24 de
novembro: domingo 34 do Tempo Ordinario. Solemnidade de Xesús Cristo rei do
universo.
Evanxeo: Lc 23, 35-43
Cando Xesús
estaba cravado na cruz, a xente estaba mirando e os xefes moqueábanse del dicindo:
—A outros
salvounos. Pois que se salve agora a si mesmo, se é o Cristo de Deus, o
elixido.
Tamén os
soldados se burlaban del e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
—Se ti es o rei
dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
E había un
letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”.
Un dos bandidos
que estaban crucificados insultábao tamén:
—¿Non es ti o Cristo?
Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
Pero
contestoulle o outro, reprendéndoo:
—¿Seica non
temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o
que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
E dicíalle:
—Xesús, lémbrate
de min cando chegues ao teu reino.
Xesús
respondeulle:
—Asegúroche que
hoxe estarás comigo no paraíso.
Meditación
Necesitamos
desvincular a celebración de hoxe de calquera imaxe, sentimento ou práctica que
nos leve a entender a Xesús e a súa misión entre nós como a dun rei; dicir rei
é coma dicir distancia, poder, privilexio,
moitas veces paternalismo, outras moitas abuso. Xesús mesmo se distanciou do que de primeiras esa
imaxe de rei pode espertar en nós, cando lles dixo aos seus discípulos: “Xa
sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e os poderosos os asoballan. Pero
entre vós non pode ser así” (Mt 20,25b-26). Xesús ten poder, claro que o ten,
pero o seu poder é un poder de servizo, para o servizo. O poder de Xesús é o
poder da cruz. Por iso a festa de hoxe ben podería titularse con máis atino
“Solemnidade de Xesús Cristo Servidor”.
Está moi ben que
na liturxia de hoxe, para nos falar de Xesús Cristo Rei, o evanxeo nos traia
unha escena de Xesús na cruz. O trono de Xesús Cristo Rei é a cruz. A cruz á
que chegou coma nun exceso de amor e de servizo. Tanto se puxo do lado da xente
máis marxinada, que acabou coma ela, padecendo o tipo de morte que naquela
sociedade se lle daba ás persoas máis marxinadas. Estamos tan afeitos a ver a
Cristo na cruz, a levar esa cruz no noso peito, a decorar con ela moitos dos
nosos espazos, que non caemos na conta do que veneramos: a un servidor
absoluto, que é axustizado inxustamente, “sen facer mal ningún”, por non deixar
de amar e de servir. E nese servizo absoluto está o absoluto poder de Xesús. No
servizo está o poder. O servizo solidario é o único que ten poder para
cambiarnos, para cambiar o mundo. Crémolo así? Vivímolo así coma Xesús?
Oración
Hoxe estarás
comigo no Paraíso”.
Co ladrón
axustizado contigo
acollo Xesús a
túa promesa:
“hoxe estarás
comigo no Paraíso”.
E esténdoa no
teu nome
a tantas persoas
marxinais,
inocentes de
todo ou non,
ás que ti
acompañas na vida e máis na morte.
Estarán contigo no
Paraíso
os africanos/as
afogadas nas cunetas do mar,
ante as que
todos nos lavamos as mans
porque acollelos
sería imprudencia e delito.
Estarán contigo
no Paraíso
as mulleres
asasinadas en vida e morte
por unha cultura
machista,
lume ao que
todos arrimamos a nosa estela.
Estarán contigo
no Paraíso
todos os homes e
mulleres que morren
co corpo
vulnerado e a alma rota,
cos soños
esgotados ou mesmo sen estrear,
esperando, ou
sen esperar, un bico e unha aperta.
Estaremos
contigo no Paraíso,
todos, todas
cantas queiramos
–e quen non?—
abrirnos ao
perdón que libera
e ao amor que
unifica o mundo e quen o habita.
Acción
A Xesús, morto
inxustamente na cruz, témolo por un vencedor. Nel a solidariedade máis completa
trunfou sobre todo abuso. Na nosa propia vida, na vida de persoas que nos
rodean, ¿atopamos exemplos deste tipo de vitorias, que aparentemente son
derrotas?
25 de
novembro: luns da 34ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 21, 1-4
Nunha ocasión
Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do
tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón
dixo:
—Asegúrovos unha
cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que
lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.
Meditación
Este evanxeo,
tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da
importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando
o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela
composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible
moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre
podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa
que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a
unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen
soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións
benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación
veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente
máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas
vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o
que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día.
Oración
Grazas, meu
Deus,
por todas as
cousas pequenas
que a xente máis
pequena é capaz de facer,
buscando vida
para a familia,
para a
comunidade, para o pobo.
Grazas porque
grazas a ti
aprendemos a
valorar o pequeno
e a facer do
pequeno
a forza que move
o mundo.
Grazas polo gran
pequeno
que foi Xesús,
que tanto nos
abriu os ollos
para
descubrirmos no pequeno
o camiño que
leva
á maior verdade,
á maior paz,
á maior
revolución.
Grazas, meu
Deus!
Acción
Podémonos
esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis
agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós
e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas.
26 de novembro:
martes da 34ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 21, 5-11
Nunha ocasión
comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o
templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
—Todo isto que
estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra
sobre pedra.
Eles
preguntáronlle:
—Mestre, ¿cando
van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?
El díxolles:
—Andade con
coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome,
dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar
o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e
desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro,
pero aínda non será a fin.
Entón díxolles:
—Erguerase pobo
contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en
diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo.
Meditación
A historia, a
vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin
do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes.
Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que
nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos
comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas,
edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora
desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de
relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos
países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que
permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera
desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera
situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión
compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo
ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus.
Oración
Que bo que nos
aprendas, meu Deus,
a temer,
pero non a ti,
que es todo
solicitude servidora!
Que bo que nos
aprendas, meu Deus,
a coidarnos,
pero non de ti,
que tes oficio
de coidador universal!
Que bo que nos
aprendas, meu Deus,
a velar por nós,
a coidarnos a
nós,
para que nunca o
afán de riqueza
nos peche no
egoísmo sen solidariedade,
para que nunca a
ansia de dominio
nos leve a
desfacer o mundo,
esta casa común
que nos deches!
Que bo que
esteas ao noso lado, meu Deus,
educándonos para
a vida grande e feliz!
Aquí estou meu,
Deus,
quero aprender
de ti.
Acción
Unha maneira de
coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos
hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns
pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de
cerca axudaranos a ser xente máis solidaria.
27 de
novembro: mércores da 34ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 21, 12-19
Nunha ocasión
díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Botaranse sobre
vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e
gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño.
Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu
heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin
replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns,
parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por
causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza
salvaredes as vosas vidas.
Meditación
Non era doado
soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser
perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista
recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia,
non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en
Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de
ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de
moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo
esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a
Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a
nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós
levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos
a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a
nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo!
Oración
Perdón, meu
Deus,
por ter
renunciado tantas veces a dar testemuño de ti.
Perdón por velar
coidadosamente
de non pasar por
ningún conflito
pola mor túa,
pola mor do teu
nome, da túa causa.
Perdón polos
nosos medos,
pola nosa
covardía,
por carecer de
palabra e sabedoría
coa que facer
valer ante o mundo
a nosa condición
de seguidores/as túas.
Perdón por non
nos fiar de ti,
e das túas
seguridades.
Perdón pola nosa
cativa perseveranza,
que non garante
nada bo
nin para a gloria
do teu nome
nin para a
consistencia das nosas vidas.
Que o teu perdón
nos refaga, meu Deus,
que o teu perdón
nos renove!
Acción
É moi posible
que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición
de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de
vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos
volva dar o caso.
28 de
novembro: xoves da 34ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 21, 20-28
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vexades a
Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución.
Entón as persoas que estean en Xudea, que fuxan para os montes; as que estean
en Xerusalén, que se afasten, e as que estean no campo, que non entren
nela; porque estes son días de
escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. Ai das que estean
embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande calamidade no
país e un terrible xuízo para este pobo. Caerán baixo a espada, levaranos
presos a todos os países do mundo e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén,
ata que aos pagáns lles chegue o seu momento.
Haberá sinais no
sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o
bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que
vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home
vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo
isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa
liberación.
Meditación
As comunidades
cristiás que coñeceron a destrución de Xerusalén por parte do exército do
imperio romano fixeron deste feito unha lectura tremenda: foi o castigo, o
escarmento que Deus lles deu por non ter acollido a Xesús. E parece que invitan
a que sigamos facendo esa lectura tremenda das desgrazas e desventuras que nos
poden pasar no mundo. Pero Deus non é un Deus de castigos e escarmentos. Deus é
sempre un Deus de perdón, de acompañamento, de alentos para axudarnos a encarar
os males que nos poden chegar; Deus é un Deus preventivo tamén, un Deus que,
coma calquera nai ou pai bo, e moito máis aínda, nos advirte de que hai camiños
de abuso, de egoísmo, de soberbia, de andar ao vaiche boa, de abandono moral,
que nunca levan a nada bo. Pero máis aló de todo iso, el sempre estará
acollendo, ofrecendo o que sabe ofrecer: vida, liberación.
Oración
Non sei, meu
Deus, non sei,
pero eu
imaxinaríate triste por como vai o mundo.
Andamos rotos,
pobos do norte e
pobos do sur
uns a cabalo dos
outros,
e entremedias
regueiros de
bágoas e de sangue.
Non é para
aledarse, verdade?
Un pano de
tristura nos envolve,
por moito que
multipliquemos xantares e romarías.
Un aquel de
desesperanza nos nubra o corazón,
a pesar de tanta
palabra pomposa.
Que mal o
estamos facendo, meu Deus,
que mal o
estamos facendo!
E ti, incansable
no teu:
poñédevos de pé,
erguede ben a
cabeza,
chega o día da
gran liberación!
Acción
¿Como entendemos
normalmente as desgrazas que nos poden pasar a nós ou a calquera persoa ou
pobo? ¿Cómo as poderiamos entender á luz de Xesús, do Deus de Xesús?
29 de
novembro: venres da 34ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 21, 29-33
Unha vez
propúxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos:
—Reparade na
figueira e nas demais árbores; cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos
que está vindo o verán. Pois vós igual; cando vexades que pasan estas cousas,
caede na conta de que xa está preto o reino de Deus. Asegúrovos que non pasará
esta xeración sen que antes aconteza todo isto. O ceo e máis a terra pasarán,
pero as miñas palabras non pasarán.
Meditación
Pídenos Xesús
que nós mesmos esteamos atentos para valorar o que vai pasando nas nosas vidas,
nos nosos días. Soamente así poderemos dicir con criterio: mirade por onde
asoma o reino de Deus. É dicir: mirade as cousas que o ocultan e as que o fan
presente no medio da barafunda que sempre é o mundo no que nos movemos. O reino
de Deus, aquilo que a Deus lle reina, sempre anda envolto en sinxeleza, non
busca altofalantes, móvese áxil entre o respecto ao vulnerable, é gratuíto,
gózase no comunitario, é fondamente alegre. Certamente entre nós está
acontecendo xa o reino de Deus.
Oración
As miñas
palabras non pasarán.
Prométovolo.
O mundo está
enchoupado das bendicións de Deus,
por riba, por
baixo, polo medio do rebumbio
que ameaza
revolvelo todo,
engulilo todo.
Abride os oídos,
a mente, o corazón;
estade
atentos/as, reparade.
Esa é a vosa
tarefa:
detectar, vivir
e compartir
canto no seu seo
leva gravado a Espírito
os trazos
invisibles de Deus..
Acción
Hoxe, ao longo
do día, podemos estar atentos ao que imos vendo e vivindo, para poder descubrir
detalles da vida nos que o reino de Deus se está amosando xa no medio de nós.
Se o podemos compartir con alguén, mellor.
30 de
novembro: Festa do apóstolo Santo André
Evanxeo: Mt 4, 18-22
Un día,
camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén
chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes
no mar. Díxolles Xesús:
—Vide comigo e
fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de
contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago
e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as
redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e
seguírono.
Meditación
Foron Pedro e
André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e
traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé,
Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos
normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a
misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no
seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que
está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo
ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E
decidinos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos,
ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a
unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con
facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e
dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André
no día de hoxe.
Oración
Deixárono todo
e seguíronte,
Xesús.
Quen nos dera
vivir esa
atracción túa tan fonda
sobre as nosas
vidas!
Quen nos dera
que o corazón se
nos desapegase algo
do meu, do noso,
e se abrise coma
o teu
a soños
solidarios!
Quen nos dera
ser
libres de nós,
do noso, de
todo,
para andar
contigo aventuras fraternas!
O revolucionario
camiño
cara á gran
felicidade!
Cando acabaremos
de crerte, Xesús,
cando?
Acción
Se sabemos
algunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa
solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e
como a vive.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.