SEMANA SANTA
Desde
o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os
acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa
morte, e con eles o misterio da súa resurrección.
Non
é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a
resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao
seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a
Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis
débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes
ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte
acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de
vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con
confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.
A
vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de
Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A
resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a
nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no
respecto e servizo á xente.
Quizais
estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se
intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os
camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección?
Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como
cidadáns.
14 de abril: Domingo de Ramos
Bendición dos ramos: Lc 19, 28-40
Daquela Xesús botou a andar
diante deles camiño de Xerusalén. E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado monte das
Oliverias, mandou dous discípulos, dicíndolles:
—Idea
á aldea que tedes aí diante e atoparedes atado un burriño que ninguén montou
aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E, se alguén vos pregunta: “¿Por qué o
soltades?”, respondédelle: “Precísao o Señor”.
Foron
os discípulos e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño,
preguntáronlles os donos:
—Por
que soltades o burriño?
Eles
contestaron:
—Precísao
o Señor.
Levárono
onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar
el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do
monte das Oliveiras, a multitude que o acompañaba de cerca, chea de alegría,
comezou a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan
visto. Dicían:
—Benia
o que vén, como rei, no nome do Señor. Paz no ceo e gloria no máis alto!
Algúns
dos fariseos que estaban entre a xente dixéronlle:
—Mestre,
reprende a eses teus discípulos.
Pero
el respondeulles:
—Asegúrovos
que se estes calan, falarán as pedras.
Paixón: Lc 22, 14—23, 56
Meditación
Lemos
hoxe dous anacos do evanxeo de Lucas; o primeiro, Lc 19,28-40, abrindo a
Procesión de ramos, e o segundo, Lc 22,14—23,56, dentro da Eucaristía, para
narrar a Paixón do noso Señor. O feito da entrada triunfal de Xesús en Nazaré,
montado nun burriño, é un xesto simbólico, profético, nos que abundaban os
profetas de Israel, e dos que Xesús mesmo, respondendo ao nervio profético que
o caracterizaba, deu repetidas mostras.
O xesto simbólico de hoxe consiste nunha entrada triunfal en Xerusalén,
ao estilo das entradas dos xerais triunfadores que naquela época se daban, pero
montado nun burriño (o burro pasa a ser o símbolo principal), en paz, sen facer
alarde de armas e poder, e co pobo humilde aclamando. É un xesto profético do
anti-poder, do pacifismo de Xesús, dun liderado que se monta na humildade, no
servizo entre o pobo, como ía montado sobre o corpo humilde dun burriño. Así é
Xesús, así debería ser a súa Igrexa e as comunidades cristiás que a compoñemos.
En todo isto si que hai salvación de Deus. Oxalá a saibamos vivir e transmitir
á nosa sociedade.
Para
aproveitarnos da lectura da Paixón, para irnos introducindo na súa fondura e
que esa fondura enchoupe as nosas vidas e as faga próximas á experiencia mesma
de Xesús, podemos ir con calma, collendo escena por escena, parándonos nos
sentimentos de Xesús, nas súas maneiras de actuar, e tamén nos sentimentos e
nas maneiras de actuar das outras persoas que van aparecendo na escena. Podemos
ir pensando como iso pasa, acontece, no mundo de hoxe; ir vendo situacións
actuais nas que se estean reproducindo esas mesmas cousas, e ver como nós nos
imos situando ante elas. Son cousas que probablemente non se dean feito ao
longo dunha celebración, pero na Semana Santa poderemos atopar tempos para esta
meditación calmada e proveitosa. Facéndoo así, igual a Pascua pasa a ser para
nós un acontecemento ben vivo e real, salvador.
Oración
(sobre a Paixón de Xesús segundo
san Lucas)
Grazas, Xesús,
polas ganas que sempre tes de
compartir connosco
a túa palabra, o teu pan, a túa
presenza.(Lc 22,15.19)
Grazas, Xesús,
pola nova alianza establecida de
sempre entre Deus e nosoutros/as,
da que ti es fiel exemplo e
garantía.(Lc 22,20)
Grazas, Xesús,
por estares entre nós coma quen serve,
abríndonos así un revolucionario
camiño de convivencia.(Lc 22,27)
Grazas, Xesús,
por comprendernos, tolerarnos,
perdoarnos,
como fixeches cos discípulos e
discípulas en xeral,
e como o fixeches en particular
con Xudas e Pedro.(Lc 22,21.34)
Grazas, Xesús,
pola túa oración amarga, pero
confiada, nas horas de estreitura,
coa que nos acompañas nas nosas
horas mouras.(Lc 22,42)
Grazas, Xesús,
polos teus constantes bicos de
paz,
a pesar das nosas traizóns e
covardías.(Lc 22,48)
Grazas, Xesús,
polas túas miradas fondas e
misericordiosas
coas que recolles e acendes os
nosos seguimentos de lonxe. (Lc 22,61.54)
Grazas, Xesús,
porque por manterte fiel a Deus e
ao pobo,
asumiches o conflito, os golpes,
as burlas. (Lc 22,63-65)
Grazas, Xesús,
pola humildade valente e
revolucionaria
de te confesar Fillo de Deus
e de ver a máis xente como fillos
e fillas de Deus tamén. (Lc 22,70)
Grazas, Xesús,
por andares revolucionando o pobo
para a súa dignidade,
por encirrares a xente contra o
mal e a inxustiza. (Lc 23,2.5)
Grazas, Xesús,
polas túas mans limpas, pola túa
inocencia
que te fixo sacramento dos
millóns de inocentes axustizados na historia. (Lc 23,13-16)
Grazas, Xesús,
por ti e por toda a xente que
axuda a levar cruces
para facer máis liviá a sorte de
quen sofre inxustizas. (Lc 23,26)
Grazas, Xesús,
por estares na vida e na morte
entre a xente marxinal
coma o lugar preferido polo Deus
do que vivías. (Lc 23,32)
Grazas, Xesús,
por soportares o enorme suplicio
dunha cruz
na que moitos querían ver o
máximo desprezo de Deus. (Lc 23, 35)
Grazas, Xesús,
polas palabras de perdón para
quen te crucificaba
axudándonos a entrar nas
misteriosas reviravoltas do corazón humano (Lc 23,34).
Grazas, Xesús,
pola túa morte inmerecida,
confiada e santa,
cando puxeches nas mans de Deus a
túa existencia toda. (Lc 23,46).
Grazas, Xesús,
polo camiño de vida e de luz
que nos abriches coa túa paixón e
morte e resurrección.
Acción
Nestes días da Semana Santa
podemos ir lendo con calma un anaquiño
da Paixón cada día. Tamén podemos achegarnos cada día a algunha persoa
que estea pasando por algunha situación dolorosa. A Paixón de Xesús e a Paixón
desas persoas poden axudarnos a vivir cristianamente a Semana Santa.
15 de abril: luns da Semana Santa
Evanxeo: Xn 12, 1-11
Seis días antes da Pascua foi
Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos.
Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
Daquela
María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os
pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do
perfume. Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había
entregar, dixo:
—Por
que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos
pobres?
Dixo
isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo
el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
Pero
Xesús replicou:
—Déixaa
estar, que o tiña gardado para o día do meu
enterro; pois os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non
sempre me ides ter.
Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e
viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de
entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois
moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Meditación
Seguimos camiñando pola Semana
Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como
tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non
sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a
casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte
próxima, que había que acompañar.
Estas
poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección
de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo,
envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza
importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María:
non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil,
con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por
si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.
Oración
Grazas, meu
Deus, por Marta,
a servidora, a
que atendía a mesa,
a que satisfacía
as necesidades da xente.
Grazas, meu
Deus, por María,
a amante
agarimosa,
que adiviñaba
penas e glorias,
e se poñía en
todo ao servizo do amado.
Grazas, meu
Deus, tamén por Xudas,
que, sen
decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o
lugar central
que os pobres
deben ter na vida cristiá.
Grazas polas
Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción
Pensando
en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma,
abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de
meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.
16 de abril: martes da Semana Santa
Evanxeo: Xn 13,21-33.36-38
Naquel tempo, estando Xesús na
cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou abertamente:
—Con
toda verdade volo digo, un de vós hame de entregar.
Os
discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba
recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba.
Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía.
Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
—Señor,
quen é?
Xesús
respondeulle:
—É
aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.
E,
mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto
co pan entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:
—O
que vas facer, faino axiña.
Ningún
dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns
coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que
precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan,
saíu axiña. Era de noite.
Cando
saíu, dixo Xesús:
—Agora
queda glorificado o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda
glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus
fillos, só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles
dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.
Simón
Pedro preguntoulle:
—Señor,
onde vas?
Xesús
respondeulle:
—Onde
eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.
Pedro
replicoulle:
—Por
que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
Xesús
respondeulle:
—Que
ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo,
antes de que me negues tres veces.
Meditación
O
evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a
morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu
fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima
entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos:
Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro
desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O
resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.
E
nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de
intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións,
formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro,
nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en
Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!
Oración
Que non me
chufe, Xesús,
cando non
debo.
Que aprenda a
andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos
saiba recoñecer
os meus erros
e pecados,
as miñas
covardías,
as miñas
traizóns,
contigo, coa
xente.
Que saiba
poñelas
á calor da túa
comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa
capacidade de abrir camiños novos.
Acción
Podemos
mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle
estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente,
restituiremos con Deus.
17 de abril: mércores da Semana Santa
Evanxeo: Mt 26, 14-25
Entón
un dos doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
—Canto
me dades se volo entrego?
Eles
acordaron darlle trinta moedas de prata. E dende aquela andaba buscando o
momento axeitado para llelo entregar.
No
primeiro día dos Ázimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
—Onde
queres que che preparemos a cea pascual?
El
respondeu:
—Ide
á cidade, á casa de fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto,
vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”.
Os
discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
Chegado
o solpor, púxose á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:
—Asegúrovos
que un de vós me vai entregar.
Moi
tristes empezaron a preguntarlle un por un:
—Non
serei eu, Señor?
El
respondeu:
—Un
que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como
está escrito del; pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía
non ter nacido.
Entón
Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
—Non
serei eu, Mestre?
Respondeulle:
—Ti
o dixeches.
Meditación
“Un
que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co
que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía
todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar
procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non
se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo
unha parvada que non levaban a nada.
En
Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa
particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose
infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no
espello de Xudas. ¿Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen
entrar a fondo nelas? ¿Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos
nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? ¿Con cantas
persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e
deixándonos levar por intereses?
Pero
tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e
perseverou ata a fin.
Oración
Cantas veces,
Xesús,
me
obsequiaches coa túa amizade,
coa túa
palabra, co teu espírito!
Cantas veces
me invitaches
para comer no
teu mesmo prato,
intimando
contigo,
intimando cos
teus íntimos
no mundo da
debilidade!
Cantas veces
me tes proposto
vivir como
persoa cristiá,
a fondo,
e ser
testemuña túa
no medio desta
sociedade
potente e
empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces
eu, coma Xudas,
che dei as
costas
e busquei as
miñas comenencias!
Acción
As imaxes de Xesús que paseamos
polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E
mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e
marxinadas. ¿A algunha delas lle dei as costas? ¿Podo reparar eses meus
abandonos?
18 de abril: Xoves Santo
Evanxeo: Xn 13, 1-15
Antes
da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo
para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a
fin.
E
mentres ceaban –xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote,
para que o entregase--, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra
de Deus e ía onda Deus, Xesús ergueuse da mesa e quitou o manto; colleu unha
toalla e cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha palangana e comezou a
lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor,
vasme lavar os pés ti a min?
Xesús
respondeulle:
—O
que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender máis adiante.
Pedro
replicoulle:
—Ti
non me lavaras os pés a min endexamais.
Xesús
respondeulle:
—Se
non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou
Simón Pedro:
—Señor,
daquela os pés, as mans e máis a cabeza.
Dille
Xesús:
—Que
se bañou non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades
limpos, aínda que non todos.
Sabía
quen o había de entregar, por iso dixo: “non todos estades limpos”. Cando Xesús
acabou de lavarlles os pés, vestiu a súa túnica, sentou outra vez e díxolles:
—Comprendedes
o que fixen convosco? Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o
son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos
os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco,
así fagades tamén vós.
Meditación
Na cea que narra o evanxelista
Xoán non hai relato da Eucaristía, pero en cambio hai o xesto simbólico,
profético, de Xesús de poñerse a lavarlles os pés aos asistentes á cea, cousa
que non conta ningún dos outros tres evanxelistas. Eucaristía e lavatorio dos
pés veñen ao mesmo. Cando Xesús realiza estas dúas accións, intúe que está
próximo o seu final, e por iso mesmo o que fai adquire unha relevancia especial
para el e para todos nós; é como se nos quixese transmitir con claridade aquilo
que foi o máis fundamental para a súa vida, para a súa espiritualidade, para a
súa relación con Deus e coa xente. Algo así como o seu testamento espiritual.
Nos dous casos, coa entrega do pan e do viño como símbolo do seu corpo e do seu
sangue, e co lavatorio dos pés, dinos que para el o fundamental foi servir e
dar por todo o mundo o seu tempo, as súas habilidades, a súa palabra, os seus
afectos, os seus poderes, o seu espírito. Todo. E todo por todos, por todas.
Este foi o sacerdocio existencial de Xesús.
O sacerdocio que nos transmite a todos os seus seguidores, homes e mulleres;
sacerdocio que realizamos cando imos facendo da nosa vida un servizo na familia,
na comunidade, na sociedade, no traballo polo común, e que logo celebramos
cando nos xuntamos en comunidade ao redor de Xesús, o Mestre e Señor; ao seu pé
poderemos ir aprendendo o custoso, marabilloso, revolucionario oficio de
entender a vida como un servizo. Oxalá!
Oración
Xesús, meu
mestre e meu Señor,
veño onda ti
para que me
aprendas a servir.
A servir sen
trampas,
de forma
desapegada,
de forma
libre.
de forma
espléndida,
sen aforrar
esforzo e disposición.
Veño onda ti,
Xesús,
para aprender
a servir con alegría,
sen amarguras,
non por
sentirme obrigada,
aínda que ás
veces pese e doia o servizo.
Que se me note
este oficio e profesión,
nas cousas
pequenas de cada día
nos servizos
que a comunidade me demande.
Que goce coma
ti servindo,
que viva
servindo,
que morra
servindo,
que me
recorden como persoa servidora,
como a ti.
Apréndeme,
Xesús.
Acción
Hoxe
é un día especial para a solidariedade. O importante é vivir cada día en clave
de solidariedade. Pero tamén pode ser proveitoso que hoxe fagamos un signo
especial de solidariedade: visitar a unha persoa enferma, facer unha
colaboración económica, reforzar a unha persoa que traballe polo común nalgún
campo, renovar o teu compromiso concreto pola comunidade cristiá, pola
comunidade civil.
19 de abril: Venres Santo
Evanxeo: Paixón segundo san Xoán:
Xn 18,1-19,42 (Breve: Xn
19,16b-41)
Crucifixión de Xesús
Entón colleron a Xesús.
Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di
Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado e
Xesús no medio.
Escribiu
Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o rei dos
xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi
crucificado estaba cerca da vila e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os
sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
—Non
escribas “O rei dos xudeus”, senón que el dixo “Son rei dos xudeus”.
Pilato
respondeu:
—O
escrito, escrito está.
Entón
os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro
partes, unha parte para cada soldado, e máis a túnica. Era a túnica sen
costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
—Non
a rachemos, sorteémola a ver a quen lle toca.
Así
cumpriuse a Escritura que di:
—Repartiron
entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal
fixeron os soldados.
Ao
pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e
máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen
amaba, díxolle á nai:
—Muller,
velaí o teu fillo.
Despois
díxolle ao discípulo:
—Velaí
a túa nai.
E
dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Morte de Xesús
Despois disto, sabendo Xesús que
xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
—Teño
sede.
Había
alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a
unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre, dixo:
—Está
cumprido.
E,
inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón
os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos
na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado--, rogáronlle a
Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados e
rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el.
Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as
pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no
instante saíu sangue e auga.
Quen
o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade,
para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a
Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para
quen traspasaron”.
Sepultura de Xesús
Despois disto, Xosé o de
Arimatea, que era discípulo de Xesús –aínda que ás agachadas, por medo aos
xudeus--, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato
accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo –aquel que primeiramente
viñera onda Xesús de noite--, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen
libras. Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os
xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaron a Xesús
había un xardín e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén.
Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba
cerca.
Meditación
Pódenos parecer que a vida de
Xesús foi un fracaso, porque acabou impoñéndose a xente de poder que se opoñía
ao estilo de Xesús que buscaba crear irmandade desde abaixo, dando preferencia
sempre ás persoas máis fráxiles e pecadoras. Pódenos parecer que na historia
sempre se repetiu o mesmo: homes e mulleres que quixeron acabar coas situacións
de abuso, no corpo e no espírito, e que acabaron esmagadas polo poder. Pódenos
parecer, daquela, que é inútil vivir en honradez, en solidariedade, buscando
unha comunidade cristiá e unha sociedade digna, construídas desde a irmandade.
Non.
A morte de Xesús dinos outra cousa. Porque nos fala da fortaleza da xente
débil, que non se prega a quen a quere facer calar. Porque estas mortes sempre
acaban sendo semente da que xermolan persoas, comunidades renovadas, valentes,
arriscadas: a persoa así morta prolóngase no tempo, ata a eternidade, nas
persoas que admiran, agradecen e procuran imitar o seu exemplo. Curiosamente
estas mortes, a de Xesús a primeira, son as que sosteñen a dignidade da
humanidade enteira, e nos permiten soñar que o amor, a solidariedade fonda e
real, acabe conducindo os nosos corazóns, as nosas vidas. Contemplar a Xesús
morto na cruz non deprime, ao contrario, pacifica, reforza, alerta os ánimos,
anima á resistencia, consolida a vontade de ser homes e mulleres consistentes,
fieis. Deus está totalmente da nosa parte. Ata a morte. Deus non é inútil.
Oración
Adórote,
Xesús,
cravado na
cruz.
Adórote,
Xesús,
sedento na
cruz.
Adórote,
Xesús,
todo paixón.
Adórote,
Xesús,
machucado,
espido.
Adórote,
Xesús,
entregado,
cumprido.
Adórote,
Xesús,
morto por
amor.
Adórote,
Xesús,
refugallo
humano,
gloria de
Deus.
E contigo
adoro
a todos os
homes e mulleres,
individuos e
pobos
que sofren
cruz e escarnio,
humillación e
esquecemento.
Adórote, Xesús,
no silencio da
cruz.
Acción
A
parte de que dediquemos un tempo a contemplar a paixón de Xesús, o Cristo,
podemos aproximarnos hoxe a algunha persoa ou grupo humano ou pobo que estea
sendo na historia unha prolongación da morte de Cristo. Se podemos facelo
persoalmente, mellor. Senón, podemos valernos de calquera medio de comunicación
que nos permita esa aproximación e coñecemento.
20 de abril: Sábado Santo.Vixilia Pascual
Evanxeo: Lc 24, 1-12
Á madrugada do primeiro día da
semana as mulleres foron ao sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados.
Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. Entraron e viron que o
corpo do Señor non estaba alí. Entón, mentres fiaban todas perplexas por
aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. Cheas de medo,
miraban para o chan, pero eles preguntáronlles:
--¿Por
qué buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí, resucitou.
Recordade o que vos dicía en Galilea: que cumpría que entregasen o Fillo do
Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro
día.
A
elas acordáronlles aquelas palabras súas, e, volvendo do sepulcro, anuniciárono
aos once e a todos os demais. Eran aquelas mulleres: María Magdalena, Xoana e
María a de Santiago; e tamén as outras que o acompañaban lles dicía o mesmo aos
apóstolos; pero eles non lle daban creto; parecíalles un desatino das mulleres.
Mesmo
así, Pedro ergueuse e foi correndo ao sepulcro; abaixándose, viu as vendas
soas, e todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
Meditación
É un día de moito silencio.
Cristo está calado no sepulcro. O seu evanxeo non resoa nas palabras. Resoa
misteriosamente naquel corpo silenciado, que no silencio de Deus pasa da morte
á vida. Un corpo morto que recende ao amor que, coa palabra e cos feitos, foi
compartindo con cantos homes e mulleres se atoparon con el na vida. Un corpo
morto ao que ninguén ousaría negarlle a vida. Un corpo que zumega vida.
Así
é un milagre natural, normal, que poidamos falar de Xesús, o Cristo, resucitado.
Que o adiviñemos arredando lousas, saltando os lindeiros da morte, para
reencontrarse nas fontes da vida, en Deus, e seguir pensando en cousas de vida
neste mundo, empuxando para iso os seus discípulos e discípulas de sempre, de
onte e de hoxe. Xesús, o Cristo, resucitado. Vivo entre nós, para nós. Vivo
para crear vida nos nosos corazóns, nas nosas comunidades, nos nosos pobos.
Invitándonos á vida, que dunha vez sexa digna, sa, irmandada, feliz.
Un
día de moito silencio, de moita espera. Ao pé de quen agarda en silencio e
amargura que o sol alume a súa vida.
Oración
Aplaudímoste
coas nosas mans, meu Deus,
polo inmenso
caudal de vida que ti es.
Aplaudímoste
cos nosos corazóns, meu Deus,
polo prodixio
de Xesús
na súa vida,
na súa morte, na súa resurrección.
Aplaudímoste
co noso silencio, meu Deus,
porque
caladamente revolucionas o mundo
e o convertes
en terra de esperanza.
Aplaudímoste
coas nosas vidas, meu Deus,
asentada
felizmente en ti, fonte de vida.
Aplaudímoste
coa xente máis fráxil deste mundo, meu Deus,
porque en ti
teñen porvir asegurado
e en nós, no
que poidamos e saibamos, unha man amiga,
unha man
crucificada, unha man pascual.
Acción
Festexemos
a Pascua. Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o
ollo a algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela
compartindo vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.