7 de
abril: domingo 5º de Coresma
Evanxeo:
Xn 8, 1-11
Nunha ocasión
Xesús retirouse para o monte das Oliveiras. Pero á alborada presentouse outra
vez no templo e toda a xente veu onda el; Xesús sentou e empezou a ensinar. Os
escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio, puxérona
no medio e medio e preguntáronlle:
—Mestre,
a esta muller collérona en flagrante adulterio. Na lei de Moisés mándasenos
apedrar as adúlteras. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo a
mala fe, para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo
na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
—Quen
de entre vós non teña pecado que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose
outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un
a un, comezando polos máis vellos. Quedou Xesús só coa muller, que seguía no
medio de pé. Ergueuse entón Xesús e preguntoulle:
—Muller,
¿onde van os que te acusaban? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeu:
—Ninguén,
Señor.
Díxolle Xesús:
—Tampouco
eu non te condeno; vaite e dende agora non peques máis.
Meditación
O presente
relato ten unha viveza, unha intensidade e un dramatismo excepcional. Non hai
corazón que non se conmova ao introducirse na escena creada por Xesús, polos
teólogos e pietistas do momento coa muller adúltera arrastro, pola mesma muller
alí avergoñada e amedrentada ao máximo, e polo público expectante, disposto xa
a botar man de pedras para cumprir exquisitamente
coa lei que mandaba apedrar a “esta xente”, a “estas tales”. É inmenso o mundo
de sentimentos que se producen e que se entrecruzan ao longo da escena: odio e
indignación no nome da lei por parte de teólogos e pietistas; vergoña e desespero por parte da muller, que
se ve nas últimas; malicia e egoísmo en quen pregunta non con ánimo de aprender
nin con ánimo de avanzar en solidariedade, senón empregando a situación para
impoñerse a Xesús e ás súas prácticas de perdón; sentimentos de afecto e
solidariedade en Xesús cara á muller; indignación no mesmo Xesús contra a
cegueira dos líderes espirituais do pobo; vergoña da xente acusadora, ao verse
pillada na súa propia incoherencia; agradecemento e alivio na muller perdoada e
aberta a novas posibilidades; afecto inmenso en Xesús, non por ter escorrentado
os corvos que voaban xa sobre da presa, senón porque se creara unha vez máis un
espazo de perdón, no que as persoas quedaban incitadas a unha nova maneira de
situarse ante si mesmas, ante as demais, ante Deus, ante a construción social.
Está ben que nos
enfrontemos co mal, para extirpalo do medio de nós, das nosas sociedades e
comunidades cristiás. Está ben que abramos os ollos para detectar cales son as
fontes maiores do mal, de xeito que poidamos atallalo oportunamente. Pero hai
demasiada tendencia a coller o outro, a levalo á praza pública, a demandar o
estrito cumprimento da lei contra as demais persoas, a lavarse as mans ante
todo o que acontece, descargando responsabilidades persoais e sociais, a coller
pedras verbais e mesmo físicas contra quen se poña a tiro, sen botar a ollada
ao propio corazón, ás propias ideas, á propia vida. E así é moi difícil
rectificar, reparar, reconstruír, abrir o presente persoal e social a novos
tempos que, polo demais, todos/todas necesitamos e todos/todas estamos
desexando.
Oración
Como a muller
pillada en adulterio,
de xeonllos no
medio da comunidade,
así eu ante ti,
Xesús.
Cos meus pecados
ao lombo,
coa miña vergoña
ao lombo,
así eu ante ti,
Xesús.
Recoñecendo os
moitos momentos
nos que coa
palabra, co silencio ou cos feitos,
me arredo dos
camiños que levan á vida,
así eu ante ti,
Xesús.
Deixándome
envolver e vigorizar
pola forza e
novidade do teu perdón,
así eu ante ti,
Xesús.
Comprometéndome
a andar contigo
con máis
humildade e coherencia,
estou ante ti,
Xesús.
Coa miña paz, co
meu silencio,
co meu corazón
fondamente agradecido,
estou ante ti,
Xesús.
Acción
É moi posible
que en máis dunha ocasión andemos acusando pola vida, sinalando co dedo á
demais xente e pechando os ollos ao mal
que sae do noso corazón, dos nosos feitos. Pode ser un bo momento para caer na
conta disto e cambiar o noso trato coa xente.
8 de
abril: luns da 5ª semana de Coresma
Evanxeo:
Xn 8, 12-20
Unha vez
faloulles Xesús así aos fariseos:
—Eu
son a luz do mundo; quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz
da vida.
Dixéronlle entón
os fariseos:
—Ti
dás testemuño de ti mesmo, o teu testemuño non vale.
Xesús
replicoulles:
—Aínda
que eu dea testemuño de min mesmo, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei
de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin a onde
vou. Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén.
E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a
xulgar, senón eu e máis quen me mandou. E na vosa Lei está escrito que o
testemuño de dúas testemuñas é válido. Eu dou testemuño de min mesmo, pero
tamén o dá o Pai que me mandou.
Entón eles
preguntáronlle:
—Onde
está teu Pai?
Xesús
respondeulles:
—Nin
me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén
a meu Pai.
Xesús tivo esta
conversación cando ensinaba no templo, no adro do tesouro, e ninguén o prendeu,
porque aínda non chegara a súa hora.
Meditación
Xesús tivo
enfrontamentos cos fariseos, que eran unha xente que tiña fama de moi devota e
cumpridora. Púñalles diante repetidamente a superficialidade da súa práctica
relixiosa, queríalles axudar a que entrasen de verdade no corazón de Deus e a
que desde aí recompuxesen a súa maneira de estar coa xente, de vivir e
convivir. Non lle fixeron caso. Argumentaban e argumentaban para defenderse e
quedar pechados no que sempre viñan facendo, sen deixarse cuestionar. A luz
alumaba diante deles, pero eles pechaban portas e ventás. Todas, todos podemos levar
connosco espírito de fariseo. Todos, todas podemos pechar os ollos ante
evidencias, ante quen coa palabra e cos feitos nos sacode a vida e nos invita a
rectificar, a dar pasos, a cambiar.
Oración
Xesús,
¿como ir
asentándonos en convencementos firmes
ao teu carón,
e ao tempo
sermos persoas abertas
ás chispiñas de
luz
que de aquí e de
alí irrompen na nosa vida?
Xesús,
¿como apegarnos
ao esencial que ti nos amosas
--paixón por
Deus e paixón pola xente débil--,
e andar logo á
busca
da mellor
maneira de vivilo na nosa vida diaria?
Grazas, Xesús,
por seres luz de
vida para nós.
Acción
Igual recordemos
algún caso, algunha conversa, algunha discusión na que nos tivésemos pechado en
banda ante o que outra persoa nos suxería, nos ofrecía. ¿Por que? ¿Por que nos
descolocaba, porque nos incitaba a dar pasos novos? ¿Poderíamos retomar a
conversa con esa persoa, pero cunha actitude máis receptiva?
9 de
abril: martes da 5ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 8, 21-30
Nunha
ocasión díxolles Xesús aos fariseos:
—Eu
voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros
non podedes vir.
Dicían
entón os xudeus:
—E
irase matar, porque di “onde vou eu, vosoutros non podedes vir?
E
seguiulles dicindo Xesús:
—Vós
sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son
deste mundo. Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades
que “Eu son”, morreredes nos vosos pecados.
Preguntáronlle
entón:
—Pero,
logo, ti quen es?
Xesús
contestoulles:
—O
que vos veño dicindo desde o comezo. Moito podería falar e condenar de vós;
mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ao mundo do que lle oín a el.
Pero eles non coñeceron que lles
falaba do Pai. Entón Xesús continuou:
—Cando
ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que “Eu son”, e que non fago nada
pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. E quen me mandou está
comigo; non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.
Ao
dicir estas cousas, moitos creron nel.
Meditación
Non
nos interesa debater teoricamente quen foi ou non foi Xesús, de onde veu ou de
onde deixou de vir. O que nos fai ben é achegarnos á súa persoa, á súa vida,
entrar nela dentro do posible, deixarnos tocar por ela, e experimentar o que
Xesús é capaz de facer en nós cando nos achegamos a el co corazón aberto, coa
vida nas mans.
Se
o facemos así, caeremos na conta de que Xesús non é un bicho raro caído do ceo,
senón unha persoa humana coma nós, pero chea a tope do Espírito de Deus; sempre
obediente á voz de Deus que escoitaba de mil maneiras na vida, sobre todo
andando enredado coa xente máis débil; un home que falaba e facía sempre
conforme o Pai lle ensinaba na escola da vida; un home que sempre se sentiu
acompañado por Deus. Por iso a cruz non foi o lugar da súa derrota, senón o
lugar onde triunfou nel o ser de Deus que levaba no seu seo.
Oración
Veño á túa
escola, Xesús,
como sendo
neno/a ía á escola da miña mestra.
Veño á túa
escola,
para que me
aprendas
a facer non o
que a min me pete,
senón o que o
Pai do ceo nos ensina
a partir da vida
e da xente que nela nos acompaña.
Veño onda ti
para que me aprendas
a ser feliz coma
ti
pensando no ben
dos demais,
e traballando
polo ben común.
Veño onda ti,
Xesús,
para aprender
contigo
iso de sentirse
sempre ben acompañado por Deus,
aínda nas horas
de dor e escuridade.
Veño á túa
escola, Xesús,
sento no banco
cos meus compañeiros/as
e estou atenta,
en silencio, para aprender ben.
Acción
Seguro que no día de hoxe nos
pasaron cousas e vimos persoas que algo nos dixeron no nome de Deus. Podiamos
recapacitar nesas voces de Deus que así nos chegaron, e aprender e medrar como
persoas cristiás.
10 de
abril: mércores da 5ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 8, 31-42
Nunha
ocasión dicíalles Xesús aos xudeus que creran nel:
—Se
permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus, e coñeceredes
a verdade e a verdade faravos libres.
Eles
respondéronlle:
—Somos semente
de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti “seredes libres”?
Respondeulles
Xesús:
—Con
toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. E o escravo non
queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. Logo, se o Fillo vos
libera, seredes libres de verdade. Ben sei que sodes semente de Abraham, pero
tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. Eu falo do que
vin onda o Pai, e vós facedes o que oístes de voso pai.
Eles
respondéronlle:
—O
noso pai é Abraham.
Xesús
replicoulles:
—Se
fósedes fillos de Abraham, fariades as obras de Abraham, mais agora procurades
matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus; iso non o fixo
Abraham. Vós facedes as obras do voso pai.
Dixéronlle:
—Nós
non nacemos da prostitución, temos un pai, Deus.
Contestoulles
Xesús:
—Se
o voso pai fose Deus, amariádesme a min aporque eu veño e procedo de Deus. Pois
non vin por min mesmo, senón que el me enviou.
Meditación
Conta o evanxelista algo que
pasou entre Xesús e algúns xudeus que creran nel. Nós tamén cremos en Xesús e
por iso podemos tomar o que aquí se conta como dito para nós. Unha cousa é crer
simplemente, quedándose niso: son bautizado, figuro como persoa cristiá,
confésome cristiá, e mesmo cumpro con certas prácticas relixiosas. Para Xesús
iso é quedarse no primeiro paso, pouco nos aproveita.
Xesús
fainos unha proposta moito máis densa e proveitosa: permanecer na palabra de Xesús, ser de
verdade discípulos/as del, coñecer a verdade e permitir así que a verdade nos
faga libres. Isto é desenvolver na nosa vida todo un proceso interior e
exterior de marabillosas consecuencias para a nosa vida. Permanecer na súa
palabra, é dicir, ser constante na aposta por Xesús, ou, dito con outras
palabras, ser de verdade discípulas/os del; isto permitirá coñecer,
experimentar a verdade, a verdade de Xesús, a nosa propia verdade nel, cousa
que nos fará persoas libres a fondo, sen trampas nin enredos. Oxalá!
Oración
Oxalá!,
oxalá, Xesús,
permanecese na
túa palabra,
na túa maneira
de falar,
na túa maneira
de vivir,
na súa paixón
polo débil,
sen recuar ante
nada!
Oxalá me fixese
de verdade discípulo/a túa,
sen dar por
sabida ningunha lección!
Oxalá coñecese a
fondo
a túa verdade en
min,
a miña verdade
en ti
sen simular
zonas escuras dentro de min!
Oxalá empezase a
camiñar
polo camiño
amplo da liberdade
que ti vivías e
transmitías, Xesús,
sen disimular
nunca as miñas escravitudes!
Oxalá!
Acción
Podemos
ollar un pouco para a nosa vida cristiá. Témola viva ou témola adurmiñada?
Contentámonos con mínimos ou dámonos a oportunidade de experimentar a verdade
de Deus nas nosas vidas? En que máis cousas andamos así pola tona, nas
aparencias nada máis?
11 de
abril: xoves da 5ª semana de Coresma
Evanxeo:
Xn 8, 51-59
Nunha
ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
—Con
toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra non morrerá
endexamais.
Entón
dixéronlle os xudeus:
—Agora
si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis: quen
fai caso da miña palabra non morrerá endexamais. Seica es ti máis ca o noso pai
Abraham que morreu? E os profetas tamén morreron. Por quen te queres facer
pasar?
Xesús
respondeu:
—Se
eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale; pero quen me dá gloria é
meu Pai, de quen vós dicides que é o voso Deus. Pero non o coñecedes, mentres
que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós;
pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. Voso pai Abraham encheuse de ledicia
na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.
Dixéronlle
entón os xudeus:
—Aínda
non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?
Xesús
contestoulles:
—Con
toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, “Eu son”.
Entón
colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do templo.
Meditación
O
evanxeo de hoxe alértanos do difícil que ás veces resulta dialogar. Cada un
está no seu mundo, nas súas ideas, nas súas aspiracións, nas súas valoracións;
non escoitamos en verdadeiro silencio interior procurando entender que é o que
me di esa persoa que teño diante, cal é o seu mundo, cales son os seus valores,
as súas emocións; non nos escoitamos en verdadeiro silencio a nós mesmas,
procurando entender que son unha persoa quizais dominada por prexuízos,
por ideas, por sentimentos, por intereses
que me bloquean e me impiden abrirme á riqueza e variedade da vida, e desa
maneira abrirme tamén ao cambio, ao crecemento persoal.
O
facemos coa xente é normal que o fagamos tamén con Deus. Con san Xoán podemos
dicir: se non escoito e acollo a xente, a quen vexo, non vou acoller o Deus que
non vexo.
Oración
Meu Deus,
ao teu lado
quero aprender
a calar,
a escoitar,
a acoller,
a valorar,
a agradecer,
a amar,
a comprometerme
ante todo o que
a vida me ofrece
na natureza, nos
animais, nas persoas,
no que pasa fóra
e dentro de min,
en todo,
en ti.
Grazas.
Acción
Se repasamos algúns dos nosos
encontros coa xente, igual vemos situacións algo semellantes á que se conta no
evanxeo. Por que nos resulta difícil entendernos? Que hai en min que o impide?
12 de
abril: venres da 5ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 10, 31-42
Nunha ocasión os xudeus volveron
coller pedras para acantazar a Xesús. Xesús replicoulles:
—Moitas
obras boas fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me
acantazades?
Respondéronlle
os xudeus:
—Non
te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home,
faste Deus.
Xesús
replicoulles:
—Non
está escrito na vosa Lei “Eu dixen: sodes deuses?” Se lles chamou deuses a
aqueles sobre os que veu a palabra de Deus –e non pode fallar a Escritura--,
por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao
mundo, por dicir que son Fillo de Deus? Se non fago as obras do meu Pai,
seguide sen crerme. Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas
obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no
Pai.
Unha
vez máis trataban entón de o prender, pero Xesús liscóuselles das mans. E foi
de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao
comezo e permaneceu alí. E acudiron moitos onda el e dicían: “Xoán non fixo
ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.” E moitos
comezaron a crer nel alí.
Meditación
Xesús
crea conflito. Hai xente que ve as súas
obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe. Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta
división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha
manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai
tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus
feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da
xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na
Igrexa.
É
posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou
pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar
ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas
decadentes; se hai conflito, que sexa
porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e
vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de
toda persoa.
Oración
Meu Deus,
sinto que o teu
Espírito me alenta
a respectar a
todas as persoas,
crean ou non
crean en ti,
sigan ou non as
pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu
Espírito me anima
a adherirme a
Xesús,
en quen creo
como un home
totalmente un
contigo.
Que a miña fe
non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña
maneira de vivir
axude a outras
persoas a achegarse a ti.
Acción
Queixámonos
de que a xente non cre, pero que facemos as persoas, as comunidades cristiás
para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos
cambiar en algo?
13 de
abril: sábado da 5ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 11, 45-57
Daquela,
moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixera, creron nel. Pero
algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. Entón os
sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Consello e dicían:
—Que
imos facer? Porque este home fai moitos signos. Se o deixamos así, todos crerán
nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e máis a nosa nación.
Pero
un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano,díxolles:
—Non
entendedes nada. Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non
que pereza a nación enteira?
Iso
non o dixo por súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou
que Xesús había morrer pola nación; e non só pola nación, senón tamén para
reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. Por iso aquel día decidiron
matalo.
En
consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a
rexión próxima ao deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos
seus discípulos. Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela
rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. Andaban entón buscando
a Xesús e, cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: “Que vos parece?
Non virá á festa?” Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de
que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.
Meditación
A
morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus
nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o
pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase
o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas
relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse
e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que
pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de
esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo
enteiro.
Tamén
nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos
acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir
na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa
paz, coa súa forza.
Oración
En busca e
captura, Xesús,
así estiveches
ti,
como calquera
malfeitor común,
sen ter feito
máis ca ben.
En busca e
captura
quen nos buscou
apaixonadamente
para a maior
liberdade.
En busca e
captura
para lle dar
morte
a quen era a
fonte da vida.
En busca e
captura, Xesús,
como tantos e
tantas irmás túas
de sangue
africana
que percorren os
nosos pobos e cidades.
En busca e
captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo
servizo.
Acompáñote,
Xesús.
Acción
Igual nalgunha ocasión temos a
oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen
abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús que nel repite a súa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.