
implicada: sermos o bo labrego ou labrega que cava ao redor, que bota esterco,
soñando co día no que os froitos penduren fermosos das árbores da vida.
Oración
A ver se así dá
froito...
Esa é a túa
ansia e o teu empeño maior, meu Deus,
polo que pos en
xogo canto es e podes,
o mellor do que
ti tes,
o teu Fillo ben
amado, o voso Espírito vigoroso,
a ringleira
interminable de testemuñas
que dentro e
fóra da Igrexa cultivan a figueira humana.
A ver se así dá
froito...
Con paciencia
infinita,
con
apaixonamento desmedido,
coa esperanza a
proba de ingratitudes,
coa tenrura
envolvendo todas as túas presenzas,
disposto a dalo
todo,
a xogalo todo,
a entregalo
todo,
porque ti es
Deus e non ser humano,
porque es luz e
plenitude
e non baleiro e
sombra,
porque es amor
en prato desbordante
e non celo
egoísta en cunca pechada.
Acción
Podemos pensar nalgunha situación
persoal, familiar ou comunitaria e social na que pensemos que a cousa está
pedindo que cavemos ao redor, que lle botemos o bo esterco necesario, a ver se
cambian esa situación e as persoas que a compoñemos, e da árbore resecada
empezan a saír froitos saborosos.
25 de
marzo: Solemnidade da Anunciación do Señor
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Sucedeu que aos seis meses (do
anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea
chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se
chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate,
chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras,
cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non
teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu
ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase
Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará
por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E
como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
—O Espírito
Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso
o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá
Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que
consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Pois
aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Meditación
O que pasou en Xesús, con Xesús, axúdanos
a entender o que pasa con todos os homes e mulleres que vimos a este mundo.
Calquera home ou muller temos partes de nós que máis ou menos podemos coñecer
ben; temos un corpo, temos un xeito de ser, temos unha maneira de pensar, temos
unha mente, unha maneira de nos situar ante nós mesm@s, ante os demais, antes
Deus; temos tamén un mundo de sentimentos… Todo isto permite coñecernos,
identificarnos e diferenciarnos.
Pero, aínda así, hai un algo de
nós, fondo, misterioso, que se nos escapa a nós mesm@s e, por suposto, tamén a
quen nos rodea. Para as persoas que temos fe relixiosa, esa zona inabarcable de
misterio que nos envolve conéctanos co misterio mesmo de Deus. Somos persoas
así de fondas, de ricas, de insondables porque as nosas raíces están en Deus e
en Deus nos movemos e existimos diariamente. Somos persoas así de ricas porque,
a semellanza de Xesús, tamén nós somos dalgunha maneira persoas feitas tales
polo Espírito mesmo de Deus. O que en Xesús foi plenitude e redondez en nós é intento
e aproximación. E todo isto podémolo ir vivindo e realizando nas mil
circunstancias miúdas do día a día. Somos queridas e agraciadas por Deus, somos
invitad@s á alegría e á confianza, Podemos deixar que o Espírito nos fecunde,
si ou non. María é un referente. Algo marabillosamente humano, marabillosamente
divino. Así somos nós.
Oración
Velaquí a
escrava,
o escravo do
Señor.
Disposta/o a
dicir un si
que me rompa e
me libere.
Disposto/a a
deixar que o Espírito
faga de min,
algo polo menos,
un reflexo do
mesmísimo Xesús.
Deixando que se
constrúa en min
o rostro humano
de Deus
que levo nas
miñas entrañas agochado.
Velaquí a pobre
criatura do Señor!
Acción
Podemos mirar para nós mesm@s e
ver en que cousas nos vemos algo semellantes a Xesús e en que cousas non.
Agradecemos o primeiro e temos en conta o segundo para aprender a non poñer
freo ao Espírito que nos quere transformar.
26 de
marzo: martes da 3ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 18, 21-35
Unha vez Pedro achegouse a Xesús
e preguntoulle:
—Señor,
cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete
veces?
Respondeulle Xesús:
—Non
che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Por iso o Reino dos Ceos é
semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando
empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con
que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña,
para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos pés e
suplicáballe:
—Ten
paciencia comigo, que cho hei pagar todo!
O señor tivo compaixón daquel
home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ao saír, o servidor aquel
atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—Paga
o que me debes.
Botándose aos seus pés, o
compañeiro suplicáballe:
—Ten
paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda
para máis, mandouno meter na cadea ata
que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren tal
cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o
señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor
malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, non
debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?
E, todo anoxado, o señor
entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco meu Pai
celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
Meditación
O perdón non ten entre nós nin bo
nome nin boa práctica. Non nos sentimos necesitados de perdón, porque con
dificultade nos sentimos culpables de algo, nin ante Deus, nin ante as persoas
que conviven connosco, coas que seguramente máis dunha vez se nos vai a
palabra, o xesto, o abuso, o desprezo, a falla de solidariedade. Pero pasamos
de recoñecer errores que feren os demais. Así, sen experiencia agradecida de
sermos persoas perdoadas en algo, é difícil que teñamos boa disposición para
perdoar aos demais. Porque perdoar é admitir que todos estamos feitos dunha
carne fráxil, que rompe, e que precisamos de palabras compadecidas que
aloumiñen, que curen, que alenten para recuperar paz e alentos.
O evanxeo vai máis aló, e
sitúanos ante o caso de quen si experimentou con forza a graza de ser persoa
perdoada, pero, aínda así, non se lle abriu o corazón para entrar na novidade
de Deus, que non se farta de darnos oportunidades.
Oración
Señor, meu Deus,
que se me abran os ollos,
aló ben ao fondo,
para descubrirme a miña moita
indiferenza,
que me leva a necesitar o teu
perdón.
Porque o certo é
que paso moito
de moita xente,
que precisa de min
coma o orfo da súa nai.
Señor, meu Deus,
que se me abra o corazón,
aló ben ao fondo,
para sentirme suficientemente
compasivo
para ofrecer perdón.
Porque o certo é
que hai moita xente
suplicando apertas,
simplemente apertas,
para retomar o camiño
e vivir con alegría.
Acción
¿Perdoamos, pedimos perdón? ¿Gardamos
rancores que nos amargan a vida e nos arredan doutras persoas? ¿Negamos a
palabra, como se outras persoas xa non existisen para nós? ¿Cansamos de perdoar
á primeira, á segunda, á terceira? ¿E onde quedan as setenta e sete do Evanxeo?
Pode ser unha boa práctica coresmal revisar como andamos con estas cousas na
nosa vida.
27 de
marzo: mércores da 3ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 5, 17-19
Unha vez dixo Xesús:
—Non
pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón
para dar cumprimento. Porque vos aseguro que antes pasarán o ceo e máis a terra
que deixe de se cumprir a última letra ou til da Lei. E quen falte a un destes
mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer a outras persoas, será
declarado o máis pequeno no Reino do Ceo. Pero quen os cumpra e ensine será
declarado grande no Reino dos Ceo.
Meditación
Nestes nosos tempos non somos
xente moi amiga de leis, de que nos obriguen a cumprir isto ou aquilo. Na vida
civil cumprímolas moitas veces porque senón chega a multa. Na vida da Igrexa,
como non hai multas, pasamos bastante de todo. Pero sen leis, sen normas,
pensadas para reforzar as debilidades que todos temos, para facilitar o
crecemento das persoas, para fomentar unha convivencia harmoniosa e xusta, sen
leis sería un desastre; no canto de máis libres fariámonos moito máis
dependentes, porque os fortes acabarían sometendo os débiles, e a nosa
debilidade faríase dona de toda a nosa persoa.
Pero a lei necesita calor; as
normas necesitan corazón, as esixencias necesitan amor, as obrigas necesitan
razóns e convencemento, para non nos ver afogados polo que facemos. Iso podería
ser o cumprimento ao que se refería Xesús, home por outra banda que non tiña
reparo ningún en saltarse a práctica da lei cando vía que pechaba portas no
canto de abrilas, que oprimía as persoas e a convivencia.
Oración
Douche grazas, meu Deus,
douche grazas, Xesús,
douche grazas, Espírito Santo,
porque non queres que sexa un
cumpridor rutineiro,
porque me ensinas a entender o que
fago
para darlle calor e vida.
Que saiba así vivir e valorar
calquera pequeno compromiso
que asuma na casa, na parroquia, na
sociedade.
Home, muller con fondura,
para gozar con fondura
todo o que a vida me ofrece.
Acción
Podemos revisar, tamén como
práctica coresmal, como andamos coas normas da comunidade cristiá, da Igrexa,
por que as cumprimos, por que non as cumprimos. Igual debamos reforzar os nosos
compromisos. Igual debamos protestar para que certas normas se cambien e así
nos axuden mellor a medrar coma persoas crentes. E o mesmo podemos dicir de
moitas leis que hai na vida civil.
28 de
marzo: xoves da 3ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 11, 14-23
Estaba Xesús botando un demo mudo, e, cando saíu o demo, falou o
mudo. A xente quedou abraiada, pero algúns deles dixeron:
—Este
bota fóra os demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.
Outros, para probalo,
reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
—Todo
reino dividido entre si vai á ruína e cae casa sobre casa. Pois ben, se Satanás
está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que
boto os demos co poder de Belcebul; pero, se eu boto os demos co poder de
Belcebul, co poder de quen o botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán
os vosos xuíces. Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós
o Reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens
están seguros. Pero se chega un máis forte e o vence, quítalle as armas nas que
confía e reparte o seu botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non
recolle comigo derrama.
Meditación
O que lles pasaba aos
contemporáneos de Xesús pódenos pasar tamén a nós hoxe. Máis dunha vez sucede
que temos clasificada á xente, porque non nos cae ben, porque non é do noso
grupo, do noso credo relixioso, do noso partido político. Daquela todo o que
vemos nela nos parece fatal; estamos especialmente cegos para ver as súas
bondades, e non digamos se as súas palabras ou os seus feitos cuestionan a nosa maneira de proceder,
daquela a nosa resposta pode ser tan tola coma a dos contemporáneos de Xesús con
Xesús.
O Evanxeo invítanos a andar coa
ollada e co corazón limpo pola vida, acollendo con alegría calquera mostra de
bondade, de solidariedade, de forza ante o mal, veña de onde veña. O Evanxeo
invítanos a descubrir a Xesús e alegrarnos con el por ser o Forte, con
maiúscula, capaz de axudarnos a vencer todo espírito de mal que ameace as nosas
vidas.
Oración
Ante ti, Xesús, o Forte de Deus,
poñemos a nosa enorme debilidade.
Ante ti, Xesús, o Santo de Deus,
poñemos todas as nosas olladas
escuras.
Ante ti, Xesús, a Iluminación de
Deus,
poñemos os nosos autoenganos e
simulacións.
Ante ti, Xesús, o Humilde de Deus,
poñemos as nosas vanas arrogancias.
Acción
Temos clasificada a algunha
persoa, de xeito que todo o que sae dela nos chega mal? Miremos como cambiar;
nesa persoa estamos perdendo un don que Deus nos dá, estamos perdendo a Deus
mesmo.
29 de
marzo: venres da 3ª semana de Coresma
Evanxeo: Mc 12, 28b-34
Unha vez un letrado preguntoulle
a Xesús:
—Cal
é o máis importante de todos os mandamentos?
Xesús respondeulle:
—O
primeiro é: "Escoita, Israel, o Señor, o noso Deus, é o único Señor, e
amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con
todo o teu entendemento e con todas as túas forzas." O segundo é:
"Amarás o teu próximo como a ti mesmo". Non hai mandamentos máis
importantes ca estes.
O letrado replicou:
—Moi
ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e que non hai outro
fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas
as forzas, e ao próximo como a un mesmo, é máis importante do que todos os
sacrificios e holocaustos.
Xesús, vendo que respondera con
moito tino, díxolle:
—Non
estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle
máis preguntas.
Meditación
Igual que o letrado do Evanxeo,
tamén todos nós sabemos que o máis importante para unha persoa cristiá é
quererlle moito a Deus, estar apegado a el en todas as cousas e accións da
vida, e, ao tempo, respectar, coidar, quererlle moito á xente, como a un mesmo.
No fondo a vida dunha persoa crente cristiá é ben simple, ben clara. Pero
posiblemente o saibamos de memoria, con moito rutina, sen poñer en práctica iso
que dicimos.
Aínda que, se cadra, estamos nun
momento, fóra e mesmo dentro da Igrexa, das comunidades cristiás, no que case
nin nos preguntamos que é o importante para ser unha boa persoa cristiá. E isto
si que sería moi serio, porque demostraría que no fondo realmente é un tema que
non nos importa; significaría que Deus vai desaparecendo dos nosos proxectos de
vida.
Oración
Ai, se estivese ben atento ao teu
Espírito, meu Deus,
ese Espírito que esperta desexos,
que suscita preguntas,
que ansía camiños vivos,
que busca sen descanso maiores
fidelidades!
Ai, se soubese ser minimamente coherente
coa máxima honestidade,
coa máxima humildade,
para querer e servir
simplemente, intelixentemente
a cada persoa, en cada momento,
e avanzar por vieiros solidarios
ata o teu propio corazón!
Para iso, meu Deus,
que o teu Espírito me colla ata o
máis fondo!
Acción
Somos xente amiga de ler, de
formarnos, de asistir a encontros, de dialogar coas persoas sobre cousas de
fondo? Facemos isto con desexos de aclararnos de verdade, con ganas de ir
mellorando a nosa resposta a Deus e á xente? Podémolo revisar e actuar en
consecuencia.
30 de
marzo: sábado da 3ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 18, 9-14
Propúxolles Xesús tamén esta
parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose
perfectos e desprezando os demais:
—Dous homes subiron
ao templo a orar; un era fariseo; o
outro, recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros
deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son como os demais: ladróns,
inxustos e adúlteros; nin como ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por
semana e pago o décimo de todo canto gaño.”
O recadador, en troques, quedouse
atrás e non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no
peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador.”
Asegúrovos que este baixou
reconciliado con Deus para a súa casa, en cambio o outro, non. Porque a todo o
que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.
Meditación
Visto así, parece que todos nos
decatamos sen dificultade da maneira equivocada de rezar que tiña o fariseo:
resúltanos repugnante o seu xeito de compararse co pecador que alí tamén
rezaba, para poñerse por riba e chufarse ante o mesmo Deus. Tiña ollos para
contemplar as miserias alleas, pero non os tiña, seguro, para mirar as súas,
pois todo nel parecía perfecto.
Sen embargo, coidado, non é
doado liberarse da tentación de crernos
xustos e de poñernos por riba das demais persoas. Cando con sinceridade miramos
para nós, para a nosa vida, para o moito que temos feito ao revés, para o moito
que nos desentendemos das necesidades da demais xente, para o moito que
puidemos ter avanzado como persoas, como crentes, e non o fixemos, o normal é
que desexemos quedarnos ao fondo, agachar a cabeza, bater no peito e, con voz
que sae do fondo do corazón, dicir: perdón, son tamén persoa pecadora. Entón é
cando nos reconciliamos, cando poñemos verdade e gozo na nosa vida.
Oración
Perdón, Señor,
que son
pecador/a.
Perdón, Señor,
que estou moi
necesitado/a da túa misericordia.
Perdón, Señor,
que son un máis
na rengue de pecadores/as
precisados/as da
túa curación.
Perdón, Señor,
porque peco e
volvo pecar,
xogando así co
teu perdón,
estragando a
miña vida
e a vida de
persoas que me acompañan.
Perdón, Señor,
renóvame co teu
perdón.
Acción
A mellor maneira de superar o
vicio de rebaixar e desprezar os demais, é ollar con sinceridade para a propia
vida. Podémolo empezar a facer, preparándonos xa para algunha celebración do
perdón na que pense participar nesta Coresma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.