18 decembro, 2019

2º Encontro 2019 / 2020




Seguimos orando con dous salmos de “subida” ou peregrinación, neste noso camiño de Advento, no que aventuramos soños persoais, colectivos, eclesiais.

Signos: os salmos de hoxe (na súa versión oracional á luz do Evanxeo) suxírennos dúas imaxes: a do gardián, a de quen vela permanentemente por nós; e a do canteiro que constrúe a casa e a fecunda. A casa sómolo cada persoa, pero tamén o é a “casa común”, e a Igrexa dentro dela, ao servizo dela. O tempo de Advento suscita en nós estas saudades e ofrece estas confianzas.

No nome do Pai…

Cos brazos abertos expresamos en silencio a nosa condición fraterna en Deus, con todo o noso ser, unido a todas e persoas do mundo, a toda a creación, nesa “Casa común” que formamos en Deus.


Salmo 121 (120)

O Señor garda a túa vida

Alzo os meus ollos cara aos montes:
de onde virá o meu socorro?
O meu socorro vén do Señor,
que fixo o ceo e máis a terra.

El non deixa que esvare o teu pé,
o teu gardián non dorme;
non dorme nin adormece
o gardián de todos os pobos.

O Señor é o teu gardián,
o teu arrimo, sempre ao teu carón.
O sol non che fará mal polo día
nin a lúa pola noite.

O Señor gárdate do mal,
el garda a túa vida.
O Señor garda as todos os teus andares,
agora e por sempre.


Salmo 127 (126)

Se o Señor non constrúe a casa

Se o Señor non constrúe a casa,
en balde se esforzan os canteiros.
Se o Señor non garda a cidade,
en balde vixían as sentinelas.

En balde vós madrugades
e tardades en deitarvos:
comedes pan de traballos,
cando el llelo dá a quen o ama mentres dorme.

Os fillos son a herdanza do Señor,
o froito do ventre, o seu xornal.
Coma raiola na invernía,
así as fillas da mocidade.

Feliz quen arrequece con elas a súa vida:
non se verá desasistido na hora do aperto,
cando litigue polo triunfo da irmandade.

Silencio:
Acollemos en silencio o que cada un destes dous salmos nos ofrece: poder sentir a Deus ao noso lado en todo tempo, lugar e situación de ánimo; e contémplalo en nós como canteiro-construtor das nosas vidas persoais e colectivas e como fecundador da persoa nova, da sociedade nova, da Igrexa nova que Deus quere facer connosco, en nós.
Despois de 5 minutos de silencio imos compartindo brevemente en forma de oración valéndonos, se queremos, de palabras dos salmos.

Memoria oracional:
Erguemos os brazos para orar. Facémonos eco dos sentimentos de solidariedade que o Espírito suscita en nós. Compartímolos para contaxiarnos tod@s da solidariedade de Deus.
Cantamos de cando en vez:
MIRA, MEU DEUS, AQUÍ ESTOU PARA QUERERTE.
ESTAS MANS, ESTAS MANS PARA SERVIRTE,
EN QUEN MÁIS PRECISE DELAS.

E, dándonos as mans, NOSO PAI….



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.