5 de xaneiro:
domingo 2º despois do Nadal
Evanxeo:
Xn 1,1-18
No
principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo
foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a
vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a
deu apagado.
Houbo
un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar
testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.
A
Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron
--aqueles homes e mulleres que cren no seu nome-- deulles o poder de seren
fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne,
nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a
Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán
deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que
vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da
súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por
medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus
ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
E a
Palabra de vida de Deus fíxose carne, ser humano, fíxose historia, limpamente,
rotundamente, na persoa de Xesús de Nazaré: nel resplandeceu todo o que de Deus
nos parece o mellorciño: a súa tenrura, a súa liberdade, a súa forza de
protesta, a súa mansedume, a súa total humanidade, a súa alegría, a súa paz, a
súa rebeldía, o seu perdón... Foi coma unha fervenza de graza, de verdade, de
vigor, de alegría, de festa, de esperanza, de futuro, de abundancia da que nós
podemos ir bebendo, manténdonos, sosténdonos. E Deus quérese facer carne, ser
humano, historia, en cada un, en cada unha de nós, para que a súa vida trunfe
nas nosas vidas, nas nosas relacións, nos nosos pobos e parroquias. Como
conseguilo? Ollando para Xesús. Seguindo a Xesús. Vivindo as nosas vidas, os
nosos traballos, as nosas tensións humanas, a nosa participación social, ao
estilo de Xesús. Porque “a Deus ninguén o viu”, pero Xesús, “o Unixénito que
está no seo do Pai”, que naceu e viviu entre nós, “foi quen nolo revelou”.
Cada
celebración eucarística permítenos entrar en contacto co estilo de vida, coa
morte de Xesús, coa súa resurrección. Permítenos compartir entre nós e con
Xesús as maneiras cristiás de sentir e de vivir a Deus nas nosas vidas;
permítenos caer na conta de que é o amor, o servizo á xente máis débil e
marxinal, o que nos permite abrirlle as portas a Deus na nosa vida, e facernos
así de verdade fillos, fillas del.
Oración
Agora que empeza o ano, meu Deus,
que nos saibamos sempre acompañados por ti,
pola túa presenza, pola túa palabra,
pola túa forza de vida, pola túa luz.
Que nos descubramos a nós mesmos/as vivindo en ti
e a ti vivindo en nós,
felices de pertencerche a ti
e de terte a ti coma herdanza nosa.
Que a túa luz ilumine as nosas vidas,
para abrilas máis ca nunca
ao pensamento e á práctica comunitaria,
descubríndonos en ti irmáns, irmás,
membros dunha mesma familia humana,
tan ampla como amplo é o mundo enteiro.
Que día a día teñamos a audacia de realizar
iso que de verdade xa somos:
fillos, fillas túas,
nacidas polo Espírito a unha nova fraternidade.
Que nos namoremos cada día máis de Xesús de Nazaré
e das súas prácticas solidarias;
pois el veu plantar entre nós a súa tenda,
para acoller nela primeiramente a xente máis débil e marxinada.
Que nos saibamos abrir á abundancia do seu don,
da súa verdade,
para construírnos como homes e mulleres de ben,
para facer un pobo, un país, un mundo máis humano,
para así ir vendo e coñecendo ao Pai/Nai,
vivindo con Xesús a dita sinxela, cotiá,
de ser simplemente irmás, irmáns.
Acción
Sería
estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a
algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a
fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de
Xesús.
6 de xaneiro:
Epifanía do Señor
Evanxeo:
Mt 2, 1-12
Xesús
naceu en Belén de Xudea nos tempos do rei Herodes. E sucedeu que uns sabios de
Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—Onde
esta o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá
no Oriente e vimos para o adorar.
Cando
o rei Herodes oíu isto, alporizouse e con el todos os habitantes de Xerusalén.
Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde
tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En
Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
"E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena
entre as vilas de Xudea,
pois de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel".
Entón Herodes,
chamou os sabios ás agachadas para saber ben cando se lles aparecera a estrela.
Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
—Ide e
informádevos canto poidades dese neno; e
unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a adoralo.
Eles,
despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E velaí, a estrela que viran saír
no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Moito se
alegraron ao veren saír de novo a estrela! E cando entraron na casa atoparon o
neno con María, súa nai. Prostráronse e adorárono; despois abriron os seus
tesouros e ofrecéronlle como regalo outro, incenso e mirra. Logo, avisados en
soños de que non volvesen por onda Herodes, regresaron á súa terra por outro
camiño.
Meditación
Debaixo
deste relato máis simbólico ca histórico hai varias personaxes que o autor nos
ofrece para que reparemos con calma neles: os magos representan a sabedoría
humana máis exquisita que vén adorar o neno; guíaos unha estrela, é dicir, unha
luz que lle nace no corazón e os empuxa cara ao portal; a sabedoría humana
recoñece en Xesús unha luz inmensa para a vida que Deus nos regala. Os magos
regálanlle do que teñen, pero son eles os regalados por Deus, por Xesús. Nós
podemos facer hoxe de magos nese Nadal vivente que podemos reconstruír.
Herodes
quere saber do neno, pero non para adoralo, para acabar con el. Herodes pode
representar o poder en todas as súas formas e cores, que normalmente non quere
saber nada dun Deus tan humanizado, tan feito carne en toda a xente pobre e
marxinada do mundo. Tamén nós podemos caer na tentación de facer de Herodes,
rexeitando a este neno Deus así presentado en pobreza que nos cuestiona.
As
autoridades relixiosas de Xerusalén sabían moi ben onde había nacer o neno,
pero non fixeron nada por adoralo. Hai unha relixiosidade que sabe de teorías,
de memoria, de rutinas, pero que non se achega de verdade ao berce do neno,
ao berce das pobrezas onde Deus se nos
amos. Tamén nós, xente relixiosa, podemos caer nesta tentación. Dicimos crer,
pero no fondo non adoramos o misterio e a chamada de Deus presentes no rostro
daquel neno e en todos os rostros de fraxilidade que abundan no noso mundo.
Oración
Adórote, Xesús, cos magos,
adórote con todos os homes e mulleres do mundo
que te recoñecen na humildade do pequeno
e nesa humildade te acollen e serven.
Adórote con agradecemento.
Adórote e poño ao teu servizo
e ao servizo de toda debilidade
todo o que son e o que teño.
Que a túa estrela me guíe
cara a todos os Beléns viventes da miña historia.
Acción
Hoxe
podo ir visitar algunha familia, algunha persoa débil, para agasallala con
algo, sabendo, que facendo iso, son eu o que realmente quedo obsequiada pola
súa fraxilidade.
7 de xaneiro:
martes da Epifanía do Señor
Evanxeo:
Mt 4, 12-17.23-25
Cando
soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise
establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para
que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra
de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea
dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que
habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
Xesús
percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do
Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e
traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente
endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as
persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis,
Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
Meditación
Durante
esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas
irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un
aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes
encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a
súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño
de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar,
promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos
feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte
de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós
somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa
marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese
traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na
nosa Terra.
Oración
Conta comigo, Xesús.
No que saiba, valla e poida, conta comigo.
Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,
para ser curada e alentada.
Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,
para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,
e todo o mundo poida coñecerte
e, se así o quere, abrirse á túa proposta.
Conta comigo, Xesús.
Acción
Estamos
empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de
seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que
poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?
8 de xaneiro:
mércores da Epifanía do Señor
Evanxeo:
Mc 6, 34-44
Unha
vez atopouse Xesús cunha grande multitude e conmoveuse, porque eran como
ovellas en pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas. Cando se fixo tarde,
achegáronselle as persoas que o acompañaban de cerca e dixéronlle:
—Isto
está despoboado e xa é ben tarde; vai ser mellor que despidas esta xente, para
que vaian aos lugares e aldeas veciñas, para que merquen algo de comer. Pero el
respondeulles:
—Dádelles
vós de comer.
Contestaron:
—¿Imos,
logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
El
preguntoulles:
—¿E
logo, canto pan tedes?
Fixeron
o reconto e dixeron:
—En
total temos cinco bolos e máis dous peixes.
El
mandounos sentar en grupos na herba. E foron sentando en grupos de cen ou
cincuenta. E colleu os cinco bolos e máis os dous peixes, ergueu a vista ao
ceo, bendiciunos, partiu os pans e déullelos ás persoas que o acompañaban de cerca,
para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre toda a xente. Comeu
todo o mundo ata se fartaren, e recolleron doce cestos de sobras de pan e dos
peixes. Entre os que comeran os pans había cinco mil homes.
Meditación
Este é
o Xesús que se nos ofrece. O que anda entre a xente. O que se conmove cando ve
as dificultades de todo tipo nas que a xente pode estar envolta. Entre esa
xente estou eu, estamos nós. O que conversa de corazón a corazón, de vida a
vida, compartindo as cousas fondas que el leva no corazón como sostén da súa
existencia. Así é tamén para nós. O que se embarca e nos embarca na busca de
solucións para as necesidades vitais que poidamos ter. O que invita á
xenerosidade, á participación, a poñer enriba da mesa común aquilo que a cada
quen lle foi dado ou cada quen foi acadando co seu esforzo. O que nos incita a
pensar en común, a solucionar en común, a compracernos en común, a festexar en
común. O que nos asegura que é así como o pouco se fai moito e aínda sobra,
porque hai multiplicacións profundas que van moito máis aló do cálculo
matemático. Así é Xesús e así é o seu Deus. Así se nos ofrece. E así, con
detalle, o poderemos ir descubrindo no recorrido deste ano que empeza.
Oración
Que nos aproveite o teu pan, Xesús.
Que nos aproveite a túa palabra.
Que nos aproveite a túa compaña.
Que nos aproveite a túa conmoción.
Que nos aproveite a xenerosidade feita vida.
Que nos aproveite a mesa común.
Que nos aproveite a vida toda en común.
Que nos aproveite a graza particular de cada persoa.
Que nos aproveite a túa proposta.
Que nos aproveite o teu espírito.
Que nos aproveites ti, Xesús!
Acción
No
mundo hai moitas necesidades, moitas fames. ¿Que estamos facendo ante iso? ¿Que
poderiamos facer como aprendices do de Xesús? Seguro que podemos dar un paso
máis seguindo o seu espírito.
9 de xaneiro: xoves
da Epifanía do Señor
Evanxeo:
Mc 6, 45-52
Despois
de calmar a fame de moitísima xente coa multiplicacións dos pans, mandoulles ás
persoas que andaban canda el que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida,
mentres el despedía a xente. E, cando rematou de se despedir, foi orar ao
monte.
Fíxose
noite e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. Vendo o
fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ao raiar o día foi
cara a eles, andando polo mar e fixo como que pasaba de largo. Eles, ao velo
andar polo mar, coidaron que era unha pantasma e empezaron a berrar. Mais el de
contado faloulles:
—Tranquilos,
que son eu, non teñades medo!
E
subiu ao bote onda eles. Amainou o vento e todos quedaron completamente
abraiados, porque non comprenderan o milagre do pan, polo cerrados que eran
para entender.
Meditación
Este
segue sendo o Xesús que se nos manifesta, o que andará canda nós os camiños da
vida, como fillo de Deus que é, como grande e humildísimo servidor que é. Ten
forza porque saca forzas dunha pregaria intensa, dun intenso achegarse ao
corazón de Deus. A oración empuxábao á acción solidaria, e a acción solidaria
remataba sempre en oración. Este é Xesús, o que se para coa xente. Que precioso
sería ver aquel despedirse de Xesús coa xente! Imaxinámolo preguntándolles o
nome, de onde eran, como era a súa familia, cales eran as súas penalidades,
ofrecéndose, ofrecéndolles o agarimo de Deus, suscitando esperanzas. A aquela
xente, a nós tamén. Así é Xesús. Enrédase coa xente, pero non esquece os que
reman na barca con medo e angustia. Alí está de novo. Tranquilos, tranquilas,
que son eu. Non quita os problemas, pero fortalece para afrontalos. Así con aquela xente. Así con todos nós, homes e
mulleres de hoxe, coas nosas particulares angustias e desesperanzas, cos nosos
particulares medos.
Oración
Aí estás ti, Xesús.
Sempre.
Sempre.
No momento oportuno,
cando fan falla palabras de amigo,
cando necesitamos alentos e apertas.
Sempre.
Cando os medos nos envolven,
e pasamos por circunstancias dolorosas,
nas que a barca da vida se nos funde.
Aí estas ti, Xesús.
Non é un fantasma.
Sabereite descubrir?
Saberei axudar a que outra xente te descubra?
Acción
Seguro
que poderemos buscar maneiras de intimar algo máis con Xesús, para sentilo
cerca de nós nos momentos duros da vida. Lendo os evanxeos, oíndo falar del,
contactando con persoas que o sigan de corazón, orando… Seguro tamén que
poderemos buscar maneiras de estar algo máis preto da xente que estea pasando
por horas escuras na vida. Igual é aí onde mellor podemos bater con Xesús,
intimar con el.
10 de xaneiro:
venres da Epifanía do Señor
Evanxeo:
Lc 4, 14-22a
Pasou
que Xesús volveu a Galilea coa forza do Espírito e a súa sona estendeuse por
toda a redonda. Ensinaba nas sinagogas e todo o mundo o chufaba moito. Chegou a
Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume.
Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e
atopou unha pasaxe que dicía:
“O
Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para
proclamarlle a boa nova á xente empobrecida, para lle anunciar a liberación á
xente encarcerada, para lles dar a vista ás persoas cegas e liberdade ás asoballadas e proclamar o ano de
graza do Señor.”
Pechou
o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga quedou
mirando fixamente para el. E empezou a lles dicir:
—Hoxe
cúmprese diante de vós a Escritura que acabades de escoitar.
E toda
a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca.
Meditación
Hoxe é
o evanxelista Lucas o que nos presente o seu Xesús co proxecto que ten para os
homes e mulleres do seu tempo, para os homes e mulleres de hoxe, para nós. Este
é o Xesús de quen hai poucos días celebramos con gozo o nacemento. E non era
para menos. Anuncia un ano de graza de parte de Deus, e el mesmo está
comprometido con ese ano de graza. Demostrarao realizando na súa vida o
programa que o Espírito lle suxire: levar cambio e esperanza á xente
empobrecida das mil maneiras das que unha persoa pode ser pobre. E aí estamos
nós tamén. Estamos como persoas empobrecidas, por moi satisfeitas que andemos
pola vida. Estamos como persoas invitadas por Xesús a sumarnos a ese seu
proxecto de vida, de superación, de liberdade, de festa en Deus. ¿Quedamos
tamén coa ollada, co corazón fixo en Xesús? ¿Agradecemos con admiración que as
cousas sexan así, que o noso Deus sexa así connosco?
Oración
Grazas, Xesús
pola fonte de vida e de liberdade que hai en ti,
e que deita abundante para todas nós.
Grazas, Xesús,
por achegarte hoxe a min,
á miña comunidade, a todo o pobo
para ofrecernos o que es e o que tes.
Grazas pola ollada de xustiza liberadora
coa que es capaz de ollarnos.
Grazas porque todo isto, tan marabilloso,
tamén se cumpre en nós hoxe.
Grazas.
Acción
Podiamos
ver en que cousas nos sentimos persoas pobres, encadeadas, cegas, asoballadas,
e tratar con Xesús de como superar iso. Podiamos pensar en como nos podemos
implicar con Xesús en procesos de mellora para persoas, grupos sociais e pobos
que están empobrecidos. Para que así se cumpra en nós a Escritura de Xesús.
11 de xaneiro:
sábado da Epifanía do Señor
Evanxeo:
Lc 5, 12-16
Unha
vez, estando Xesús nun pobo, presentouse un home todo cuberto de lepra; ao ver
a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
—Señor,
se ti queres, pódesme limpar.
El
estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Quero,
queda limpo.
E de
contado desapareceu a lepra. Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén,
e engadiu:
—Vai,
preséntate ao sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés,
para que lles sirva de testemuño.
A sona
de Xesús espallábase cada vez máis, e era moita a xente que se xuntaba para
escoitalo e para que lles curase as súas doenzas. Mais el retirábase aos
lugares arredados para orar.
Meditación
No
evanxeo de hoxe Lucas conta un caso concreto no que Xesús se mostra levando a
Boa Nova a unha persoa especialmente empobrecida, como o era daquela un
leproso: enfermo, con enormes dores, so, abandonado, arredado da xente por medo
ao contaxio, arredado tamén de Deus por ser impuro. O leproso é unha realidade
e ao tempo un símbolo de moitas persoas feridas no corpo e no espírito,
desasistidas, desarraigadas da vida social, que moitas veces se senten tamén
desarraigadas do mesmo Deus. Xesús rompe esa trama malvada. Aposta en cada
persoa –en min, en nós tamén—por unha vida sa, integrada a fondo, e pon o seu
ser á nosa disposición; toca, saltándose os costumes relixiosos da época,
porque ama, porque quere transmitir vida, porque entende que a xente é máis
importante que as normas relixiosas. Un soño, diremos. Si, un soño, pero se
algo é propio de Deus é soñar e transmitir soños, e darnos vigor para os ir
realizando a diario na propia persoa, nas persoas do noso redor que máis
precisen mellorar. ¿Creo neste Xesús apaixonado por min, por cada persoa
ferida?
Oración
Alí, Xesús, alí,
alí onde o meu desexo coincide co teu,
alí onde a miña miseria cadra coa túa esplendidez,
alí onde a miña pregaria se xunta coa túa disposición,
buscando os dous o mesmo:
tenrura e coidados,
xustiza, recoñecemento, integración, paz.
Alí quero estar eu, Xesús,
para experimentar o moito que me queres,
para compartir con outras persoas
a proba da esplendidez recibida,
e que o teu ben se espalle
como se espallaba a túa sona de home humanitario
no nome do Deus da vida.
Tócame.
Tócame, di tamén a xente refuxiada.
Acción
Seguro
que non nos costa moito atopar ao noso redor persoas actuais con trazos
semellantes ao leproso do tempo de Xesús. Seguro que poderemos achegarnos a
esas persoas, comprender, abrazar, curar algo, integrar…
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.