22 de
setembro: domingo 25 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 16, 1-13
Unha vez
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Había un home
rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar
cos bens. Chamouno e díxolle: “¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da
túa administración, que quedas despedido”.
O administrador
púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non
podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando
me despidan haxa quen me acolla na súa casa!”.
Vai e chama por
cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle
debes ao meu amo?”. El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El
díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois
preguntoulle ao segundo: “¿Ti canto debes?”. Respondeulle: “Debo cen ferrados
de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.
O amo loou a
aquel administrador inxusto polo xeito raposeiro co que actuara, pois os fillos
deste mundo son máis asisados nas cousas deles que os fillos da luz.
Por iso eu
avísovos:
—Facede amigos
coas riquezas inxustas, para que, cando vos falten, vos acollan nas moradas
eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no
pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes
fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E, se no alleo non sodes fieis,
¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou
lle ten xenreira a un e ama o outro, ou ben atende a un e menospreza o outro.
Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.
Meditación
A presenza e o
uso do diñeiro nas nosas vidas é unha das cuestións fundamentais do
desenvolvemento humano, persoal e social; moitas ansias nosas de cada día andan
ao redor da forma de gañar e de administrar o diñeiro.
Que pistas nos
dá Xesús para acertar na adquisición e no uso do diñeiro? Xesús ofrécenos dúas
pautas para acertar nesta complexa cuestión. A primeira e fundamental é que o
diñeiro non encha o corazón, a vida; que non o poñamos como obxectivo básico da
nosa existencia. Un non nace para facerse rico/a, por moito que ese pareza ser
o obxectivo de moitas vidas. Un nace para a felicidade, que implica ter de que
vivir con dignidade, pero que se realiza sobre todo na experiencia de ser
persoa amada, respectada, por Deus e pola xente, na experiencia de sentirse
integrado/a nun proxecto común de irmandade. Se escoitamos ben o noso corazón,
se lle facemos caso ás experiencias que na vida nos van dando realmente paz e
satisfacción, vemos que as cousas van por aí e non polo lado do poder e dos
cartos. Que lugar están ocupando os cartos nos obxectivos da miña vida?
A segunda pista
que Xesús nos ofrece depende da anterior. Os cartos están ao servizo da nosa
felicidade permitíndonos vivir cando menos con pobreza digna, e converténdose
nas nosas mans nun instrumento precioso para fomentar o coidado, a
solidariedade coa xente que precise de nós. Así o diñeiro permítenos entrar nas
moradas santas da xustiza solidaria, que é onde se encontra Deus e onde nós nos
atopamos coa nosa identidade máis auténtica, coa nosa felicidade polo tanto. E
aquí é onde se nos pide imaxinación, para que no momento presente poidamos
facer dos nosos bens, persoais ou comunitarios, instrumento de solidariedade
firme. Por exemplo, o Papa hai uns días incitaba á Igrexa a converter os
conventos pechados en fogar para inmigrantes. Algo no que as persoas e
comunidades cristiás, nos poderíamos distinguir: na creatividade para inventar
maneiras de compartir bens e de incitar ao mesmo. Cáritas faino en boa medida.
Todos somos moi desconfiados con isto dos cartos; soamente os exemplos claros
desmontan esas desconfianzas e nos axudar a abrir os petos.
Oración
Quen nos
liberará, meu Deus, quen,
dese fondo apego
a ter e posuír,
a encher ata
rebordar os nosos fardos,
nun afán tolo
por atopar seguridades
ante todo o
posible e imposible?
Quen senón ti,
meu Deus, quen?
Quen nos abrirá
os ollos, quen,
para descubrir a
gloria de non ter,
a ledicia e a
paz de andar no pouco,
a saborosa
potencia do pequeno
para facer vidas
nutridas e redondas?
Quen senón ti,
meu Deus, quen?
Quen nos
acenderá o corazón, meu Deus, quen,
para entender
que nada é meu e todo é noso,
que se humanizan
os bens cando se ofrecen,
e se enchen as
vidas que converten
en pan común os
propios soños?
Quen senón ti,
meu Deus, quen?
Acción
¿Qué peso teñen
os cartos na nosa vida? A parte de cubrir con eles unha vida digna, ¿dispoñemos
tamén deles para algún proxecto comunitario a favor da xente máis
desfavorecida? Se non o facemos, igual podiamos dar algún paso por aí.
23 de
setembro: luns da 25ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 8, 16-18
Unha vez díxolle
Xesús á xente:
—Ninguén acende
un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón
que o pon nun candeeiro para alumar así
as persoas que entren. Porque non hai cousa oculta que non chegue a saberse,
nin segredo que non chegue a descubrirse e facerse público. Así que atendede a
como escoitades, porque a quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle
quitar aínda o que cre ter.
Meditación
“A quen ten
daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que ten”. Palabras de
Xesús que hai que entender ben. Non fala aquí de que, distribuíndo os bens, as
riquezas, se lle teña que dar máis a quen xa ten, e quitarlle a quen non ten o
pouco que poida ter. Sabemos de sobra que Xesús apostaba xustamente polo
contrario, polo compartir, dándolle preferencia á xente máis débil sempre.
Esa frase, logo,
quere dicir que, se temos unha actitude acolledora cara a palabra de Xesús –e
tamén cara a calquera palabra humana que nos poida iluminar--, daquela a nosa
vida medrará en toda clase de ben, ampliarase para acoller a quen nos rodea,
iluminarase para descubrir as nosas zonas escuras, farase feliz e
resplandecente, para nós e para as persoas que nos poidan rodear na vida. Deus
é luz, transparencia, inocencia, verdade. Deus ilumina e aclara o noso corazón.
Deus dános a encomenda de sermos tamén nós luz; luz humilde, agradecida, pero
luz. Quen non está aberto á luz, a calquera luz, perderase na escuridade.
Oración
Que gusto dá a
luz, meu Deus,
que gusto dá a
luz!
Que gusto dá
andar coa vida
iluminada, ao descuberto,
sen agachar nada
ante ti, meu Deus
--imposible!--,
sen agachar nada
ante ninguén!
Que gusto dá
vivir na
inocencia, na transparencia,
na humildade,
exhibindo á luz
do día,
as propias
luces, as propias escuridades!
Que gusto dá
vivir na
transparencia
ante ti, meu
Deus,
ante toda a xente
que nos rodee!
Que gusto dá,
meu Deus,
recibir e
agradecer a túa luz
e facernos luz
para compartila!
Grazas!
Acción
Ás veces
relacionámonos na vida desde os chismes, os segredos, as murmuracións polas
costas, a falla de claridade, que non o saiba fulano etc. Normalmente este
funcionamento enturba as relacións, agocha as verdades e non axuda a ninguén.
¿Estamos envolt@s en algo disto? ¿Poderiamos relacionarnos máis desde a
transparencia, calando, iso si, cando o respecto nolo esixa?
24 de
setembro: martes da 25ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 8, 19-21
Unha vez viñeron
onda Xesús a súa nai e máis os seus irmáns, pero debido á moita xente non se
podían achegar a el. Entón avisárono:
—A túa nai e
máis os teus irmáns están fóra e quérente ver.
El
respondeulles:
—A miña nai e
máis os meus irmáns sono as persoas que escoitan a palabra de Deus e a levan á
práctica.
Meditación
Xesús non renega
da familia, pero entende que a familia non o é todo, non é o máis importante. A
súa postura vital era escandalosa para aqueles tempos, nos que a familia tiña
unha forza especial na traxectoria dunha persoa. Hoxe somos xente máis
autónoma, pero aínda así a familia segue a ser algo ben importante dentro do
noso desenvolvemento persoal e social.
Xesús, sen
desentenderse da familia, móvese empuxado por razóns distintas dos lazos
familiares da carne e do sangue. El descubriu unha nova familia maior formada
por un Pai ou Nai, que é a fonte xenerosa de todo canto somos e temos; ante el
toda a realidade creada (natureza, minerais, vexetais, animais, seres humanos)
formamos unha ampla e intensa fraternidade, que se desenvolve ben cando está
atenta a esa palabra fonda que resoa en todos os seres e nos leva a
respectarnos, a amarnos, a servirnos, con humildade, sen prepotencias, buscando
sempre o ben común. Escoitar e practicar esa palabra vai creando uns lazos
moito máis fortes que os da simple carne e sangue.
Oración
Quero sentirme
irmán, irmá
da terra, da
auga e do vento,
a quen tanto,
tanto lles debo.
Quero sentirme
irmá, irmán
de todos, todos
os animais,
sexan ou non
animais domésticos.
Quero sentirme
irmán, irmá
de todos os home
e mulleres do mundo,
sexa cal sexa o
seu sangue, o seu credo.
Quero sentirme
irmá, irmán
da xente máis
débil e empobrecida
que me fan ser
irmá(n) moi de certo.
Quero sentirme
irmán, irmá
ao abeiro da
Fonte e Alento da vida,
irmá(n) no
presente, no eterno.
Acción
A familia é un
tesouro. Pero éo sobre todo cando nos capacita para saír, para voar, para
sermos nós, para abrirnos a familias maiores. ¿Cómo estamos vivindo a nosa
realidade familiar? ¿Vémonos en algo como persoas sometidas pola familia?
¿Vemos que o meu mesmo servizo á familia me está ancheando o amor, o corazón, a
capacidade de saír de min mesma(o), e ser así máis universal?
25 de
setembro: mércores da 25ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 1-6
Un día Xesús
convocou os Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar
doenzas. Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma,
avisándoos:
—Non levede nada
para o camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas
por persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos
acollan, ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva
de aviso. Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa
Nova e curando en todas partes.
Meditación
Xesús tamén
conta connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós,
homes e mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente
cousa de clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós
somos comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que
pertenzo, non é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo
me fai falla e punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas
nos dan. Somos a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de
Deus e da vida, descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e
gústanos vivilo, gustalo e compartilo con outra xente.
Xesús indícanos
as formas de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e
compartir; humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a
facer ningún negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre
todo, arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do
corpo, nas cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.
Oración
Xa o sei, Xesús,
xa o sei,
non podo
anunciar con convencemento
o que non vivo
con paixón.
Non podo
transmitir como Boa Nova
o que a min non
me aleda o corazón.
Non podo falar
de ti afervoadamente
se non tremo ao
pronunciar o teu nome.
Non podo
anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle
abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar
en humildade e pobreza,
mentres alá no
fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo
apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os
sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que
che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame
que contases comigo.
Grazas.
Acción
¿Estamos
participando dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e
que tamén nos encomenda a nós? ¿Podemos
sinalar algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con
algún servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?
26 de
setembro: xoves da 25ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 7-9
Sucedeu que o
tetrarca Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois
había algunhas persoas que dicían:
—Resucitou Xoán
de entre os mortos.
E outras
persoas:
—Apareceu Elías.
E outras:
—Resucitou un
dos antigos profetas.
Pero Herodes
dicía:
—A Xoán mandeino
eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a
maneira de ver a Xesús.
Comentario
Posiblemente
sexamos moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos,
revólvenos, inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos…
Algo diso lle pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade
tan atractiva e tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de
aproximación á súa persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten
habido que así o fixo e alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi
collendo a súa vida? Pois parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña
ganas de facer esta experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún
paso? Hai xente, hai comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que
nos poden botar unha man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden
contar o que Xesús lles aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un
encontro con el. Por que non probar, a ver?
Oración
Buscar a maneira
de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar
parada, agardando sen máis
a que a
casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer,
revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos
e lugares
onde quen me
precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos
teus Evanxeos,
na miña vida,
nas cousas da vida,
na vida da xente
máis empobrecida,
uníndome á
comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar, escoitar,
abrir os ollos
do corazón para verte
e deixarme
asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que
te amosas).
E que sexa o que
Deus queira, Xesús,
que sexa o que
Deus queira.
Acción
¿Estamos facendo
algo por avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na
perplexidade cara a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen
ousar experimentar en por nós o encontro con Xesús? ¿Cómo poderiamos dar algún
paso neste camiño?
27 de
setembro: venres da 25ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 9,
18-22
Unha vez que
Xesús estaba orando nun lugar apartado, acompañado polo grupo que o seguía de
cerca, preguntoulles:
—¿Quen di a
xente que son eu?
Eles responderon:
—Hai quen di que
Xoán Bautista; hai quen di que Elías, ou algún dos antigos profetas que
resucitou.
Insistiu Xesús:
—¿E vós quen
dicides que son eu?
Respondeu Simón
Pedro:
—O Mesías de
Deus.
Entón el
prohibiulles terminantemente dicir nada a ninguén. E engadiu:
—Cómpre que o
Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e
máis os letrados, que o executen e que ao terceiro día resucite.
Meditación
Xesús orando.
Xesús dándolle voltas ante Deus ao que traía entre mans: ser un valedor da
esplendidez e da misericordia de Deus con toda a xente, maiormente da xente
máis vulnerable, pola razón que fose. Xesús ollando para o seu grupo de xente
íntima, que non daba entrado pola súa
maneira servidora de entender a vida. Xesús que fai preguntas para que o seu
grupo entenda, para que descubran presenzas novas de Deus que desconcertan.
Xesús que lles abre o propio corazón, para compartir coa xente que o seguía de
cerca o convencemento de que, se non somos persoas dispostas a sufrir pola
causa de Deus, pola causa da xente empobrecida, é que non o entendemos a el. E
non porque Deus se compraza no sufrimento de ningún fillo ou filla súa. Pero
nada se reconstrúe, nada se renova, nada se resucita nas persoas e nos pobos e
sociedades sen esforzo, sen aguante, sen sufrimento servidor e amoroso. E logo
o silencio, para deixar que estas cousas vaian calando nas nosas entrañas. O
silencio da xente no silencio de Deus. Para que o actuar da xente sexa tamén o
actuar de Deus. Nós tamén estabamos alí.
Oración
Prohibiulles
terminantemente falar.
Mandoulles
calar.
Silencio.
Para non dar
nada por entendido, por dixerido,
por asimilado,
por levado á
vida.
Silencio.
Para evitar a
verborrea inútil,
que non leva a
nada,
que non convence
a demais xente,
nin sequera a
quen a pronuncia.
Silencio.
Para que as
palabras cheguen ao fondo,
ás entrañas,
e se convertan
en apegos entrañables.
Silencio para
que Xesús tome corpo en nós,
para que nós
tomemos corpo en Xesús, en Deus.
Silencio.
Acción
¿Quen está sendo
Xesús para nós? ¿Parámonos algunha vez para ver se estamos asimilando algo do
de Xesús? Por exemplo, ¿comprendemos que unha persoa cristiá non debería recear
en sacrificarse polo común? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira?
28 de
setembro: sábado da 25ª semana do Tempo Ordinario.
Evanxeo: Lc 9, 43b-45
Nunha ocasión,
cando todo o mundo o admiraba polas cousas que facía, díxolles Xesús aos seus
discípulos:
—Que vos quede
isto ben gravado: ao Fillo do home hano entregar nas mans dos homes.
Pero eles non
entendían o que lles quería dicir; non o daban descifrado, e non ousaron pedir
que llelo aclarase.
Meditación
Lin hai poucos
días esta frase saída da pluma de Luís Trigo Chao, un militante galego
socialista dos anos 20-30 do século pasado, que tivo moito éxito social e que
logo tería que fuxir ao monte e sería asasinado no ano 1947: “As revolucións
non se fan con auga de colonias, senón entregando o sangue dos mellores fillos
do pobo”. Xesús no seu momento diría algo semellante: “Tomade e comede, este é
o meu corpo. Tomade e bebede, este é o meu sangue entregado por vós e polo
mundo enteiro”. Salvando as grandes diferenzas –pero recoñecendo tamén as
enormes similitudes--, un e outro, Luís e Xesús, advírtennos do mesmo: quen traballe
por cambios substanciais na propia persoa e na sociedade, que conte con horas
de conflito, de enfrontamento, de
sufrimento, de morte incluso; e iso por moito que haxa momentos de éxito,
gloria e recoñecemento, que os haberá.
Oración
Nas horas crúas
da noite, Xesús,
un chisco da túa
luz.
Nas horas do
enfrontamento,
algo do teu
alento.
Nas horas da
turbación,
a túa
confirmación.
Cando cheguen os
desprezos,
a graza do teu
aprezo.
E, se a cousa
acaba en morte,
que a túa paz
nos conforte.
Acción
Case
instintivamente fuximos do conflito, e, cando as cousas se complican un pouco
en calquera acción comunitaria na que participamos, con frecuencia renunciamos
a seguir. ¿Estanos pasando algo así nalgún campo? Podiamos dar algún paso
seguindo o talante de Xesús, o noso Mestre?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.