17 decembro, 2019

Tempo de Advento (A): 4ª semana





22 de decembro: domingo 4º de Advento

Evanxeo: Mt 1, 18-24
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
—Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeranlle de nome Emmanuel, que quere dicir “Deus connosco”.
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.


Meditación
Ante este relato unha muller moi entendida en cousas da Biblia, Dolores Aleixandre, dicía nun escrito seu que uns e outros na Igrexa, tanto conservadores coma progresistas –por dicilo dalgunha maneira--, debían deixar en paz a María e a Xosé coa súa intimidade, coa súa vida de parella, coa súa sexualidade; e reparar en que o importante deste relato non é ver ata onde chegaron ou non chegaron as relacións de María con Xosé, senón invitarnos á admiración por unha persoa tan feita, tan redonda, tan humana, tan forte, tan valente, tan misericordiosa, tan doída da xente débil, tan salvadora, como foi Xesús de Nazaré. Foi, e é algo tan marabilloso, que non hai poder humano que o poida facer tal. Xesús é cousa do Espírito de Deus, regalo de Deus a todos os homes e mulleres do mundo, para curación de todas as persoas que o queiran acoller, que lle queiran abrir a casa, o corazón, a vida.
Pero tanta marabilla empezou sendo un neno pobre, espido, que participaba nas dificultades e mesmo miserias de tanta xente como hai así no mundo; que durante a súa vida así o seguiu facendo de mil maneiras e que, despois, acabou co seu corpo espido nunha cruz, sendo obxecto de risas e desprezos. Este é o Xesús que nos representa a Deus, que nos fala del. Unha persoa normal en todo coma home, e que desde a normalidade da súa vida tivo a graza de nos abrir e ofrecer o corazón de Deus, por ser el fillo de Deus no Espírito.
Como nos pasa a todas as persoas, tamén para que Xesús chegase a este mundo, coa súa forza de vida e de ben, fixeron falla moitas persoas anteriores a el; fixeron falla avós e avoas, pai e nai, e, polo medio de todo iso, o misterio de Deus que co seu Espírito vai creando convencementos e decisións, persoas que van modelando o seu corazón, a súa vida toda, ao xeito de Deus. E Xesús foi unha desas persoas. Excepcional. Única. O Fillo de Deus, aínda que nacera “como un de tantos”, en palabras de San Paulo.

Oración

Meu Deus, meu Deus,
o misterio conmovedor da túa presenza en min,
dentro de min,
intentando configurar a diario a miña vida toda,
ata facerme,
por obra do Espírito Santo,
testemuño vivente de ti
entre a xente, entre o pobo que me rodea!

Meu Deus, meu Deus,
a miña entrega nas túas mans,
sen reparar en nada,
aberto totalmente
ás máis pequenas insinuacións
que poidan saír da túa boca
ou da boca de quen mellor te representa:
as persoas máis débiles!

Meu Deus, meu Deus,
con María e o seu si,
con Xosé e o seu si,
aquí estou,
todo para ti,
todo para a causa da xente máis marxinal,
sen reparar en nada,
superando desconfianzas razoables,
e deixándome levar!

Meu Deus, meu Deus,
fágase a túa vontade!

Acción
Achégase o Nadal, Deus fáisenos presente en toda fraxilidade. Pensemos nalgunha fraxilidade humana concreta que haxa ao redor de nós. Atendéndoa estaremos atendendo ao Deus que vén.


23 de decembro: luns da 4ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 57-66
Cando a Sabela se lle cumpriron os meses, deu á luz un fillo. En sabendo os seus parentes e veciños a bondade coa que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito día levaron a circuncidar o neno e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma o seu pai. Pero interveu a nai dicindo:
—Non, chamarase Xoán.
Contestáronlle:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Entón preguntáronlle por señas ao pai como quería que se chamase o neno. El pediu con que escribir e puxo:
—Xoán é o seu nome.
E toda a xente quedou sorprendida. E naquel intre Zacarías recobrou a fala e empezou a bendicir a Deus. Toda a xente veciña quedou abraiada, e por toda a montaña non se falaba doutra cousa. Todas, todos cantos o oían dicían moi impresionados: "Que vai ser deste neno?", porque a man de Deus estaba con el.

Meditación
Na cultura xudía daqueles tempos, unha cultura moi relixiosa, os nomes tiñan moito significado, manifestaban algo profundo da persoa concreta e da misión ou tarefa que había desenvolver no nome do mesmo Deus. Así Xoán quería dicir "Deus apiádase". Todo o que a familia de Sabela e Zacarías pasou ao redor do nacemento do seu fillo vivírono coma unha mostra da piedade de Deus con eles, e non soamente con eles, senón tamén con todo o pobo.
A nós, que vivimos nunha cultura moi laica e pouco crente, estas cousas pódennos parecer parvadas. Pero o certo é que a vida ten fonduras, ricas fonduras, que frecuentemente ignoramos e pasamos de vivilas e de beneficiarnos delas. A vida ten zonas amplas de graza e de misterio, ligadas a circunstancias moi normaliñas da mesma vida; atendelas, acollelas, adiviñar a presenza viva de Deus dentro delas, gozalas, compartilas pódenos humanizar moito e, coma crentes, abrirnos ao misterio de Deus.

Oración

Quero ser ben humilde, meu Deus,
pero cústame,
necesito a túa axuda.
Quero andar pola vida
coa ollada limpa,
co corazón esperto,
coa vontade disposta,
para adiviñar a túa pasada humilde, cálida e veraz
no fondo ou na tona
de todo canto me sucede,
de todo canto pasa na vida que pasa.
Quero ser ben humilde, meu Deus,
pero cústame.
Necesítote a ti,
o que sempre te apiadas.

Acción
Fai hoxe un pequeno exercicio de ver algo que che pareza presenza de Deus na túa vida familiar. E tamén algo que che pareza presenza de Deus na vida social, política, do teu entorno. Agradece esas presenzas e comprométete con elas.


24 de decembro: martes da 4ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 67-79
Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
—Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.
E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.

Meditación
O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.

Oración

Bendito sexas, Deus noso,
porque nos queres e nos visitas,
porque non te esqueces de nós,
porque es sempre pura misericordia.
Bendito sexas, Deus noso,
porque na persoa humildísima de Xesús
nos regalas unha potente forza de salvación:
unha luz que mata as nosas escuridades,
unha xustiza que afoga os nosos abusos,
unha paz que anula as nosas violencias.
Bendito sexas, Deus noso,
porque ti nunca fallas ás palabras dadas,
porque sempre estás aí,
cando de ti precisamos.
Que con Xoán Bautista
saibamos ir preparando os teus camiños.

Acción
No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha delas, que vexamos


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.