Advento, o tempo
da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e
celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se
nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa
oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está
comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu
é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo
do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós
depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios,
pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a
quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E
así pode ser con Deus.
Vivir o Advento
cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará
asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade,
pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co
corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente
escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de
cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos
feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos
corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
1 de
decembro: domingo 1 de Advento
Evanxeo: Mt 24, 37-44
Nunha ocasión
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Coma nos tempos
de Noé, así pasará cando veña o Fillo do home. Antes do diluvio comían, bebían
e casaban ata o día no que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que
veu o diluvio e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do home.
Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas
mulleres moendo no muíño; levarán unha e deixarán outra.
Vixiade, porque
non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o
dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non
permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na
hora menos pensada preséntase do Fillo do home.
Meditación
Advento quere
dicir chegada. Así que estamos no tempo da chegada, no que se nos invita a
preparar e vivir esa chegada. Facémolo con frecuencia orando, suplicando, que
Deus veña. Cantamos cousas como: “Ven, ven, Señor, non tardes; ven, ven, que te
esperamos”, coma se Deus estivese receoso en vir, e como se a súa chegada
dependese de que por fin se decidise a dar o paso de visitarnos. As lecturas de
hoxe invítannos a outra cousa. A de Isaías, preciosa, está chea de verbos de
movemento: acudir, poñerse en camiño, vir, subir, marchar polos vieiros, vir,
ir, camiñar... Non é Deus o invitado a moverse; somos as persoas, as
comunidades as que somos invitadas a dar pasos, a poñernos en movemento. A
chegada, o encontro, non falla por Deus; falla pola limitación ou pola nosa
pereza.
O evanxeo, na
mesma liña, invítanos a non vivir na inconsciencia, o que nos levaría a non nos
decatar do paso, da chegada, da presenza, da urxencia de Deus nas nosas vidas.
Invítanos tamén á vixilancia, a estar preparados/as, porque na hora, na
circunstancia menos pensada Deus faise presente nas nosas vidas. Indícasenos
así cal estaría ben que fose unha das actitudes fundamentais coa que situarnos
neste tempo de preparación ao Nadal: convencemento de que Deus vén, está xa
aquí, e necesidade de abrir os ollos e o corazón, de dispoñer os pés e a vida
para bater con el, para deixarnos envolver pola súa paz, polo seu vigor. Como
poderíamos facer isto en cada unha de nós, en cada comunidade cristiá? Igual
non estaría nada mal que, como persoas e como comunidade, nos parásemos a ver
en que circunstancias, en que persoas, en que realidades sociais que nos
rodean, Deus está xa aí, convocándonos a un encontro de vida.
Isaías, en
tempos belicosos, facíase testemuña do soño de Deus: as espadas convertidas en
arados e as lanzas en podadeiras; nada de loitas de nación contra nación, e
nada de adestrarse para a guerra. Non é un mal soño tamén para nós: converter
as millonarias armas sofisticadas en anacos de pan, en menciñas solidarias, en
cultura, en festas, en terras produtivas, ecolóxicas. E, no canto de
adestrarnos para a violencia, adestrarnos para a paz e a concordia. Din os
entendidos que hoxe, no mundo civilizado, os conflitos de poder, os conflitos
por ter, non se resolven maiormente con
guerras, resólvense con movidas e crises sociais coma a que estamos vivindo,
nas que se trata, no fondo, de que o poder siga e aumente nas mans de quen o
posúe. Por iso crer no soño de Isaías, acompañalo para ilo facendo realidade,
pídenos moito iso que dicía o Evanxeo: estar en vela, estar preparados/as,
decatarnos...
Oración
Que abramos os
ollos, Señor,
os ollos do
corpo e do corazón,
para contemplar
a túa presenza interminable
no medio de todo
o que cada día vemos e vivimos.
Que saibamos
entender, Señor,
guiados pola túa
sabedoría de vida,
para adiviñar o
teu paso humilde
entre a xente
máis humilde e calada.
Que nos
dispoñamos a prepararnos ben Señor,
acompañadas pola
túa luz,
para as horas
menos pensadas
nas que ti
queiras vir e estar,
gratuitamente,
coa túa crítica
e sacudida,
co teu abrazo e
consolo.
A nosa casa
quere estarche aberta,
a nosa vida
quere ser túa.
Entra,
acomódate,
fagamos fogar,
fagamos unidade,
fagamos
fraternidade responsable.
Acción
Cremos que Deus
nos visita. Estamos atent@s, porque seguro que hoxe mesmo, dalgunha maneira
insospeitada, peta á nosa porta. O Advento é chegada. Ïmolo comprobando nas
miudezas do día a día nas que se nos fai presente. Podemos abrirlle a porta ou
pecharlla.
2 de
decembro: luns 1ª semana de Advento
Evanxeo: Mt 8, 5-11
Ao entrar Xesús
en Cafarnaúm achegóuselle un oficial do exército romano que lle suplicou
dicindo:
—Señor, o meu
criado está tolleito na cama e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e
curareino.
O oficial
contestoulle:
—Señor, non son
merecente de que entres na miña casa; con que digas unha palabra o meu criado
curará. Porque eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo ao meu
mando; e dígolle a este: vai, e vai; a aquel: ven, e vén; e ao meu criado: fai
sito, e faino.
A Xesús
chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles á xente que o seguía:
—Asegúrovos que
non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moita
xente virá de oriente e de occidente para sentar na mesa de Abraham, Isaac e
Xacob no Reino dos Ceos.
Meditación
Todo empeza
cando o oficial romano se achega a Xesús. Moitas cousas boas nos poden suceder
a nós se nos achegamos a Xesús fiándonos del. A Xesús chamoulle a atención a
grande fe daquel oficial. Realmente era de admirar. Quen nos dera ter unha fe
así de sinxela, así de forte! A fe do
oficial romano parécese moito á fe de moita xente do campo que vai a un
santuario, por exemplo, levando nas mans e no corazón a carga dunha
enfermidade, dunha desgraza. Xesús non critica esa fe. Admíraa, acóllea,
responde solidarizándose co oficial aquel e cos seus problemas, como fai con
toda a xente que se achegue a el no medio dos traballos da vida. Gústalle
acompañarnos e transmitirnos a súa enerxía.
O oficial romano
non era xudeu, pero é igual. A mesa de Xesús, a mesa de Deus, a mesa da vida
está sempre preparada para quen teña fame, pete e queira entrar. Deus non anda
con requisitos.
Oración
Quen me dese,
Xesús, crer en ti a fondo, cunha fe sinxela, forte, limpa, para gozarme,
fortalecerme e curarme diariamente coa túa compaña! Creo en ti, Xesús. Con toda
a xente humilde da Igrexa ou doutras relixións creo en ti.
Acción
Se podemos,
establezamos algún contacto con algunha persoa estranxeira, inmigrante, que
viva entre nós, aínda que soamente sexa cun saúdo. Lembramos a Xesús co oficial
romano. Acollámola, como Deus tamén a acolle.
3 de
decembro: martes 1ª semana de Advento
Evanxeo: Lc 10, 21-24
Naquel momento
Xesús, cheo do gozo do Espírito Santo exclamou:
—Bendito sexas,
Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles ocultaches estas cousas á xente
sabia e entendida e llas mostraches á xente humilde. Si, bendito, meu Pai,
porque así o quixeches.
Meu Pai
ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, e ninguén
coñece o Pai a non ser o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelarllo.
E volvéndose á
parte aos discípulos, díxolles:
—Benia os ollos
que ven o que vós vedes! Porque é ben certo que moitos profetas e reis quixeron
ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.
Meditación
Que son esas
cousas que Deus amosa á xente humilde e llelas oculta á xente entendida? Pois
cousas como o gozo de vivir, o asombro pola graza que hai na natureza, nos
animais, na xente; o gusto pola inocencia, a satisfacción que dá falar con
verdade e sen malicia; a alegría da boa convivencia veciñal, vivindo coma
irmáns ou irmás; a paz fonda que nos dá saber que Deus sempre nos quere, e
vivir momento a momento baixo o empuxe dese convencemento; ter ánimos para
axudar e servir a quen nos rodea; gozar xuntándonos para as penas e as alegrías,
tamén para a defensa do noso; saber ser moi humildes e moi valentes a un tempo.
Quen é a xente
humilde que goza con todo isto? Podémolo ser todos, todas nós, se non deixamos
que o galo se nos suba ao poxigo, se reparamos na nosa fraxilidade e lle abrimos
as portas ao Espírito bo de Deus. Deus tolea por meternos no seu mundo de ben e
de felicidade.
Oración
Grazas, Pai, che
dicimos con Xesús, por seres tan espléndido, por non preferires o poder e as
aparencias, como tantas veces nos pasa a nós. Grazas, Pai, porque che vai o
humilde, porque as portas da túa casa están sempre abertas para nós, porque nos
ofreces a túa compaña e os teus regalos.
Acción
Ao longo do día
de hoxe vaiamos vendo en que circunstancias Deus foi compartindo connosco
algunha desas cousas que a el tanto lle gustan. Agradezámosllo. Compartamos con
algunha persoa amiga ese teu agradecemento.
4 de
decembro: mércores 1ª semana de Advento
Evanxeo: Mt 15, 29-37
Marchou Xesús
daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. E
veu cabo del un mundo de xente, traendo consigo persoas coxas, eivadas, xordas
e afectadas por outros males. Púñanas aos pés de Xesús e el curábaas a todas.
De xeito que a xente ficaba pasmada vendo como as persoas mudas falaban, as
eivadas quedaban curadas, as coxas andaban e as cegas vían. E glorificaban o
Deus de Israel.
Chamou Xesús
polos seus discípulos e díxolles:
—Dáme mágoa esta
xente, pois hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non
a quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
Dixéronlle os
discípulos:
—E de onde imos
sacar, nun lugar deserto, pan abondo
para fartar a tanta xente?
Pero el
preguntoulles:
—E logo, cantos
pans tedes?
Eles
responderon:
—Sete e máis
algúns peixes.
Mandou Xesús que
a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos e mais os peixes, deu
grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, e os discípulos dábanllos á
xente. Comeu a xente a se fartar e cos anacos que sobraron encheron sete
cestas.
Meditación
O querer de Deus
é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que
teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade,
satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente
que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que
pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana
non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente
atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto
ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si.
Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da
comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para
que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta
que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un
teito, a alegría de vivir.
Oración
Noso Pai que
estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a
xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus coidados, que colaboremos
contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e
esperanza.
Acción
Hai moitas
maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podemos
visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estamos facendo xa, pensemos na
posibilidade de integrarnos nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato,
Partido Político, desde o que nos parece que se traballa ben polo pan de todo o
mundo.
5 de
decembro: xoves 1ª semana de Advento
Evanxeo: Mt 7, 21. 24-27
Dixo Xesús:
—Non entrará no
reino dos Ceos quen me diga “Señor, Señor!” , senón quen faga a vontade do meu
Pai celestial.
Así pois, quen
escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma a persoa asisada que
edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval
batendo na casa, pero non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
Mais quen
escoita as miñas palabras e non as leva á práctica pórtase coma un toleirán que
edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval
batendo na casa e derrubouna, e a desfeita foi terrible.
Meditación
As vidas, as
persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa
sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos
cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non
vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo
aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras,
comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a
aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como
persoas e como comunidade.
Tanto as persoas
como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentado fainos
capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo.
Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de
Deus é o mellor sostén da nosa vida.
Oración
Son persoa
fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da
vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío
en ti.
Acción
En que nos vemos
unha persoa fráxil? En que vemos que a nosa comunidade é unha comunidade tamén
fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, pensamos nalgunha tarefa que a poida
curar. Por exemplo, se non compartimos as nosas penas con ninguén, empezamos a
facelo. Ou se criticamos a xente da comunidade por tras, dispoñémonos a dicir
as cousas á cara con respecto e agarimo.
6 de
decembro: venres da 1ª semana de Advento
Evanxeo: Mt 9, 27-31.
Unha vez ían
seguindo a Xesús dous cegos que berraban:
—Fillo de David,
compadécete de nós.
Cando Xesús
entrou na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
—¿E vós credes
que eu podo facer isto?
Responderon:
—Cremos.
Entón tocoulles
os ollos e díxolles:
—Fágase conforme
a vosa fe.
E abríronselles
os ollos. Logo avisounos moi serio:
—Mirade que non
o saiba ninguén!
Pero, axiña que
se foron, falaron de Xesús por toda aquela zona.
Meditación
A humanidade,
cada un de nós, homes e mulleres que a formamos, podemos vernos reflectidas
neses dous cegos que andaban tras de Xesús, á procura da súa iluminación, da
súa clarificación, da súa curación. Podemos andar pola vida pletóricos,
créndonos sabedores de todo, incluso de todo aquilo que ten que ver coas fontes
do noso ser, da nosa persoa, e das cousas sas e fondas que nos permiten vivir
con verdadeira humanidade, abertos, abertas ao misterio da vida, ao misterio da
nosa convivencia solidaria. É difícil vivir e aproveitar o Advento se nos
situamos nesta clave de sobreabundancia. O Evanxeo invítanos a descubrir ese
lado frouxo que está tan presente na nosa vida persoal e social. Canto nos
cómpre ver a fondo como persoas, para atinar co noso desenvolvemento persoal na
vida! Cantos nós cómpre ver como sociedade, para darlle a volta a tantas cousas
ao revés que están amolando a vida de tantas persoas, de tantos pobos! Na nosa
fe cristiá entendemos que Xesús nos pode iluminar a fondo. Por iso nos
achegamos a el. Por iso nos dispoñemos a abrirlle as portas da vida.
Oración
Eu ante ti,
Xesús de Nazaré, ante o Deus que ti nos ofreces, son tamén persoa cega, que
precisa a túa iluminación. Sei, creo que o teu pracer é tocar os meus ollos
para que se abran á luz, para que se abran á condición de filla, á condición de
irmá. Que eu non impida, Xesús, o que ti queres facer en min. E falarei de ti
con orgullo e humildade.
Acción
A luz énos dada,
pero tamén hai que buscala. Para Xesús andar no medio da xente empobrecida,
compartir as súas vidas e penalidades, e tamén as súas alegrías, é unha
preciosa e misteriosa maneira de acceder á luz, á verdade da vida. Podemos
facer algo que nos permita entrar no mundo da xente empobrecida.
7 de
decembro: sábado 1ª semana de Advento
Evanxeo: Mt 9, 35—10, 1.6-8
Xesús percorría
todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciado a Boa Nova do Reino
e curando toda enfermidade e doenza. Vendo a multitude, sentiu unha fonda
compaixón por ela, porque a xente toda estaba derreada e esmorecida coma
ovellas sen pastor. Entón díxolles:
—A anada é ben
boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que
mande xornaleiros para o traballo que cómpre facer.
E chamando os
doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda
enfermidade e doenza.
E díxolles:
—Dirixídevos
máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E no voso camiño proclamade que
o Reinado de Deus está preto. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade
leprosos, botade os demos fóra.
Meditación
Moita xente de
aldea –seguro que tamén da que non é de aldea— neste momento sentirase ben retratada
nesa frase do evanxeo: “xente toda derreada e esmorecida”. Así parecen ser as
nosas parroquias rurais hoxe.
Tamén é certo
que, vendo o campo, a súa riqueza, a súa fermosura, a súa capacidade produtiva;
vendo o corazón de cada persoa, tamén podemos dicir co Evanxeo: “A anada é ben
boa, pero os xornaleiros son poucos”.
Sería ben
fermoso que a comunidade cristiá da parroquia, fose cal fose o seu número e o
seu poder, se puxese con Xesús a botar espíritos malos e se sumase a todas
aquelas persoas que desde calquera lugar e pensamento estea pola labor de poñer
vida e esperanza entre nós.
Canto podemos
nós aprender de Xesús, da súa ollada fondamente solidaria, do seu saber estar
ao pé da xente con toda a forza do seu ser nas mans!
Oración
Igual somos
chulos, Señor, demasiado chulos dentro da nosa pobreza, como para necesitar
acompañantes para o noso camiño.
Igual somos
tamén demasiado ovellas, demasiado submisos, demasiado torpes.
Para cando abrir
os ollos, fiarnos de quen nolos axuda a abrir?
Para cando
fiarnos de ti, Xesús?
Lévanos da túa
man polos camiños da vida nos días de hoxe.
Acción
Se vemos que hai
algo na nosa vida que nos achica e entristece, deamos o paso de compartilo con
alguén do que esperamos comprensión e axuda. Se vemos que hai algunha
asociación, sindicato agrario, comunidade cristiá que traballa honradamente
polo ben da aldea, apuntémonos, participemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.