5 de maio: Domingo 3º de
Pascua
Evanxeo:
Xoán 21, 1-19
Xesús aparecéuselles aos seus
discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón
Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo e
máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou
pescar.
Eles
contestaron:
—Imos
tamén nós contigo.
Saíron
e subiron á barca. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de
romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero os discípulos non se
decataron de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces,
¿tedes algo que comer?
Eles
responderon:
—Non.
Díxolles
entón:
—Largade
o aparello por estribor e atoparedes.
Eles
largárono e xa non podían alzalo a bordo de tanto peixe. Entón aquel discípulo
a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É
o Señor.
Daquela
Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba
espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non
estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos
peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba e
máis pan.
Xesús
díxolles:
—Traede
deses peixes que acabades de coller.
Simón
Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e
tres peixes grandes; e con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús
díxolles:
—Vinde
comer.
Ningún
dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que
era o Señor. Foi Xesús colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe. Esta foi
a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre
os mortos.
Cando
xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
Simón
de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?
El
contestoulle:
—Si,
Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
—Apacenta
os meus años.
E
de novo preguntoulle por segundo vez:
—Simón
de Xoán, ¿ámasme?
El
respondeulle:
—Si,
Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
—Apacenta
as miñas ovellas.
E
preguntoulle por terceira vez:
—Simón
de Xoán, ¿quéresme?
Entristeceuse
Pedro de que lle preguntase por terceira vez “¿quéresme?”, e respondeu:
—Señor,
ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
—Apacenta
as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e
ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans e vestirate
outro e levarate onde non queres.
Dixo
isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E
despois engadiu:
—Sígueme.
Meditación
É importante, por sinxelo e
cotián, o espazo onde o evanxelista describe a acción e tamén o son os
compoñentes da mesma: un mar, o de Galilea, unha beiramar, uns pescadores,
sete, unha xornada de traballo, unha experiencia de fracaso laboral, a incitación
dun “estraño” que se suma ao que está pasando, a abundancia da pesca con
números máxicos que falan de gozos e plenitudes, o lume e brasas na praia, o
peixe asado, a invitación a comer...; e, en todo isto, a experiencia dun
encontro sinxelo, denso, fondo, que marca a vida, no presente e no futuro dos
asistentes. E por debaixo da linguaxe normal, un mundo de símbolos que nos
poden dicir moito a quen hoxe pretendemos deixarnos coller tamén pola maxia do
encontro con Xesús resucitado e da vida nova que dese encontro se deriva.
Cadros coma o descrito polo evanxelista abundan nas nosas vidas de homes e
mulleres de aldea ou de cidade. Aí, nese marco de vida nada sagrado, ou, se se
quere, fondamente sagrado a forza de humano, nese marco de vida é onde nós, o mesmo
que aqueloutros discípulos podemos sentir, vivir, experimentar que Xesús está
vivo e que se nos ofrece na sinxeleza do compartir, na demanda de máis amor e máis e mellor
servizo á comunidade cristiá, e, desde a comunidade cristiá, á sociedade, ao
mundo.
Oración
(pensando
con dor na xente desafiuzada)
Un fogar, Señor,
eu só desexo un
fogar.
Un fogar onde
estar,
durmir,
espertar, comer, folgar, amar,
onde vivir e
convivir.
Só un fogar,
Señor,
onde ter a
sensación de abrigo e de acougo,
de seguridade e
de afecto.
Non é moito,
verdade, Señor?
Só un fogar,
onde chegar cada
noite,
para pousar os
corpos cansos,
os espíritos
esgotados,
e compartir
ambos, corpo e espírito,
coa xente amada
que a un lle quere,
e gustar así a
dozura de vivir,
e programar as tarefas
para que ninguén
se sinta privado de tan simple dozura.
Ai de quen
destrúe fogares!
Ai de quen priva
dos fogares!
Ai de quen
comercializa cos fogares
e con quen os
habita gustosamente
por un prato de
lentellas,
ou por uns miles
de euros!
Ai de quen,
podendo,
nega as
posibilidades para que todo o mundo teña
simplemente
un fogar!
Acción
¿Somos capaces de sentir a
presenza de Xesús resucitado no medio de nós, nas nosas vidas normais,
compostas de traballo, comidas, convivencia, tarefas comunitarias diversas,
diversións? A nosa fe dinos que está aí interactuando connosco. ¿Como podemos experimentalo? Podiamos falar
disto con outras persoas cristiás coma nós.
6 de maio: luns da 3ª semana
de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 22-29
Ao
día seguinte de que Xesús multiplicara o pan, a xente que quedara na outra
banda do mar decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non
montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sos. Nisto chegaron
algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o
Señor dar grazas a Deus. Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí,
nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm
buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
—Rabí,
cando chegaches aquí?
Xesús
contestoulles:
—Con
toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque
comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo
que dura deica á vida eterna, o que vos dará o fillo do Home, pois el é a quen
o Pai Deus marcou co seu selo.
Eles
preguntáronlle:
—Que
temos que facer para realizar as obras de Deus?
Respondeulle
Xesús:
—Esta
é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
Meditación
Durante esta semana leremos o
capítulo 6 do evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado
“discurso do pan de vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder
entendelo e levalo á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia,
e non está nada mal iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e
dos peixes, e querían beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles
a que miren para o porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato,
non pensan en máis nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou
por devolver a dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como
garantir o pan de cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a
dignidade dunha persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa
fame fonda que todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de
recoñecementos, de afectos, fame de solidariedades, de compartir, fame de
familia, de comunidade, fame de perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa
demais xente, fame … de Deus. E para calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan
multiplicado que había pouco calmara a súa fame era un sinal, un símbolo
desoutro pan de Xesús, máis substancial, capaz de calmar as fames fondas do ser
humano. Se ambas as fames camiñan xuntas nas nosas vidas, é ben que ambos os
pans nolas calmen.
Oración
Que bo é ter
fames, Xesús,
para buscar
calmalas!
Que bo é ter
pan, bo pan,
para poder
matalas!
Que bo é sentir
as fames alleas,
para poder
remedialas!
Que bo é sentir
as fames do mundo,
para poder
alivialas!
Que bo é sentar
xuntas á mesa,
para compartir
fartadas!
Que bo é terte a
ti, Xesús,
espertando
desexos do todo e da nada,
ofertando
farturas
a prezo de amor,
de soños en alza,
a prezo de
esperanza,
a prezo sen
prezo,
que o pan é de
graza!
Acción
Cales
son as nosas fames? Que estamos comendo para fartalas? Que fames vemos ao noso
redor? Que facemos para alivialas?
7 de maio: martes da 3ª semana
de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 30-35
Nunha ocasión a xente dicíalle a Xesús:
—E que sinal fas, para que, véndoo, creamos en ti?
Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está
escrito: “deulles a comer pan do ceo”.
Entón díxolles Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen
vos deu o pan de ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo; pois o pan
de Deus é o que baixa do ceo e lle dá vida ao mundo.
Dixéronlle entón:
—Señor, dános sempre dese pan.
Xesús replicoulles:
—Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará
fame e quen cre en min endexamais non terá sede.
Meditación
Sabemos
moito de pan. Distinguimos un pan bo dun pan ruinceiro. Gústanos máis o de tal
panadería ca non o de tal outra. O evanxeo de hoxe vai de pans e de panadeiros
ou panadeiras.
Onte
falabamos de fames, que as temos de moitos tipos: de comida, de acollida, de
consideración, de afectos, de familia, de paz fonda, de sentido da vida, de
alegría verdadeira, … Na sociedade hai
diferentes panadeiros ofertando pans para satisfacer esas fames. Pans mellores
ou peores. Xesús ofrécesenos como un pan bo, excelente, para matar esas fames,
sen lle quitar méritos a outros pans posibles. O pan de Xesús é un clamor
dentro de nós mesmos para que empecemos buscando a mantenza elemental,
necesaria para todo ser humano. Ademais o pan de Xesús garántenos atender
esoutras fames fondas que acompañan o ser humano, e que incluso se manifestan
con moita claridade cando estamos coa barriga ben chea.
Xesús
é un pan bo para a fame do mundo. Deus é o panadeiro que fixo ese pan e que
nolo ofrece gratuitamente.
Oración
Grazas, meu
Deus, polo teu pan.
Pan bo,
pan saboroso,
esponxoso
pan
farturento,
pan sobranceiro.
Pan de boa
fariña,
de bo gran
dese que morre
para dar froito.
Pan ben cocido,
ben pasado polas
lapas quentes do servizo.
Pan gratuíto
en todas as
mesas pobres.
Pan de familia,
de comunidade,
de irmandade.
Pan de Xesús,
pan de Deus,
pan noso.
Grazas, meu Deus
polo pan.
Acción
Ao longo deste día podemos
reparar nos distintos pans que desde diferentes lugares da nosa sociedade se
nos ofrecen para calmar as nosas fames. Podémolos valorar e ver que teñen e que
lles falta do pan de Xesús.
8 de maio: mércores da 3ª
semana de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 35-40
Naquel
tempo díxolle Xesús á xente:
—Eu
son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min
endexamais non terá sede. Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes.
Todos os que o Pai me entregou virán onda min; e a quen vén onda min non o
botarei fóra. Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a
vontade daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou, que non
perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día.
Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve o Fillo e cre
nel teña vida eterna, e eu resucitareino no derradeiro día.
Meditación
Igual que o pan e os demais
alimentos manteñen o corpo e o capacitan para unha chea de funcións e
actividades, así tamén o pan de Xesús –Xesús como pan— sostén o noso espírito,
o noso ser enteiro, para poder desenvolver unha vida digna, honrada, xusta,
fraterna, solidaria. Xesús como pan fortalécenos para que poidamos coidar a
nosa vida en todos os seus campos, para o presente e para a eternidade, e tamén
para que nos impliquemos no coidado das persoas que nos rodean, para que todo o
mundo teña vida, porque ese é o único e fundamental querer de Deus.
Cantas
vidas hai desfeitas, maltratadas, ao noso redor, por abandono propio, por
abusos alleos! Cantas vidas hai desamparadas polo mundo adiante. As fotos que
nos chegan das xentes refuxiadas, retidas en campamentos desamparados nos fríos
da invernía, sen ver cubertas as necesidades físicas básicas, sen ver un porvir
por ningún lado! E iso es países de matriz cristiá, celebrando con moito bombo
a Semana Santa! As escenas de tropas xudías maltratando e matando a multitude
palestina que se manifesta protestando pola vida miserable que lles obrigan a
vivir! E todo o mundo calamos!
Oración
Ti, Pai, non
queres que ninguén se perda.
Ti, Fillo, non
queres que ninguén se perda.
Ti, Pai, queres
vida,
vida para todo o
mundo, sen distincións.
Ti, Fillo,
queres vida,
e non calquera
vida: vida plena, redonda,
vida por fóra e
por dentro,
vida ao fondo e
ao alto,
vida no presente
e no futuro,
vida para todas
e todos,
vida por igual,
vida comunal.
Iso é o que nos
ofrecedes.
A iso nos
invitades.
Para iso nos
pedides colaboración.
Grazas. Aquí
estou.
No que saiba e
poida conta comigo.
Acción
Igual hoxe, da maneira máis
apropiada que vexamos, podemos levar algo de vida a algunha persoa ou grupo.
Igual podemos facer algo bo pola nosa propia vida, no corpo, no espírito. Iso é
o que lle dá gloria a Deus.
9 de maio: xoves da 3ª semana
de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 44-51
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que
me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas:
“todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén
onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba
onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.
Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná
no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma
del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén como deste pan
vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.
Meditación
Que preciosa e fonda é esta
frase: “todos, todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di
todos ou todas. Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo
de min mesma, e de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me
conecta con Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en
todo ser humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co
que el dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non
temos escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas,
ou na Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente,
ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de
inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús
entregou a súa vida!
Por
iso Xesús é pan de vida para todo home ou muller. Por iso nel todos, todas
atopamos vida. As nosas raíces están intimamente conectadas. O zume, a
“savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre abundante polas nosas veas.
Oración
Veño, Xesús,
onda ti
para aprender
cousas do noso Deus.
Veño onda ti,
para vivir iso
de telo como Pai ou Nai
que todo o
sustenta,
que todo o ama,
que todo o
coida.
Veño, Xesús,
onda ti,
para escoitar e
aprender,
para crer
ao xeito de
Xesús.
Para fartarme do
seu pan
e deixar que a
vida me invada
e que reborde de
min sen parar
cara ás persoas
que me rodean.
Aprender, Xesús,
ir aprendendo,
pouco á pouco,
á medida da miña
debilidade,
á medida da túa
esplendidez.
Acción
Se
todas as persoas son ensinadas por Deus, todas as persoas nos poden pasar algo
de Deus. Como vivimos isto cada día no noso trato coa xente que nos rodea?
10 de maio: venres da 3ª
semana de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 52-59
Unha
vez discutían entre si os xudeus:
—Como
pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles
entón Xesús:
—Con
toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non
bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o
meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña
carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne
e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou,
vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan
que baixou do ceo; non como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen
come este pan vivirá para sempre.
Dixo
estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm.
Meditación
Todos
entendemos ben que quere dicir Xesús con iso de comer a súa carne e de beber o
seu sangue. Non se trata de nos facer caníbales. A carne, o corpo, é a vida de
Xesús, o seus falar, o seu actuar, as súas maneiras de estar coa xente, de
tratar con Deus, o seu poñerse con decisión do lado de quen sofre e peca, de
quen é marxinado por calquera razón. Comer a súa carne é compartir o seu estilo
de vida. E beber o seu sangue é participar co alento, do nervio, da forza que
movía todos os seus andares. Beber o seu sangue é participar do seu mesmo
Espírito, para poder facer como el facía.
Cada
punto do texto anterior préstase a que o leamos, o releamos con calma, e
deixemos que vaia penetrando no noso interior, para que envolva todo o noso
corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións, todo o noso ser de pés a
cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo vida nas nosas vidas.
Oración
Permanecer en
ti, Xesús,
permanecer no
Pai/Nai,
como no noso
lugar habitual
no que estar,
pensar e actuar.
Vivir por ti,
Xesús,
vivir polo
Pai/Nai,
desde os mesmos
alentos,
cos mesmos
desexos.
Facer da nosa fe
algo de
verdadeira calidade,
que nos sosteña
realmente a vida,
que ofreza algo
convincente.
Andar sempre en
humildade,
en pobreza, en
seguimento,
non por
apoucamento,
senón desde o
impulso solidario.
Acción
Podemos revisar como estamos
vinculados con Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas
nosas vidas? Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de
forzas, de pensar no ben da xente que nos rodea?
11 de maio: sábado da 3ª
semana de Pascua
Evanxeo:
Xn 6, 60-69
Naquel
tempo, cando oíron o que Xesús dicía, moitos dos seus discípulos dixeron:
—Que
dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo
Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
—Escandalízavos
iso? E logo se visedes o fillo do Home subindo onde estaba antes? O espírito é
quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son
espírito e son vida. E, aínda así, hai
algúns de vós que non cren.
Daquela
ben sabía Xesús dende o principio quen eran os que non crían e máis quen o
había de entregar. E proseguiu:
—Por
iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
Dende
aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con el.
Preguntoulles entón Xesús aos doce:
—Vós
tamén vos queredes ir?
Respondeulle
Simón Pedro:
—Señor,
e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos
que ti es o Santo de Deus.
Meditación
Que
lles pasou con Xesús a moita xente que ata daquela andaba con gusto tras del?
Que é o que os botou para atrás e os levou a deixar de andar con Xesús? Puido
ser iso de que Xesús se puxese como referencia fundamental á hora de querer
andar polos camiños de Deus; esa contundencia coa que Xesús afirmaba que el era
o pan necesario, imprescindible para ter vida, vida sa, vida consistente, vida
feliz, vida aberta á eternidade. Que es ti para te considerares tan necesario,
para crerte o camiño, a verdade e a vida? E máis probablemente aínda botounos
para atrás a maneira que Xesús tiña de entender a súa misión: facerse servidor
ata o punto de dar a vida, ata o punto de facerse coma un pan que é comido para
que a xente, o pobo medre e engorde en vida.
E a
nós que nos arreda de Xesús? Que é o que nos impide andar con el de verdade?
Que é o que nos leva a ese seguimento apagado que tanto nos caracteriza ás
persoas cristiás dos nosos tempos?
Oración
Xesús, onda quen
habemos de ir?
Ti tes palabras
de vida eterna.
Nós cremos e
recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Que o teu
espírito
confirme os
nosos convencementos,
madure as nosa decisión
por ti,
nos faga fortes
na hora da dificultade e da dúbida,
cando se trate
de facernos pan contigo
para a vida do
mundo.
Que non nos
engaiolen as promesas fofas,
as felicidades
baratas,
as solucións
cómodas,
a
insensibilidade, o pasar de todo,
a indiferenza.
Nós cremos e
recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Acción
Como andamos de fieis cos nosos
compromisos alí onde os teñamos? Na comunidade cristiá, na parroquia, na
asociación de veciños, no partido político? Como andamos de fieis no noso
compromiso con Xesús, o Cristo? Onde están as nosas frouxidades, como as
podemos ir superando?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.