12 de
maio: domingo 4º de Pascua
Evanxeo: Xn 10, 27-30
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o rodeaban:
—As miñas
ovellas escoitan a miña voz; eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida
eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que
mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e
máis eu somos un.
Meditación:
Xesús foi
medrando nunha experiencia fonda de unidade, unidade co Pai/Nai, que o levou a
unha unidade coherente e solidaria coas persoas, coas máis débiles sobre todo,
porque son as persoas máis débiles as que provocan e reclaman a urxencia do un,
da unidade, do compartir, da comensalidade, do servizo. Foi descubrindo e
vivindo a fondo que o seu ser estaba afincado en Deus, no un, no todo, no todo
amor, no todo perdón, no todo misericordia, no todo xustiza, no todo paz. Ata o
punto de poder dicir con convicción: o Pai/Nai e máis eu somos un. O
descubrimento progresivo desa identidade fíxoo participar no poderío enorme de
Deus, que é un poderío de vida e de servizo. Xesús ábrenos a mente, os ollos e
os corazóns para a comprensión da nosa propia identidade: tamén nós estamos
chamados a ser un con Deus; esa é a nosa identidade máis fonda e verdadeira.
Xesús traballou isto ao longo da súa vida, e traballouno co estilo de vida que
polos evanxeos ben coñecemos. ¿Como o traballamos nós, como o traballamos nas
nosas comunidades?
O seguimento de
Xesús vén determinado polos mesmos pasos do Evanxeo. Non se nos propón seguir a
ningún ser extraterrestre. Nin a ningunha figura ou mito virtual. Para o
seguimento ofrécesenos a persoa dun tal Xesús de Nazaré, que viviu como viviu,
que amou como amou, que andou entre ricos e pobres como andou, que se apaixonou
por Deus e polos débiles como se apaixonou, que entrou en conflito cos poderes
relixiosos como entrou, que padeceu e morreu e resucitou, por esta orde, como
el o fixo. A vida abundante, consistente, eterna, que nos garante vai vinculada
a este camiño simple, humilde, do que, grazas a Deus, coñecemos os detalles
suficientes para non errar. Xesús resucitado estanos convidando. O convite da
Eucaristía leva encerrado, como sorpresa, este convite maior, este convite da
vida plena.
Oración
Meu Pai e máis
eu somos un.
Que así eu
tamén, Xesús,
que así sexa eu
un
contigo, co Pai,
no materno Espírito,
sentindo
contigo,
amando contigo,
servindo
contigo,
pacificándome a
fondo contigo.
Que sexa un
contigo, Xesús,
que sexa un cos
meus irmáns e irmás,
que sexa un coa
xente desamparada,
coñecéndoa,
tratándoa,
doéndome con
ela,
sentindo con ela
a súa mesma rabia,
reclamando con
ela o dereito elemental
ao froito do seu
esforzo.
Que sexamos un
contigo, Xesús,
co Pai, no
materno Espírito.
Acción
Podemos reforzar
a nosa colaboración solidaria con Xesús, para que a súa presenza servidora se
espalle canto máis mellor. Podémolo facer reforzando a nosa participación en
accións solidarias que se dean ao noso redor, co espírito servidor de Xesús.
13 de maio:
luns da 4ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 10,1-10
Naquel tempo
dixo Xesús:
—Con toda
verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón
que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola
porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a
súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai
diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo
non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús
esta comparanza, mais eles non coñeceron qué era o que lles daba a entender.
Entón díxolles de novo:
—Con toda
verdade volo aseguro; eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca
min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta;
se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón
non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e
para que a teñan de abondo.
Meditación
A comparanza de
Xesús como pastor e as persoas como ovellas dá moito xogo. Claro que debemos
absternos de pensar que, por comparársenos coas ovellas, teñamos que ser
persoas abobadas, aparvadas; nada diso. Sermos dóciles a Deus non quere dicir
ser persoas aparvadas, nin paradas, nin faltas de creatividade, de iniciativa,
de forza para a vida, para dar a cara, para defender dereitos propios e alleos.
Nada diso. O exemplo témolo en Xesús mesmo, a persoa máis fiel a Deus que houbo
e haberá no mundo, e, por iso mesmo, a máis valente e ousada.
A comparanza do
pastor insiste hoxe no tema da porta. Neste caso Xesús é a porta. As persoas
que lideran a comunidade en calquera dos seus niveis e responsabilidades
deberían pasar pola porta, é dicir, pasar por Xesús, imitar o seu estilo
servidor, pastorear dando a vida pola xente, non aproveitándose da vida da
xente para o propio engorde. Xesús nunca actuou para vivir el a conta da
comunidade, senón ao revés para que a comunidade vivise a conta del. Só un
pastor así acaba facendo da comunidade un pobo vivo, ilusionado, esperanzado.
Canto precisamos pastores así nestes tempos de tanta fraxilidade!
Oración
Grazas, Deus
noso,
polas persoas
que animan a nosa fe,
que aguantan do
noso amor,
que sosteñen a
nosa esperanza.
Grazas polas
persoas que, como Xesús,
dan a súa vida,
o seu xenio,
o seu tempo, os
seus afectos,
a súa
creatividade, os seus coñecementos
para que outros
e outras teñamos
o gozo de vivir
en comunidade,
de medrar como
crentes, como cidadás.
Grazas, Deus
noso,
polas persoas
que nos axudan
a orar e a
loitar,
a resistir e a
festexar,
a implicarnos na
vida
e a fiarnos
completamente de ti.
Grazas, Deus
noso.
Acción
Podemos
achegarnos hoxe a algunha das persoas que para nós teñen sido persoas que
termaron de nós en calquera campo da nosa vida. Expresámoslle o noso
agradecemento da maneira que mellor vexamos.
14 de maio:
martes da 4ª semana de Pascua. Festa de San Matías apóstolo.
Evanxeo: Xn 15, 9-17
Naquel tempo
díxolles Xesús:
—Como me amou o
Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos,
permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e
permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en
vós e a vosa alegría sexa plena.
Este é o meu
mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor
meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se
facedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que
fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai
déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a
vós, e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de
xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos
isto: que vos amedes uns a outros.
Meditación
O fondo da nosa
existencia está vinculado ao amor. Da fonte do amor vanse sucedendo unha serie
de consecuencias que lle dan corpo a unha vida crente, a unha vida cristiá.
Todo parte dun Deus que, como Pai ou Nai que é, nos quere con loucura. Xesús
experimentou ese amor a fondo e permaneceu nel deixándose levar por Deus sen
receo ningún, e comprendeu que iso o levaba a quererlle á xente. Toda a súa
vida foi iso: quererlle a xente, e non de calquera maneira; quererlle
establecendo relacións de amizade, tratando a xente como amigos e amigas
sempre, compartindo a súa riqueza interior inmensa, sacrificándose ata a morte
pola xente que quería, gozando con que a xente se desenvolvese e se fixese
xente con vida, con calidades, con froitos, con capacidade de amor tamén. E así
pechar ese círculo que empezaba en Deus e a Deus volvía a través do amor. E nós
estamos aí no medio. Iso é o que dá sentido á nosa existencia. Amar non é
calquera cousa. Amar é o noso ser. Deus é
amor. Xesús é amor. Nós somos amor.
Oración
Somos amor,
Xesús,
como ti es amor,
como o Pai/Nai é
amor.
Pero tamén
podemos ser desamor,
tamén podemos
cortar ese círculo solidario
que lle dá
sentido á nosa existencia.
A Xudas, o
apóstolo escollido e querido,
custoulle andar
na roda do amor
e abandonou
dramaticamente.
No seu canto foi
elixido Matías,
a quen hoxe
recordamos.
Que sexamos
dóciles
para aprender a
non xogar co amor,
a non facer del
unha palabra baleira,
a enchelo con
cousas de solidariedade
no vivir de cada
día.
Que sexamos ben
dóciles
para aprender o
difícil arte de amar.
Acción
Podemos revisar
como está sendo realmente o noso amor.
Para iso podemos pensar por unha banda como nos relacionamos coa xene da casa
coa que convivimos; e por outra banda podemos pensar tamén en cantas cousas de
apoio a persoas en debilidade estamos enredad@s. Seguro que atoparemos algo que
nos permita avanzar no amor.
15 de
maio: mércores 4ª semana de Pascua.
Evanxeo: Xn 12, 44-50
Nunha ocasión
falou Xesús así berrando:
—Quen cre en min
realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a
quen me mandou. Eu son a luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non
permaneza nas tebras.
Se alguén
escoita as miñas palabras e non as garda eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo,
senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten que o
xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non
falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda
do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa encomenda é vida
eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.
Comentario
En Xesús a súa
vida nunca se apartou do que pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o
extremo, amábao ata o extremo; se falaba de perdoar mil veces, mil veces
perdoaba; se falaba de poñer as persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o
que fixo ata poñer en perigo a súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar
e coidar das persoas máis depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a
súa vida toda.
Sabemos que nós,
os seguidores e seguidoras de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras,
pero non de moita palabra. Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces
andar apegados a Xesús, pero a nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender
para a nosa vida cristiá deste Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada
e o noso corazón!
Oración
Que a túa luz,
Xesús,
ilumine as nosas
tebras.
Que a túa palabra
asente en nós
e se converta en
vida.
Que avancemos
humildemente na tarefa
de amosarte coa
nosa maneira de vivir,
o mesmo que ti
coa túa maneira de vivir
nos amosaches o
rostro humano de Deus.
Acción
É o 15 de maio,
día de San Cidre, día do Mundo Rural. Sexamos ou non xente de aldea, podemos
achegarnos física e cordialmente a este mundo ao que tanto lle debemos. Velo,
andalo, falar con quen nel traballa, entender os seus problemas, solidarizarnos
coas súas demandas.
16 de maio:
xoves da 4ª semana de Pascua.
Evanxeo: Xn 13, 16-20
Cando Xesús
acabou de lles lavar os pés aos discípulos, díxolles:
—Con toda
verdade volo aseguro: o servo non é meirande que o seu Señor, nin o mensaxeiro é
meirande ca quen o mandou. Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de
que as cumprades.
Non o digo por
todos vós; eu ben sei a quen escollín, pero para que se cumpra a Escritura: “O
que come comigo o pan levantou contra min o seu pé”. Dígovolo da dende agora,
antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son. Con toda
verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min, e quen
me acolle a min acolle a quen me mandou.
Meditación
Está claro que
nós, simples servidores e mensaxeiros, non somos máis grandes có noso Irmán
maior e Guieiro. Se lle preguntamos a Xesús, nun suposto curriculum vitae, ¿cal é o teu oficio ou profesión?, el hanos
dicir: “Servidor; para iso vin e para iso estou neste mundo”. Non cadra, logo,
que nós, as persoas que nos dicimos seguidoras e seguidores del, aspiremos a
outra cousa. Ese debería ser o fundamento do noso proxecto de vida. E ver como,
sexa cal sexa a nosa profesión, todo o vaiamos levando a nos converter en
simples servidores e servidoras no medio dos grupos humanos nos que nos
movemos. Non é cuestión de arrastrarse ante ninguén, non é cuestión para nada
de perder a propia dignidade, nin de deixar que nola tripen, senón precisamente
de atopar a máxima dignidade, a máxima liberdade, o máximo crecemento levando
na man diariamente o gusto por contribuír a que outras persoas medren ao meu
carón.
Oración
Pódoche facer
caso ou non, Xesús,
pero ti
ofrécesme o que a ti te fixo feliz.
E ti, afincado
fortemente en Deus,
sabes como un
ser humano calquera
se fai
verdadeiramente humano,
verdadeiramente
feliz,
aínda que a nós
nos estrañe.
Grazas, Xesús,
acollo as túas
palabras
e dispóñome a
convertelas
no ser do meu
ser.
Acción
Podemos mirar
ata que punto a nosa vida está marcada polo servizo ou non. Podemos mirar en
que cousas nos poderiamos facer persoas máis e mellores servidoras, á luz de Xesús.
17 de
maio: Venres da 4ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 14, 1-6
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Non vos
angustiedes. Crede en Deus e máis crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas
moradas; doutro xeito ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia
e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu,
esteades vós tamén. E a onde vou eu ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non
sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?
Xesús
respondeulle:
—Eu son o
camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Meditación
Hai moita xente
angustiada. Os tranquilizantes son os medicamentos máis solicitados e
consumidos nas nosas sociedades. Angustiámonos por cousas de peso, pero moitas
veces por calquera cousa. Temos pouca capacidade para dixerir fracasos,
negativas, demoras. A angustia é a cara negativa dunha sociedade que aspira a
telo todo, que aspira á riqueza, ao éxito, á satisfacción plena.
Como resoan nas
nosas vidas as palabras de Xesús: Non vos angustiedes? ¿Qué ten Xesús para
conter a nosa angustia? Xesús, falando desde a súa experiencia, dinos
simplemente: confiade en Deus, confiade en min. Confiar en Deus: non somos
seres abandonados; estamos envoltos por unha inmensa vontade de tenrura
solícita que nos acompaña desde o nacemento ata a morte e máis alá da morte.
Confiar en Xesús: temos alguén que abriu camiño para atinar no que nos leva á
satisfacción, á vida. Desde esta confianza básica vivida en comunidade
poderemos afrontar mellor os retos da vida. Confiar non elimina as
dificultades nin o esforzo para
superalas, pero ofrécenos a actitude vital desde a que loitar a vida sen
angustia.
Oración
Grazas, Xesús,
por estar aí, ao
noso lado, en todo momento.
Grazas por
acompañarnos
cando a vida se
nos fai costa arriba,
e nos angustian
os problemas familiares ou laborais.
Grazas por estar
ben a rente de nós
cando no fondo
do noso ser non temos paz
nin o camiño
para atopala.
Grazas, Xesús,
por soster a
nosa esperanza
cando a maldade
do mundo nos desborda
e a xente máis
débil padece inxustiza.
Grazas porque ti
co teu Deus
estades sempre
do noso lado,
sostendo
alentos,
garantindo
felicidades.
Grazas.
Acción
Podemos palpar a
nosa existencia e ver que angustias temos. ¿Son angustias por cousas que pagan
a pena, ou deixámonos envolver na roda das angustias á que a sociedade nos
somete? Como as estamos resolvendo? Podemos compartilas. Podemos axudarnos
mutuamente.
18 de maio:
sábado da 4ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 14, 7-14
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
Se me
coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes
e o tedes visto.
Felipe díxolle:
—Señor,
móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús
respondeulle:
—Pero, Felipe,
levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai.
¿Como dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min?
As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece
en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se
non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro,
quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda,
pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para
que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu
fareino.
Meditación
É normal que,
como a Felipe, nos guste ir á fonte das cousas: a fonte da inocencia, a fonte
da honradez, a fonte da xustiza, a fonte da irmandade, a fonte da felicidade, a
fonte do amor, a fonte do servizo, a fonte da xenerosidade, a fonte da
fortaleza, a fonte do perdón, a fonte dos soños, a fonte da vida, a fonte de
todo, a túa fonte, a miña fonte. É normal que non paremos ata que, como
sedent@s, batamos coa fonte de todas estas augas, batamos con Deus, batamos co
Pai/Nai da que todo ben procede.
As primeiras
comunidades cristiás viron a Xesús como alguén fondamente identificado con esa
fonte, co Pai, de xeito que quen o mira a el, mira o Pai/Nai; quen contempla o
seu estilo de vida, está contemplando ao tempo aquilo que ao Pai/Nai lle
comprace. Crer en Xesús, contemplar a Xesús con ollada admirada e agradecida,
leva a facer feitos ao estilo del nos tempos de hoxe.
Oración
No teu nome,
Xesús,
presentámonos
diante de Deus
coa nosa vida
esmoleira nas mans.
No teu nome
agardamos de
Deus
os alentos que
nos faltan
para ser algo
coma ti
nos tempos
turbulentos que vivimos.
No teu nome,
Xesús,
abrimos ante o
noso Deus
a saca de paz e
da xustiza
para renovarnos
con elas no teu nome,
para compartilas
audazmente tamén no teu nome.
No teu nome,
Xesús,
todo no teu
nome.
Acción
Levas tanto
tempo comigo e ¿aínda non me coñeces?
Xesús tamén nos podería dicir a nós iso mesmo. Podémonos propoñer ler
algún libro sobre Xesús que alguén nos aconselle por estar adaptado a nós; ou
incluso podemos apuntarnos a algún grupo que queira coñecer algo máis a Xesús,
para podelo seguir mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.