15 de
setembro: domingo 24 do Tempo Ordinario. Santa María das Dores.
Evanxeo: Lc 15, 1-32
Tamén os
publicanos e outra xente pecadora se achegaban a Xesús para o escoitaren. Por
iso os fariseos e letrados murmuraban:
—Este acolle a
xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús
contoulles esta parábola:
—¿Quen de vós,
se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no
descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E, cando a atopa, volve
todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando por amigos e veciños,
dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois asegúrovos
unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por
noventa e nove xustos que non precisan conversión.
E ¿que muller
que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa,
buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama polas amigas e
veciñas para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”.
Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se
converta.
E dixo tamén:
—Un home tiña
dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza
que me corresponde”. El repartiulles os
seus bens. Días despois este fillo recibiu todo xunto e marchou para un lugar
remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
Despois de o
gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade.
Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa
a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que
comían os porcos, pero ninguén llas daba. Recapacitando, pensou: “¡Hai que ver!
Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou
volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa
non son digno de que me trates coma un
fillo, trátame coma un xornaleiro”.
Levantouse e
volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe, cando este, enxergándoo, saíu
emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O
fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que
me trates coma un fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade
a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés.
Preparade o cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo
meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a
festa.
Pero resulta que
o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e
máis o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado
contestoulle: “É que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por
recuperalo san e salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o
pai saíu e intentouno convencer. El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote
sen che faltar nunca en nada, e nunca un
cabrito me deches para festexar cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con
mulleres de mala vida, e mata o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo,
ti sempre estás comigo e todo o meu é teu; pero cumpría celebrar unha festa
cheos de ledicia, xa que este irmán teu estaba morto e volve á vida, estaba
perdido e atopámolo”.
Meditación
Na parábola o noso
lugar natural é o de ser ovella e moeda perdidas, fillo/filla extraviada, que
somos obxecto da busca, dos coidados, da emoción do mesmo Deus. E que así naza
e abunde o agradecemento e a participación na festa realmente inmerecida, pero
á que Deus desmesuradamente nos invita. E, se algunha vez o noso sentido de ser
por Deus enviados/as a prolongar a súa presenza e a súa acción nos leva a facer
de pastores, de muller ou de pai/nai, xa sabemos as formas, as actitudes, o
espírito co que nos situar ante aqueles, aquelas, que poidamos considerar como
xente pecadora, para que de nós perciban o que percibían de Xesús. Facémolo así
na nosa actividade evanxelizadora? Reflectimos coa nosa palabra, coa nosa vida,
este rostro de Deus? Nas nosas comunidades cristiás somos capaces de crear o
ambiente relixioso que Xesús creaba ao redor de si?
O irmán maior
representa cruamente a actitude relixiosa máis triste e decepcionada. Síntese
decepcionado por Deus, e é incapaz de participar na súa festa, na festa da
xente pecadora. Os seus argumentos non deixan de ter o seu aquel. É cumpridor,
certo, pero reivindica a recompensa polo seu cumprimento, sen caer na conta da
gran compensación que é estar sempre na compaña de Deus, (“ti sempre estás
comigo”), sen máis, sen menos, e saber que todo o de Deus, todo, é del, porque
Deus non pecha nunca ningunha porta, ningún cuarto, ningunha despensa. Entrar
na onda de Deus, gozar da súa desmesura, feita de abundante busca, abundante
coidado, abundante e emocionado perdón, sería normal que nos levase ao gozo de
poder ver persoas e persoas, centos, miles, millóns, que poden participar das
mesma satisfacción. Canto hai de irmán maior nos nosos corazóns?
Oración
Que gozo, Deus,
que festa, que alegría,
saber que, cando
torcen os meus pasos
ou se enchen de
po turbo os meus abrazos,
axiña ves,
Señor, en busca miña!
E faste para min
pastor de mimos,
buscador do meu
ben, da miña vida,
no lombo teu me
levas cheo de estima,
á festa que
organizas cos veciños.
Que gozo, Deus,
que festa, que alegría,
saber que, se me
perdo cal moeda,
o meu valor o
teu amor enreda
e móveste,
Señor, en busca miña!
E faste para min
muller esperta,
que ama, busca,
limpa, frega, varre,
buscando sen
parar ata atoparme
e logo coas
veciñas me celebra.
Que gozo, Deus,
que festa, que alegría
saber que, se me
estrago, peco ou erro,
non botas cara a
min ollada en ferro,
senón que a miña
volta ti vixías!
E faste para min
mai, pai amante,
que espera,
aperta, bica e se emociona,
que todo o que
hai de mal en min perdoa
e vístesme de gloria,
exultante.
Fagamos festa en
Deus, que en nós se mostra
pastor, muller,
pai, nai rica en coidados
e colma as nosas
vidas de regalos
abrindo co
perdón as súas portas.
Oración
Santa María das
Dores,
nai de Xesús e
nai nosa,
lévanos da túa
man
polos camiños da
historia.
Contigo queremos
ser
de Xesús fieis
seguidoras,
mulleres e homes
de fe,
na cruz da
presente hora.
A cruz de males
e abusos
que desde dentro
ou de fóra
revolven o
corazón,
e estragan a
vida toda.
A cruz de tantas
mulleres
vivindo ou
morrendo á sombra
de mans e de
relacións
amargas,
abusadoras.
Nas cruces da
nosa vida
por nai te
temos, xaora,
consolo, forza e
alento
de quen sofre,
de quen loita.
Con Xesús do
berce á cruz,
en paciencia
vigorosa,
día a día, en
noite ou luz,
fidelidade
amorosa.
Acción
Podemos
agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos
de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores
por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en
condición de igualdade.
16 de
setembro: luns da 24ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 7,1-10
Nunha ocasión,
cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaúm. Había alí un
centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á
morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle
rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle
encarecidamente:
—Merece que lle
fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.
Xesús foi con
eles; mais cando xa estaba preto da
casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
—Señor, non te
molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso
coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o
meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño
homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e
vén; e ao meu criado: “fai isto”, e
faino.
Oíndo isto,
Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
—Asegúrovos que
nin en Israel atopei tanta fe.
E, ao volveren á
casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.
Meditación
Podemos
considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano
que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un
criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio.
Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do
exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría
calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era
un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente
tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben.
Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre
en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de
atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.
Ben é que
esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente
moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada,
á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca
un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non
cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe
relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis
aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.
Oración
Bendito
centurión,
chufado por ti,
Xesús.
Bendito
centurión,
que non se deixa
condicionar polo ambiente negativo.
Bendito
centurión,
aberto ao
distinto, ao novo, ao descoñecido.
Bendito
centurión,
atento ao que
pasa, distinguindo e valorando.
Bendito
centurión,
que se deixa
cativar pola túa presenza, Xesús.
Bendito
centurión,
que acode a ti,
á túa forza de ben.
Bendito
centurión,
exemplo de fe
simple e fonda, razoada.
Bendito
centurión,
que nos regalou
unha humildísima confesión de fe:
“non son
merecente de que entres baixo o meu teito”,
“abonda cunha
palabra túa para que cure”.
Bendito ti,
Xesús,
que tal fe
promoves e sostés.
Acción
¿Somos ou non
somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que
lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo,
ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar
algo na nosa fe.
17 de
setembro: martes da 24ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 7, 11-17
Un día foi Xesús
a unha vila chamada Naín, co grupo que o acompañaba máis de cerca e con outra
moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un
morto, fillo único da súa nai, que era viúva; esta ía acompañada por moita
xente da vila. Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
—Non chores.
E achegándose,
tocou o cadaleito –os que o levaban pararon— e dixo:
—Rapaz, falo
contigo, érguete!
O morto
incorporouse e empezou a falar, e Xesús entregoullo á súa nai. Toda a xente
quedou impresionada e loaba a Deus
dicindo:
—Un grande
profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
E a noticia do
feito correu por toda aquela comarca e pola Xudea enteira.
Comentario
Noutros casos é
a xente en aperto a que acode a Xesús, a que berra, a que pide. Aquí non. A
desgraza está alí, ben representada nesa muller viúva, cando a viuvez era xa en
si mesma unha desgraza grande, enterrando o seu fillo único aínda ben novo. A
xente doída acompañaba a muller. Xesús ve o cadro e actúa. El dá o primeiro
paso. Soamente o evanxelista Lucas narra este suceso, que se suma ás moitas
intervencións de Xesús a favor da xente vulnerable. Podemos discutir o que hai
de milagre ou non; non dubidamos da paixón de Xesús pola debilidade e a súa
vontade firme e eficaz de actuar sempre levando alivio e abrindo camiños e
esperanzas. Como persoas, como comunidades cristiás, ¿somos das que dan o
primeiro paso, das que non agardan na súa casa a que as noticias cheguen, se
chegan? Como di o Papa Francisco, ¿primereamos?
Oración
Andar os
camiños,
coma ti, Xesús.
Ter os ollos
sempre abertos,
coma ti, Xesús.
Levar o corazón
sempre na man,
coma ti, Xesús.
Doerse a fondo
das dores alleas,
coma ti, Xesús.
Achegarse e
tocar os sinais da dor,
coma ti, Xesús.
Ter palabras de
consolo e de alento,
coma ti, Xesús.
Facer o posible
e o imposible por remediar a situación,
coma ti, Xesús.
Agradecer e
celebrar os progresos da xente, do pobo,
coma ti, Xesús.
Gozar do teu
ben.
Espallar o teu
ben!
Quen mo dera,
Xesús, quen mo dera!
Acción
É ben que non
nos pechemos na casa, coa TV, co que sexa. É mellor saír, bater coa xente,
visitar veciños e veciñas. E facelo cos ollos e co corazón aberto. Ao estilo de
Xesús. Seguro que algo novo nacerá en nós, de nós. Probemos, a ver.
18 de
setembro: mércores da 24ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 7, 31-35
Unha vez dixo
Xesús:
—¿Con quen
compararei a xente desta xeración? ¿A quen se asemella? Semellan esas
criaturiñas que, sentadas nos rueiros, berran entre si, dicindo: “Tocamos a
frauta e non bailastes, entoamos lamentos e non chorastes”. Porque aparece Xoán
Bautista, que non come pan nin bebe viño, e dicides: “Ten o demo no corpo”. E
aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que
bebedor e que amigo dos cobradores de impostos e da xente pecadora”. Con todo,
a xente filla da sabedoría si que lle deu creto.
Meditación
Cando non se
quere, non se quere. Pasa coa fe en Xesús e con calquera outra cousa. Pasa
sobre todo con todo aquilo que nos revolve algo, que nos cuestiona algo, que
nos empuxa a saír das nosas comodidades e rutinas. É incrible a capacidade que
temos de poñer obxeccións, de amorear dificultades, reais ou inventadas, con
tal de poder seguir no meu, no que eu penso, no que eu fago. Pódennos entrar
por aquí e por alí, que tanto dá.
Iso foi o que
Xesús observou en moita xente contemporánea súa. ¿E que facemos nós e a xente
contemporánea nosa? ¿Que facemos coa proposta de Xesús, chamándonos a un
recoñecemento de Deus como Pai maternal, próximo e implicado a fondo no ben da
nosa vida? ¿Que facemos coa proposta de irmandade real, de solicitude cara todo
aquilo que é débil –persoas ou realidades sociais ou natureza--? ¿Que facemos
co seu criterio de entender a vida como servizo? ¿Que facemos coa súa práctica
exemplar de gozar comendo e bebendo, cando sexa o caso, e de alternar con xente
de mal nome e conduta? ¿Que facemos coa súa manía de andar sempre envolto con
persoas débiles, marxinais?
Oración
Como lle pasa a
tantísima xente, Xesús,
as escusas
amoréanse no meu interior
para recuar ante
as túas propostas,
ou para darlles
creto a medias,
ou para
aprobalas coa palabra,
pero seguir máis
ou menos instalado no meu.
Pídoche perdón.
Pídolle perdón
a toda a xente
ante a que me confeso cristián,
para defraudala
logo cos meus feitos.
Gustaríame
formar grupo
cos fillos e
fillas da Sabedoría que che dan creto,
que se fían de
ti con verdade,
e medran día a
día no teu seguimento.
¿Cando, meu
Deus, tirarei as barreiras
que che impiden
entrar e agasallarme
co que ti
queiras?
Acción
¿Como
reaccionamos ante calquera proposta que nos chegue de fóra, sexa da comunidade
cristiá, sexa do mundo civil, invitándonos a participar, a enredarnos en cousas
de humanidade, de mellora social, de crecemento persoal? ¿Sopesámolas con boa
disposición ou de entrada botamos man de escusas ou desculpas?
19 de
setembro: xoves de 24ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 7, 36-50
Unha vez un
fariseo convidou a Xesús a comer. Xesús entrou na súa casa e púxose á mesa.
Unha muller, coñecida como pecadora na vida, sabedora de que estaba alí Xesús,
levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés
del chorando e comezou a regarllos coas báboas; secáballos cos cabelos da súa
cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume. Vendo aquilo, o fariseo que
o convidara dixo para si:
—Se este fose un
profeta, coñecería quen é e que caste de muller é a que o está a tocar, unha
pecadora.
Xesús tomou a
palabra a díxolle:
—Simón, teño
algo que che dicir.
El contestou:
—Pois dimo,
Mestre.
—Había dúas
persoas que lle debían cartos a un prestamista; unha debíalle cincocentos
denarios e o outra cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, o prestamista
perdooulles ás dúas persoas. Ora, ¿quen delas o amará máis?
Respondeulle
Simón:
—Supoño que
aquela a quen máis lle perdoou.
El contestou:
—Ben dito.
E volvéndose
cara á muller, díxolle a Simón:
—¿Ti ves esta
muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos
coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela
dende que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con
aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se
lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor
mostra.
E díxolle a ela:
—Os teus pecados
están perdoados.
Entón a demais
xente convidada empezou a comentar entre si:
—¿Quen é este,
que mesmo pretende perdoar os pecados?
Pero el díxolle
á muller:
—Salvoute a túa
fe, vai en paz.
Meditación
Hai dúas olladas
coas que podemos mirar para nós e para a xente que nos rodea: a ollada do corpo
e a ollada do corazón. A ollada do corpo depende da ollada do corazón. Se a
ollada do corazón é limpa, transparente, pacífica, perdoadora, solidaria,
xusta, misericordiosa, tamén a ollada do corpo será así. O evanxeo de hoxe
fálanos destas dúas olladas, unha a do fariseo: unha ollada superficial, legalista, acusadora, excluínte, insolidaria,
propia de quen se cre persoa perfecta, unha ollada que pecha camiños e vidas,
unha ollada triste, amarga e que entristece e crea amargura tamén; outra a de
Xesús: unha ollada que vai ao fondo onde ve ou intúe procesos fondos, unha
ollada incluínte, solidaria, perdoadora, propia de quen comunga coa fraxilidade
humana e ansía o ben das persoas e por iso acaba abrindo camiños de vida; unha
ollada leda, esperanzada, que suscita alegría e esperanza, que remata en bágoas
de amor e felicidade.
Que diferentes
son as persoas, os que miran e as miradas, cando ollamos coa ollada de Xesús!
Que diferente sería o mundo, se educaramos un pouco a nosa ollada para
aproximala algo á de Xesús!
Oración
Quen me dese,
Xesús,
ollar como ti
ollas!
Quen me dese ter
o corazón pacificado
como ti sempre
demostras telo!
Quen me dese
unha ollada amante,
para poder ver a
xente toda con comprensión e esperanza!
Quen me dese ter
unha ollada iluminada,
para poder ver
ou intuír fonduras aparentemente ausentes!
Quen me dese ter
unha ollada inocente,
para detectar e
suscitar inocencias!
Quen me dese ter
unha ollada sabia,
para transmitir
sabiamente perdón e alentos para o cambio!
Quen me dese,
Xesús, sentir sobre de min
a mesma ollada túa
que tanto agradeceu a pecadora!
Quen me dese
ollarme a min mesma, Xesús,
cos ollos
acolledores cos que ti me ollas!
Acción
¿Como ollamos
habitualmente a xente? Podemos repasar o noso xeito de ollar sobre as persoas
que nos rodean, maiormente sobre aquelas que nos parecen máis negativas. ¿Que
poderiamos facer para cambiar o noso corazón, para que así cambie tamén a nosa
maneira de ollar e estar coa xente?
20 de
setembro: venres da 24ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 8, 1-3
Xesús púxose a
camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de
Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e
de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a
muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían
cos seus bens.
Meditación
Lucas refírese á
gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar
alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas.
Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el
os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales
citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que
tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo
en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que
estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non
faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do
ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla
á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!
Oración
Grazas polas
mulleres,
na súa historia
amarga, sufrida,
fóra e dentro da
Igrexa.
Grazas polo
testemuño da súa fe,
do seu
seguimento de Xesús,
a pesar de todo.
Grazas polas
súas voces reivindicativas,
clamando polo
seu recoñecemento
dentro e
fóra das nosas comunidades.
Grazas polos
seus soños
de seren o que
están chamadas a ser,
como revolución
no mundo e na Igrexa.
Grazas a ti,
Xesús,
por abrires a
porta a tanta normalidade.
Acción
Se somos homes,
reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade
cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas
eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en
como dar pasos no espírito do Evanxeo.
21 de
setembro: sábado da 24ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Mateu.
Evanxeo: Mt 9, 9-13
Un día, ao pasar
viu Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e
seguiuno.
E resulta que,
estando á mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente
pecadora e puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de
cerca. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda
Xesús:
¿Como é que o
voso Mestre está a comer con recadadores e xente pecadora?
El oíunos e
dixo:
—Non son as
persoas sas senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o
que significa aquilo de misericordia
quero e non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón
pola pecadora.
Meditación
Xesús era
escandaloso. Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un
“publicano”, que así chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista
por seren axentes do sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de
convidalo a formar parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír
fonduras de ben nas persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era
fondamente acolledor. Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que
asisten recadadores de impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con
alguén, daquela moito máis ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración,
de comuñón. Xesús móvese polo principio de misericordia, que o levaba a
arrimarse a xente que andase en debilidade de calquera clase: de saúde, de
diñeiro, de moral. Xesús era un reparador de vidas feridas. Iso valía máis que
os rituais relixiosos, que as normas sagradas de pureza e de exclusión.
Se andamos en
calquera debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de
Xesús. Se nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera
debilidade, temos en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a
debilidade cos criterios mesmos de Deus.
Oración
Sentemos á mesma
mesa,
no nome de
Xesús,
compartamos pan,
soños e esperanzas
sen rituais
predefinidos,
sen exclusión de
ningún tipo;
conversemos
abertamente para mellor coñecernos,
para dicirnos o
que nos enche o corazón,
para
comprendernos mellor,
para querermos
mellor,
para servirnos
mellor.
Pousemos os
xuízos e prexuízos,
admiremos o don
de Deus
agochado quizais
en aparencias esquivas.
E fagamos disto
a lei maior da
nosa vida.
No nome de
Xesús.
Acción
¿Funcionamos con
prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por
calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra
maneira?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.