25 decembro, 2019

Tempo de Nadal: 2ª semana




29 de decembro: domingo dentro da Oitava de Nadal. Festa da Sagrada Familia

Evanxeo: Mt 2,13-15. 19-23
Naquel tempo, cando os Magos se foron de onda o neno, un anxo do Señor apareceuse a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
“Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.”
En morrendo Herodes, o anxo do Señor apareceuse en soños a Xosé en Exipto e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
Ergueuse Xosé e, collendo o neno e máis a nai, foise para a terra de Israel. Pero, ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaré. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.


Meditación
A Igrexa entende que o seu modelo de familia: pai e nai unidos ata a morte, abertos á procreación de máis ou menos fillos e fillas, é o modelo natural, ideal. E ese é o modelo que coida, defende e promove. Ás veces facémolo na Igrexa sen consideración nin respecto cara á sensibilidade e prácticas doutras persoas; ás veces si que temos consideración e contribuímos co noso modelo humildemente a esa tarefa nada doada de ir configurando un modelo familiar que dea asento e felicidade ás persoas, e que se converta nun punto forte de apoio para unha socialización dos seus individuos e para a construción da armazón social. Tamén aquí estaría ben que as comunidades cristiás fosen lugares onde todos, todas, aprendésemos a non excluír a ninguén, a respectar a todo o mundo, iso si, apostando con seriedade e humildade por aquelas formas que a nós nos poidan parecer máis axeitadas, sabendo que as cousas dos afectos, dos amores, da sexualidade, da convivencia, son moi complexas, e que non se pode andar pola vida de prepotentes. Propoñendo e compartindo as nosas satisfaccións ao respecto, e nunca impoñendo nunca nada a ninguén.
O evanxeo de hoxe fálanos dunha familia envolta en tensións, en conflitos, en problemas. Tensións, conflitos, problemas que tamén abundan en moitas familias das nosas parroquias, vilas e cidades. Igual máis ca debater enrabechadamente sobre se este modelo de familia é mellor e este peor, se este é o natural e estoutro non, se a isto hai que lle chamar matrimonio ou non, o que estaría ben que fixésemos, como persoas e comunidades cristiás, sería pararnos a ver por que o están, ou estamos, pasando mal moitas familias, que é o que nos está facendo a vida costa arriba, coñecer situacións, achegarnos para entender e axudar, arrimar o lombo canto máis desde dentro mellor, respectar moito, amar moito, servir moito, ... Que precioso sería vernos os miles e miles, millóns, de cristiáns/ás que hoxe celebramos a festa da Sagrada Familia, entregados a esta tarefa de levar comprensión e alento, apoio de palabra e de feitos, a aquelas familias ás que lles está custando chegar a fin de mes, atopar un lugar digno onde vivir, aprender unha convivencia cariñosa, criar os fillos e fillas con pan e con paz e con criterios pedagóxicos bos, tirar para adiante con persoas enfermas ou conflitivas no seu seo, etc. E a iso nos invita a festa de hoxe.
Unha das características máis típicas dunha familia cristiá  sería a disposición a escoitar a voz do Espírito, que nos pode falar de mil maneiras, a aprender, a informarnos, a poñernos en disposición de botar a andar, a saír de nós e do noso, a abrir camiños con humildade, a compartir. E a Eucaristía de cada domingo é un lugar onde podemos celebrar a nosa dita de ter o Espírito por compañeiro/a fiel e onde podemos motivarnos vivamente para o seu seguimento.

Oración

Señor,
desde o teu corazón grande, desmedido,
de Pai e Nai de todas e de todos,
quero lembrarme hoxe
das familias máis feridas pola crise,
as máis rotas por desavinzas,
as máis criticadas polas súas formas que rompen moldes,
para amar, comprender e respectar coma ti,
para termar e alentar coma ti,
para perdoar, se é o caso, e sandar algo coma ti.

Señor,
desde a túa experiencia de familia emigrante e perseguida,
quero achegarme hoxe
ás familias inmigrantes negras, sudamericanas, romanesas,
tantas veces fendidas no corpo e na alma,
nos sentimentos máis elementais,
nas aspiracións máis nobres,
para defender a súa causa,
que é a túa,
para compartir con elas
casa e pan e corazón,
que é coma compartilo contigo.

Señor,
desde a túa especial preferencia polas familias máis débiles,
quero sumarme hoxe
ao clamor de quen pide pan, casa, traballo, menciñas, ensino...;
que non se me casque a voz,
que non se me nubre a ollada,
que non se me achique o corazón.

Señor,
polo teu amor.

Acción
Sería ben que hoxe celebrásemos algo a nosa realidade familiar. Aparte dun brinde na mesa, recoñecernos e agradecernos aquela graza especial que cada persoa da familia ofrece ao conxunto da mesma.


30 de decembro: día 6º da Oitava do Nadal

Evanxeo: Lc 2, 36-40
Naquel tempo (cando Xesús foi presentado no templo) había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta  e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación
A figura de Ana faise entrañable. Muller que casa e enviúva --cousa moi dura naqueles tempos e lugares-- e que se refuxia en Deus, co que se encariña e a quen serve botando man do que ela coñecía: andar polo templo, rezar, xaxuar... Unha muller de limpa relixiosidade popular, que a habilita para entender que alí algo moi grande estaba pasando; e logo iso de falar do neno Xesús a quen tivese ansias de que as cousas cambiasen para que o pobo levantase a cabeza. Unha muller misioneira, que comparte o misterio que a súa fe traballada lle permite ver e vivir.
Mentres o neno, coma un neno calquera, vai medrando ben criado no corpo e no espírito, empezando a gustar o favor que Deus lle ofrecía gratuitamente. Como un neno, un adolescente, un mocete iría construíndo fidelidades e apegos fondos? Cousas de Deus, cousas do Espírito, cousas dos seres humanos todos, que en tales  enredos de graza andamos tan envoltos.

Oración

Grazas, meu Deus, por Ana
e por todos os homes e mulleres
que na relixiosidade popular
van construíndo a súa fidelidade a ti,
e te aman e serven e anuncian
como mellor saben e entenden.
Grazas, meu Deus, polo neno
que medra grazas aos mil coidados
que a familia e a xente lle foi dando,
ata chegar a ser aquel home cabal,
ben curtido no corpo e no espírito
no que descansa tanta luz, tanta esperanza
para todo o pobo.
Grazas por todos os nosos nenos e nenas.
Cando se acaba o ano, meu Deus,
que ben pechalo con estas figuras entrañables,
e contigo vivo dentro delas!
Grazas!

Acción
Se tes maneira de visitar algunha muller velliña crente para escoitar dela a fe que a anima, faino. Se podes participar en algo que anime a formación, o divertimento, a ledicia dos nenos e nenas, faino tamén. E saúda o ano novo coa túa esperanza cristiá.


31 de decembro: día 7º da Oitava do Nadal

Evanxeo: Xn 1,1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron --aqueles homes e mulleres que cren no seu nome-- deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.

Meditación
A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.

Oración
(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).

A uva da alegría, ai que graciosa!
A uva da unión, moi rica cousa!
A uva do respecto, ben candorosa!
A uva do perdón, marabillosa!

A uva do agradecemento, que saborosa!
A uva da comunicación, cousa fermosa!
A uva da paciencia, humilde rosa!
A uva da corrección, dura e gustosa!

A uva da escoita, que ceos amosa!
A uva dos alentos, tan xenerosa!
A uva das apertas, sempre famosa!              
A uva da oración, doce, preciosa!

Acción
Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Como nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Que papel lle damos a Deus na nosa vida?


1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María nai de Deus

Evanxeo: Lc 2,16-21
Uns pastores foron ás carreiras e atoparon a María e máis a Xosé e a criatura deitada na manxadoira. Cando o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, e a xente que os escoitaba quedaba pasmada do que os pastores dicían. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores volveron glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

Meditación
Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera, un presebe, o neno deitado. Ao seu carón Xosé e María, os pais do pequeno vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura. Pastores que chegan: xente de mala fama, os pobres, por mor do seu traballo considerado algo indecente. Xa temos a Xesús rodeado dos seus! María asume o papel de mestra, ensinándonos a gardar todo aquilo non na cabeza, senón no corazón, que é onde mellor asentan as cousas, onde fan máis efecto. As cousas eran fermosas, alegres, invitaban ao canto e ao baile: Deus metido a tope no medio da xente coa vontade de sempre: facerse para todos e todas un humilde e valente servidor de vida.
Cando cumpren co neno o rito da circuncisión, póñenlle o nome de Xesús, que quere dicir “o que salva”, o salvador. A salvación de Xesús non foi unha cousa máxica. Foi unha salvación traballada, sufrida, entrando nos problemas da xente, nos problemas do pobo, facéndoos seus, alumeándoos coa súa fonda solidariedade, radicada en Deus. Xesús farase así o gran servidor da paz no nome do Deus da paz. E así nos quere a nós, os seus seguidores, homes e mulleres de paz nun mundo sempre amigo de estar enredados en liortas e guerras.

Oración

Para empezar o ano
que nos non falte a fe
na túa presenza sólida ao noso lado, Señor,
que por algo es o Enmanuel,
o Deus connosco en todo momento.

Para empezar o ano
que non nos falte a esperanza
de que as cousas poden cambiar,
podémolas cambiar,
porque nos fixeches vigorosos/as
e a forza do teu Espírito vai sempre connosco.

Para empezar o ano
que non nos falte o amor,
lúcido, intelixente,
humilde, servidor,
para rodear con amor responsable
a quen de amor e servizos ande necesitado.

Acción
Entre nós felicitámonos e desexámonos un ano bo. Igual é bo día o primeiro do ano para marcarnos algún obxectivo de ben moi concreto, para o ano que empeza sexa realmente bo para nós e para quen nos rodea.


Día 2 de xaneiro: xoves da 2ª semana despois do Nadal

Evanxeo: Xn 1,19-28
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—Ti quen es?
El declarou claramente:
—Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
—Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
—Non son.
—Es o profeta?
Respondeu:
—Non.
Daquela dixéronlle:
—E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?
El díxolles:
—Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.
Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

Meditación
Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?

Oración

Xesús,
tampouco eu non son merecente
nin de che desatar o amalló das túas sandalias,
pero aquí estou,
desexando acompañarte neste ano que entra.
No que poida, valla e saiba, conta comigo.

Acción
Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?

3 de xaneiro: venres da 2ª semana despois do Nadal

Evanxeo: Xn 1, 29-34
Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min". Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.
E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

Meditación
Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o "Año de Deus".
Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!

Oración

Grazas a ti, Xoán Bautista,
por ter compartido connosco
as excelencias de Xesús.
Grazas a todos os homes e mulleres
a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.
Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,
e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.

Acción
Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.


4 de xaneiro: sábado da 2ª semana despois de Nadal

Evanxeo: Xn 1, 35-42
Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir "mestre"), onde paras?
El díxolles:
—Vinde e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

Meditación
Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del  así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.

Oración

Vinde e veredes,
pasade e entrade,
sentade e acougade,
falemos como amigas e amigos,
como irmás e irmáns, se queredes,
compartamos as nosas sombras e as nosas luces,
levantemos a ollada
cara ao mundo da xente máis fráxil,
falémonos,
escoitémonos,
calemos despois
deixando que o Espírito una
tanta dor e tanto gozo,
tanta desilusión e tanta esperanza.
No teu nome, Xesús.

Acción
Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.