20 decembro, 2019

Felicitación do Nadal

Manuel Regal Ledo 

Non te coñezo, non sei
se es neniño ou neniña,
nin se é nai ou irmá
quen te coida e acariña.

Poida que, sen pai e nai,
sexa ela unha irmaíña,
coa que ti, malpocada,
sexas tamén nena orfiña.

Vexo, si, que es estranxeira,
inmigrante, miña almiña,
á intemperie coa xente:
qué casa a túa casiña!

De cartón todo arredor
nunha caixa metidiña,
sen lousado nin ventás
casa-cuna miudiña.

Tranquila, paciente estás
e seguro contentiña
con tan pouco como tés,
ai amor, miña xoíña!

Que olliños tan preciosos
nesa cara redondiña,
que falan tan sen falar,
e agardan respostas miñas.

Ollada limpa, esperta,
ollada doce, mansiña,
que me atrae, que me seduce,
que me fire, que me espiña.

Que queres que eu che faga,
meu amor, miña santiña,
se tes a cara de Deus
pedindo resposta axiña?

Se es o Cristo que naces
nun Belén sen figuriñas,
agardando os agasallos
que mereces, ai prendiña!

Entra no meu corazón,
entra na nosa cociña,
para ti faremos oco
e para a túa xentiña.

E non haberá estranxeira
á que lle peche a portiña,
sexa branca ou de cor,
farémola irmá e veciña.

Será túa a nosa casa,
túa a nosa carteiriña,
os nosos chuchos e soños,
o noso caldo e fariña.

O mundo será outro mundo
novo nas túas maoíñas,
que nos ofreces repletas
de carreiros e luciñas.

Grazas, meu corazón,
miña carrapucheiriña,
por nos mostrares a Deus:
preciosa flor entre espiñas!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.