27 agosto, 2019

Tempo Ordinario: 22ª semana



  
1 de setembro: domingo 22 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 1.7-14
Un sábado ía comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Decatándose Xesús de que a xente convidada buscaba os primeiros postos, contoulles unha parábola:
—Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada e que veña  quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a este”, e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que, cando chegue quen te convidou che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de toda a xente convidada. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar, e a quen se rebaixe hano enaltecer.
E díxolle tamén ao que o convidara:
—E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida as persoas pobres, eivadas, coxas e cegas; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na  resurrección dos xustos.


Meditación
Xesús é como é, e así vive, pensa e fala. Observa a xente obsesionada por sentar nos primeiros postos, e non lle gusta. Non lle gusta, porque o que podía ser unha preciosa experiencia de comunidade, de fraternidade, queda convertido nun espazo de rivalidade e competencia. Que fermoso ser compañeiros/as de mesa, comendo, conversando, coñecéndose, igualándose en todo, espertando soños cara a unha vida social rexida tamén por esta maneira de ser e de vivir! Pero todo isto queda perturbado, cando nos afanamos por acadar os primeiros postos, por nos situar uns por riba dos outros/as, por señorear, por mandar. O gozo da fraternidade queda esnaquizado. Canto podemos aprender disto tamén para as nosas vidas de cada día! O vicio de querer ser primeiros/as, de prevalecer sobre a demais xente, de situarnos por riba das outras/os no pensar, no falar e no vivir, chegando ao desprezo do outro/a, ata facelo un inimigo, é coma unha praga que fire e consume a planta fermosa e fráxil da fraternidade. A todos, todas, nos pode pasar isto moitas veces na vida de cada día. Os malos políticos fano moito, e por iso, no canto de ser factor de unión, arrimando o lombo cara á solución dos problemas do pobo, enfróntanse, pelexan, e acaban enredándonos a todos/as, se non estamos alerta, nun debate de poder que non resolve nada. A comunidade cristiá, a Igrexa, tamén podemos caer nesta mesma actitude de prepotencia, de querer os primeiros postos, de poñernos por riba dos demais, e de facelo mesmo no nome de Deus! Por exemplo, cando os homes, o masculino, acapara todo o poder, os primeiros postos nas comunidades cristiás.
Xesús aproveita a conversa do xantar para facer unha observación revolucionaria, que a calquera de nós, aínda hoxe, nos pode sorprender ou parecer unha parvada: “Cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti”. Xesús non se opón loxicamente a que invitemos a amigos, amigas, irmás, parentes, veciñas; simplemente quere axudarnos a reparar nun aspecto da vida e das relacións que para el é moi importante: a gratuidade; por iso pon o acento na palabra “ricos”. O rico é normal que me devolva a invitación, que me recompense. Se fago as cousas coa intención, co afán, de ser recompensado con outro tanto, non medro moito coma persoa, quedo pechado no círculo pequeno do “dou para que me deas”; creo espazos de benestar dos que queda excluída moita xente, que non pode corresponder simplemente porque non ten nada; sen querelo, favorezo a marxinación; non abro o amor, o servizo, as atencións cara a un campo maior, onde poder desenvolver mellor a miña capacidade de amor e onde axudar a outros a que entren na experiencia de amar e ser amados, de atender e seren tamén atendidos/as. E este é o campo inmenso, sen medida, de Deus. E este é o campo da verdadeira felicidade. A iso nos quere invitar, provocar Xesús, que non se contento con mínimos á hora de pensar na felicidade da xente.

Oración

Grazas, Xesús,
polas túas palabras e feitos de liberdade,
de humanidade fonda e verdadeira,
invitándonos a non buscar nunca os primeiros postos
e a convidar ao xantar da vida
con todo o que poidamos,
gratuitamente
a quen non teña con que correspondernos.

Cando, Xesús, deixarei evanxelizar o fondo do meu ser,
e descubrir o gozo de ser comunidade,
de perderme na comunidade,
en ti,
nos brazos, no corazón, na ollada
de cada un dos meus irmáns e irmás!

Lévame da man
ata as fontes da gratuidade.
Lévame da man ata o corazón mesmo de Deus,
que ama sen agardar nada a cambio.
Lévame da man
ata a dita de dar sen esperar recompensa,
afinando o amor
pola forza e o gozo do mesmo amor.

Grazas, Xesús,
pola fondura da túa proposta,
que me provoca e emociona.
Grazas.

Acción
Podemos facer hoxe algún xesto de gratuidade ao estilo de Xesús, dedicándolle algo (xantar, conversa, tempo, cartos, consideración…) a quen, polas razóns que sexa, moi posiblemente non poida ou queira correspondernos.


2 de setembro: luns da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 4, 16-30
E pasou que chegou Xesús a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía: “O Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida. Mandoume para lle anunciar a liberación ás persoas cativas, e ás cegas, a vista; para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Os ollos de toda a xente da sinagoga fixáronse nel. E empezou a lles dicir:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—Pero ¿non é este o fillo de Xosé?
El díxolles:
—Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; fai no teu pobo todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm.
Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; pero a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E  moitas persoas con lepra había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, pero a ningunha delas curou, fóra de Naamán, o sirio.
Oíndo estas cousas, toda a xente que estaba na sinagoga se enfureceu; así que erguéronse, botárono fóra da aldea e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o guindaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Meditación
Resulta curioso este paso do asentimento e da admiración ao rexeite e ao odio que se deu nos veciños e veciñas de Xesús contra a súa persoa e contra a súa proposta de melloría radical para toda a xente en situación desamparada. Sóannos moi ben as propostas de igualdade, de respecto dos dereitos de todo o mundo, de consideración especial polas persoas máis vulnerables, pero deseguida se empezan a remover non sei que cousas no noso interior, e acabamos fuxindo desas propostas coma do lume. Por que?
Pode ser que non lle deamos credibilidade á persoa que nolas fai. Sempre as cousas foron así, sempre a xente empobrecida tivo que serrar por baixo, e ¿quen te cres ti para facer que as cousas cambien? “¿Non é este o fillo de Xosé?”, dicían os paisanos de Xesús. Pero pode ser tamén que propostas como as de Xesús –ás que ás veces se parecen algo as dalgúns nos nosos políticos— nos acaben collendo máis do que nos gustaría. Non é algo que vén de repente do ceo, por moito que sexa cousa de Deus. Vén de Deus, pero implícanos a toda a cidadanía, e empuxa a todo o mundo a entrar en cousas de respectar, de compartir, de tolerar, de facer máis común o que cremos absolutamente noso etc. E iso moitas veces non nos vai. Vémolo, por exemplo, co caso da xente refuxiada. Vémolo tamén coa xente delincuente que nos gustaría ver podrecer no cárcere. Vémolo no que nos custa poñer de primeira na atención social a toda a xente máis machucada pola vida.

Oración

Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e do teu Espírito para poder vivilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e do aguante necesario para ilos realizando día a día!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da sagacidade e prudencia que os fan posibles!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da compaña cálida de quen cre neles!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da capacidade de sufrimento que permite cumprilos!
Quero contaxiarme dos teus soños,
e da ledicia polos pequenos progresos feitos!
Quero contaxiarme dos teus soños, Xesús,
quero contaxiarme de ti!

Acción
Podemos mirar se co que falamos e facemos estamos apostando algo por algún dos soños de Xesús. Damos grazas por iso e animámonos a seguir por aí.


3 de setembro: martes da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 4, 31-37
Nunha ocasión baixou Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados ensinaba á xente. Todo o mundo estaba sorprendido do seu ensino, porque falaba con autoridade. Había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
—¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
Xesús ordenoulle:
—¡Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou por terra o home no medio da xente e saíu del sen lle facer mal. Toda a xente quedou abraiada e falaban entre si dicindo:
—¿Que terá a súa palabra? Dálle ordes con autoridade e poder aos espíritos malos e eles fanlle caso.
E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.

Meditación
Unha persoa endemoñada érao calquera home ou muller rota a base de carencias, de fames, de fallas de saúde física e psíquica, de rupturas afectivas, de desarraigo social, de exclusión relixiosa. Un paquete realmente destrutor. Quitemos a palabra “demo”, se queremos, pero caiamos na conta de que seguimos sendo moitos os homes e mulleres que temos rupturas fondas na nosa existencia.
Xesús ten para nós palabras con autoridade, palabras firmes, palabras que chegan ao fondo da alma, palabras alentadoras, palabras que devolven a esperanza e as ganas de poñernos ao labor de cambiar a nosa vida e de ir gozando con ese cambio. Palabras, en definitiva, capaces de refacernos por dentro e mesmo por fóra. Palabras capaces de desenvolver procesos en nós que nos leven ao gusto de vivir e de convivir. E todo isto sen quitarlle importancia aos moitos recursos para a saúde integral de que dispoñemos nas nosas sociedades modernas.

Oración

Xesús,
ti estás ao noso dispor,
sempre.
Atento ás nosas inquedanzas e angustias,
disposto a botar unha man,
e que man!
Disposto a botar lonxe de nós
os nosos particulares demos
que nos rompen por dentro e por fóra.
Tes forza e poder abondo
para refacer vidas,
para recompoñer convivencias,
para restaurar ilusións persoais e colectivas.
Pero, ¿fiarémonos de ti?
¿Poñerémonos ao teu dispor,
como ti te pos ao noso?

Acción
¿Observamos na nosa vida persoal ou social, na comunidade cristiá, no pobo, algunha realidade negativa que poderiamos considerar como un demo para nós? ¿Poderiamos enfrontarnos a esa realidade negativa apoiándonos na autoridade, na forza de Xesús? Probemos, a ver.


4 de setembro: mércores da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 4, 38-44
Un día, saíu Xesús da sinagoga e entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta e pedíronlle por ela. El, achegándose a ela, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. Deseguida ergueuse ela e púxose a servilos.
Á tardiña, quen tiña xente enferma de calquera doenza levouna onda el, e el, impoñendo as mans sobre cada home ou muller enferma, devolvíalles a saúde. De moitas desas persoas saían os demos berrando e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el increpábaos e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Ao abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno e, chegando onde el estaba, trataba de retelo para que non os deixase. Mais el díxolles:
—Cómpre que tamén anuncie o reino de Deus noutras vilas, que para isto fun enviado.
E predicaba polas sinagogas de Xudea.

Meditación
Por onde andaba Xesús contaxiábase a saúde do corpo, do espírito, do ánimo. Xesús sempre atento ao benestar das persoas. Falando, si, que para anunciar a boa nova de Deus viñera; pero realizando en feitos de atención o que as palabras dicían. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se tamén nós nos sentimos persoas atendidas, curadas, vigorizadas por el. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se nos vemos persoas coidadoras, que espallamos saúde e alentos. Cando é así, por aí anda o “Fillo de Deus”, por aí andamos nós tamén como fillas e fillos de Deus.
Por onde andaba Xesús, andaba tamén o seu apego ao silencio, o seu gusto por arredarse da xente, para compartir con Deus vida e acción. Nel estaba o motor de todo o seu quefacer diario. Nel estaba o alento que empuxaba a ser firme e persistente na tarefa que traía entre mans. Todo moi sinxelo. Todo moi fondo e contundente. Todo ao noso dispor.

Oración

Gústame a túa maneira de ser, Xesús.
Asómbrame, pero gústame.
Descolócame, pero gústame.
Déixame en evidencia, pero gústame.
Vén, cólleme da man,
lévame contigo
aos tempos de silencio co noso Pai maternal,
ao encontro coidador coa xente vulnerable,
á participación social, comunitaria, política.
Lévame contigo
polos camiños do amor e do servizo
no meu medio sinxelo, aldeán, popular,
onde ti queiras,
como ti queiras.
Que eu non che falle,
como ti non me fallas a min.
Grazas, Xesús.

Acción
¿Na nosa vida estamos ao tanto dalgunha persoa vulnerable? ¿Estámola atendendo, acompañando no que poidamos, con respecto? Se non o estamos facendo, ¿poderiamos facelo con alguén que precise axuda, compaña?


5 de setembro: xoves da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 5, 1-11
Nunha ocasión, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor para escoitar a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban as redes. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se arredase un pouco da terra e dende a barca, sentado, ensinaba a xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
—Voga lago a dentro e larga o aparello para pescar.
Respondeulle Pedro:
—Mestre, pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botouse aos pés a Xesús, dicindo:
—Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron aleutos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeu, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
—Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.
Daquela, varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

Meditación
Na Igrexa, nas comunidades cristiás das parroquias, agora mesmo estamos bastante coa convicción de Pedro: “pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe”. Esforzos inútiles. Fracaso na transmisión da vivencia relixiosa cristiá. Na sociedade a moita xente pásalle tamén o mesmo: sensación de que moitas cousas van mal, pero os esforzos acaban adoito en fracaso. Dígase situación de abandono do mundo rural; dígase situación laboral, dígase progresivo control do mundo dos cartos sobre a realidade social, política, sobre o presente e o futuro das nosas vidas.
O “milagre” de Xesús, ou o que fose, non debe levarnos a esperar que as cousas se amañen con milagres. Cómpre empezar por ver se o que facemos no civil e no relixioso para mellorar as cousas está ben pensado, ben programado, ben abastecido de recursos materiais e espirituais, ben avaliado etc. E ao tempo ver tamén se lle damos espazo na nosa vida, no noso espírito ao dinamismo de Xesús, á súa paixón pola xente. Ver se no silencio deixamos que o Espírito de Deus nos sande, nos baleire, nos capacite para o oficio de compartir coa demais xente a bondade de Deus que nos foi dada.

Oración

Grazas, Xesús,
pola xente toda que, coma ti, non cansa,
ou non se deixa levar pola canseira.
Grazas polas persoas
que terman da esperanza propia e allea
coa súa diaria faena por mellorar as vidas.
Grazas polos mil milagres
que a diario saen das mans de xente descoñecida
afeita aos coidados e á tenrura en todo.
Grazas por quen se detén,
observa e analiza,
programa e cumpre,
cala e reza,
para facer posible no mundo
o gozo da irmandade pola que ti segues soñando.

Acción
Observemos se ao noso redor hai persoas desas que persisten no seu afán por facer máis humano o mundo, máis servidora a Igrexa. Agradezámosllo. E de paso podemos mirar se nalgún intento bo nos deixamos levar polo desalento e abandonamos.


6 de setembro: venres da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 5, 33-39
Unha vez os letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Os discípulos de Xoán xaxúan a miúdo e rezan, como tamén os dos fariseos, pero os teus, a comer e a beber.
Xesús contestoulles:
—¿E logo ides facer xaxuar a xente convidada á voda mentres con ela está o esposo? Xa chegará o día no que lle leven o esposo; daquela si que esa xente xaxuará.
Tamén lles propuxo esta parábola:
—Ninguén recorta unha peza dun vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque rompería o novo e o remendo tampouco lle iría ben ao vestido vello. E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o viño e estragaríanse os pelellos. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos. E ninguén que proba o viño vello, quero o novo, pois dirá: é mellor o vello.

Meditación
Xesús era o vestido novo, o viño novo. ¿En que consistía esa novidade? Entre outras cousas, en que, en Xesús, o encontro con Deus non é tanto froito dun esforzo humano, ascético (por exemplo, xaxuar máis ou menos), coma un regalo do mesmo Deus que se nos ofrece gratis; tamén consiste esa novidade de Xesús en que o seu mundo relixioso non é un mundo tristeiro, angustioso, temeroso, senón un mundo confiado, esperanzado, alegre. Tamén consiste esa novidade de Xesús en que a experiencia de Deus se realiza sobre todo no trato de respecto, valoración e apoio que teñamos coa xente vulnerable, máis que nos rituais relixiosos, que nos poden dar unha aparencia de seguridade por ter cumprido.
Non é doado entrar nesa novidade de Xesús. Á xente do seu tempo, aínda á máis relixiosa, custoulle entendelo. Seguro que tamén a nós nos custa entendelo, e cando nos achegamos a el, ás súas propostas, con palabras ou sen palabras máis dunha vez dicimos: é mellor o vello, o de sempre, o que nos sae das nosas rutinas.

Oración

Canto me custa, Xesús,
ser persoa viva e fresca na túa novidade!
Canto me custa fuxir
do empeño por posuír a Deus,
ou da desesperanza por non poder posuílo!
Canto me custa, Xesús,
estar aberta a todo o que vén de ti,
polo camiño que sexa!
Canto me custa admitir
que o de Deus me desborda
e que ante el serei unha eterna discípula!
Canto me custa apegarme humildemente
aos camiños abertos por ti, Xesús,
que olen sempre a fondas e simples solidariedades!
Canto me custa beber o teu viño novo
na festiva comunidade que celebra os teus amores!

Acción
Cando hoxe falamos de xaxún, facémolo máis ben pensando en xaxúns solidarios: privarnos de algo, para poder compartilo. Ese xaxún estaría moi na onda de Xesús. Podemos probar a facelo algún día. Privarnos dalgunha comida ou bebida, dalgún partido de fútbol, da compra dalgunha prenda que igual non nos fai moita falla, etc.

7 de setembro: sábado da 22ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 1-5
Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os discípulos de Xesús arrincaban espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. Entón dixeron algúns fariseos:
—¿Como facedes o que non está permitido facer no sábado?
Respondeulles Xesús:
—¿Seica non sabedes o que fixo David, cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles aos seus acompañantes, e iso que non lles estaba permitido comelo a eles, senón soamente aos sacerdotes.
E engadiu:
—O Fillo do home é o Señor do sábado.

Meditación
O exemplo de Xesús do comportamento do rei David é como se hoxe alguén argumentase que, tendo fame, unha persoa non ofende a Deus indo ao sagrario e comendo o pan santo da Eucaristía. Porque o Fillo do home é Señor do sábado. Porque o coidado do ser humano está por riba de calquera precepto relixioso, por sagrado que sexa. Porque o sábado e calquera outra norma relixiosa soamente valen se valen para servir ao crecemento e maduración das persoas e comunidades no corpo e no espírito. “Unha Igrexa que non serve, non serve para nada”, dicía xa hai ben anos o bispo Jacques Gaillot. Unhas prácticas relixiosas que non están ao servizo do benestar integral das persoas e da comunidade humana, non valen para nada. Xesús tíñao moi claro. Foi un dos grandes puntos de conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo. Normal.

Oración

Canto necesito de ti, Xesús,
para ser un chisquiño radical
no que ti mesmo eras radical!
Canto necesito ese fondo aprecio polo ser humano,
por todo ser humano,
ata poñelo no centro
das miñas conviccións relixiosas!
Canto necesito da túa paixón cega por Deus,
da túa ollada limpa,
que te levaba a poñer o mesmo Deus
insultantemente
ao servizo de toda debilidade!
Canto necesito da túa coherencia
para non facer da miña radicalidade
unha simple arroutada verbal!

Acción
Podemos revisar a ver se temos claro que o que máis lle gusta a Deus, por riba de calquera práctica relixiosa, é que coidemos a xente que nos rodea con  palabras e feitos. Tamén podemos revisar se a práctica relixiosa que teñamos nos está empuxando de veras a mirar moito polo coidado da  xente, polo noso mesmo coidado, polo coidado da natureza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.