15 xaneiro, 2020

Tempo Ordinario: 2ª semana





19 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 1, 29-34
Nunha ocasión, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—¡Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min.” Eu non o coñecía mais para iso vin eu bautizar con auga: para amosalo a Israel.
E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”. E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.


Meditación
As primeiras comunidades cristiás deron en chamar a Xesús “Año de Deus”, porque vían nel a realización histórica  daquel personaxe do cuarto canto do Servo do profeta Isaías (Is 52,15 – 53, 12), do que se afirmaba: “Foi oprimido, foi aflixido, pero el non abriu a súa boca. Foi levado coma año ao matadoiro e, coma ovella que vai ser rapada, permaneceu muda, non abriu a súa boca” (v. 8). Claro que despois iso foise interpretando dunha maneira inxusta, coma se Deus quixese que, para ser compensado polos pecados da xente, o seu Fillo tivese que morrer sacrificado na cruz. Xesús foi, é Año de Deus porque, coma o año, suxire tenrura, proximidade; porque transmite debilidade, indefensión, coma as persoas máis débiles coas que el se identifica sempre; porque non foi violento, máis ben un pacifista activo; porque por amor deu a cara en servizo da xente máis pisada e marxinada por quen fose; porque foi firme e resistente ata a morte, sen ceder no seu empeño, na súa paixón por Deus, na súa paixón pola xente, e así abriu unha fonte de solidariedade que nunca seca, e na que todo ser humano que o queira pode matar a súa sede de amor e de servizo. Ademais, se recordamos esas coñecidas palabras do Papa Francisco que di que os curas e bispos (e tamén os laicos/as, claro) teñen que ulir a ovella (sinal de que alternan, conviven, comparten co pobo humilde e pobre), Xesús non só uliu a ovella, senón que foi año, ovella, pois foi, viviu en todo coma un pobre discutido, marxinado, ata a morte. É así o Xesús do que falamos, en quen cremos, a quen seguimos na nosa comunidade cristiá?
Pero que significa iso de bautizar ou ser bautizado no Espírito Santo, e non en auga, como facía Xoán Bautista? Bautizarse en auga é un esforzo humano, Bautizarse en Espírito é un don de Deus. Claro que o esforzo humano prepara o don de Deus. Bautizarse en auga responde a un rito executado con control pola xente; bautizarse no Espírito é expoñerse ao Vento de Deus que non sabes nin de onde vén, nin a onde vai e te leva. Bautizarse en auga limpa por fóra; bautizarse no Espírito penetra ata o máis fondo da nosa identidade persoal, para transformala ao nivel fondo e limpo de Deus. Bautizarse en Espírito significa afogarse na propia debilidade; bautizarse no Espírito é experimentar na debilidade o poderío do amor, o poderío da cruz. Bautizarse en auga é converterse en repetidores/as rutineiras do de sempre, do vello; bautizarse no Espírito é apostar pola creatividade, polo novo, pola atención ao momento presente, por captar e obedecer as voces que hoxe Deus está facendo oír no medio de nós para que non durmamos na pereza, na apatía, na desgana. No seu día todos, todas nós fomos bautizados; o noso bautizo vai connosco todos os días da nosa vida; facémolo vivo ou morto, segundo decidamos; facémolo de auga ou de Espírito, segundo decidamos tamén. Que estamos facendo da nosa condición cristiá? Que estamos facendo das nosas comunidades cristiás? Non nos está invitando o Papa Francisco a cousas dun bautismo no Espírito?
En cada Eucaristía comungamos co “Año de Deus que quita o pecado do mundo”, e que pode revitalizar a nosa condición cristiá, para facernos tamén xente que vive, loita, traballa, ama, festexa, coida, serve, morre no Espírito.

Oración

Grazas, meu Deus, polo teu fillo Xesús de Nazaré,
humilde e inocente coma un año,
que anovaba co Espírito todo canto vivía.

Grazas por todos os homes e mulleres
que se deixan coller e levar polo Espírito,
ata converterse en sinais de esperanza,
en garantía de mellora para o noso mundo.

Grazas por cada un, cada unha de nós,
cando nos deixamos recrear polo Espírito,
e atendemos os seus berros, murmurios ou acenos,
que nos chaman a nacer de novo nos ventos solidarios.

Grazas por todas as persoas creadoras
de todos os tempos,
que romperon as rutinas do pensamento e das prácticas,
soñando algo mellor para o corpo e para o espírito humano.

Grazas por toda a xente cristiá
que se está deixando levar
pola chamada á renovación
que nos fai o Papa Francisco,
e cre na forza da cambio,
na alegría do Evanxeo.

Grazas por toda a xente soñadora,
que, vendo as pobrezas que hai no mundo,
pensan, móvense, actúan,
para que a alegría volva a todos os fogares.

Grazas, meu Deus, pola xente fiel, persistente,
que coa súa fidelidade posibilita
proxectos de paz e de solidariedade.

Acción
Durante esta semana na Igrexa facemos un esforzo especial por progresar na unión con outras Igrexas cristiás distinta da Católica. Se podemos, é ben que participemos nalgún dos actos que se organizan con tal fin. A vontade de unión e de entendemento, aínda con xente doutras relixións ou con xente non crente, é ben que sexa algo que nos distinga a quen nos dicimos persoas seguidoras de Xesús.


20 de xaneiro: luns da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 18-22
Un día no que os discípulos de Xoán e máis os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
Como é que mentres os discípulos de Xoán e máis os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
Xesús contestoulles:
—Pero, logo, poden os compañeiros do noivo xaxuar mentes o noivo está con eles? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. Xa virá o día no que lles leven o esposo e daquela si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes, a viño novo, pelellos novos.

Meditación
Para Xesús o importante non era cumprir con normas relixiosas tales coma as do xaxún; para el o primeiro, o máis importante, aquilo polo que de verdade había que preguntarse, era se de verdade temos consideración, agarimo, servizo coa xente que nos rodea, maiormente se é xente envolta en calquera debilidade. Para Xesús, aí é onde se xoga o fundamental dunha persoa relixiosa. Porque tal como nos relacionamos coa xente, así, no fondo, nos relacionamos con Deus.
As primeiras comunidades cristiás deseguida tiveron claro que o de Xesús era coma un pano novo que non se podía aplicar a un vestido vello, ou coma un viño novo que non era ben vertelo en pelellos vellos. Cando de todo isto non nos estará pasando a nós tamén? Canto nas nosas vidas cristiás, nas vidas das nosas comunidades cristiás non se fixo xa un vestido vello, un pelello vello, que non aguantan a novidade de Xesús? Cantas rutinas baleiras ocupan o lugar do fundamental na vida das nosas parroquias?

Oración

Achégome a ti, Xesús,
para aprender a coñecerme,
para poder ver canta rutina hai na miña vida relixiosa.
Porque, se cadra,
doulle importancia ao que non a ten,
e réstolla ao que verdadeiramente a ten.
para poñer no centro de todo o coidado da xente,
no nome de Deus,
e así poder avanzar polos teus camiños novos.
Achégome a ti, Xesús,
ben sabes ti que facer comigo.

Acción
Repasa as túas prácticas relixiosas. Mira se hai algunha que esteas cumprindo por rutina. Mira se teñen algo que ver ou non con iso de coidar de veras a xente e a nós mesmos no nome de Deus. E limpa a túa vida de cousas sen xeito.


21 de xaneiro: martes da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 23-28
Un sábado cadrou que pasaron Xesús e os seus discípulos por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. Entón dixéronlle os fariseos:
—Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer en sábado?
El respondeulles:
—Seica non sabedes o que fixo David, cando el e máis os seus acompañantes se viron apurados e con fame? No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido --pan que só podían comer os sacerdotes-- e repartiu incluso cos seus compañeiros.
E concluíu:
—O sábado fíxose para o servizo do ser humano, e non o ser humano para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

Meditación
Non entenden os fariseos que os discípulos collan unhas espiguiñas de ao pé do camiño e as debullen para matar un nada a fame; para eles era quebrantar o mandamento que prohibía traballar en sábado. Noutros tempos tamén na nosa Igrexa había normas algo semellantes. Hoxe xa non corremos tanto ese perigo. A práctica relixiosa déixase de lado sen pega ningunha na maioría dos casos.
Por iso para nós o reto é outro: como recuperar unhas boas prácticas relixiosas, esas que humanizan de verdade, esas que están ao servizo da dignidade e da pacificación das persoas, esas que nos axudan a vivir en comunidade, que nos fan xente atenta ás persoas débiles e fracasadas, esas que nos axudan a recoñecer os erros sen fundirnos, esas que nos animan a loitar contra quen quere facer das persoas uns monecos ao mandado do consumo, esas que nos axudan a non rendernos coma paifocos ante unha cultura do fácil, do rápido, do gustoso.

Oración

E ti, Xesús, segues estando aí,
aprendéndonos a criticar a relixión,
cando tamén nos escraviza;
e aprendéndonos a apegarnos de corazón
ao Deus da vida,
que mira pola nosa vida
como pai ou nai amorosa e solícita.
Eu quero andar canda ti, Xesús,
en fidelidade fonda,
en liberdade fonda.
Cólleme da man
e fagamos xunt@s ese camiño.
Contigo ao carón todo saíra ben.
Seguro.
Grazas.

Acción
Pensa de novo nas túas prácticas relixiosas. Repara hoxe naquelas que máis che axudan a medrar como individuo e como persoa comunitaria. Mira como as poderías mellorar, para que de verdade se cumpra en ti iso de que o sábado está ao servizo das persoas e non ao revés.


22 de xaneiro: mércores da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 1-6
Volveu entrar Xesús na sinagoga e alí atopou un home que tiña a man tolleita. Toda a xente estaba observando a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Entón díxolle Xesús ao home da man tolleita:
—Érguete e ponte no medio.
E preguntoulle a eles:
—Que está permitido no sábado: facer o ben ou facer o mal, salvar a vida ou  deixar morrer?
Eles calaron. Xesús, botándolles unha ollada chea de carraxe e tristura debido á dureza do seu corazón, díxolle ao enfermo:
—Estende a túa man.
El estendeuna, e a man curou. E xa ao saíren da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabar con Xesús.

Meditación
Estamos outra vez ante un caso no que os fariseos, xente moi relixiosa do tempo de Xesús, ven máis importante cumprir certas normas relixiosas (non traballar en sábado, o seu día santo) ca valerlle a unha persoa. Xesús rebelouse contra este tipo de historias; non lle collía na cabeza que unha persoa relixiosa puidese pensar así, por iso di o evanxeo que lles botou unha ollada chea de carraxe ou rabia e tristura. Dáballe mágoa que alguén puidese entender e vivir dese xeito a fe en Deus. A verdadeira fe sempre pon por riba de todo o ben da xente. A fe sempre debe estar ao servizo da vida na xente. Que podemos aprender disto?
Xesús non disimula o seu cabreo e tristura, ao contrario, maniféstao publicamente. Xesús era polémico pola honra de Deus e polo ben da xente fráxil. E aqueles fariseos, no canto de recapacitar, recoñecer os erros e cambiar, o que fan é confabularse con outros para acabar con Xesús. Tamén isto é ben penoso; alguén alumeaba as súas escuridades, pero eles non queren abrirse á luz. Que podemos aprender tamén disto?

Oración

Ti, Xesús,
quéresme librar dos perigos da relixión
abríndome os ollos e o corazón
para poñer o ben da xente por riba de todo.
Grazas, Xesús.
Ti, Xesús,
apréndesme a cabrearme
e a manifestar o meu cabreo
cando a relixión lle faga trampas a Deus
e á xente máis débil.
Grazas, Xesús.
Ti, Xesús,
chámasme ao  recoñecemento dos meus erros
cando alguén me chama a atención
no nome de Deus,
no nome da xente máis necesitada
a quen Deus defende por riba de todo.
Grazas, Xesús.

Acción
Pénsao. Que cres que poderiamos facer e non estamos facendo as persoas crentes polo ben da xente máis débil e necesitada que hai ao noso redor? Cres que poderías facer algo, en por ti so ou uníndote a outras persoas? Faino.


23 de xaneiro: xoves da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 7-12
Un día foi Xesús cos seus discípulos para a ribeira do mar, e seguiuno moitísima xente chegada de Galilea e de Xudea. Ao oíren as cousas que facía, acudía a el unha morea de xente de Xerusalén, de Idumea, da outra banda do Xordán e máis da comarca de Tiro e Sión. El encargoulles aos seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña para que a xente non se lle botase enriba, porque curara a tantas persoas enfermas que todo o mundo o quería tocar para quedar así curadas das súas doenzas. Mesmo os malos espíritos se prostraban ante el cando o vían, e berraban:
—Ti es o Fillo de Deus.
Pero Xesús reprendíaos severamente para que non o descubrisen.

Meditación
As cousas vanlle ben a Xesús. A xente anda a moreas ao redor del; el ten un aquel especial para curar, animar, alentar, motivar a aqueles homes e mulleres que andaban derreadas pola vida, arrastrando tantas veces un corpo ferido e un espírito apoucado. Que é o que estaba pasando? Era o Espírito bo de Deus que se facía presente  naquel veciño aldeán? Como vivía Xesús todo aquilo? Parece como se Xesús tivese as súas reservas con tanto éxito. Vivir sensatamente nos éxitos é tan difícil como vivir os fracasos. E estes habían chegar.
A vida das nosas comunidades parroquiais non pasa, en xeral, polos mellores momentos. Entre nós son agora multitudes as que parece que non queren saber nada da fe, da Igrexa, e se van arredando dela. Por que pasa isto? Non ollemos para fóra, miremos para a propia casa. Andamos no medio da xente, en contacto coas súas penas e alegrías, como se ve que andaba Xesús, deixándose afectar por elas? Ofrecemos limpamente o aire curador, liberador, que ofrecía Xesús?

Oración

Veño onda ti, Xesús,
coas miñas doenzas nas mans,
coas doenzas tamén de moitos homes e mulleres
que ti coñeces moi ben.
Veño esperando contaxiarme de ti,
algo polo menos;
contaxiarme da túa curación, do teu alento;
e, se pode ser,
contaxiarme tamén un pouquiño
da túa marabillosa capacidade
de recuperar corpos e ánimos
para a saúde, para a esperanza.
Se puidera ser, Xesús!
Canto me gustaría!

Acción
Se estás pasando por unha enfermidade corporal ou por un mal momento de ánimos; se na túa comunidade cristiá as cousas non van ben; se na túa asociación, sindicato ou partido político as cousas se torcen, preséntalle todo iso a Deus na túa oración, e compárteo tamén con algunha persoa que te poida alentar. Tamén podes visitar algunha persoa enferma para confortala algo.


24 de xaneiro: venres da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 13-19
Unha vez subiu Xesús ao monte, chamou a quen el quixo e xuntáronse con el. Logo nomeou doce para que o acompañasen e para envialos a predicar con poder de botar os demos fóra.
Estes foron os doce que nomeou Xesús: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; Santiago, o fillo de Zebedeu e máis seu irmán Xoán, aos que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir "fillos do trono"; André e Filipe, Bartolomeu e Mateu, Tomé e Santiago, o fillo de Alfeu, Tadeu e Simón o Zelota, e Xudas Iscariote, o traidor.

Meditación
A xente do pobo dos tempos de Xesús estábao pasando moi mal, e a vida relixiosa, tal como a levaban, pouco lles valía. Hoxe, sen ser nin moito menos os que peor o pasamos no mundo, tamén nós temos problemas, no campo dun xeito moi particular: pouca xente, xente maior, aldeas despoboadas, parroquias que se quedan sen cura e sen vida parroquial tanto nos camiños e nas terras, como nas mesmas igrexas. Que facer? Que podemos facer na comunidade cristiá da que formamos parte? Que nos ofrecería Xesús se estivese hoxe aquí connosco?
Xesús non era daqueles que se laian sen facer nada. Diríanos: xuntádevos, precisamente porque sodes pouc@s e vell@s, coidádevos, mimádevos, alentádevos, non digades nada, non fagades nada que roube a paz e os ánimos, apuntádevos a todo o que sexa común, gustade o bo que é vivir en irmandade, xuntádevos nunha cociña, nun camiño, no adro da igrexa, na mesma igrexa, contádevos as cousas entre vós, contádelle as vosas vidas a Deus con confianza, escoitade tamén o que el vos diga. E eu estou no medio de vós, dinos Xesús. Para iso todas, todos valedes, dinos Xesús: a Visita, o Maxín, o Santiago, a Carme, o Manolo, a Delia, ...

Oración

Que te sintamos vivo no medio de nós, Xesús,
chamándonos polo nome para facer pobo,
espelindo en nós a esperanza
e converténdoa en cousas de unión ao teu redor.

Acción
Seguramente na túa parroquia ou pobo estanse levando a cabo cousas de unión, relacionadas ou non coa vida relixiosa. Apúntate. A parroquia necesita de ti para seguir sendo unha parroquia viva.


25 de xaneiro: sábado da 2ª semana do Tempo Ordinario, festa da conversión de S. Paulo

Evanxeo: Mc 16, 15-18
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Ide polo mundo enteiro anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. As persoas que crean irán acompañadas destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

Meditación
Paulo cambiou na noite para a mañá, pasou de ser un perseguidor das persoas que se dicían cristiás e converterse nun namorado de Xesús e a falar del en todo momento e lugar. Todo isto cóntase no libro dos Feitos dos Apóstolos cunha linguaxe algo milagreira, pero o certo é que Paulo vese iluminado, cae na conta do significado da persoa de Xesús, dedica un tempo a contrastar e madurar a súa experiencia, e logo dedica a súa vida a espallar o nome de Xesús. Algo marabilloso, pero dentro da normalidade de calquera vida humana. Por iso tamén nós podemos aspirar a esa iluminación que o Espírito facilita gratuitamente.
Os sinais das persoas crentes das que fala o Evanxeo poden entenderse así: loitarán contra todo o que destrúa e rebaixe a xente; o seu falar é un falar que sabe a novo, a alternativo, a soños creativos; son ousados, non se encollen ante as dificultades máis bravas; teñen capacidade para pasar por horas escuras sen fundirse; teñen vida, forza, e capacidade de transmitila a quen dela carecen.

Oración

Grazas por Paulo, meu Deus,
grazas por todas as persoas honestas;
grazas pola xente que actúa conforme ás súas conviccións;
grazas polas persoas abertas ao Espírito,
e capaces, polo tanto, de renunciar ao que crían sagrado;
grazas pola xente que cambia,
de coherencia en coherencia;    
Grazas polo teu Espírito, meu Deus,
capaz de facer en nós cousas marabillosas.

Acción
Paulo estaba obcecado, cego, coa súa maneira de entender a Deus. Logo cambiou. Non estarás tamén ti obcecado, cego, nalgunha cousa relixiosa ou non relixiosa? Non te estarás resistindo á luz do Espírito, que é sempre vivo, creativo, innovador?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.